COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA

En contra da transparencia nas axudas a medios de comunicación

«O Partido Popular votou en contra da transparencia nas axudas aos medios de comunicación» afirma a Asociación de Medios en Galego, tras a decisión adoptada esta mañá polo Pleno do Parlamento Galego de non tomar en consideración a proposición de Lei de Publicidade Institucional, presentada pola entidade. Nove veces nos últimos seis anos prometeu o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo «a inmediata presentación da Lei de Publicidade Institucional» sen que en ningunha das ocasións cumprira a súa promesa. Esta mañá os populares rexeitaron a posibilidade de debater o asunto na Cámara autonómica.

«Vostede non ten vergonza» espetoulle a deputada do BNG Montse Prado á representante do Partido Popular Paula Prado, despois de que ésta afirmara que «ainda estamos no ecuador da lexislatura».  A parlamentaria popular indicou que a Lei presentada esta mañá «non vale nin para enmendar» e afirmou que se trata dunha mera copia da lei estatal (29/2005 de 29 de decembro) para máis adiante sinalar que outros artigos eran iguais que o proxecto de lei presentado no seu día polo goberno bipartito.

«O PP predica moito de transparencia pero logo ven aquí e se opón a debater as axudas a medios de comunicación» salientou a deputada nacionalista, para logo concluir que «vostedes non queren regular este tema porque están cómodos na opacidade». O BNG presentou a proposición de lei, atendendo ao texto que a Asociación de Medios en Galego lle fixo chegar á totalidade dos grupos parlamentarios.

Xavier Ron (AGE) tamén respaldou a toma en consideración do texto, cifrando en «10 millóns de euros anuais» os cartos que a Xunta de Galicia destina aos medios de comunicación. «Hai que regular este tema para romper e vencer o uso partidista dos recursos públicos, algo que roza a prevaricación» salientou Ron.

Beatriz Sestayo (PSdeG PSOE) apoiou igualmente a iniciativa suliñando que a «política mordaza do PP, nega a moitos sectores sociais o acceso aos medios públicos». «O goberno popular susténtase na mentira e a democracia está secuestrada» manifestou a parlamentaria ferrolana.

A deputada de Cerna Consuelo Martínez sumouse á toma en consideración da Lei, acusando á Xunta de Galicia de «permitir e incluso provocar o peche de medios de comunicación en galego».

 

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011