OUTROS

Feijóo e Dorado: sombra de pecado

As fotos que demostran unha
sorprendente e vella relación de amizade entre Núñez Feijóo e Marcial Dorado,
un dos capos do contrabando de tabaco e do narcotráfico na Illa de Arousa,
poñen o presidente da Xunta contra as cordas. Que daten de mediados dos anos 90
e non existan indicios de terse traducido esa relación en concesións ilícitas
por parte de quen nesa altura ocupaba o segundo chanzo de mando na Consellería
de Sanidade, non lles resta significación política. Nin moral. Porque,
efectivamente, un goberno non debe
fotografarse en malas compañías
, doutrina que en 2009 apadriñou o propio
Feijóo mentres o seu actual vicepresidente, Alfonso Rueda, manipulaba a diario
a foto que acreditaba a relación de amizade que Anxo Quintana e o empresario
Jacinto Rey mantiñan antes de que o primeiro deles accedese á vicepresidencia
do bipartito. Se o das fotos en iate cun delincuente son unha infamia -é como o líder conservador
cualificou con afán vitimista a publicación desas instantáneas dezaoito anos
despois-, como hai que cualificar que en vésperas electorais puxese o seu
partido en circulación, tamén con varios anos de atraso, aqueloutra foto en
iate do político nacionalista na compaña dun respectado empresario da construción?
O listón ético sobre boas e malas compañías foi daquela cousa súa. Non se pode
estrañar, pois, de que agora llo apliquen a el sen miramentos, pois que tanto a
travesía de ocio pola ría como as viaxes a xeografías nevadas -¿Picos de
Europa, Andorra, talvez Suíza?- e as estadías na casona de millonario gozounas
en pésima compañía.

 

A práctica totalidade dos analistas e columnistas en
medios fortemente subvencionados polo goberno de Feijóo concentran
exclusivamente nese acto de cinismo todo o que de perverso ven nas fotos que
publicou o diario El País, e aireou a
prensa internacional. Tentando desactivar calquera iniciativa que, referendando
a idea de que o pasado non perdoa, tan interiorizada en países nos que algo así
tería de inmediato consecuencias políticas, teña por obxectivo conseguir a súa
dimisión, obvian o que a noso ver debera pesar máis no xuízo de valor, político
e moral a un tempo, que é obrigado facer situando o argumentario no contexto
social e político daqueles accidentados e violentados anos 90. Xusto cando,
como o tenente fiscal antidroga Javier Zaragoza denunciou con inusitada dureza
nos últimos días do xuízo pola Operación Nécora (21 de marzo de 1994), en Galicia xa existe o xermolo da
criminalidade mafiosa
.  Ratificándoo
un ano despois, no xuízo do que José Luís Charlín saíu condenado con 35 anos de
cárcere por terlle intervido no seu día mil quilos de cocaína: A do Rand non é ocasional, senón unha máis
dun sen número de operacións de tráfico de drogas a gran escala nas que case
sempre aparecen as mesmas filiacións
.

 

A de Marcial Dorado, entre elas. Nunha reportaxe, os
enviados especiais de La Vanguardia a
Basilea (Suiza) aseguran que o grupo de Dorado, que aparecera por vez primeira
nun sumario xudicial, o 11/84, ligado exclusivamente á importación ilegal de
tabaco rubio por valor de 102.000 millóns de pesetas, estaba xa daquela (1989)
no punto de mira das policías suíza e francesa especializadas na persecución do
narcotráfico. O fío de conexión era o suízo Michael Haenggi, encargado de branquear
o diñeiro que o capo enviaba a Suíza, aos que detectara a DEA norteamericana -o
departamento contra o narcotráfico- movéndose en Miami na compaña de
norteamericanos sospeitosos de traficar con estupefacientes. Que un ano máis
tarde entrase na redada da Operación
Nécora
, todo un bombazo policial e xudicial que tivo unha enorme resonancia
internacional, non sorprendería a ninguén. Os capos de Arousa,  deran definitivamente o salto de
contrabandistas a narcotraficantes. Dan proba diso os 5.000 quilos de cocaína e
máis de 3.000 quilos de haxix intervidos nos dous primeiros anos da década dos
90.

