Tempos Dixital | Un galego en ‘terra de viquingos’
OUTROS

Un galego en ‘terra de viquingos’

No ano 2007, Xurxo Chirro atopaba catro VHS na súa casa. As cintas almacenaban case 20 horas de metraxe de película caseira gravadas por un mariñeiro amigo do pai do director, Luís Lomba ‘O Haia’. As imaxes impresionaron tanto a Chirro que decidiu facer algo con elas. O resultado foi Vikingland. A peza, que colle o nome do ferry-boat no que viaxaban, conta as andainas dese grupo de mariñeiros ‘tan familiar’ mentres percorrían a distancia entre a illa de Sylt (Alemaña) e a localidade danesa de Rømo (Dinamarca).

O material do que se parte é dun ‘gravador afeccionado’ que nos ensina o seu mundo baixo unha mirada inocente e un uso primitivo do dispositivo. A textura da película, os movementos rápidos ca cámara, os saltos de eixe, os queimados, desenfoques, zooms, mal son, marcas de data e hora… teñen unha calidade pura e defectuosa que amosa unha ‘escritura cero’ no audiovisual, sen contaminacións, unhas gravacións postas en valor que o proxecto soubo aproveitar moi ben. Moitos detalles que en aparencia non teñen relevancia pero que abren portas a novos significados. A través das imaxes vemos como Luís, o protagonista, aprende a usar a cámara e descobre pouco a pouco o mundo da imaxe cunha única misión: ensinarlle a súa familia o entorno no que vive nun período que vai dende outubro de 1993 a marzo de 1994.

Así, o seu significado incrementou e pasou a dar a coñecer a experiencia e a vida dun grupo de mariñeiros en ‘terra de viquingos’. As imaxes foron montadas sen alterar o discorrer cronolóxico e o significado, pero si que se observa a intención de potenciar o seu senso para intensificar o trasfondo teórico e a reflexión metalingüística que agochaban. Todo isto, articulase coa re-montaxe de Xurxo Chirro, que incrusta unha estrutura narrativa dividida en once capítulos e un epílogo final. O director dálle sentido ás imaxes e un aire fresco ao discurso sobre a condición da mirada, o efecto de representación e as consecuencias do metarelato.

Vikingland está construído como diario videográfico pero tamén coma un diario de viaxes feito día a día pola cámara persoal de Luís. A actividade a bordo do transbordador Vikingland é a que guía o transcurso da historia da mesma maneira na que as aventuras de Ismael a bordo do Pequod articulaban a narración de Moby Dick. De aí que Xurxo Chirro diga que o seu filme é unha transposición da obra de Herman Melville.

Avatar of María Villamarín

Xornalista e colaboradora de Tempos Dixital e de Disquecool. @MariaVillamarin
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011