ACTIVISMO E SOCIEDADE

Francisco Delgado: «A crise non está a afectar á Igrexa porque é inmensamente rica»

O pasado día 26 de outubro o Movemento Estudantil Universitario celebrou, na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, un coloquio baixo o título de “Laicismo, a debate”. Nela participaron, entre outros, Francisco Delgado, presidente de Europa Laica, que aproveitou a ocasión para presentar o seu libro Aprender sin dogmas. Con el conversou Tempos Dixital.

Ao entrar na páxina web de Europa Laica podemos ver a seguinte frase do filósofo alemán Arthut Schopenhauer: “Las religiones, como las luciérnagas, necesitan de oscuridad para brillar”. Cre na vella proclama de relixión, opio do pobo?

Si, é unha definición bastante clara e concisa. A relixión é poder, a relixión significou en moitos ámbitos do mundo ao longo da historia un instrumento para manexar aos cidadáns a título individual, para impoñer uns determinados plantexamentos concretos que van en contra da liberdade de pensamento, conciencia e expresión.

Unha das críticas máis feroces das organizacións laicistas, como a súa, radica no financiamento público da Igrexa. Cales son as vías de financiamento de Europa Laica?

Europa Laica ten unha cota dos socios, que somos poucos. Na Asemblea aprobouse non pedir nigunha subvención ao Estado e, polo tanto, só vivimos das cotas e dalgunhas donacións que os socios conceden. É un orzamento cativo propio dunha asociación de pensamento e axitación social. Nós non temos grandes necesidades de cartos, polo tanto coa cota chéganos de sobra.

FOTO: Diario Público

No acto presentou o seu libro “Aprender sen dogmas”. Nel dise que o laicismo non é un engadido eventual, senón un elemento consus­tancial da democracia dende a súa orixe. Así, na escola pública nun Estado democrático esta ten que ser universa e laica, senón non pode cualificarse como democrática. En que se concreta ese modelo ideal de educación laica e en que se diferencia do actual modelo?

Educación laica é aquela que intenta evitar que calquera ideoloxía domine no ámbito educativo. As ideoloxías son configuracións concretas do ser humano, pois unen a súas propias formas de pensar para un determinado fin. Entendemos que no ámbito da escola o que debe primar é educar na maior neutralidade posible para que os mozos e mozas adquiran unha serie de ferramentas intrumentais que lles permita ser libres. Calquera tipo de ensino baseado nunha ideoloxía particular dun grupo, xa sexa relixiosa, atea, ou de calquera outra natureza o que está facendo é desvirtuando o fin propio do ensino, que é desenvolver o pensamento crítico das persoas e desenvolver a súa integridade.

Cal é a relación de Europa Laica e dos seus afiliados cos partidos políticos?

No ámbito de Europa Laica non preguntamos a que convicción se pertence, a que partido, a que sindicato, e supoñemos que hai persoas que militan en partidos políticos diferentes e persoas que son relixiosas ou ateas. O que si que procuramos é eliminar da esfera de Europa Laica calquera posición partidaria. Ademais temos que ser moi claros: os partidos que configuran a maioría lexislativa tanto a nivel central como autonómico non están pola labor de desenvolver a constitución do Estado Laico.

A propia Constitución Española mantén elementos de confesionalidade

Que diferencias existen entre un Estado laico e un aconfesional?

Estamos no terreo da etimoloxía das palabras e da forma de interpretar. A aconfesionalidade sería o paso previo á constitución do estado laico que entendemos que é onde realmente non existe ningunha inxerencia relixiosa. Hai quen fala de que España é aconfesional segundo a Constitución. En parte si, pero teñamos en conta que a propia Constitución mantén elementos que a fan confesional: por unha parte o capítulo II, que remarca a monarquía católica imposta polo vello réxime; ademais no artigo 16.3 a única entidade privada que se menciona é a Igrexa católica. Polo tanto hai claros rasgos de confesionalidade.

En que medida foi Zapatero, tal e como di a dereita, un auténtico azote para a Igrexa e para o Vaticano?

Nós pensamos que Zapatero o que fixo nunha primeira etapa foi desenvolver unha serie de leis que ampliaban certos dereitos importantes, como o referente á lei de matrimonios entre persoas do mesmo sexo ou a lei do aborto. No terreo das relacións Igrexa-Estado non deu ningún tipo de paso, é máis, dende que goberna Zapatero a Igrexa gañou en privilexios, sobre todo de tipo económico. A Igrexa nestes instres recibe do Estado por vías de exención de tributos e cartos preto de 10.000 millóns de euros ao ano. Iso é que nos consta, porque logo aparecen outras asignacións a múltiples asociacións ligadas á mesma a diario e iso é moi dífícil de cuantificar.

