OUTROS

Sen proxecto político, co país ao pairo

Se Rajoy, en contra do que xa é habitual,
tivese pensado aceptar preguntas dos xornalistas que pouco antes lle escoitaran
dicir en honor a Feijóo que Galicia capeou a crise mellor ca ninguén, nunca se
tería atrevido a unha tan avultada e cínica deformación da realidade. Atendendo
ás variables fundamentais de crecemento económico, xeración de emprego e
equilibrio de contas públicas, esa mesma Galicia está entre as comunidades con
peores datos. É posible que voase alto -outro piropo do pontevedrés-, pero á
custa de traizoar o carácter institucional que lle inferiu a investidura
presidencial. Sobrevoou o país, e todo canto contribuiría á súa progresiva
deterioración, converténdose no predicador por excelencia do PP contra
Zapatero, desovando anticorpos nos bebedoiros da dereita mediática madrileña, e
liderando na Conferencia de Presidentes o escuadrón que tiña como misión
destruír tódalas pontes institucionais para, en palabras do agora ministro
Montoro, deixar que caese España cos socialistas para, en chegando eles ao
poder pola vía rápida, volvela levantar.

Como queira que España está despois
destes primeiros nove meses de poder conservador a punto de caramelo para un
rescate total, e cun Goberno na Moncloa que, á maneira teresiana de expresar a
súa inconsistencia terreal, vive sen vivir en si, de costas a todo o que non
sexa o dogma no que se encarna o deus neoliberal que, como sucede co misterio
por excelencia da teoloxía católica, é un e trino á vez, é o propio Feijóo quen
recoñece o seu fracaso e o do seu partido poñendo en precampaña terra de por
medio entre el e Rajoy. Por máis que lle garantisen ao impoñerlle o adianto
electoral que aguantarían ata o 21-O o tirón da troika comunitaria que urxe a
petición formal da millonada para asegurar a nosa condición política de
súbditos, e a nosa especial condición de clientes a beneficio da banca alemá
-que non deu nunca puntada sen fío desde antes de que rebentara, coas
consecuencias consabidas, a burbulla inmobiliaria, e con ela o espolio social-,
non vai poder sacudirse ese sanbenito.

A
Feijóo estaloulle nas mans o sistema financeiro galego. Froito dun pacto -o
único ao que chegaron Zapatero e Rajoy, curiosamente- entre o goberno
socialista e o PP, as caixas víronse na tesitura de bancarizarse. E o que de
primeiras parecía a mellor opción para salvalas da riada que se aveciñaba, a
fusión entre a do norte e a do sur, acabou sendo froita madura para unha máis
fácil deglutición por parte do Banco de España, e do FROB. Todo o demais, con
Feijóo oficiando de bruxo no cásting, do que Gayoso e uns cantos máis saíron
bendicidos e blindados por unha lei ad hoc, e tamén na dramatización posterior,
con fotos que ben puideran ter carácter testemuñal e de proba na autodefensa
que os escollidos daquela se aprestan a presentar no proceso xudicial que se
segue contra eles por abuso de poder e por apropiarse irregularmente de
indemnizacións multimillonarias, queda no seu haber. Co agravante de teren
tamén no seu debe o que está a ser un dos máis espiñentos asuntos con fortes
ecos na rúa e nos medios: as chamadas preferentes, con milleiros de familias
abocadas a non recuperar nunca, ou só parcialmente, os aforros que un día
depositaron nas entidades financeiras -en Galicia, nas dúas caixas- baixo
engano e manifesta inmoralidade pública.

Aínda hoxe é o día en que nada se sabe da
auditoría que, para avalar a fusión, pagara a Xunta, seguramente para non ter
que asumir a súa responsabilidade -compartida coa dos gobernos anteriores, con
Fraga e con Touriño en Raxoi- por non atallar a tempo o modelo personalista de
dirección e xestión ao que estiveron sometidas as caixas do norte e do sur, e
con elas as súas respectivas obras sociais. Todo levou a que, en tomando a
decisión bancarizadora os dous grandes partidos españois, e xestionándoa
política e socialmente o goberno de Feijóo con moi pouco tino institucional, o
sistema financeiro galego estea agora en almoeda. Esperando tamén a que pase o
21-O para seguramente executar nel a capacidade que lle veñen de dar ao BCE, e
ao FROB, para cortar polo san, siga ou non dando Castellanos bos sinais a
respecto de non se sabe ben que investidores privados. A estas alturas, se
queremos que siga tendo un papel fundamental para o futuro económico de
Galicia, a única alternativa pasa por convertela definitivamente nunha banca
pública. Unha alternativa que non está, por certo, no programa de Feijóo,
sabedor do destino que lle teñen marcado para despois das eleccións Rajoy e De
Guindos.

