ACTIVISMO E SOCIEDADE - CULTURA

Debuxando sorrisos en Palestina

Setembro de 2011 poderá pasar á historia de Palestina por ser un mes no que moitos eventos sucederon ou tentaron ser por primeira vez na vida. Se ben o recoñecemento internacional ao estado palestino é un argumento que leva anos de dando voltas polo mundo, a xira do Festiclown conseguiu, nos quince días de estadía en Palestina, unir diferentes xeitos de rir e facer rir, sen necesidade de argumentos previamente concibidos e asinados, agás o de gozar.

Abandeirados por Iván Prado, Leo Bassi e Patch Adams, que lograron izar bandeiras e mesmo cravar estandartes nos pasos fronteirizos que se erguen en Cisxordania; preto de cincuenta peregrinos da risa ocuparon os Territorios Palestinos durante a primeira metade do mes de setembro. “Guerrilleiros do amor e okupas do corazón”, como deu en definir o seu particular exército Iván Prado, director do Festiclown, estes pallasos lograron burlar o cotián, e así, “onde o exército israelí pon bombas, nós puxemos tortas de nata; onde o goberno israelí construíu muros, nós levantamos murallas de risas.”

Acrobacias, ilusións, maxia e ata provocacións desprazáronse dentro da carpa invisible dun festival que centrou as súas actividades en Nablus, Ramallah e Xerusalén. Foi en Nablus, no Norte, onde empezou a posta en escena. Xusto despois do Ramadán, durante as festas, o Festiclown aterrou no teatro ao aire libre do parque central da cidade. Calcúlase que durante os dous días da gala, dez mil persoas acudiron a sorprenderse coas coordinadas pallasadas de Tres puntos y aparte, as piruetas de La Poet Compagnie, a música cómica dos Irmaos Esferovite ou os malabares de Javi Javichy.

Despois da concentración no Norte, a carpa móbil e invisible trasladouse ao Teatro Nacional, en Xerusalén, onde a acollida foi tal que algúns dos artistas tiveron que saír ás portas da sala para compartir parte do espectáculo cos que quedaron sen asento. Como en Nablus primeiro e no Palacio de Cultura de Ramallah, despois, o escenario encheuse de improvisadas personaxes que se abrazaron e bailaron xuntos ao ritmo de berros pola liberdade. Co ritmo marcado por Leo Bassi, que pediu a axuda dos nenos e das nenas de Palestina para que as súas voces se escoitasen máis alá dos muros que rodeaban o Festiclown, os números non deixaron de darse paso entre eles. E así foi tamén na última gala, na Universidade An-Najah, en Nablus, onde se encheron as gradas do teatro aberto, que serviu de colofón do Primeiro Festival Internacional de Clown en Palestina.

Non faltaron o teatro de rúa nin as visitas a centros culturais, colexios e hospitais

A festa non só estivo no escenario, senón tamén entre o público, e é que non faltaron o teatro de rúa nin as visitas a centros culturais, colexios e hospitais. Os vinte grupos que formaban parte desta armada de narices vermellos foron rotando nos diferentes actos, cedendo e intercambiando postos de combate segundo a ocasión. Deste xeito, Silwan, unha das zonas máis conflitivas de Xerusalén, apoderouse dos globos riseiros de Peter Punk ou da maxia do Mago Teto, que non só agasallou con trucos fascinantes, senón tamén cun xornal en galego e cun billete que aumentou en valor.  Con todo, pola altura do médico da risa, Patch Adams, grande en fama e tamaño, foi inevitable que ese home de dous metros, vestido con todas as combinacións de cores posibles e cunha galiña de peluche na cabeza, concentrase toda a atención.

Risoterapia

Nos catro días que Patch Adams pasou en Palestina tivo tempo de debuxar sorrisos en cativos e adultos, tanto nas súas charlas como nas aulas que impartiu ou nos paseos que compartiu. En An-Najah, por exemplo, explicou os motivos que o levaron a crear un hospital gratuíto, baseado na amizade e a felicidade. Fillo dun soldado americano; a morte do pai e a idiosincrasia dunha sociedade que non era quen de comprender, levaron ao médico da risa a varios intentos de suicidio. Foi daquela, como paciente, que entendeu a medicina como un vehículo para o cambio social e, como el mesmo comenta, ao non ser guapo pero si bastante excéntrico, as rapazas non lle facían caso, polo que tiña tempo dabondo para tratar de achar xeitos de ser feliz.

Patch Adams leva corenta anos tentando abrir o seu propio hospital, cuxa principal forma de curación consiste na risoterapia, unha terapia da que non se considera o creador; en todo caso, o impulsor dunha técnica de relaxación que se achega á vida. Por iso, tras tantos anos de traballo constante, non oculta a súa total satisfacción ao recoñecer que o hospital xa ten forma e pronto existirá como tal, seguindo os pasos do Instituto Gesundheit que dirixe, e onde reside. E é que a súa idea da medicina é moi particular, tendo en conta os parámetros que a rexen hoxe en día, explica: non se trata de que a xente sinta que debe algo, senón de que pertence a algo. Así, a atención é fundamental nas citas con este médico risoterapeuta, que trata de gañarse a confianza da persoa que busca os seus remedios e adoita pasar máis de catro horas nun primeiro encontro.

