ACTIVISMO E SOCIEDADE

A sociedade ponlle a máscara da igualdade ó machismo e ó sexismo

Dende a antigüidade, e salvando escasas sociedades matriarcais, a muller sempre estivo baixo o xugo do home. A historia foinos deixando os nomes que nas diferentes disciplinas configuraron a nosa cultura. Nomes, nunha gran maioría masculinos.

Porén dende os anos setenta e especialmente nos oitenta a muller grazas ás súas reivindicacións, incorporouse ó mundo laboral e adoptou costumes que eran masculinas ate entón. Pero ¿seguimos vivindo nunha sociedade patriarcal e machista? Contribúen os medios e a industria do entretemento a crear roles? Son favorables as leis da paridade? Publicidade, música, cine e política contribúen a inserir na sociedade estereotipos desfavorables para a integración da muller. Estereotipos que en último termo provocan un dos grandes problemas sociais que está en vigor cada día: a violencia de xénero.

Para a presidenta da Asociación de Mulleres Veciñais de Vigo, Rosa Fontaíña, o problema do machismo está lonxe de minguar. Fontaíña leva anos recorrendo colexios e institutos de Galicia para formar e informar ás rapazas da última consecuencia do sexismo e o machismo: a violencia de xénero. Para ela o problema non son as actitudes machistas ou sexistas en si, senón que as mulleres continúan aceptándoas. A orixe diso é, en parte, unha xeración de mulleres novas que educan neses valores ás súas fillas. “Hai moitas mulleres novas sometidas ós homes e transmiten iso, educan niso” aclara Fontaíña e engade que “moitas rapazas novas non saben distinguir bo de mal trato, e iso é o que nós queremos inculcarlles. Que te posúan, que te dominen non é amor. Hai que conciencialas do vital que é o respecto cara elas como mulleres e cara ó seu corpo. Teñen que poñer enriba da mesa os seus gustos, valores e preferencias”. Para a catedrática da Facultade de Ciencias Políticas, Marta Lois “unha sociedade patriarcal tamén está sostida por mulleres que son mediadoras e conservadoras desta cultura”.

Políticas insuficientes

As políticas de igualdade e paridade son un patrimonio moi recente nas lexislacións estatais. Hai quen, coma Fontaíña, non deixa de velas como “acenos paternalistas do estado” aínda que non deixan de ser “necesarias”.

Máis ca un aceno paternalista, son a demostración de que a sociedade é terriblemente machista, pois de non selo tales políticas non serían precisas. Lois afirma que en ningún caso deben verse como “algo regalado” ou como “condolencias”, pois constitúen os grandes logros dos movementos feministas.

Leis como a do aborto, a paridade nas listas electorais ou as de discriminación positiva, son esenciais para tentar manter o que Lois denomina “equilibrio social entre xéneros”. Lois matiza que nalgúns países, ó quitar a lei que estipula un mínimo de mulleres nas listas electorais, o sexo feminino volveuse “invisible” de novo no eido político. Para unha verdadeira igualdade é preciso que a muller poida ostentar o poder igual có home, nas mesmas condicións, coa mesma representatividade.

Para unha verdadeira igualdade é preciso que a muller poida ostentar o poder igual có home

Debido ás propias reivindicacións femininas, os gobernos deberían atender e lexislar as demandas da muller. Semellaba que os pasos que se tomaron, especialmente ate o 2008 eran os correctos. Porén para Lois “deuse non un paso, senón varios pasos atrás”. Mostra disto é o desmantelamento do Ministerio de Igualdade, a oposición dunha boa parte da dereita á Lei do aborto, ou no caso galego, a controvertida Lei de Familia. Dita lei obedece a un proxecto reprodutivo que non contempla á muller como tal. En palabras de Lois “muller pasa a ser substituído por familia”, contémplase antes ó feto que á muller. Nunha liña similar vai o debate xerado entorno á lei do aborto. Afiánzase de novo o rol da muller dentro do ambiente doméstico. Para Fontaíña, este tipo de políticas fomentan que a muller “acepte que ten que ser ama de casa, que é inferior ó home”.

A controvertida Lei da Familia obedece a un proxecto reprodutivo que non contempla á muller como tal

É evidente que a política fai moi pouco pola eliminación de roles e estereotipos, pois todos os canons que os medios verten sobre o papel da muller, dende a infancia quedan impunes.

O neno manda, ela limpa

A muller actualmente aposta e loita pola igualdade de oportunidades e por ter funcións iguais ás dos homes. Os medios de comunicación e a publicidade deberían colaborar e facer visible este cambio e erradicar estereotipos sexistas e machistas. Porén, a realidade é que a imaxe da muller aínda está relacionada coa súa condición de ama de casa e sobre todo do uso do seu corpo como idealización da beleza e expresión da sexualidade. Un bo exemplo disto son os anuncios para cativos.

Reparen a próxima vez que prendan o televisor. Segundo un estudo levado a cabo polo Observatorio da Publicidade Sexista (Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais) os protagonistas dos anuncios sentan xa quén debe dedicarse a qué. O oitenta por cento dos anuncios de bonecos teñen como protagonistas a nenas, que tamén saen no oitenta e seis por cento dos anuncios de entorno doméstico. En contraposición a isto, os rapaces protagonizan o noventa por cen dos anuncios de xoguetes de acción ou aventura e outros tantos dos de vehículos.

