ACTIVISMO E SOCIEDADE

A VIOLENCIA DOS ULTRAS AMPÁRASE NO FÚTBOL

Por Cristina Díaz Buján (Artigo publicado en TEMPOS NOVOS nº64, setembro 2002)

Coa chegada do final da Liga de Fútbol numerosos incidentes acontecidos nos estadios españois levantaron a voz de alarma en toda a sociedade. Foron accións vandálicas coma as que puidemos ver nos campos do Xerez e do Gimnástic de Tarragona con lanzamento de obxectos, invasión dos campos e enfrontamentos entre xogadores coa súa propia afección. De igual xeito no derby Betis-Sevilla houbo incidentes que remataron con vinte feridos debido ó lanzamento de obxectos, e mesmo un seguidor bético conseguiu burlar os controis de seguridade do estadio Ruiz de Lopera en posesión dun lanzador de bengalas. Todo isto a pesar dun dispositivo de seguridade no que participaron 427 persoas. Os máis recentes incidentes son os protagonizados polo grupo Ultras Sur, seareiros do Real Madrid Club de Fútbol, antes da final da Copa de Europa que ía enfrontar ó Madrid e ó Barça. Nos arredores do Estadio Santiago Bernabéu, aproveitando o descontrol policial tralo estoupido dun coche bomba por parte da banda terrorista ETA, algúns integrantes do grupo agrediron a un xornalista e causaron numerosos estragos. Ante este incremento da violencia nos campos españois salta a voz de alarma en distintos sectores da sociedade e pídenselle solucións á Administración, xa que os problemas de violencia no fútbol son responsabilidade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Comeza así toda unha campaña lexislativa por parte do goberno.

Nunha reunión que tivo lugar en Madrid entre o director de Política Interior, Jose Ramón Ónega, o Consello Superior de Deportes, a cúpula directiva da Liga de Fútbol Profesional, os clubs e a Federación de Fútbol, xurdiron unha serie de propostas para rematar coa violencia no fútbol. Darlle poder executivo á Comisión Nacional Antiviolencia (CNV), a posta en marcha da Unidade Central de Coordinación, o compromiso por parte dos clubs a expulsar ós socios que cometan actos violentos, a posibilidade de anticipar o acceso do público ós estadios, de creación dunha Fiscalía Antiviolencia e de facer comparecer nas dependencias policiais –ó igual ca no Reino Unido– ás persoas que teñen prohibido entrar nos estadios, son algunhas das medidas que se están a estudiar. Tras esta reunión creouse un grupo de traballo que integran expertos de Interior, da Liga de Fútbol Profesional (LFP) e da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para estudiar estas e outras medidas que finalmente plasmará as súas conclusións nun informe nos próximos meses.

O transcurso dos anos confírmanos que hai que esperar sempre a que teña lugar un incidente grave para que se tomen medidas por parte do Goberno e dos organismos deportivos competentes. Precisamente, o Comité Nacional Antiviolencia foi creado trala morte en 1992 de Guillem Alfonso, un neno de 13 anos de idade que morreu en Sarriá, sede do Espanyol de Barcelona, como consecuencia do impacto dunha bengala. A partir deste incidente endurecéronse as normas de seguridade nos estadios de fútbol.

Pero o fútbol nunca estivo a salvo destes grupos ultras que empregan a violencia no campos para proclamar as súas ideoloxías e acadar protagonismo para saír nos medios de comunicación. A derrota dos Leeds United ante o Bayern de Munich na final da Copa de Europa de 1975 foi a presentación en sociedade dos Hoolingans ingleses, iniciadores do movemento ultra. A fins dos 70 o círculo Rubén Cano, na actualidade Frente Atlético, seareiros do Atlético de Madrid, importa o movemento ultra a España, inspirándose en Inglaterra e Italia. Os fundadores do actual Frente Atlético eran ultradereitistas, conformados por grupos como Primera Línea, Cristo Rey, Falange e Fuerza Nueva, e teñen unha ideoloxía neonazi. Xa nos anos 80 xorden outros grupos a imitación súa, hoxe considerados os máis perigosos, como os Ultras Sur do Real Madrid, os Brigadas Branquiazuis do Espanyol e os Boixos Nois do Barça. Aquí en Galicia contamos na actualidade con dous grupos ultras considerados violentos como son os Celtarras do Celta de Vigo e os Riazor Blues do Deportivo da Coruña.

