ACTIVISMO E SOCIEDADE

Banca e armas, matrimonio de comenencia

Jordi Calvo Rufanges

No mundo hai de maneira permanente máis de 20 conflitos armados. Cando un camiña cara á resolución e baixa a intensidade da violencia armada, aparece outro para manter o nivel de actividade militar. As guerras suceden por múltiples factores, e non é obxecto deste artigo analizalos, pero, hai varias cuestións que o sentido común fai que nos expoñamos recorrentemente. Seica non é posible acabar coa violencia armada cando sabemos cales son os conflitos existentes, aqueles que poden levar a niveis de violencia en que as armas xogan un papel determinante, se sabemos tamén as mil e unha maneiras de previlos, de atallalos ou de reducir o seu impacto, e tendo en conta que tamén sabemos construír a paz, xa que afortunadamente hai máis lugares no planeta sen guerra ca con ela? Entón, onde está o problema?

Seica os nosos gobernantes ignoran como funciona o mundo, non teñen acceso á información de decenas e mesmo centenares de centros de estudos pola paz que propoñen e promoven maneiras diferentes de xestionar os conflitos sen o uso da violencia, ou pode ser que aínda sabéndoo, non o fagan porque haxa outras consideracións que lles impiden tomar as decisións correctas? Velaquí onde ten cabida o enfoque do ciclo armamentista que serve para entender a facilidade con que nos embarcamos en guerras e apostamos frecuentemente pola vía militar para resolver os conflitos.

Orzamento militar, bancos e empresas de armas

O ciclo armamentista explica o proceso de militarización e armamentismo das sociedades desde a identificación da necesidade das armas até a súa utilización final. A necesidade xorde das ameazas á seguridade, reais ou ficticias. Estas á súa vez serven para xustificar o gasto público militar, a produción da industria armamentística, o comercio de armamento e o financiamento de todos eles.

En primeiro lugar, é importante destacar que o gasto militar é financiado polos orzamentos estatais, cos que se financia unha estrutura militar humana e material capaz de utilizar a forza armada cando se precise. É dicir, somos os contribuíntes quen dedicamos unha porcentaxe dos nosos ingresos ao seu mantemento. No caso español dedicamos máis de 16.500 millóns de euros só en 2014, o 4% dos Orzamentos Xerais do Estado, o que supón 45 millóns de euros diarios.

Unha parte do orzamento militar vai dedicado a axudarlles ás empresas de armas, con créditos públicos brandos finánciase a I+D que serve para fabricar as armas que acaba comprando o exército. Só en España concedéronse máis de 23.000 millóns de euros en créditos á I+D militar, a maior parte proveniente do Ministerio de Industria. Pero a industria militar necesita máis diñeiro e este conségueo do mercado, como calquera outra empresa.

Que lles ofrece o mercado financeiro ás empresas de armas? Todos os produtos que ofrecen a calquera outra empresa, que eminentemente son: créditos, préstamos, pólizas de crédito, emisión de bonos e obrigas de pagamento, ampliacións de capital emitindo accións, a xestión necesaria para a compravenda de accións no mercado secundario, fondos de investimento que inclúen accións de empresas de armas, e mesmo asegurar e financiar as exportacións de armas. Os que ofrecen tales servizos son os bancos privados.

Cabe dicir que as empresas que fabrican e comercializan armamento non poderían manter o mesmo nivel de negocio de non ser pola axuda dos bancos. Só tendo en conta as empresas de armas españolas, tras analizar máis de duascentas industrias militares, o cociente de endebedamento medio das mesmas chegaba en 2010 ao 73%. É dicir, sen financiamento as empresas de armas como máximo alcanzarían unha cuarta parte da súa produción. Se este dato fose extrapolable a nivel mundial, poderiamos pensar que podería haber catro veces menos armas no mundo. A ecuación é sinxela: canto menos armas, menor posibilidade de recorrer á violencia armada, menos vítimas e moi probablemente menos conflitos armados.

Os bancos moven para armas máis de cen mil millóns

En recentes estudos de varias entidades que monitorizan os investimentos nalgúns tipos de armamento controvertido, como as armas nucleares, as bombas de acio ou as minas antipersoal, aparecen datos que mostran unha pequena parte da realidade da vinculación entre os bancos e as empresas de armas. Unha recompilación dos investimentos en armas das principais entidades financeiras que operan en España é recollida no informe do Centro Delàs de Estudos pola Paz “Evolución da banca armada en España”, no que se calcula que as firmas exclusivamente españolas dedicaron a través de créditos, fondos de investimento, emisión de bonos e obrigas de pagamento e financiando as exportacións de armas máis de 7.000 millóns de euros á industria militar, unha boa parte no período de crise, cando o crédito ás familias e as pemes estaba practicamente conxelado.