O estudo tamén menciona as actitudes de ambos sexos durante este tipo de publicidade. Os nenos sempre teñen unha actitude activa que se ve estimulada con frases que levan implícito poder e dominación: acepta o desafío, conquistarás o universo ou dominarás o mundo. Pola contra, nos anuncios para nenas as rapazas mostran unha actitude pasiva reforzada por unha linguaxe acaramelada, afectada e chea de diminutivos: casiña, vestidiño, canciño… e de expresións cariñosas: canto quero ó meu bebé, eu mimo ó meu gatiño. Este uso sexista da linguaxe comeza a inserir actitudes e roles na mente dos máis pequenos. Un anuncio no que saíra un rapaz coidando a un boneco resultaría raro para a gran maioría dos espectadores adultos, nunha sociedade igualitaria isto non pasaría.

O uso sexista da linguaxe comeza a inserir actitudes e roles na mente dos máis pequenos

A importancia do físico e a beleza é máis relevante noutro tipo de publicidade pero tamén se lle transmite ós cativos dende máis ou menos os sete anos. Un anuncio de bonecas di tan atrevidas coma ti e outro dun xogo de maquillaxe brillarás na pista.

Os cativos consumen moita televisión, e este bombardeo de mensaxes, que a priori pode parecer inofensivo, mesmo pasar desapercibido contribúe a inserir nos cerebros de ambos sexos actitudes machistas. En realidade, as mesmas actitudes que os propios homes lle inculcaban noutrora á muller a base de golpes agora incúlcaos a televisión dun xeito menos indoloro, pero igual de eficaz. A muller debe coidar dos seus fillos e estar no entorno doméstico e ser submisa e obediente ó home, mentres que eles deben manter unha actitude dominante cara a muller.

O sexismo cinematográfico e musical

O libro Cine e discriminación de xénero en España, da socióloga Fátima Arranz fai unha análise curiosa do papel que desempeña a muller nos filmes. O problema comeza na dirección, pois tan só o sete por cen das películas realizadas en España entre o 2000 e o 2007 estaban dirixidas por mulleres. Evidentemente quen dirixe é quen ten o poder e a mirada, por iso decote no cinema español as mulleres aparecen subordinadas ás accións e desexos dos homes. Esta desviación cara ás figuras masculinas transmite en último termo a mensaxe de que as figuras masculinas son máis importantes e as súas historias máis interesantes. Esta invisibilidade das mulleres pode apreciarse perfectamente en filmes como Alatriste, Días de fútbol, Los lunes al sol, Planta 4ª e dende logo en calquera das partes de Torrente. Outras veces, o que é incluso máis preocupante é que en Días de fútbol ou Torrente (entre outras moitas) as mulleres só interesan ou interveñen cando hai un capítulo sexual.

Máis aínda: os comentarios machistas adoitan aparecer con aceptación por parte de ambos xéneros e canto a violencia de xénero só nunha porcentaxe ínfima é condenada ou presentada de xeito negativo

Os comentarios machistas adoitan aparecer con aceptación por parte de ambos xéneros

Polo tanto a sétima arte queda reducida, no caso español a unha arte vulgar na que a muller e o seu universo quedan excluídos baixo unha capa de actitudes e comentarios sexistas ás que elas mesmas aportan compracencia.

Se é verdade que o cine seduce, crea mitos e alimenta desexos, a cosmovisión que aporta o cinema español vai pouco máis alá có triste mito da muller floreiro. A este respecto Fontaíña aporta a seguinte reflexión: “ a prostitución é un drama, pero as que se prostitúen nos filmes son felicísimas, unhas frívolas que só lles importa ir ben postas e beber champán frío”.

Se pasamos ó eido da música as cousas non melloran. A música sexista por excelencia é o reaggeton. Esta música importada de Latinoamérica ten letras cargadas de contidos violentos, sexuais e machistas. A xente moza escoita letras nas que á muller se lle encasqueta o papel de obxecto para dar pracer ó home. Pero o máis preocupante é que sexan algunhas mulleres as que evoquen este tipo de actitudes nas súas letras. Unha cantante di nas súa letra: “empiezas a agarrarme y a dominarme”, e coma ese exemplo hai moitos outros. Se unha adolescente escoita ós seus ídolos musicais, que son mulleres, dicir isto é probable que o vexa como normal, cando non o é, como dicía Fontaíña, non distinguirá o bo do mal trato.

En definitiva, a capa de igualdade que a sociedade pretende transmitir non é tal. Seguimos sendo machistas e as cousas non mellorarán mentres os medios continúen sendo difusores desta cultura. Non serve de nada que as asociacións feministas denuncien cancións mentres seguen cantándose outras igual de agresivas. Non importa que a muller chegue ó poder se non se erradican estereotipos da industria publicitaria e cinematográfica. De pouco serve que haxa homes concienciados mentres algunhas mulleres continúen educando no machismo. Os estados deben tomar decisións rotundas á hora de lexislar en prol da igualdade e en contra da difusión de roles. As nais, os pais e todos e cada un de nós debemos concienciarnos de que a educación é o paso previo a rematar co problema. Porque non esquezan que a consecuencia última de educar en desigualdade é unha pandemia chamada violencia de xénero.

 

 

 

 

Avatar of Sara Torreiro

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011