Unha das formacións máis violentas, segundo un informe da Policía Nacional, é a dos Ultras Sur. Grupo numeroso e forte, os seus membros empregan calquera signo fascista e neonazi para animar o ambiente. Teñen un modo de actuación similar ós Hooligans ingleses. Non lles interesa o fútbol senón o divertimento e o hedonismo que comporta o espectáculo apaixonado dese deporte. Non existen líderes e os pequenos grupos desprázanse indiferentemente. Dentro do grupo ninguén se coñece ou chama polo seu nome senón que usan alias. A súa esencia consiste en ser anticatalanista e antivascos. Caracterízanse por ser grandes consumidores de litronas que mesturan con aspirinas e tamén “chocolate”. Levan navallas, e a súa intención é introducirse no estadio con obxectos contundentes como botes, barras de chumbo, hastas de bandeiras, foguetería, bengalas, botes de fume, etc… Nos estadios de fútbol podémolos observar ensinando reportaxes fotográficas onde eles son obxecto de contido. Tamén comentan entre eles o filtro que pasa a Policía, menosprezándoo e ironizándoo. Con frecuencia sacan bolsas de plástico con area, tamaño de medio quilo, que pasan cara ás filas máis próximas á portería para sérenlle lanzadas ó porteiro. Así como tamén levan boliñas de aceiro que lanzan á portería ou defensas cando sacan balóns.

Nos anos 80, en Sarriá, nace o sector ultra hoxe coñecido como Brigadas Branquiazuis, considerado tamén un dos máis violentos hoxe en día. As Brigadas Branquiazuis teñen moito en común cos skins. Usan vestimenta paramilitar con emblemática nazi, van armados con paos, cadeas e porras e son nacionalistas españolistas. Tamén en Cataluña están os Boixos Nois, seareiros do Fútbol Club Barcelona, que son nazis independentistas. Son consumidores de cervexa e haxix. Sitúanse na área de gol sur do Nou Camp e recentemente a xerencia do club recoñeceu que lles facilitaba entradas gratis para telos controlados. Dende 1995 é oficialmente un círculo barcelonista, sendo o presidente do Barça, Gaspart, un dos seus socios. Están irmandados cos seguidores dos grupos proetarras Indar Gorri e círculo Mújika. Segundo un ex‑integrante do grupo, “non permiten que a xente fale español entre eles e fináncianse vendendo droga no propio estadio e fóra del. Proclaman que hai que estar a favor de ETA”. Unha das súas actuacións máis macabras foi a protagonizada na tempada 1985/86 no partido fronte á Juventus, onde os Boixos mostraron unha pancarta no Camp Nou na que se podía ler “Thank you Liverpool for the Juves deads” (Gracias Liverpool polos mortos da Juve). Este acto foi saldado pola UEFA, moi ben manexada polo poder catalán, cunha sanción económica.

Aquí en Galicia están os Riazor Blues que, segundo un dos seus dirixentes, Arturo Revella, está composto por uns 1.300 socios de entre 12 e 40 anos defensores dunha ideoloxía nacionalista de esquerdas e antifascista. E tamén en Vigo atopamos ós Celtarras, con máis de 200 socios, nacionalistas galegos e antifascistas. Defínense a si mesmos como grupo de Hooligans borrachos que fan todo o posible por amolar ós grupos ultras. Un informe do Comité Antiviolencia do ano 1994 sinala ós Celtarras na terceira posición da clasificación de círculos futbolísticos máis perigosos. Os Riazor Blues figuraban na metade da listaxe, como noveno círculo máis conflictivo. Este informe policial constata a crecente presencia das drogas (basicamente haxix) nos estadios de fútbol, sendo os Celtarras o grupo con máis integrantes sancionados por este feito. Segundo o xefe de seguridade do Celta, Fernando González, os Celtarras van cambiando xeracionalmente. Afirma que os máis radicais están identificados. “Coñecemos o sitio onde habitualmente están, un bar preto do estadio onde paran”. Sitúanse baixo o etiquetado de heavies ou metálicos, pasotas sociais. Proceden de clase baixa non marxinal, habitan en barrios desfavorecidos e están moi enganchados á música.

Segundo o informe da Policía “Radiografía dos grupos ultras en acontecementos deportivos”, realizado polos inspectores xefes do Corpo Nacional da Policía Damián Sedano e José María Seara no ano 2001, na actualidade a Policía controla a un total de 68 grupos ultras repartidos por toda a xeografía española. O seu estudio suma case 10.000 seguidores, dos que 970 son violentos de esquerdas e de dereitas. O informe di que non todos son violentos –só un grupo deles son perigosos, a maioría vinculados cos skin heads– e localiza a uns 640 rapados de dereitas e outros 220 de esquerdas (skin red) considerados moi violentos.