 

No documental televisivo Marea Branca, os realizadores Miguel Ángel González e Joaquín
Pedrido asaltan a nosa sensibilidade de espectadores con historias que poñen a
pel de galiña. A partir tamén dunha vella foto -a dun equipo de fútbol composto
por rapaces de Arousa-, os investigadores/narradores exemplarizan en cada un
deles a deterioración social en que forzosamente cae unha sociedade cada vez
máis sometida ao control económico, social e mesmo político dos capos arousáns.
Os dramas persoais e familiares enloitaron aquela vella foto, simbolizando as
mortes de cinco deles e a esquizofrenia dos demais a traxedia de toda unha
xeración perdida. Acabaron sendo os cachorros da droga, vítimas do negocio e do
consumo, polos que un día se levantaron a voz en grito as nais, nun movemento
de carraxe e denuncia que tivo a súa estrea, co nome asociativo Érguete, ás portas do xuízo pola Nécora,
na Casa de Campo madrileña.

 

Que no tempo que describimos, e máis en concreto nas
datas nas que Núñez Feijóo encadra o inicio da súa amizade con Marcial Dorado
-1995-, xa se daba o que o fiscal antidroga denominaba xermolo de criminalidade
mafiosa, confírmano tamén os primeiros axustes de contas. O da noite na que
Tucho Ferreiro, un dos moitos cachorros da droga, entrou a tiros nun pub de
Vilagarcía e nunha pizzería de Cambados, matando a Juan Agra Carro e ferindo a
Danielito Carballo, fillo doutro dos capos históricos, suicidándose despois. Ou
a da última noite que viviu Manuel Baúlo Trigo, patriarca do clan Os Caneos, o
que mataron tamén a tiros dous sicarios colombianos, por terse ido da lingua
ante o xuíz Garzón. A brea que lle deron ao arrepentido Portabales no cárcere
da Lama, crendo recoñecer entre os seus verdugos a Sito Miñanco, é outro dos
indicadores.

 

Con todo isto por diante, reflectido puntualmente e
con grandes caracteres pola prensa e a televisión, e cos sucesivos sumarios que
seguirían ao da Nécora, acabando outro deles nunha condena de catorce anos
contra Dorado, dez por narcotráfico, non é crible que un alto cargo do Goberno
galego descoñecese no seu amigo de comidas e viaxes de ocio ao que era, sen
dúbida, unha malísima compañía. Que para autoexculparse dera a palabra en rolda
de prensa de que, en sabendo en 1997 da súa catadura delituosa, acabou con esa
relación,  vinte e catro horas antes de
que o xuíz que enchironou o capo, Vázquez Taín, o desdicira asegurando que nas
picadas telefónicas realizadas entre 2001 e 2003 quedou comprobado que Feijóo e
Dorado seguían en contacto, pono máis en evidencia. Porque mente. Facéndose así
máis sospeitoso.

 

Non se deduce, cando menos ata que non se demostre o
contrario, ningún acto delituoso nesa amizade. E por iso que dimita ou non como
presidente é cousa que deben decidilo el e a súa conciencia. Porén, o líder da
dereita queda tocado por esa mala sombra, e devólveo ao Gólgota en que os
aspirantes a suceder a un desacreditado Rajoy han penar antes polos pecados do
seu pasado. O que testemuñan as fotos é político -un alto cargo en mala
compañía- e moral -insolidario coa dor das vítimas dos narcotraficantes amigos,
ás que tería que pedirlles perdón.  De
paso, alimenta a lenda urbana que durante moitos anos fixo do PPdeG e dos capos
galegos interesados compañeiros de cama.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011