Coa que está caendo, e polo dito ata
aquí, tentar que o 21-O non se converta nun plebiscito sobre as políticas dun
desacreditado Rajoy non lle vai resultar fácil a un Feijóo que se empregou a
fondo defendéndoas, contradicíndose tamén en exemplarizar agora o que antes das
eleccións, só porque tiña como propulsor a Zapatero, era malsán, por inxusto e
ineficaz. Que non quede do programa electoral do PP nada en pé a prol dos
compromisos e promesas sociais que el mesmo pregoou por Galicia adiante, non
pasa de ser para el algo habitual, amparando ese seu desprezo polos seus
propios votantes, aos que enganaron a sabendas, na cantilena de botar balóns
fóra cargando sobre os demais -aínda segue dándolle ao manubrio radicando en
Zapatero e no bipartito- tódolos males do sistema.

 

O contravirado do contrato Feij009

 

Q ue non quede do seu famoso contrato
electoral cos galegos e galegas outra cousa que fume, tampouco lle vai
facilitar que a cidadanía siga vendo nel o superaxente Feij009 que chegaba con
fama de xestor e con promesas de rexeneración democrática, e reaparece case
catro anos despois sen outro aval que non sexa o de terse sometido ao dogma
neoliberal do momento -o control do déficit, custe o que custe-. Tódolos
sectores produtivos, entre eles o das eólicas, milleiros de pemes, o mapa de
servizos públicos, a sanidade, a educación, a cultura e a investigación, a
universidade, todas ao pairo, saben perfectamente ata que punto, sen que o
endebedamento ao que recorreu Feijóo -dobrando a cifra que deixara o bipartito-
contribuíse a achicar as consecuencias: a destrución acelerada de emprego, a
multiplicación de parados, a emigración da nosa mocidade, a escandalosa
porcentaxe dun 21 por cento da sociedade en perigo de exclusión social, entre
outras.

O presidencialismo que cultivou concentra
nel tódolos focos para axuizar o negro balance da súa herdanza de gobernante.
Velaí a translación simbólica que facemos -con argumentos de peso que numerosos
expertos achegan no Dossier de TN- entre a vella imaxe do emperador nu e a do
gobernante espido. De corpo -velaí a prostración material do país ás portas
duns novos comicios- e de alma. Todo aquilo que lle dá consistencia a un
proxecto político de altura que, á parte de posuír tódolos anticorpos
necesarios para sobrevivir crises como as actuais sen perder a dignidade e a
ambición como pobo, reafirme no seu diferencial a capacidade de reforzar o seu
autogoberno, e todo canto o singulariza no contexto dun Estado plural que, máis
ca nunca desde a Transición, amosa costuras a punto de rebentar. Para o que é
preciso poñer en valor a capacidade de decidir, aquí e agora, sobre ese
proxecto político, social, económico e cultural de país -o que comporta, de
entrada, unha reactualización do Estatuto á que se viñeron negando Feijóo e o
PP-, e tamén para revalorizar os procesos democráticos en tódalas instancias de
representación e en cada unha das administracións.

Algo diso estaba no citado contrato do
Feij009. Con tan boas palabras como estas: “A nosa non é unha política de
divisións nin enfrontamentos, de vinganzas ou axustes de contas históricas. A
nosa é unha política de agregación, suma de valores, traballo, capacidade e
enerxía humanas (…) Non haberá parálise nin división, non se freará ningún
proxecto que poida ser de beneficio xeral (…) Non seguiremos ningunha liña
directiva ideolóxica que prexulgue a análise obxectiva, reflexiva e consecuente
dos problemas (…) Superar o partidismo e o clientelismo como couzas dos
cimentos da nosa vida democrática (…) Entenderemos e escoitaremos a oposición
e darémoslle o recoñecemento debido nos medios de comunicación públicos, que
han de dar exemplo de obxectividade e verdadeiro servizo ao pobo galego”.

No Dossier que converte en case
monográfico este número de TN poderán constatar os lectores o contravirado dese
famoso contrato. Pura solfa. Que Feijóo leve ao programa a súa anunciada
reforma da lei electoral, co único obxectivo de blindar territorialmente o
poder do seu partido, e sen importarlle que o Parlamento se acomode máis do que
xa está a intereses bastardos, pon en cuestión calquera reedición contractual
que volva sacar da manga. Por máis que os medios de comunicación aos que lles
segue dando de comer queiran tapar as súas vergoñas, a realidade é a que é.

A ela terán que recorrer as esquerdas,
que van ter difícil afinar sen contradicións que desvirtúen o discurso político
de base no que converxan unhas e outras, dando sinais claros de teren a vontade
de gobernar sobre un proxecto de país que teña no crecemento económico, na
reconquista e fortaleza do Estado de Benestar, na democratización e na ética da
vida pública, así como na reafirmación e consistencia do autogoberno, os seus
puntos nodais. Para que fagan crible unha alternativa que ata o de agora
tampouco souberon visualizar.

Luís Álvarez Pousa

Vila de Rei, Trasmiras (1948). Profesor de Xornalismo na USC e doutor en Historia. Ocupou cargos de responsabilidade como xornalista no Grupo Voz durante 23 anos, foi fundador da revista Teima e de Tempos Novos, que dirixe na actualidade. Director Xeral de Cultura no primeiro goberno galego.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011