Segundo este informe, en Galicia atopamos os Riazor Blues con 1.000 simpatizantes e cun grupo apreciable de skin red, e tamén os Celtarras con 300 individuos, os cales sufriron varias secesións de marcado carácter nacionalista. O perfil do ultra español responde a xente moza e sobre todo varóns de entre 16 e 25 anos, con calzado deportivo, texanos e cazadoras de coiro negro ou de nailon verde, coa bufanda do equipo. A súa imaxe é agresiva, co pelo rapado e movementos en masa. Na súa maioría proceden de clase baixa e media, salvo os que se identifican con movementos de extrema dereita, que pertencen á clase media e incluso algúns á media-alta. Entre o 8-10% está no paro. O consumo de cervexa é outro dos sinais de identidade, ó igual que o uso de estupefacientes.

Se temos que indagar nas causas que enxerga a crecente violencia no fútbol, hai numerosos focos de atención como a política, a ideoloxía, os propios clubs e a sociedade. O escritor e xornalista, Ignacio Ramonet, atribúe a violencia dos grupos ultras non só a motivos deportivos senón ó feito de que determinados seguidores se vexan influídos “pola crise económica, polo paro, a desolación urbana, a decadencia social e a miseria afectiva”. A presencia da política nestes grupos remóntase ós anos 80 a raíz dos estragos no estadio Santiago Bernabéu na final da Copa a cargo dos ultras cataláns, con pintadas independentistas. Así comeza a presencia de símbolos políticos nos estadios. Os partidos políticos empregan ós grupos radicais para propagandear o seu discurso e estes comezan a perfilarse a súa tendencia política. Como grupos vinculados á extrema dereita, destacan en Cataluña os Branquiazuis; en Madrid, Ultras e Frente Atlético; en Zaragoza, Ligallo Fondo Norte; en Valencia, os Yomus; en Albacete as Brigadas Blancas; en Logroño, Gauna Sur; en Sevilla Biribiris e os Supportes, todos estes como grupos vinculados á extrema dereita. Por outra banda, Boixos Nois, Biribiris, Riazor Blues, Celtarras, Mújika e Indar Gorri son nacionalistas de extrema esquerda. Neste senso, Arturo Revella, un dos dirixentes dos Riazor Blues, afirma que “a ideoloxía xoga un papel moi importante na violencia, así como tamén a política que inflúe en tódolos sectores do fútbol e os medios de comunicación”. Nunha entrevista a Francis Magan, presidente do Frente Atlético, este recoñecía a relación existente entre a política e os grupos ultras. “Parece que un grupo se non é de dereitas ou esquerdas non é ninguén”, recoñecía.

Os expertos coinciden en sinalar que cada equipo representa unha idea, unha ideoloxía. Os ultras dos equipos defenden as cores dun club non por motivos deportivos unicamente, senón para reivindicar ideas políticas e culturais. Isto reflíctese durante a época franquista fronte a represión por parte do poder nas distintas rexións e a limitación do dereito a falar en público as outras linguas existentes no Estado ademais do castelán. Un dos poucos lugares onde o idioma propio era falado e onde a bandeira se amosaba era nos estadios. A loita cultural polo recoñecemento rexional residía no fútbol. Así, o Barça é símbolo da identidade da rexión de Cataluña, de aí se explica a grande polémica suscitada cando chegaron ó equipo dezaseis xogadores estranxeiros e os afeccionados dicían que o equipo nos os representaba. De igual xeito sucede en Bilbao onde só se admiten xogadores vascos, e empregan ó seu equipo para reivindicar a súa independencia. Este xogo é esencialmente un amplificador das paixóns nacionais. Do mesmo xeito os gobernos tamén se serven do fútbol e dos seareiros. O xornalista Ignacio Ramonet fai mención da relación entre a política e o fútbol remontándose ós anos 20 cando a popularidade deste deporte é utilizada por algúns réximes para difundir a súa propia ideoloxía.

No ámbito galego hai tamén un interese político subxacente na creación dos grupos ultras galegos, tanto por parte de certos sectores sociais –tal é o caso dos medios de comunicación– como por parte dos dirixentes dos clubs. O director do semanario A Nosa Terra, Alfonso Eiré, recoñécese como un dos impulsores do movemento ultra en Galicia alegando motivos políticos. “Axudei a crear unha conciencia, digamos de esquerdas, para facerlle fronte a uns grupos que se querían implantar en Galicia por medio dos Ultras Sur, afirma”. Tamén hai un interese político no cambio ideolóxico sufrido nos últimos anos por Riazor Blues. Eiré afirma que debido á marcha do grupo de dereitas Grei Xentalla dos Riazor Blues, o presidente do club, Lendoiro, pactou cos Riazor a retirada de bandeiras a cambio de cartos, e foi entón cando entrou xente do Bloque e do AMI no grupo.