Se ademais calculamos o financiamento identificado da banca estranxeira de maior presenza no Estado, as cifras son mareantes: preto de 113.000 millóns de euros han ir parar á industria militar de bancos como BNP, Deutsche Bank, Citibank, Barclays Bank, ING ou Bankinter, ou aseguradoras como Allianz, AXA ou AIG.

Banca Armada é a denominación utilizada para definir os bancos que colaboran do complexo militar industrial e que axudan a que os niveis de armamentismo sexan tan elevados e que, en consecuencia, existan un maior número e máis destrutivos conflitos armados. As entidades financeiras que son susceptibles de ser chamados banca armada son tantas, que foi necesario establecer un ránking para saber polo menos que bancos son os que teñen maiores vínculos coas empresas de armas. No ránking da Banca Armada española destacan, a gran diferenza do resto, o BBVA e o Santander, que tamén son os dous grandes financeiros das armas. Destaca tamén o terceiro lugar de Bankia e a aparición de caixas que presumen de obra social, como Caixabank.

Ránking da banca armada española (os 10 primeiros bancos armados)

1. BBVA (3.626.568.802 €)

2. Santander (1.723.751.052 €)

3. Bankia (392.516.426 €)

4. Banca March (177.415.618 €)

5. Liberbank (92.764.436 €)

6. Caixabank (37.447.993 €)

7. Catalunya Caixa (agora BBVA)

 (31.960.000 €)

8. Banco Sabadell (25.503.453 €)

9. Banco Popular-Pastor (21.883.030 €)

10. Ibercaja-Caja 3 (20.755.411 €)

Fonte: Evolución de la banca armada española. Centre Delàs d’Estudis per la Pau 2013

En conclusión, a banca é un elemento clave na armazón militar industrial. Quero pensar que os banqueiros non son especialmente amantes da guerra, aínda que se poida dar o caso. Pero os banqueiros o que queren é facer negocios, e nos negocios non hai moral. A banca armada é un bo exemplo. Co engadido de que as empresas de armas son na súa inmensa maioría empresas privadas que se rexen pola lóxica do mercado, maximizar o beneficio económico. E para facelo só hai dúas vías, reducir os gastos e aumentar a produtividade ou aumentar os ingresos.

Os intentos de mellora de produtividade das empresas de armas son máis que dubidosos, vistas as enormes diferenzas entre o prezo inicialmente acordado e o verdadeiro prezo final que se acaba pagando (só en España, os Programas Especiais de Armamento acumulan unha desviación no seu custo inicial de 13.000 millóns de euros, é dicir un 65% de sobrecusto).

As implicacións do actual ministro de Defensa

Esta non por usual menos abusiva práctica, digna de ser investigada polos tribunais, merece ser situada nun marco no que o Ministro de Defensa actual, Pedro Morenés, foi até o día en que foi nomeado ministro, director en España da segunda empresa de mísiles máis importante do mundo, MBDA. Do mesmo xeito que foi membro dos consellos de administración de varias empresas militares españolas, entre as que merece especial mención Instalaza, que durante o seu mandato en 2008, e pouco antes de que España asinase o Tratado Internacional pola Prohibición das municións en acio, vendeu bombas consideradas ilegais tan só uns meses máis tarde ao réxime de Gadafi. Estas municións, asimilables ás minas antipersoal pola súa capacidade lesiva na poboación civil, foron utilizadas, como adoita ocorrer coas bombas, neste caso sobre o pobo de Misrata na guerra civil libia de 2011.

As armas fabrícanse, véndense e pérdeselles a pista. O control sobre elas pérdese e esquécese no momento en que se cobra o último recibo. As empresas de armas fan caixa, os bancos cobran intereses por financialas e as vítimas ponas, como sempre, quen menos culpa ten. O complexo militar-industrial é un monstro, por tamaño e horripilante, ao que é difícil enfrontarse. Se ademais os seus tentáculos alcanzan o goberno, é cando chegamos a comprender que poida que haxa guerras porque hai sempre quen se beneficia delas.

Jordi Calvo Rufanges, Centro Delás de Estudios por la Paz

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011