ACTIVISMO E SOCIEDADE

Ricardo García Zaldívar, presidente de ATTAC-España: «Mentres sigan existindo paraísos fiscais non hai nada que facer»

A esquerda asómase a un tempo novo, con novos retos e un novo repertorio mobilizador, e procura espazos e discursos nos que converxer para a defensa das conquistas sociais e do estado de benestar, mais tamén para recuperar a iniciativa e a indignación. Dende o seu nacemento hai unha década Attac erixiuse en referente dos movementos transformadores…

achegando bases discursivas para a sensibilización e a formación de activistas e colectivos.

Pódese dicir que Attac ofrece a base teórica para a contestación ao sistema?

Nos noventa estabamos vivindo unha globalización feliz. Caera o Muro de Berlín, fronte ao capitalismo non había nada, o neoliberalismo arrasaba, pero non só entre a xente que defendía o sistema a cegas, senón tamén entre os que poderiamos chamar de esquerdas. Seguían as vellas gardas comunistas e trotskistas co seu discurso inalterable, pero cada vez chegaba menos a unha sociedade que non era receptiva. Nese momento aparece un reduto de análise crítica, fresca, dende as páxinas de Le Monde Diplomatique, pola acción dos seus directores, Cassen e Ramonet, e en 1998 xorde Attac. Conclúese que o problema son as finanzas, que os mercados están desbocados, por que non retomar a idea de James Tobin? Pero non só para mellorar o funcionamento do sistema, senón para mellorar a vida dos cidadáns. A resistencia nese momento baseábase na asistencia a contracumios, en Seattle, en Davos, pero Attac e outras sete organizacións lanzan a idea do Foro Social Mundial, cunha perspectiva internacionalista e aproveitando as novas tecnoloxías.

Pero nos últimos meses Attac comeza a ser máis coñecida en España, non?

En xaneiro deste ano temos unha primeira reunión con Democracia Real Xa. Xa antes tiveramos contactos con moitos colectivos, buscando converxencia: hai tres anos Attac intentara xuntar colectivos, sindicatos alternativos e ONG combativas, nunha cousa chamada Activos contra a crise; o ano pasado impulsamos as Mesas de Converxencia. Pero estas iniciativas non tiñan a frescura que despois tivo a xente de DRX, que vén falar connosco porque din que o noso traballo é unha referencia para eles. Despois do 15M a xente de Attac participa activamente nas asembleas. Moita xente non entende que é Attac, nin entende que nós non somos unha plataforma partidaria. A xente de Attac pode estar en Equo, en Izquierda Anticapitalista, en IU, no Bloque… Attac é un movemento para a transformación social, non somos nin unha ONG asistencial nin un grupo de amigos.

Que cambia no 15M? Por que se produce agora esta contestación? Parece como se no interior da xente rachase esa idea tan paralizadora, a de que non se podía facer nada, de que non había alternativa…

Chega un momento no que a xente está tan indignada que xa non pode quedar na casa vendo a televisión ou lendo El Jueves


Esa é unha análise micro: Chega un momento no que a xente está tan indignada que xa non pode quedar na casa vendo a televisión ou lendo El Jueves. Efectivamente, a nivel micro algo cambiou e a xente sae á rúa. Pero a nivel macro estamos tan mal que o poder nin sequera necesita usar a violencia, abóndalle con controlar os medios de comunicación. O gran problema de moita xente é que chegou a un límite máximo de endebedamento para seguir levando unha vida que lle meteron na cabeza que debe levar, a que supostamente lle dá a felicidade.

A clave segue sendo como organizar o sistema económico e financeiro mundial e poñelo baixo supervisión democrática? Como facelo? A taxa Tobin ten cada vez máis apoios…

A nosa análise sobre a taxa Tobin era a correcta e de feito cremos que se vai acabar aplicando, sexa no 2012, sexa no 2014. Agora traballamos máis con outra bandeira: a loita contra os paraísos fiscais, que é aínda máis importante. Estamos convencendo á xente de DRX e do 15M para que a mobilización do 15 de outubro, que vai ter unha grande importancia a nivel mundial, se centre na eliminación dos paraísos fiscais. Unhas semanas despois reúnese o G20 e a presión vai ser moi importante. Xa se debateu no cumio do G20 en 2008, cando os países ricos estaban realmente asustados, pero despois pasou o que pasou: a banca pasou de estar aos pés dos cabalos a ter un enorme poderío de novo, poñendo os estados contra as cordas co tema da débeda soberana. Mentres sigan existindo paraísos fiscais non hai nada que facer. España perde anualmente 40 mil euros por fraude fiscal.