As consecuencias do fútbol tamén se deixan ver nas relacións diplomáticas entre países. Lembremos o recente partido Roma-Galatasaray, cando unha pelexa ó final do encontro desencadeou a intervención da Policía italiana que acabou nun enfrontamento directo con algúns xogadores do Galatasaray. Isto provocou un intercambio de declaracións entre ámbolos países, co consecuente deterioro das relacións diplomáticas.

A agresividade destes grupos e a súa confrontación tamén está causada polos enfrontamentos localistas entre cidades. Como ben nos di o sociólogo Miguel Cancio, no seu libro Socioloxía da violencia no fútbol, os enfrontamentos localistas trasládanse ás bancadas e ós grupos de seareiros. Aquí en Galicia temos un claro exemplo se nos remitimos ó incidente acontecido cando Paco Vázquez, alcalde da Coruña, apareceu nos medios de comunicación no palco do estadio gritando e facendo os cornos coa mao. Por parte do Celta o concelleiro Nieto Figueroa, coñecido como Leri, encargouse de responderlle e comezou así un intercambio de declaracións do que se contaxiou a afección, empeorándose así a relación entre ámbalas cidades. Como ben afirma Ignacio Ramonet, “o fútbol constitúe un terreo privilexiado para a afirmación das identidades colectivas e dos antagonismos locais, rexionais e nacionais”. De aí que Riazor Blues e Celtarras, que comparten a mesma ideoloxía política xa que se definen ámbolos dous como nacionalistas de extrema esquerda, teñan graves enfrontamentos. Esta violencia ten a súa orixe nas rivalidades entre as súas cidades que vén cimentada de moitas décadas atrás con motivo da capitalidade de Galicia, e que na actualidade, segundo afirma Alfonso Eiré, acadou unha dimensión económica. Outro exemplo témolo no primeiro encontro entre Compostela-Deportivo da tempada 94-95. Este partido serviu para tentar enfrontar ás dúas afeccións nun localismo provocado polos intereses político-ideolóxicos dalgúns, aludindo a unha rivalidade deportiva inexistente xa que era a primeira vez que se enfrontaban.

Como outra das causas da agresividade e violencia destes grupos ultras de fútbol hai que citar as motivacións raciais e culturais. Nos últimos anos os grupos extremistas buscan infiltrarse nas bandas de afeccionados máis violentos dos clubs de fútbol e comezan a verse cabezas rapadas, skin heads, en tódolos grupos: Ultras Sur, Brigadas Branquiazuis, Herri Norte, Mújika, Riazor Blues, Celtarras. Trátase de persoas violentas e agresivas que nada teñen que ver co fútbol e que se serven del para levar a cabo tódalas súas agresións. O seu obxectivo é a violencia colectiva con comportamentos vandálicos amparados no anonimato da masa. Os skin heads do fútbol agrúpanse baixo símbolos nazis, autodefínense como racistas, violentos e intolerantes, proclaman a superioridade da raza branca, atacan a mestizaxe e consagran o antisemitismo. Xa en xullo de 1996 o Consello Nacional de Seguridade Cidadá fixo público un informe segundo o cal a presencia de skin heads se estaba a estender por todo o país, especialmente entre os fanáticos dos seareiros dos equipos de fútbol. A intromisión destes skins débese a que non hai un control da xente que entra por parte dos grupos de fútbol Arturo Revella, dirixente dos Riazor Blues afirma que “o único requisito para pertencer ó grupo é ser mozo, ter odio ós eternos rivais, repudiar o racismo e ser de clase media ou baixa”.