A necesidade de integrarse na vida é a que levou a Patch Adams a pasar os seus primeiros seis anos de matrimonio compartindo leito, todas as noites, con máis dunha persoa. Confesa que a falta de intimidade nunca deteriorou a súa vida sentimental, xa que saber repartir e recibir felicidade só fai gañar vitalidade. De feito, o hospital no que traballa é unha especie de comuna na que a medicina vai acompañada de traballos de agricultura, educación, arte, recreación e saúde, facendo que toda a xente estea motivada, formando parte dun proxecto común.

O breve repaso á historia da risoterapia tivo a súa parte práctica da man do propio Patch Adams e de Ester Marín. O primeiro visitou o hospital de Saint George, no Monte das Oliveiras, en Xerusalén, e repartiu o tempo entre nenos enfermos de cancro, coidadores e familiares. Entre os adultos, sorprendidos polas carantoñas do pallaso, houbo quen afirmou que o día fora aínda mellor para eles que para os pequenos. Tanto uns como outros gozaron da historia do peixe de plástico que xa hai anos se fixo amigo do doutor Adams e dos seus pasos lentos e graciosos polos corredores do sanatorio. E co seu andar vagaroso, por mor dos zapatóns e dos saúdos inesperados que chegaban de todos lados, o humor mudo do risoterapeuta encheu as calellas da cidade vella de Xerusalén, uníndose así ao resto do grupo, disposto en flancos estratexicamente desordenados.

Apoio á celebración de Xerusalén como capital cultural do mundo árabe

O Festiclown cumpriu os obxectivos que tiña marcados dende un comezo: entrar e actuar en Palestina, paliar as consecuencias psicolóxicas do conflito, fomentar as artes circenses como alternativa social e económica, capacitar e incentivar á xente local implicada en tarefas deste tipo, ampliar a relación entre todas as partes participantes e máis apoiar a celebración de Xerusalén como capital cultural do mundo árabe. Os intercambios fornecéronse e o público esqueceu, cando menos por uns momentos, os problemas, desinhibíndose e deixando escapar calquera tipo de presión. Aí xogaron un papel primordial os talleres, que conseguiron proxectar o festival máis alá das datas manexadas nos cartaces.

As aulas de acrobacia, de malabares e de pallaso, nos circos de Ramallah e de Nablus, axudaron a levantar a estima dos aprendices e a confirmar as súas habilidades. Amais destes cursos, a risoterapia conquistou a espontaneidade de moitos palestinos e, nalgún caso, flexibilizou a sensibilidade, facendo que no canto de sorrisos aparecesen bágoas. Ester Marín, risoterapeuta, afirmou que é normal que a xente acabe un curso chorando, porque a risoterapia fai que afloren e se compartan sentimentos, porque a risa non deixa de ser unha arma liberadora; unha arma que aniquila “esa serpe que temos todos na cabeza e que nos roe o cerebro impedindo que riamos con liberade,” declarou.

O festival deu forma a ideas e proxectos non pensados nun primeiro momento, como o que xurdiu da imaxe do verme que aniña nas nosas cabezas. Ante a sorpresa dalgunhas persoas, que creron certo iso do becho na testa, Ester Marín decidiu escribir un cómic coas historias xurdidas durante os talleres impartidos en Palestina. Human Supporters, unhas das ONG’s locais implicadas no Festiclown, mostrou o seu apoio enseguida e dará así pé a unha nova peza que amose a realidade palestina dende un punto de vista orixinal e pouco común.

Da man dos tres artistas con máis peso: Iván Prado, Leo Bassi e Patch Adams, tamén naceu, no eido do Festiclown, un novo proxecto. A ilusión de darlle continuidade corroborouse nestes días e ao mesmo tempo déuselle vida ao grupo reivindicativoArtists Against the Wall” (“Artistas contra o muro”). A súa primeira acción, improvisada durante unha rolda de prensa, foi a de acudir ao muro de separación e fotografarse xunto á imaxe dunha nena con globos, dando vida á metáfora dese vo imposible.

Leo Bassi explicou as súas orixes como bufón en Israel, onde coñeceu a Ariel Sharon

Foi tamén nunha rolda de prensa onde Leo Bassi explicou as súas orixes como bufón e como chegou entusiasmado, hai preto de corenta anos e por primeira vez, a Israel. Nunha función, nunha base militar do deserto do Néguev, pediu colaboración a un comandante, pois os altos rangos sempre facilitan a risa dos outros. O mozo que se prestou á función era un tal Arik que deixou abraiado ao bufón ao comentarlle que “el era a espada do seu pobo e que podía ferir, matar ou mentir para defender esa terra, porque Deus llo pedira.” Cos anos, soubo que aquel rapaz louro e valente era Ariel Sharón e que aquela anécdota válelle de apoio á súa denuncia do trato cordial entre Israel, Estados Unidos e Europa.

Malia non ser o seu primeiro cometido, como “artivistas” natos tentaron mudar conceptos por uns días e foron políticos, como apuntou Iván Prado, citando a Leo Bassi: “se os políticos fan o pallaso, daquela será a quenda dos pallasos para entrar na palestra a faceren política.” Así, cunha liña de ruta especialmente trazada para a ocasión, o Festiclown atacou Palestina coma unha “arma de diversión masiva”, hipnotizando ao pobo palestino con humor e esperanza.

 

Este artigo foi publicado no número 173 de TN, de Outubro de 2011.

Avatar of Moncho Iglesias

Moncho Iglesias é escritor e profesor de lingua española na Universidade de Nablus, nos Territorios Palestinos.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011