COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA

As televisións autonómicas na corda frouxa

O pasado 24 de outubro o Parlamento galego deu luz verde á reforma de lei dos medios audiovisuais. O texto, apoiado polo PPdeG e o PSdeG, contou co rexeitamento do BNG ó consideralo unha ameaza para o futuro dos medios públicos. Así as cousas, populares e socialistas ven nel o contrario, a blindaxe da titularidade pública.

E mentres tanto, protestas entre os traballadores. Concentracións e manifestacións para rexeitar esta reforma, que “deixa a aberta a porta á privatización, ó despedimento de boa parte dos seus traballadores e traballadoras e que reforza o control político da información” segundo afirman dende o Comité interempresas.

E é que a situación dos medios públicos é complicada. Dende hai uns anos as políticas neoliberais e desregularizadoras veñen marcando os pasos a seguir, desvalorizando o carácter de servizo público que lles foi atribuído e mesmo chegando a cuestionalo.

A isto engádenselle os problemas económicos. O modelo de financiamento das canles autonómicas é un sistema mixto, conformado polas achegas da publicidade e as subvencións nunha proporción de 40-60% respectivamente. Malia todo, a práctica totalidade das canles autonómicas incorren en custes que superan os ingresos que obteñen polas vías anteriormente citadas, co cal van acumulando unha débeda que alivian cando poden. Segundo un informe elaborado por Deloitte para Uteca  -“Análisis comparativo de la televisión regional en Europa”-, as perdas das televisións públicas no conxunto do estado español no ano 2010 ascendían a 536 millóns de euros, mentres que as subvencións para o conxunto das mesmas superou no mesmo ano os 2000 millóns de euros sumando as achegas dos gobernos autonómicos.

Cifras que a simple vista parecen desorbitantes pero que non o son tanto se pensamos que a TVG nos sae a cada fogar en 105 euros anuais netos, mentres que pola española pagamos 68. Aínda así, os gobernos decidiron reducir as achegas, pois en tempos de incertidume como os actuais, as televisións públicas autonómicas – endebedadas e tachadas de instrumentos do poder-, sitúanse como a diana dos recortes orzamentarios.

Chove sobre mollado 

Coa vitoria do Partido Popular e a aparente situación de insustentabilidade económica das televisión autonómicas, ábrese a porta a un cambio no modelo de xestión destas canles. Intención que ratificou Mariano Rajoy no seu discurso de investidura, “con carácter inmediato, traeremos a esta Cámara a reforma legal necesaria para permitir novos modelos de xestión”.

Ata o momento non era posible privatizar as autonómicas xa que a Lei da Terceira Canle blindaba a titularidade pública, pero o vicesecretario xeral de comunicación do PP, Esteban González Pons,  xa anunciou que a porta está aberta a unha posible -e probable- modificación da Lei da Terceira Canle “para que se poidan privatizar en todo ou en parte as autonómicas”.

Porén, o concepto da privatización é  moi amplo, pois “dende o momento en que se externalizan actividades dunha canle pública estase privatizando parte do seu contido”, afirma Enrique Laucirica, o secretario xeral de FORTA. Malia todo, Laucirica incide en que unha mudanza da titularidade é unha posiblidade moi remota, pois estas cadeas naceron unidas a unha función de servizo público pola que o Estado ten o deber de velar.

A alternativa que propón o PP ó sistema actual sería unha canle que funcionase con desconexións territoriais, a imitación dos modelos alemán ou inglés, onde existe un único operador que permite un máximo dunha canle por rexión, as cales son sintonizables no conxunto do territorio. A principal crítica a este sistema é que en España as canles autonómicas naceron ligadas á existencia de territorios cunha cultura e unha lingua propias, polo que un sistema coma o europeo debilitaría os xa de por si minorizados sistemas culturais periféricos. Por outra banda, a posible futura supresión da publicidade para as canles públicas autonómicas anunciada tamén por González Pons, sumada á posibilidade de que a Unión Europea poña fin ó modelo de financiamento actual, situaríanos na antesala da temida privatización.

Así as cousas, é posible que Galicia se quede sen televisión pública propia?