Tampouco hai que esquecer que os medios de comunicación xogan un papel moi importante como un dos motivadores da violencia nos estadios de fútbol. Os deportes de masas, como o fútbol, supoñen unha concentración dos feitos violentos, e o propio funcionamento dos medios, ó darlles unha gran resonancia, amplifícaos. Ó resaltar só os actos violentos, os medios contribúen moi pouco a mellorar a situación. Os ultras saben isto e deste xeito empregan o fútbol a modo de caixa de resonancia, como ben sinala o sociólogo Miguel Cancio. O xogo convertese así nun mero pretexto para conseguir o protagonismo que non acadan na rúa. No libro titulado Journal of a footbal fan. Steaming in (diario dun fan de fútbol. A por eles), escrito polo hooligan Colin Ward, podemos ler “as bancadas é a nosa vida, a única razón de vivir. Estas dan a posibilidade de ser alguén e de ser famoso durante cinco minutos. Se o teu equipo gaña, a vida é marabillosa. Se perdes, estás deitado no chan e debes facer calquera cousa para arruinar a festa dos que venceron.”. Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra, é moi crítico cos medios de comunicación neste sentido. Di que o forofismo e a subxectividade son enxalzados cando se trata do fútbol para acadar a manipulación das masas. Tamén Julio de Antón, autor do libro Violencia, xuventude e deporte e inspector xefe de Policía e psicólogo, recoñece que os medios teñen unha gran parte de culpa da agresividade e violencia que ten lugar no deporte de hoxe día. Critica que o xogo limpo case nunca é noticia, atrae máis o morboso, o enfrontamento, a confrontación, a inimizade.

Na XIX Semana Galega de Filosofía dedicada ó Deporte, celebrada en Vigo no mes de abril, o sociólogo alemán Klaus Heinemann recoñeceu tamén a existencia de intereses financeiros no xurdimento da violencia nos grupos radicais. O sociólogo afirmou que o fútbol réxese constantemente polas leis do mercado, ó converterse nun auténtico espectáculo. Na década dos oitenta o deporte perdeu a súa liberdade de decisión. Constátase que nos clubs prima máis o beneficio económico que a propia seguridade dos estadios.

A violencia non está no deporte en si senón na frustración social, sendo o deporte o catalizador. Numerosos estudiosos afirman que a violencia é un reflexo da sociedade onde se dá un cúmulo de tensións que leva a un comportamento vandálico. A sociedade, cos seus conflictos, é tamén unha das causantes das actitudes violentas. No primeiro Congreso da FIFA contra a discriminación racial que tivo lugar en Buenos Aires en xullo do ano 2001, o presidente deste organismo, Joseph Blatter, recoñeceu que o fútbol é o reflexo da sociedade e que non só amosa o bo senón tamén a violencia e o racismo. Na propia Liga de Fútbol Profesional (LFP) coméntase que o fútbol non é o que xera esta violencia, senón que é o fútbol o que a sofre porque moitos dos alborotos que se producen son provocados por xente que nin sequera entra nos estadios. Neste sentido tamén está a teoría do filósofo alemán Gerhard Vinnai, quen afirma que o fútbol permite unha conducta abertamente agresiva que non pode tolerarse na vida cotiá. “O partido é a oportunidade para que o afeccionado descargue tódolos seus sentimentos, que por suposto na sociedade, é incapaz de demostrar”.

Neste senso, o sociólogo Miguel Cancio considera así mesmo que a violencia no fútbol é a traducción da situación emocional e social. Sentimentos como a crispación, a frustración, o resentimento, o desquite e a violencia encontran neste deporte unha situación propensa para saír a flote. No fútbol os suxeitos séntense protagonistas arroupados polas masas. Fan en grupo moitas cousas que non farían nunca en solitario. A sociedade vincula as actividades dos que encabezan a economía e a política coa riqueza material, prestixio social e a función de dominación, pero para a masa de empregados e obreiros non brinda a oportunidade de acadar gratificacións especiais. A esta masa o deporte, e máis concretamente o fútbol, ofrécelle a posibilidade de obter premios. Da mesma opinión é Alfonso Eiré ó afirmar que “un espectáculo deportivo amosa unha imaxe moi fiel do clima social, da situación económica global, das relacións locais e do papel que xogan os grupos dirixentes”. Os valores, o clima social, trasládanse ó terreo de xogo. Os espectadores reproducen nas bancadas tamén os trazos de división social da cidade e da zona de influencia. Os comportamentos de cada grupo correspóndense coa súa posición social. Exemplo disto témolo no comportamento que observamos continuamente nos campos de fútbol cando os seareiros dos fondos abouxan en ocasións ós das tribuna porque os xulgan como estirados e pouco entusiastas. Reflíctese no fútbol a diferencia de clases igual ca na sociedade. A agresividade no deporte non pode separarse das provocacións da época e está relacionada con determinados caracteres sociais como a superpoboación, a desorde social, o crecemento urbano e a inseguridade persoal e social.

