ACTIVISMO E SOCIEDADE - COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA - CULTURA - ECONOMÍA - GLOBAL - POLÍTICA

Dos tempos interesantes

Hai unha maldición chinesa que di “ogallá vivas tempos interesantes”.  Os tempos interesantes son aqueles de cambios profundos, non sempre agradables. Porén os tempos faltos de interese son tranquilos e estables. Os nosos son tempos interesantes, e moito. Por iso quixemos facer unha lista cos dez acontecementos que nós consideramos máis relevantes ao longo deste 2011, no que semella que caeu de cheo o famoso proverbio oriental.

POLÍTICA E SOCIEDADE

1.      De cando as prazas foron núcleos de revolución

Como non podía ser doutro xeito o número un da lista é para a Primavera Árabe e o 15-M co seu contaxio a máis lugares de occidente. O espírito revolucionario foi invadindo a cartografía do mundo. Se nun mapamundi se colocaran chinchetas vermellas alá onde unha praza estaba chea de ideais o planeta azul cambiaría de cor.

A Revolución dos Xasmíns en Túnez comezou o 17 de decembro do 2010 cando Mohamed Bouazizi se queimou ao bonzo fronte ao concello de Sidi Bouzid. A Revolución derrocou a Ben Alí. Tras Túnez foron Siria, Libia, Iemen, ,Exipto… Esta foi a primeira oleada de protestas laica e democrática do século XXI no mundo árabe e atendeu a factores estruturais e demográficos ós que se sumaron reximenes corruptos e autoritario e as duras condicións de vida da poboación.

As reivindicacións que comezaron na Porta do Sol e se foron espallando por España tiveron un tinte pacífico e uns principios que ían dende unha democracia máis participativa a rematar co bipartidismo PP-PSOE. As bases sentábanse no pacifismo, a comunicación horizontal e o apartidismo. O particular do movemento dos indignados foi a súa rápida e inxente difusión nas redes sociais. Baixo os hashtags #spanishrevolution, #democraciarealya, #nonosvamos, #15M… as proclamas foron estendéndose chegaron a outros lugares de Europa e mesmo cruzaron a poza. Occupy Wall Street foi o eco que o 15M tivo nos EEUU. A masa non estaba desideoloxizada, como moitos dicían

2.      O intre crucial: o fin de ETA

O número dous da nosa lista produciuse un 20 de outubro. Ese foi o día. Tras máis de dous anos sen mortos nin atentados a banda terrorista ETA, que en xaneiro decretara o cese da violencia dun xeito “xeral, permanente e verificable” difundiu un comunicado no que renunciaba á “loita armada”. A banda suma 829 mortos e miles de feridos e escribiu unha das páxinas negras da historia de España.

A aparición na escena política de Amaiur e o éxito que obtiveron tanto nas municipais como nas xerais mudou diametralmente o panorama no País Vasco. Semella que a aposta pola acumulación de forzas soberanistas e de esquerdas a favor dun troco político e social en Euskal Herria ten un enorme fututo, e serán os autores do trazado do camiño á independencia.

3.      A fin dun ¿mito?

O terceiro posto ocúpao o asasinato de alguén que trouxo de cabeza a EEUU durante unha década: Osama Bin Laden. A principios de maio coñecemos a noticia de que o peor pesadelo americano morrera a mans das forzas especiais de elite estadounidenses Navy Seals.

A rotunda afirmación do presidente dos Estados Unidos, Barack Obama foi “é un gran día para América, o mundo é máis seguro e mellor a causa da morte de Bin Laden”. Pouco despois, durante a intervención Libia e en aras desa presunta e dubidosa seguridade ocorría o mesmo co líder libio Muanmar El-Gadafi, abatido neste caso polas milicias rebeldes.

En todo caso, todo o relacionado coa morte do líder de Al-Qaida quedou ensombrecido por unha mesta néboa de dúbidas, similar á que envolveu tamén a súa vida.

Para cada un queda a reflexión do que implica este tipo de mortes. Ollo por ollo e dente por dente?. A privación da vida nunca implicará seguridade, nin un mundo mellor. O soño americano non o quebrou Osama Bin Laden.

4.      As novas ditaduras: Europa vende a súa alma á tecnocracia.

O cuarto lugar é para o auxe dos tecnócratas en Europa. Papadimos e Monti substituíron a Papandréu e a Berlusconi. Gregos e italianos viron como a crise de débeda soberana torpedeaba os gobernos que eles, cos seus votos, elixiran. Sen ningún tipo de pudor o presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy asegurou no acto de inauguración do curso do Instituto Europeo de Florencia “Italia precisa reformas, non eleccións”.

A democracia é un poder lexítimo, escólleo o pobo. Unha equivocación non deixa de ser un erro de todos pero… con que nos quedaremos se fracasa a tecnocracia? É isto a renuncia a xestionar a crise dende a política? Cal é o risco ao que se enfronta Europa se os gobernos técnicos fracasan

5.      O día no que a terra e o mar se aliaron

O derradeiro posto vai para o terremoto, o tsunami e a fuga nuclear que asolaron Xapón. O 11 de marzo os cimentos da terra tremeron cunha magnitude de nove graos na escala de Ritcher. O terremoto provocou un tsunami con olas de ata 45 metros de altura. Segundo os datos oficiais a cifra de mortos e desaparecidos elévase a vinte mil persoas.

