COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA

Das redes sociais como taberna global

Miguel Vázquez Freire

Dous sucesos de moi diferente índole prenderon lume nas redes sociais provocando un debate que, por outra banda, non é novo: debe restrinxirse a liberdade de expresión nas redes? E, ao fío deste interrogante xeral, estoutros complementarios: precísase unha adaptación das leis aos novos usos comunicativos ou abonda con aplicar as preexistentes, concibidas para os medios tradicionais?, chega con promover o uso responsable entre os usuarios das redes sociais ou pode estar xustificado algún tipo de de censura ou castigo penal para o mal uso?

Os feitos son xa ben coñecidos. O 12 de maio morría, tiroteada en plena rúa, Isabel Carrasco, presidenta da Deputación de León e da organización provincial do PP. Sete días despois, o Real Madrid de baloncesto perdía fronte ao Maccabi de Tel Aviv a final da copa de Europa. Despois destes sucesos, decenas de mensaxes (que replicados na rede acadaron a cifra de centos, posiblemente miles) circularon, sobre todo en twiter, con contidos insultantes, altamente agresivos e, no segundo caso, xenófobos e antisemitas, que non paga a pena reproducir. Tras deles chegaron as reaccións: no primeiro caso, as dos políticos afíns á vítima do crime, en xeral secundados polos dos outros grupos representados no arco parlamentario, reclamando castigos exemplares, reclamación que cedo atopou eco no propio goberno, con declaracións do ministro de Interior prometendo estudar medidas; no segundo, as das organizacións xudías españolas, que presentaron formalmente diante do poder xudicial unha demanda.

Como ten acontecido en ocasións análogas, as voces de protesta pola detención de tres tuiteiros acusados de apoloxía da violencia en relación co primeiro caso, en xeral permaneceron en silencio respecto do segundo, o que pon en evidencia un dos factores de
confusión característico nestes debates: a reivindicación dun dereito, xunto á paralela reclamación de límites ao exercicio do mesmo, adoita oscilar en función da orientación ideolóxica. Os excesos dos energúmenos badueiros son perdoables se son “os nosos energúmenos”, punibles se son os energúmenos “dos outros” (as ameazas de morte e outras agresións verbais contra políticos da esquerda, comúns nas web de ultradereita, ata o de agora adoitaban pasar desapercibidas). A sabia recomendación do tolerante Spinoza, castiguemos os feitos, deixemos liberdade ás ideas, esixe unha universalización que raramente se aplica.

A rede e a liberdade de expresión

Mais admitamos que os tempos teñen mudado moito desde o afastado século XVII en que o filósofo de Amsterdam escribiu o Tratado Teolóxico Político. Xustifica iso unha modificación do seu principio de tolerancia ideolóxica? Cabe pensar que o fluxo de
comunicacións en rede precisa dun control da liberdade de expresión que era innecesario na era da imprenta? Sen dúbida. A web é un medio –en realidade, un medio de medios- que modifica radicalmente o potencial de difusión dos contidos.

Xustamente ese potencial ten sido evocado para loar o carácter esencialmente democrático de Internet. Así, Pierre Lévy (Cibercultura. La cultura de la sociedad digital, 2007) ten imaxinado unha “democracia dixital” onde a cidadanía procedería a unha elaboración colectiva e continua dos problemas, nunha relación horizontal permanente que conduciría a unha resolución cooperativa dos mesmos, superando o control xerárquico e a verticalidade da actual democracia representativa. Un ideal que, naturalmente, non pide máis senón menos control, non censuras nin castigos, senón ben ao contrario, promoción da libre expresión de ideas e opinións.

Pero é certo que a cibercultura de que fala Lévy está a permitir a emerxencia dunha “intelixencia colectiva”, resultado da suma de voces e saberes (da que a Wikipedia sería o máis logrado modelo)? Quizais a metáfora que mellor representa a circulación de mensaxes na rede sexa non tanto a de enciclopedia universal (despois de todo, non sendo en accesibilidade, Internet non ten feito unha mellora sensible respecto das enciclopedias precedentes), canto á de conversa interminable. A través da rede, e mediante os múltiples sistemas de acceso que as tecnoloxías fan proliferar, os individuos falan e falan sen cesar. Conversas que xa non están construídas só con palabras, senón que incorporan tamén, sen apenas solución de continuidade, imaxes e sons. Velaquí un cambio esencial.

Agora ben, como acontece na vida ordinaria, a maioría das conversas non versan sobre resolución de graves problemas de carácter científico ou filosófico. Nin sequera ético ou político. A maioría das conversas son, ben o sabemos, sobre insignificancias. E, cando
nas conversas ordinarias aparecen os grandes temas, nas máis delas son tratados non precisamente con rigor, senón rebaixados ao mesmo rango de tratamento das insignificancias. Ou, o que é peor, son integrados en fórmulas emocionais de simple adhesión ou rexeite, que a miúdo, como entre os bébedos de taberna, derivan no insulto e ameaza ou o aplauso e defensa a morte. E, igual que acontece na taberna, as voces dos que insultan e ameazan son as que máis se alzan e se escoitan, afogando as dos que tentan pedir reflexión e argumentos. Pero paga a pena dar argumentos diante dun berreador de taberna?