Esta influencia da sociedade no fútbol e no comportamento dos seareiros reflíctese tamén no contexto galego. No libro O fútbol na sociedade galega, o seu autor, Alfonso Eiré, explica cómo a evolución dos equipos galegos estivo vinculada á evolución económica e política das súas respectivas cidades. Tamén afirma que esta violencia social está canalizada polo sistema cara ós campos de fútbol porque así está controlada. Trátase, polo tanto, dunha violencia canalizada, interesada. Outro exemplo témolo en Cataluña onde a rivalidade existente entre os seareiros do Barça, na súa maioría de orixe catalana, e os do Espanyol, maioritariamente emigrantes do resto de España, veu demostrando e reflectindo as tensións existentes na propia comunidade catalana.

Non podemos esquecer a responsabilidade dos clubs na existencia e permanencia destes grupos radicais. O informe da Policía “Radiografía dos grupos ultras en acontecementos deportivos” fai tamén mención dos seus mecanismos de financiamento e cómo, nun principio, foron protexidos por algúns directivos dos clubs de fútbol. Os clubs entréganlles entradas e estes fináncianse coa venda de obxectos de mercadotecnia nos arredores dos estadios e coa revenda destas localidades previamente entregadas polos clubs. Francis Magan, presidente do Frente Atlético, admite recibir axudas do club, aínda que en menor cantidade ca moitos grupos. Os ultras do Betis están amparados pola directiva e polo mesmo presidente que se refire a eles como “mis criaturitas”. Pero non é o único caso. Nunha reportaxe emitida no mes de marzo por Tele5, “Infiltrado en Ultra Sur”, desvelouse que estes seguen tendo estreitas relacións coa directiva branca.

A maior parte dos grupos radicais reciben un trato preferente por parte das directivas: teñen entradas máis baratas nos desprazamentos, gardan as pancartas dentro do estadio, ou incluso acceden ó recinto sen entrada. Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra, afirma que os Ultras Sur, unha sección do que foron nos anos anteriores os guerrilleiros de Cristo Rey, estaban financiados polo que foi despois presidente do Real Madrid, Lorenzo Sanz, “que pertencía cando iamos á Universidade ós guerrilleiros de Cristo Rey”. Esta financiamento dos clubs responde ó interese por parte dos directivos e presidentes de ter o apoio destas estructuras organizadas. Os presidente e directivas queren o seu control porque son eles, os membros máis activos e organizados dos seareiros, os que lles poden asegurar a súa reelección ou pedir o seu cesamento. Houbo directivos que chegaron a empregar a estes fanáticos como unha especie de propaganda ou ben como rebentadores de asembleas deportivas conflictivas e intimidadores de candidatos rivais en procesos electorais. Así, as directivas comezan a axudalos, a darlles categoría e recoñecemento dentro dos clubs.

Pero á parte das motivacións políticas, ideolóxicas, sociais, culturais, financeiras que hai trala violencia dos grupos radicais, hai que resaltar que os poderes públicos contan cunha importancia transcendental na inhibición ou aceleración desta violencia, por canto teñen a responsabilidade de velar polo xogo limpo. Hoxe en día as institución dentro da Administración que vixían o dereito ó xogo limpo son en primeiro lugar o Consello Superior de Deportes, en segundo lugar as Federacións, e en terceiro lugar os órganos sancionadores, árbitros ou comités de disciplina. Pero tamén ten responsabilidade a policía dende o punto de vista da seguridade cidadá.

Dende o punto de vista lexislativo, despois da traxedia de Heisel en 1985, os dirixentes e organismos europeos adoptaron medidas adecuadas para prever estes incidentes. Hoxe en día a normativa que impera ante o comportamento destes radicais baséase no Regulamento para a Prevención da Violencia nos Espectáculos Deportivos. Ten a súa base no ano 1985 cando os principais países de Europa Occidental subscriben en Estrasburgo un Convenio Europeo para previr a Violencia Deportiva, especialmente no fútbol, o 19 de agosto de 1985, e que España ratifica en 1987. Neste Convenio comprométense á adopción de medidas de prevención e seguridade e incluso a incorporar esas prevencións á súa normativa interna. Con este obxectivo España promulga a Lei 19/1990 de 15 de outubro, coñecida como Lei do Deporte, onde o título noveno se dedica á prevención da violencia no deporte.

