Xa non hai volta atrás. O proceso de desconexión de Catalunya avanza cara o 1 de outubro e o goberno de Madrid vixía por terra, mar e aire os movementos do independentismo para abortalo. Rotas todas as pontes entre a Generalitat e a Moncloa, nada pode evitar o choque de comboios. Cantos saian á rúa para darlle valor reivindicativo á Diada do vindeiro 11 de setembro, farano dispoñendo desde a víspera dunha lei de transitoriedade coa que canalizar a nova legalidade republicana no momento do desamarre, e coa convocatoria unilateral dun referéndum -“Quere que Catalunya sexa un Estado independente en forma de República?”- publicada no Diari Oficial da Generalitat. A estas alturas, é difícil predecir en que vai dar ese tour de force entre, por unha banda, quen tenta exercer o chamado dereito a decidir e quen, pola outra, tenta impedilo cunha combinación de ameazas, tribunais e forza policial. Moito menos doado é predecir a folla de ruta do día despois no probable caso de que, pese a todo, a cidadanía poidera finalmente depositar o seu voto nas urnas. Non houbo nestes últimos 40 anos ningún outro momento que revestise tanta tensión política.
(Avance do Informe publicado en TEMPOS NOVOS 244 de setembro de 2017)