OUTROS

Reforma política e constitucional

A política e os políticos están en horas
baixas. Non teñen boa prensa entre a opinión pública. Nas sondaxes máis
solventes ocupan os últimos postos da táboa. Non sen razón. Non só pola
responsabilidade que eles mesmos puidesen contraer no xogo de poderes -sexa
desde o goberno, sexa desde a oposición. Tamén polo constrinximento
institucional e organizativo que condiciona o seu poder de representación,
poñendo baixo mínimos a calidade da democracia.

Velaí polo que se fai urxente e necesaria
unha reforma política que poña sobre seguro os valores dos que máis precisan a
democracia e a nosa convivencia. Os do pluralismo e os da liberdade, en
primeiro lugar, porque sen eles a Constitución e tódalas normativas legais son
papel mollado. Entre outras razóns, porque é como se poden poñer en exercicio
aqueles dereitos, tanto individuais como colectivos, que máis e mellor
diferencian entre un sistema democrático e un sistema autoritario. Aínda que
custe crelo, ás veces non se fai tan visible esa diferenza. Abonda con ver de
que maneira o executivo de Rajoy, e con el os deputados do PP que o aplauden e
validan, está exercendo a gobernanza fronte á crise: recorrendo aos
decretos/lei, que unicamente deberan ser utilizados para emerxencias, e non
para fuxir do debate parlamentar, como é o caso. E se iso contradí, malia ser
legal, a letra pequena da Carta Magna, xa non diremos a que nivel de
contradicións chegan ese goberno e ese partido cando, baixo escusas de mal
pagador, incumpren de principio a fin o programa co que se presentaron, con
reclamos salvíficos e promesas de felicidade incluídas, ás últimas eleccións
xerais.

Agora chega a teima conservadora de poñer
en almoeda as cámaras de representación. Diante do que a secretaria xeral do PP
e presidenta manchega, Dolores de Cospedal, vén de impoñer na súa comunidade
-que os deputados e deputadas deixen de percibir un pagamento pola súa
dedicación exclusiva á causa pública-, e diante do que o presidente galego
Núñez Feijóo está decidido a impoñer na súa -reducir o número de deputados, sen
variar as porcentaxes de representación provincial, tan escoradas desde sempre
a prol das provincias menos poboadas-, só cabe pensar que o fan por prexuízos
ideolóxicos e/ou por puros cálculos electorais. Nada que ver co aforro, unha
escusa que non se ten en pé desde o momento en que se negan alá e acó a debater
e consensuar unha proposta da oposición que mataría dous paxaros dun tiro:
asegurar o pluralismo e o equilibrio na representación territorial -velaí a
oportunidade para facer de Galicia un distrito único-, por unha banda, e
introducir ao tempo, sen menoscabo ningún para o dito anteriormente, factores
de corrección nas partidas de gasto neses parlamentos.

Todo o que racionalmente se entenda por innecesario,
sen que iso comporte limitar nin un só grao a capacidade dos elixidos para
manter activada a súa función de servizo público. Xa que logo, ao servizo do
público. Todo o contrario do que a señora Cospedal vai provocar coa súa
demagóxica medida, pois que a cámara manchega vai estar atestada de deputados
okupas, xentes adiñeiradas dispostas a compaxinar os seus negocios coa política
parlamentar, sabedores sen dúbida dos beneficios persoais que iso lles vai
supoñer. Sobre todo se, como é fácil deducir, o resto dos deputados e deputadas
non acabe dispoñendo do tempo e da dedicación que necesitarían para exercer a
vixilancia que require unha tal combinación de intereses. Feijóo non chega
tanto, pero está en liña coa redución do pluralismo e da representatividade que
derivan de ambas as dúas decisións.

Esa reforma política tería, pois, que
avanzar noutra dirección ben diferente daquela na que, en plan regresivo e
reaccionario, se quere reinstalar a dereita española -na que os populares de
Feijóo se senten, con tódalas consecuencias, gustosamente instalados. Forzando,
en primeiro lugar, unha maior independencia dos cargos electos e mesmo dos
militantes fronte ás cúpulas dos partidos. Un obxectivo ben complicado, pola
resistencia das organizacións a perder capacidade de control sobre eles. Aínda
que hai mecanismos de presión que poderían ser eficaces: por caso,
condicionando as subvencións públicas que reciban ás esixencias dunha
verdadeira democracia interna. Conseguindo, en segundo lugar, que o Parlamento e
as súas correspondentes comisións se convertan no espazo onde efectivamente se
controle a acción do goberno, non no espazo no que se amplifica esa acción. En
terceiro lugar, garantindo a independencia das institucións e poderes do Estado
que teñen entre as súas misións a de controlar os políticos. Acometendo, en
cuarto lugar, unha despolitización da administración pública, o que comporta
separar claramente as estruturas políticas e administrativas que actualmente
coexisten dentro dela.

Con outras tres propostas de reforma que
contribuirían a facilitarlle ao cidadán un control moito máis directo sobre a
actuación dos seus representantes. Implantar o máximo de transparencia na
xestión do público, de tal maneira que os contratos e gastos de cada Administración
poidan ser controlados de forma efectiva e en tempo real por calquera cidadán
ou institución. Deseñar, ademais, un sistema fiscal que deixe ben claro ante os
cidadáns quen fai que, con que recursos se paga e, xa que logo, a quen han
pedir contas. E establecer autoridades independentes que se encarguen de
vixiar, e no seu caso de penalizar, os niveis de transparencia esixidos -a lei
aprobada hai poucos meses non contempla a súa existencia- e o comportamento dos
medios de comunicación de masas, sen cuxa independencia dos poderes económicos
e políticos non poderán cumprir coa súa condición de contra-poderes, algo
fundamental para que a cidadanía teña neles o aval que necesita para ver
satisfeito o seu dereito a unha información veraz.

Tamén para todo iso -ademais do que ten
como reclamo avanzar nunha verdadeira federalización do Estado- é
imprescindible unha reforma a fondo da Constitución.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011