A Comisión Nacional contra a Violencia nos Espectáculos Deportivos, regulada polo Real Decreto 75/1992 de 31 de xaneiro, está integrada por representacións dos colectivos interesados e das Administracións Públicas. A Comisión está adscrita organicamente ó Ministerio de Educación e Cultura a través do Consello Superior de Deportes. Compóñena 25 membros: tres designados polo Ministro de Educación e Cultura, tres polo Ministro de Interior, tres representantes das CCAA, tres das Corporacións Locais, representantes das Federacións Deportivas, das Ligas Profesionais, Asociacións Deportivas. Unha das principais decisións desta comisión foi a elaboración do Regulamento para a Prevención da Violencia nos Espectáculos Deportivos aprobado polo Real Decreto 769/1993 de 21 de marzo e modificado polo Real Decreto 1247/1998 de 19 de xuño. O Regulamento contén tres partes diferenciadas: unha na que se aborda a responsabilidade dos organizadores, outra as competencias das Forzas e Corpos de Seguridade e a terceira a organización e funcionamento da figura do Coordinador de Seguridade. Tamén aborda o tratamento da infraestructura necesaria para a operatividade de todo o sistema en base ó contido da Unidade de Control Organizativo e as propostas sancionadoras que se elevan á autoridade gobernativa competente. Este regulamento establece o chamado Sistema de Seguridade Integrado (SISEF) que teñen que ter tódolos estadios de fútbol de primeira e segunda división: circuíto pechado de televisión, megafonía, apertura e peche electrónicos das portas, control de entrada dos espectadores e canles de comunicación.

A pesar desta normativa e da obrigatoriedade de ter instalado o sistema SISEF, segundo un estudio elaborado por CONSUMER, os responsables da maioría dos clubs de fútbol das máximas categorías deportivas non lles conceden a importancia debida en materia de seguridade e instalacións ós seus recintos deportivos. O estudio, baseado en entrevistas cos responsables de cada club e coa visita ós estadios un día no que se atopaban baleiros e outro no que se celebraba un partido, expón que só o estadio da Real Sociedade, Anoeta, e o do F.C.Barcelona, Camp Nou, acadan o aprobado global. No resto de estadios observouse que a maioría non teñen sistemas de detección e extinción de incendios, nin corredores inferiores de gradaría, non hai carteis indicadores de saída, continúa a venda de bebidas alcohólicas nalgúns dos estadios dos estudiados e hai aínda localidades a pé.

O responsable da seguridade do Real Club Celta de Vigo, Fernando González González, máis coñecido como Chato, deixou entrever que este tipo de actos violentos por parte dos ultras é debido á pasividade dos organismos competentes da Administración. Afirmou que “para o partido Celta-Barcelona, con 30.000 espectadores contamos tan só con 15 policías, tres furgóns”. Aquí en Galicia hai dúas unidades de intervención en Vigo e na Coruña, as UIP, conformadas por gardas especiais que están preparados para actuar rapidamente en concentracións e manifestacións. O problema é que normalmente non están en Galicia, actúan fóra, deixando desprotexidas as cidades galegas. Para contrarrestar esta falta de efectivos Chato afirma que o Celta de Vigo conta dende os inicios, imitando ó equipo pioneiro, o Valencia, con voluntarios que palían moito a necesidade de vixilantes urbanos como de policías.

Para o control destes individuos violentos é indispensable un rigoroso control de entrada nos estadios. Os expertos non se explican cómo se poden coar bengalas e outros obxectos dentro do campo, provocando así incidentes como os acontecidos nos últimos tempos. O xefe de seguridade do Celta, Fernando González, recoñece que o tema dos cacheos é moi complicado.“Un cacheo integral non o pode facer un policía, teno que autorizar o xuíz. O primeiro que acode é o voluntario e se a persoa se nega automaticamente intervén o vixilante de seguridade privado que si ten autoridade ante a lei para poder cachear. Como último recurso está a policía”. Afirma que o que máis incautan son obxectos como botes, navallas, bengalas e petardos. Como nos confirma o coordinador de seguridade en Balaídos da Policía Nacional, Alberto Fernández, os ultras introducen estes instrumentos de diversos xeitos: “Entre os bocadillos introducen as bengalas, as navallas pegadas con celo tralo pelo longo, e os petardos e outros instrumentos na roupa interior das mulleres”. Aquí quedan claras as deficiencias nas medidas adoptadas ó non contar nos controis de entrada dos estadios con suficientes mulleres vixilantes de seguridade para poder cachear ás seareiras femininas, estándolle ós homes prohibido.