Como valora Attac a forma en que Europa, as súas institucións políticas e económicas, está enfrontando a crise? Está quebrada politicamente? Haberá eurobonos?

Vendéronnos unha Europa monetaria. Había moito interese por ter unha moeda común, pero unha moeda común require unha política fiscal común e un banco central público que defenda esa moeda. Pero aquí concibiuse un banco central que non ten as funcións centrais que debe ter un banco central, este o único que fai é vixiar a inflación. O banco central norteamericano vixía o funcionamento da economía, impúlsaa cando se estanca, de xeito que non se resinta a creación de emprego. A diferenza entre Estados Unidos e Europa é que eles practican políticas de impulso e nós non facemos nada. Mentres non haxa unha política fiscal harmonizada, non se pode facer nada. Os eurobonos son só un parche, pero hai que apoialos. É unha boa medida, pero é insuficiente.

Que implicaría saír do euro?

O problema non é Europa, é o sistema, a estrutura de Bruxelas

O tema non é saír do euro, non creo que esa sexa a solución. Se saímos do euro, volvemos ter a máquina de facer pesetas e podemos exportar en mellores condicións, pero tamén os outros países exportarán máis barato, polo que o efecto se dilúe. A cuestión é se Europa funciona como unidade, de se o traballador alemán e o traballador grego actúan na mesma dirección ou só se preocupan polos seus intereses nacionais. E se Europa como conxunto asume os problemas dunha das súas partes, de se a elevada débeda e o elevado risco gregos se compensan coas escasas débedas e riscos alemáns, como pasa en Estados Unidos coa débeda californiana. Estar no euro é unha cuestión política, non é unha decisión economicista, depende de se os cidadáns se senten europeos e cren que Europa é un espazo no que se poden resolver problemas. O que sucede é que a Europa que temos non funciona, o problema non é Europa, é o sistema, a estrutura de Bruxelas. A solución pasa por máis Europa social.

Como xerar espazos de converxencia na esquerda para levar a cabo un programa transformador e de defensa do público?

Estas cousas non se fan dun día para outro. Poñámonos a traballar xa para dentro de catro anos, poñámonos a traballar en converxencia, coa base do 15M ou do que veña, pero coa idea instalada na xente de que as cousas poden cambiar, que a xente teña actividade política, e despois xa se constrúe unha alternativa política. Está claro que ese é o camiño, que hai que converxer. Nestes momentos o modelo alemán, cun Die Linke e uns verdes moi fortes, é irrepetible en España, pero hai que traballar para iso. Nese proceso de converxencia Attac non vai participar como organización, senón que imos seguir co que estamos facendo: sensibilizar, educación popular, detectar os temas que son importantes e nos que pensamos que a xente e as organizacións necesitan afondar.

Que papel deben xogar os sindicatos neste proceso?

Nos grandes sindicatos -porque despois están os alternativos (CGT, CNT) e os nacionalistas- hai unhas bases politizadas que sen elas non se vai poder conseguir transformación social ningunha. Esas bases son un poderío co que hai que contar. Despois están as cúpulas, que están cada vez máis afastadas da base. Creo que o 15M se trabuca cando di que cos sindicatos non quere participar en nada. Aí hai un traballo que facer e vaise facer.

E como vai actuar o PSOE despois da previsible derrota do 20N?

O revés vai ser moi forte e os reveses fan cambiar os partidos. Hai que ver como vai ser o reparto de forzas interno no PSOE, pero é evidente que cando apareza un tipo do PSOE nunha mesa hai moita xente que vai dicir que co PSOE non vai nin á volta da esquina. Zapatero cometeu erros? Ou é que o seu pensamento neoliberal lle impide enfocar as cousas doutra maneira. Creo que a cuestión non vai ser chegar a compromisos fortes senón a accións concretas, por exemplo nas mobilizacións que vai haber en defensa dos servizos públicos. Vai depender do sectarismo e das táboas políticas das persoas que vaian estar nunha beira e na outra.

 

Este artigo foi publicado no número 173 de TN, de Outubro de 2011

Avatar of Marcos Pérez Pena

Márcos Pérez Pena é xornalista. Desde outubro de 2010 coordina a sección Redes Cívicas de Tempos Novos.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011