Suporía un paso atrás na separación Igrexa-Estado a chegada de novo do PP ao goberno?

Podería ser, pero hai que velo. A historia está chea e repleta de cuestións estrañas. Lémbrome de que na época do presidente González non se quixo eliminar a mili obrigatoria e na época do presidente Aznar eliminouse sacándose da cadea a case que mil insumisos. É evidente de que vai a depender das maiorías e minorías no Parlamento de España, e se ten maioría absoluta posiblemente intentará frear avances en dereitos civís, pero dependendo moito das distintas resolucións do Tribunal Constitucional, como é o tema dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo. O que si que é certo é que en canto aos privilexios da Igrexa Católica vanse quedar tal cual, xa que é imposible que se lle poidan dar máis.

Chegou a afirmar que «jamás he sido un siervo de la Iglesia y, por eso, no tengo nada que apostatar. No pedí que me bautizasen. Ni comulgar. Lo hicieron sin preguntarme. Ya he apostatado en conciencia y eso, para mí, es suficiente». Vostede, polo tanto, presidente de Europa Laica, segue a saír no chamado “censo” da Igrexa. Como se come iso?

Non hai censo! É un erro. É das poucas organizacións que non entran dentro da lei de protección de datos. O Estado debería obrigar a ter un censo regulado como ten calquera tipo de asociación, e a Igrexa funciona polas persoas que no seu momento se bautizaron, e ata hai 30 anos era obrigado. No meu caso, a verdade, non pedín ser bautizado, non pedín a comunión, e conforme fun medrando funo facendo ao marxe da Igrexa Católica. O único que sabe da min a Igrexa é un apunte que ten o libro de bautismo porque meus pais así o decidiron.

Estamos nunha situación na que a cidadanía vai por un lado e as institucións pola outra

Reciben moitas queixas sobre as trabas que pon a Igrexa para apostar?

Si, moitas. E ademai vai por abispados, por dióceses. Hainas onde non poñen trabas e noutras si. Nós non somos unha organización que fagamos campaña pro-apostasía, xa que entendemos que é un tema individual: axudamos ás persoas que nolo solicitan nun momento determinado a que ese dereito que teñen o poida exercer.

Dígame, non a tacharon moitas veces de anticlerical?

Si, de anticlerical e de ateo. Sen saber se son ateo ou non. ¡Eu nunca dixen cales son as miñas conviccións! Son miñas, persoais e evolutivas. E si que son anticlerical cando creo que o clero vulnera dereitos fundamentais; son anticlerical cando as mulleres dentro da Igrexa non poden ser curas; son anticlerical cando a Igrexa fai campañas en contra de dereitos como a interrución do embarazo ou do dereito de como poder utilizar a sexualidade libremente.

É o Estado Español un dos Estados de Europa máis atrasados con respecto á concepción laica, tanto social, como institucional como xuridicamente?

Institucional e xuridicamente si, socialmente non. Salvo en certas costumes como en Semana Santa ou no Nadal. Pero si que a nivel institucional e a nivel xurídico España está moi atrasada. Quizais soamente das democracias formais europeas estemos ao mesmo nivel que Grecia coa Igrexa ortodoxa, e moi por baixo que o resto de paises da UE.

Está a afectar a crise á Igrexa?

Non. A crise non está afectar á Igrexa porque é inmensamente rica, e o certo é que se lles sobran mándaos ao Vaticano. Polo tanto pódese dicir que é a única entendidade privada que non lle vai a afectar a crise. Onde si que teñen crise é nos seminarios: a media de idade dos curas é de 62 anos.

Desenvolven unha camaña permanente para erradiciar simbolos relixiosos dos edificios públicos. Queda aínda moito traballo que facer?

Desenvolvemos moitas campañas. Sobre o tema da simboloxía, cómpre dicir que nos ámbitos escolares os símbolos foron caendo, pero todavía quedan moitos símbolos relixiosos en lugares moi visibles. Os ministros prometen e xuran diante da biblia e do crucifixo e nos representan a todos; igual que moitos alcaldes e concelleiros, que asisten a actos relixiosos en representación de toda a cidadanía; a relixión está nas escolas dentro do horario lectivo; fináncianse centros concertados católicos con cartos públicos. Estamos nunha situación na que a cidadanía vai por un lado e as institucións polo outro. Pero cremos que conforme as xeracións vaian avanzando todo caerá polo seu propio peso.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011