Tempos Dixital | Entrevista: Armand Mattelart
COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA

Entrevista: Armand Mattelart

Armand Mattelart

Catedrático de Ciencias da Información e Comunicación da Universidade de París VIII

As tecnoloxías, unha fonte de novas formas de tensión e dominación

(Extracto da entrevista publicada no número 248, de xaneiro de 2018, na revista TEMPOS NOVOS)

Texto e foto  Luís Villamor

Armand Mattelart (1936) está convencido de que hoxe en día a tecnoloxía vai moito máis rápido que os cidadáns que buscan coñecer o que ocorre. Nos anos setenta deu a badalada con Para ler ao pato Donald, onde desenmascara o imperialismo do personaxe de Disney. En rigor, canda o seu colega Dorfman, estudou a visión imperialista da industria cultural fronte aos países subdesenvolvidos. En Santiago de Compostela, onde vén de recibir a medalla de ouro da USC, o teórico belga da comunicación denuncia que cada vez quedan menos espazos onde confrontar ideas. E, respecto das novas tecnoloxías, advirte que, sendo ás veces elementos que favorecen actuacións solidarias, hai nelas “novas formas de tensión e dominación”.

 

Vostede escribiu, con Ariel Dorfman, nos anos setenta, «Para ler o pato Donald», que consideraron entón un manual de descolonización. Que vixencia ten? Tense sofisticado hoxe o colonialismo?

Si, digamos que é distinto. Ten vías distintas de penetración, por exemplo, con Trump. Pero está adoptando formas preexistentes. E por iso pode dicirse finalmente que o pato Donald –fundamentalmente EUA– representa ben o que pensa Trump, na súa concepción do que é a relación entre países céntricos e países e grupos da periferia.

Pero, ao mellor, neste caso concreto, o pato Donald, mesmo quedou algo curto…

Si, si. Pode ser. O meu colega Dorfman, que se afincou en EUA, di publicamente que a situación é comparable. Eu non diría que finalmente o que puidemos descrubrir ao analizar entón o Pato é igual ao que acontece hoxe en EUA, pero podo entender que para algunhas persoas poidan asemellarse as dúas situacións, as dúas representacións. Eu son máis prudente.

Vostede pasou unha etapa da súa vida en Chile. Papeis da CIA desclasificados revelaron recentemente a complicidade do diario El Mercurio no golpe de Estado contra Allende. Hai quen cre que hoxe en día estes golpes dános directamente os medios. Acredita niso?

Si. Non se precisa necesariamente o exército para dar golpes de Estado. Os medios traballan moito a nivel da opinión pública, é evidente.

Hai situacións ou países en Europa que responden a estes golpes mediáticos incruentos?

Si, pero sobre todo nos países que formaban parte do campo chamado socialista. En Polonia cada vez está máis claro. O de Hungría é un pouco anterior, pero o de Polonia é clarísimo.

Dicíase antes que a información tíñaa a CIA e o resto, o que facían os xornalistas, era crónica ambiente. En que medida mudou isto coas filtracións de Wikileaks, Assange, Snowden…?

Si. Agora os cidadáns tamén temos a información. E se o tomamos na súa literalidade, cada un de nós ten poder, xa que a partir da participación nas redes sociais pode entrar nelas e emitir rumores ou xuízos que finalmente poden desbaratar iniciativas, ou representacións do que é a sociedade, do statu quo. É un problema serio, pero non quixera caer no catastrofismo, pois creo que tamén nas redes sociais hai xente que toma conciencia desta nova realidade. O problema vén do feito de que se creu dende o principio que chegaba Internet para ter unha ferramenta de democratización, e isto é totalmente falso. Toda tecnoloxía implica unha apropiación para tomar os datos positivos e rexeitar os outros. Porque o problema das tecnoloxías é que, sendo verdade que serven de motor para lanzar alarmas de solidariedade e todo iso –por exemplo, cando hai temporal–, ao mesmo tempo son unha fonte de novas formas de tensión e dominación.

Nos seus traballos e conferencias aparece a denuncia do ‘presentismo’ nos medios… Cal é o mellor antídoto?

Creo que hai que volver á historia. O problema é que, en xeral, todo o que os medios basculan cara ao exterior constitúe a negación dunha reflexión. A única solución para saír desa situación é unha inmersión da xente que, digamos, ten gardada unha conciencia crítica, en todos os lugares onde haxa posibilidade de debate e educación. E, ollo!, que o problema da educación é fundamental tanto dende a institución educativa como dende todos os lugares onde hai opción de contradición e confrontación ao redor de visións do mundo. O problema é que agora hai cada vez menos lugares para poder confrontar concepcións distintas.

Os medios clásicos en España están moi subvencionados e moitos non serían viables sen ese balón de osíxeno que lle dan a política e a banca… Algunha reflexión?

Si, pero coidado, que os medios de comunicación, a pesar de que teñen nacido outros, cada vez conseguen máis construír opinión. E isto é fundamental.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011