OUTROS

Despois do 21-O: sen potencial político

Máis alá dos resultados convertibles en escanos, e de
revalidar Feijóo a presidencia do Goberno malia non terlle dado o seu apoio o
72 por cento dos cidadáns con dereito a voto, ou talvez por iso, o 21-O deparou
outros nodos de gran significación política. Calquera análise do sucedido nese
domingo outonizo que non supere o ideoloxismo simplón de columnistas e
tertulianos de cámara e culler, deses que sobreabundan na Villa y Corte
adscritos ao batallón mediático da España única, terá escaso percorrido.
Sérvelles para contraprogramar as crónicas da deconstrución social, nas que
Rajoy e o seu goberno secundan os sádicos mandatos da troika,
manipulando con indisimulado cinismo a interpretación dos resultados: os
galegos están polo labor e, sadomasoquistas eles, lexitiman a quen lles dá gato
-sufrimento, pobreza, paro- por lebre -o ceo dun Deus neoliberal.

No dossier postelectoral que ocupa unha boa parte deste
número de TN, os expertos na análise política e electoral contradín con
rigorosa argumentación semellante interpretación partidista. Con aludir aos
200.000 votos que o PP perdeu en Galicia entre as xerais de hai oito meses e as
autonómicas de agora, xa sería suficiente para poñer ao descuberto esa falsa
envoltura. Pero se, ademais, recorremos ao sucedido ese mesmo domingo en
Euskadi, cun PP máis residual ca nunca, o ruído co que mendazmente
instrumentalizan a maioría absoluta de Galicia queda moito máis en evidencia.
Os analistas que asinan os artigos do dossier explican as contradicións sobre
as que hai que entender as eleccións do 21-O. De facelo unicamente en termos de
éxito -o da dereita única que encabeza Feijóo- e fracaso -o da esquerda
plural-, non pasaría de dar unha foto fixa deste tempo político, tan convulso e
por iso tan difícil de captar coa técnica do fotomatón.

Ir máis alá das cuantificacións e das secuencias que marcan
tendencias a dereita e esquerda, e tamén máis alá do que unha contenda
electoral que a dereita política e mediática soubo presentar eficazmente á
maneira dun wéstern entre bos -os campións na xestión do déficit e da
gobernanza- e malos -os manirrotos dun bipartito que podería recuncar no
desgoberno-, é sobre o que merece a pena editorializar agora. Tempo teremos de
seguirlle o rastro ao novo goberno, que ten como misión imposible cadrar
contrarios: unha realidade decaída, con tódolos indicadores económicos polo
chan e cunha cuarta parte do país baixo o limiar da pobreza, e as políticas de
austeridade das que Feijóo sente orgullo, malia terse traducido nunha alarmante
multiplicación de parados e nunha progresiva deconstrución do Estado de
Benestar. Eiquí e na España de Rajoy. Velaí a razón da folga xeral convocada
polos sindicatos de varios países europeos para o vindeiro día 14, que o 62 por
cento da poboación española ve xustificada.

Do que apenas se fala é da altísima significación política
do voto abstencionista e do voto en branco. Preto de novecentos mil. Son a
tradución galega da distancia que as sondaxes do CIS reflictan desde hai media
ducia de anos entre os políticos e os cidadáns aos que aqueles representan. Se
os políticos son o terceiro problema de envergadura, en parangón cos da
economía e o paro, é porque unha gran maioría de cidadáns xa non ven na
política o principio activo que máis eficazmente pode dobregar os cabalos da
crise. Desbocados, e sen que os gobernos demostren ter capacidade ningunha para
sometelos a unha férrea corentena, son quen de poñer en risco dereitos e
liberdades, derivando nunha progresiva e cada vez máis xeneralizada desafección
cívica que acaba por modificar, con consecuencias de todo tipo, tamén
electorais, as emocións políticas máis básicas.

Empezando polo trastorno e o medo de grandes maiorías -a
inmensa clase media, entre elas- a que chegue un momento no que non poidan
dispoñer dos medios de subsistencia necesarios. Sen que o Estado, e os
representantes políticos que actúan no seu nome, tan desprestixiados, eviten
que esas maiorías sociais caian na desesperanza ao experimentar en carne propia
a que conducen as políticas de austeridade ditadas e ordenadas á marxe de
calquera fundamento ético. E seguindo pola certeza de que a crise, e as
políticas que todo o sacrifican -crecemento, cohesión social, estabilidade
política, democracia- ao cumprimento do dogma neoliberal que substancia
reencarnación do capitalismo, non afecta aos substratos máis privilexiados,
precisamente os que a causaron, co conseguinte sentimento de inxustiza e
marxinalización que todo iso produce nelas.

Non resultará pois estraño que esas inmensas
minorías/maiorías -unha terceira parte de cantos e cantas teñen dereito a voto
entre os que residen en Galicia- boicoteen as urnas e, canda outros factores
-un sistema electoral tolleito, moi afastado do principio de que cada cidadán
debera ter a mesma capacidade de decisión na gobernanza do país, a muleta da
lei D’Hondt, as miserias orgánico/intestinais dos partidos da oposición, as
mentiras de Feijóo mil veces repetidas a través dos medios de comunicación que
o arrouparon-, eleven á condición de gobernantes, e de Goberno, a quen
unicamente dispón do apoio dun 28 por cento dos galegos e galegas con dereito a
voto.

Sen que poñamos en dúbida a súa lexitimidade, que a ten,
hai que dicir que as urnas non forzaron o potencial político que Galicia
precisaría nesta hora de sobresaltos. Para reactivar nos abstencionistas e
excépticos o valor e a utilidade da política, que o tándem Rajoy/Feijóo non fai
senón desacreditar sometendo a acción de goberno aos ditados dos mercados,
malia que ata o FMI os censure no seu World Econonic Outlook por
seguiren aliñados coas ineficaces políticas de austeridade. Para renovar as
formas de participación nas decisións públicas que afectan ao ben común, tan
deterioradas e con serio perigo de verse aínda máis perseguidas pola xendarmería
conservadora, que optan polo pau antes que pola cenoria. Para revalidar o
autogoberno, que non vai máis alá para Feijóo que o de entendelo como unha
xestoría, deixando que a estratexia recentralizadora das dereitas, políticas e
mediáticas, o penetren ata a medula. Para participar con voz propia no debate
sobre a inevitable reforma do modelo de Estado, forzada polo mar picado social
de Catalunya, en aberto desafío contra a decisión que levara ao Constitucional
a lacrar, manu militari, un Estatut finalista coa encomenda de prohibir
calquera empuxe que enmarcara o dereito a decidir. E os resultados electorais
de Euskadi non son senón outro desafío, agora sen violencia, que desborda
amplamente o Estatuto de Gernika.

Pero nada é irreversible.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011