Para o control dos seguidores, o coordinador de seguridade baséase na adquisición de imaxes por parte das videocámaras que hai no interior e exterior dos estadios. O contido das imaxes está contemplado pola lei Orgánica 4/1997 de 4 de agosto que regula a utilización das videocámaras polas Forzas e Corpos de seguridade. Aquí hai que destacar que as Unidades de Control Organizativo ó ser propiedade da Sociedade Anónima Deportiva non pertencen ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e polo tanto non entran na Lei Orgánica arriba citada. No obstante, dado que non se conta cunha norma específica que regula a utilización de videocámaras nas instalacións deportivas, a Orde Ministerial do 22 de decembro de 1998 optou por sometela ó réxime de garantías previsto na lei Orgánica 4/1997.

O artigo 48 da FIFA establece que en caso de que aconteza un feito violento debe remitirse á autoridade deportiva a través dos seus comités disciplinarios. A FIFA e a Federación Española de Fútbol acordaron que tódolos contenciosos deportivos se resolvesen nos tribunais deportivos e non na xustiza ordinaria. Neste sentido, como medida máis recente a nivel europeo, o pasado mes de abril o Parlamento Europeo apoiou a creación dunha rede de Centros Nacionais de Información dirixidos pola policía que se encargarán de recoller, tratar e analizar datos relativos ós afeccionados. A internacionalización do fútbol obriga a que as autoridades nacionais competentes reforcen os sistemas de cooperación policial. Proponse que en cada estado membro se designe con carácter permanente un centro nacional de información futbolística que se encargue de recoller datos sobre afeccionados, especialmente dos máis perigosos. Este punto de contacto funcionará de enlace entre os servicios dos Estados membros encargados de organizar os partidos.

Todos estes fenómenos colectivos violentos encóntranse integrados dentro da dinámica do grupo, dándose o caso de que o deporte en si non xera violencia, senón que esta encóntrase imbuída e arraigada na sociedade. Os medios de comunicación inflúen no público, determinando predisposicións que a curto prazo poden xerar actos violentos. O paro, a escaseza de educación e a idade temperá son factores importantes como provocadores da violencia, uníndose tamén a acción pouco contundente da xustiza fronte a actos violentos no deporte. Xeralmente existe tamén apoio e permisividade por parte dos clubs. Todos estes factores fan que hoxe en día no fútbol español se desencadeasen dous fenómenos en un. Por un lado, a violencia protagonizada polos tradicionais ultras, tipos que xa nin sequera se molestan en ir ó fútbol, senón que se concentran dúas horas antes do evento para buscar informadores, fotógrafos, viandantes que quizais non lles miren ben ou calquera outro motivo para descargar contra eles a súa ira contida por frustracións sen conto. Outro factor é o xurdido esta tempada, o furor enlouquecido do afeccionado de a pé, de seareiros alterados polo perigo que corre o equipo e que se deixan levar polo frenesí dunha violencia tamén enlouquecida. Os expertos afirman que o problema é que os primeiros son coñecidos e facilmente controlables pero seguen soltos e incontrolables. As novas formas de violencia que se están detectando caracterízanse polo seu progresivo afastamento do terreo de xogo, a perda progresiva da súa significación deportiva e a aparición de evidentes elementos racionais e de planificación.

Podemos comprobar que dende o punto de vista lexislativo se están tomando medidas para previr a violencia nos estadios de fútbol, pero non están tendo suficiente efectividade. Quizais porque non están aínda interiorizadas as motivacións desta violencia. A agresividade non provén unicamente de rivalidades deportivas senón que tamén ten causas sociais, políticas culturais e ideolóxicas. Polo tanto o control destes grupos non só require medidas policiais, senón administrativas, xurídicas e, por suposto, deportivas. As solucións para erradicar este problema terán que estar encamiñadas a diminuír a disparidade económica e crear máis emprego. Son precisos cambios sociais e novas actitudes culturais. Neste senso Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra, afirma que para cambiar a violencia, primeiro hai que cambiar o sistema e o papel que xoga o fútbol. “Habería que comezar polos medios de comunicación. Pero se iso o cambias vénse abaixo todo o tinglado, que move miles de millóns de pesetas, daría lugar á quebra da televisión, dos periódicos, de empresas de publicidade”. Cabe pensar que hai demasiados intereses en xogo. No noso ámbito galego, o control da violencia nos estadios galegos pasaría por darlle unha identidade colectiva, galega, ós distintos seareiros, loitando contra os localismos e contra as diferencias agro-cidade, leste-oeste que se observan.

Cabería dicir que se un día se chegase a comprobar que o espectáculo deportivo é pernicioso e se fixese desaparecer, a sociedade inventaría outro ámbito sobre o que envorcar a súa agresividade, xa que na violencia deportiva hai causas radicadas no ámbito social, político, cultural, ideolóxico e financeiro, como tamén deportivo.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011