COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA

Carballo convoca unha nova edición do seu Premio a artigos xornalísticos para a posta en valor do galego

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décimo segunda edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, coa que colabora TEMPOS NOVOS e TEMPOS DIXITAL, un certame que ten por obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.

Calquera persoa que queira e teña algo que dicir con respecto á lingua pode presentarse a este certame. Para iso debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 14 de abril de 2016. Nese artigo pode falar sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores coa iniciativa.

En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás ou Luz Cures. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.

As bases completas poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo (www.carballo.gal). Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico nelvidal@carballo.gal.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011