Ambos fenómenos naturais destruíron aeroportos, redes ferroviarias, portos, telecomunicacións e servizos públicos como auga e luz. O FMI calculou as perdas materiais en trescentos mil millóns de dólares.

Na planta nuclear de Fukushima os tremores terrestres e mariños provocaron grandes danos, entre eles o fallo na refrixeración dun dos reactores. A emisión de radiacións causou o desaloxo da poboación a un radio de 20 quilómetros.

A día de hoxe a central segue lanzando emisións, aínda que os niveis de radiación reducíronse. A catástrofe reabriu o debate sobre os perigos da enerxía nuclear.

CULTURA E MÁIS

1.      Violentos anos dez

Así foi como os rapaces de Ataque Escampe titularon o traballo co que nos agasallaron este 2011. Para eles o posto un polo acertado do título, por falar do descenso do Dépor e tomar con filosofía o do Celta en Segunda División. Tamén por achegarnos á cabana do tío Tom. “Violentos anos dez” supón unha mellora plausible na produción, mais eles seguen amparándose na etiqueta de “rock de serie B” (rock con poucos recursos) porque segundo eles “é unha cuestión táctica, pero dende o momento que apareceu a etiqueta funcionou. É tamén unha salvagarda que temos tamén para poder permitirnos mellorar algúns pequenos fallos ou erros”

2.      Imperialistas fracasados

O segundo posto vai para o peche á vez que nacemento de medios en galego. Todos temos na retina as letras brancas sobre fondo negro do último exemplar de Galicia Hoxe. “A nosa indiferenza alimentará o proceso de autoxenocidio no que vivimos”, escribía Lois Pereiro. O director, Caetano Díaz, escribía na contraportada “A sangue frío” no que con glaciar claridade dicía: “Mátanos a sangue frío, don Alberto, pero saiba que o sangue quente das familias dos dezanove profesionais que van ó paro estará sempre aí, lembrándonos que a pluralidade informativa está de loito en Galicia e saiba tamén que  Historia alumeará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada quen desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio”. Algo semellante ocorreu coa edición en papel de Xornal de Galicia, que anunciou que deixaba o papel pero que seguiría na rede. Mais nin rede, nin papel, ou seu rechouchíos apagáronse. Tamén con profesionais no paro e coa pluralidade informativa en folga na nosa terra. Precisamente A Nosa Terra tamén deixou de chegar ás casas dos seus subscritores. Son tres exemplos aínda que hai máis.

Porén sempre hai lugar á esperanza e van aparecendo cousas novas como o vindeiro Praza Pública, Sermos Galiza ou tamén este Tempos Dixital.

Como ben dicía Castelao “despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencia, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”

3.      A morte dun xenio

Steve Jobs finaba o 5 de outubro. Tras el deixou unha estela de enxeño e ideas. Un revolucionario que transformou o mundo da música, a telefonía móbil e as tabletas Foi cofundador e presidente executivo de Apple e máximo accionista individual de Walt Disney Company. A innovación tecnolóxica quedou orfa dende ese día. Se puidera reencarnarse nalgo pediríamos, como fixera Mecano con Dalí, que volvera reencarnarse nel.

4.      Enfrontamento na terra

Din que non hai mal que por ben non veña. Co traumático descenso do Dépor o 21 de maio, volveron os vibrantes encontros entre Dépor e Celta. Entre turcos e portugueses, como se din entre eles.

Polo de agora o primeiro asalto foi para os do norte cun 2-1. Queda ver o que pasa en Balaídos, e se o ano que vén teremos derbi galego en Primeira División.

5.      Patrimonio perdido e traxectoria homenaxeada

 No quinto posto temos un empate entre a desaparición do Códice Calixtino e a homenaxe que recibiu Beiras o pasado 17 no Auditorio de Galicia.

Na primeira semana de xullo soubemos que desaparecera unha xoia de incalculable valor do noso patrimonio cultural. E non, non foi cousa do Executivo de Núñez Feijóo. Roubaran o Códice Calixtino. Non crean que debeu ser tarefa ardua, dadas as amplísimas medidas de seguridade que o custodiaban (desculpen a ironía). Polo de agora aínda non apareceu e non son poucos os que aseguran que o paradoiro desvelarase baixo segredo de confesión.

“Loito sen esperanza, polo que é lóxico que nunca desistirei”. Así remataba Beiras o discurso que pronunciou na multitudinaria  homenaxe que lle fixeron no Auditorio de Galicia e na que se presentou o libro “Á beira de Beiras”. O líder histórico do BNG recibiu da sociedade civil o recoñecemento que ata o de agora lle negaron sistematicamente as institucións galegas.

Velaí os acontecementos que a nós nos pareceron máis interesantes deste 2011. Para o 2012 desexámoslles vivir unha época máis aburrida. Aínda que como a cousa non pinta ben, imos con outro proverbio que di «en tempos de fraqueza, cómpre agudeza». Permanezan espertos, afíen o enxeño.

Avatar of Sara Torreiro

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011