Sen dúbida, Internet ofrece moitas canles de difusión de mensaxes que favorecen os ideais cooperativos dos defensores da democracia dixital. Por desgraza non son eses os que adoitan ser os máis visitados. Tampouco os que promoven coa súa participación os políticos que agora se escandalizan. Seguramente twiter, cos seus limitados 140 caracteres, é o modelo máis acabado da democracia dixital real que se está a impoñer. É doado decatarse de que esa limitación non só non favorece, senón que mesmo impide, o troco de discursos argumentados. En twiter só poden trocarse slogans enxeñosos, chistes graciosos… ou insultos.

Twiter permite perigosas derivas

En realidade, a través de twiter Internet está a reforzar unha tendencia que os analistas políticos xa viñan detectando (e denunciando, no caso dos observadores críticos) desde a irrupción da televisión: a confusión, primeiro, entre programas políticos e simple propaganda, e logo entre propaganda e publicidade. A democracia reducida, cada vez máis, a disputa entre “marcas” que se venden ao electorado, seguindo para iso os mesmos procedementos de persuasión que a publicidade utiliza para venderlles aos consumidores marcas de roupa, de refrescos ou de deterxentes.

Os estudos de medios veñen proporcionando datos de como as novas xeracións aceptan o espazo virtual da rede como o seu espazo “natural” de socialización e de construción da identidade. Hoxe os adolescentes (e xa non tan adolescentes) fabrican e coidan a súa propia imaxe, organizan as súas relacións de afinidades, definen os seus grupos tanto de identificación como de rexeitamento (porque na adolescencia –e non só!– a identidade grupal confórmase tanto cara aos “meus” coma contra os “outros”, os “alleos”). Son rapaces e rapazas que confesan competir por conseguir un maior número de “amizades” e de “gústame” para a súa páxina de Facebook, que saltan de contento cando comproban que un hastag que crearon ou que simplemente fixeron circular acaba sendo trending topic.

Ben, os adolescentes en todo tempo dispuxeron de variados ritos de iniciación para se incorporaren ao mundo adulto e, se cadra, este das redes sociais non é necesariamente o peor. O realmente preocupante é, na miña opinión, comprobar como eses rituais non son abrazados só polos adolescentes, senón que conquistan cada vez espazos etarios máis amplos. Algúns sociólogos veñen falando da “xuvenilización” da sociedade contemporánea, e eu atreveríame a dicir que estes fenómenos ofrecen un síntoma máis desa perigosa deriva.

O político que abre a súa conta de twiter está implicitamente aceptando entrar nesta conversa, entre adolescente e tabernaria, en que alguén aplaudirá un día a súa frase máis ou menos feliz (seguramente un slogan suxerido polos asesores de comunicación do seu partido) e outro reprobaralle a metida de pata (probablemente unha reacción espontánea capaz de desvelar ideas que a “corrección política” impón preservar: ai, cantas peticións de desculpas por tantas expresións machistas, por exemplo, que na taberna mesmo farían graza!). Ese político debería aceptar que nese xogo de conversa cotiá aparezan tamén os badueiros que abusan da palabra grosa e da descualificación sumaria. O que non debería esperar é que esa canle chegase a servir para construír diálogos baseados en discursos argumentados e rigorosos.

Non debería sorprender tampouco que sexan os políticos novos quen, aínda reprobando a democracia do slogan, finalmente demostren a maior habilidade no uso dos novos medios. Rastrexando os trending topic das datas inmediatamente anteriores ás
eleccións europeas, obsérvase como os hastag #podemos e #pabloiglesias se empolicaban ata os primeiros lugares.

Lamentablemente, o único político dos partidos hexemónicos que aparece no pasado mes de maio en lugares comparables é a asasinada Isabel Carrasco nos días 12 e 13, dando lugar aos tuits que ao inicio deste artigo comentabamos. Pero non é habitualmente a política quen se disputa os lugares de preferencia, senón os comentarios sobre os competidores do programa Supervivientes, as últimas excentricidades dun tal Vaquerizo ou hastag de nomes tan evocadores como #ClasesDeBolleras ou #pollito 4.0. Eses son, non por azar, os contidos hexemónicos hoxe nas redes sociais.

Non sei se algunha vez algún seareiro foi chamar á policía para que detivesen un badulaque que, na calor dunha conversa ben regada de abundante viño ou cervexa, se lle quentou a boca e comezou a faltarlle á familia do alcalde ou a ameazalo de morte. Nos vellos tempos da ditadura máis dunha vez a garda civil recibiu esa encomenda. En democracia ben fariamos en coidar de que o diálogo político dispuxese de vieiros favorables ao intercambio de ideas e argumentos.

Se, pola contra, os políticos se empeñan en renunciar ou desprezar eses vieiros, e abrazan os que só permiten berros tabernarios…, daquela que non se escandalicen se logo escoitan insultos e agresións. Que outra cousa cabe agardar de conversas de taberna?

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011