A profesora de Políticas da Comunicación da USC, Antía Mª López, cre que sería moi custoso para o erario público. Se nalgún caso a Xunta decide desprenderse da CRTVG faría falla facer atractivo o produto, e “agora mesmo atópase nunha situación complicada dende o punto de vista laboral, económico e tamén dende o punto de vista da programación”. É por iso que ve insostible a hipótese da privatización ó considerar que os inversores non o ven como un pastel apetitoso.

Quen si considera probable esa privatización é o Comité Interempresas da CRTVG, dende o que afirman que a reforma da lei dos medios audiovisuais dá entrada á participación do capital privado na prestación de funcións propias da CRTVG, incluíndo as de servizo público, o cal obraría en detrimento do conxunto da sociedade. En palabras da profesora Antía María López, isto significaría “a perda dunha conquista social” e prexudicaría tamén ós máis de mil traballadores do ente autonómico.

Os dereitos dos xornalistas

A lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia vai traer consecuencias “negativas” din dende a CIG, para todo o persoal, composto na actualidade por 1097 persoas. Por unha banda, Santiago Alvite , secretario da CIG-CRTVG, sinala que a reforma da lei facilita a externalización, polo que “boa parte da produción pode quedar en mans privadas. A lei asegura o carácter público da CRTVG, mais non da xestión da programación da canle pública”.

Unha externalización da produción conlevaría minimizar plantillas e moitas veces o paso das traballadoras e traballadores á precariedade laboral imperante en gran parte das produtoras independentes. Así o ve Dardo Gómez, o secretario xeral da Federación de Sindicatos de Periodistas, que vai máis aló, e advirte de que “hai un risco democrático se se externalizan servizos informativos”. Neste punto incide tamén o Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, que considera que a externalización pode ser boa sempre que non entre en colisión co dereito dos cidadáns a recibir información veraz, nin implique “subvencionar a ineficiencia”.

Dende Galicia e para Galicia

Pereiro asegura, que “certa externalización é boa e conveniente para turrar do noso audiovisual”. Moitas produtoras subsisten grazas ós proxectos contratados coa TVG. O profesor Xaime Fandiño afirmaba nunha reportaxe da revista Tempos Novos, que “a televisión pública debe favorecer o nacemento e asentamento dun tecido empresarial especializado no sector audiovisual” en base á función social que desempeñan estas obras, ó transferiren elementos culturais dos pobos que as producen, neste caso o galego, e contribuíren así ó reforzamento da nosa identidade. Esta última é unha das principais funcións dos medios públicos, e máis nas autonomías con lingua propia, como é a galega. Foi por iso que unha das primeiras emisións daquela recén creada TVG foi “Mamasunción”, unha curtametraxe de Chano Piñeiro que fixo da emigración un lazo co que tensar a unión do pobo galego.

O traballo a prol da lingua e a vertebración de Galicia como comunidade son os principais retos ós que se enfrontou a CRTVG neste cuarto de século. Como afirma o secretario xeral de FORTA, Enrique Laucirica, unha televisión debe ser rentable en termos culturais e sociais, “establecer lazos de comunidade que sen dúbida a televisión de Galicia leva moito tempo cultivando”.

A profesora Antía María López centra o tiro: “a rendibildade entendida como concepto económico non é aplicable ós servizos públicos”. Non se lle pode pedir a un hospital que sexa rendible, pero si eficiente. Podemos esixir que cumpla a función que lle foi encomendada. “A televisión de Galicia non debe levarnos á ruína, pero dende logo non foi concebida para dar beneficios económicos”. Iso si, ten que dar beneficios en termos culturais.

Agora toca decidir que queremos: un servizo público ou unha empresa? Queremos información ou entretemento? Ser tratados como audiencias ou como cidadáns? Queremos cultura ou espectáculo? Mención á parte merecería a adhesión da TVG á súa finalidade, o seu papel como ágora para a formación dunha cidadanía máis culta, máis sabia e máis activa politica e socialmente.  Os seus acertos e erros deixarémolos para vindeiras reportaxes.

Unha reportaxe de Karina Rivero, Patricia Lamas e Patricia Fernández para Tempos Dixital

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011