ACTIVISMO E SOCIEDADE

II Festival Agrogay da Ulloa

II Festival Agrogay da Ulloa

A vangarda está no rural

Silvia Pena Texto

Braulio ten o corazón á metade da súa capacidade. É algo no que penso moitas veces. Hai xa un par de anos que un problema cardíaco o apartou de xeito temporal da horta, o espazo multicolor que abraza a súa casa e onde cultiva tomates e leitugas, entre as liortas das súas pitas e os seus cans, sempre de gran tamaño aínda que completamente inofensivos. A primeira vez que o escoitei desde que saíu do hospital pregunteime se a partir de entón podería querer só ao 50%. Foi da súa implicación no II Festival Agrogay da Ulloa de onde obtiven a resposta.

O pasado 29 de agosto o colectivo homosexual estaba convocado a deixarse ver na Granxa Maruxa, en Monterroso, a mesma da que saen as galletas de nata con destino a medio país, unha das maiores delicias culinarias da zona. O festival tiña un obxectivo moito máis ambicioso cá reunión dun colectivo, a simple separación en función da condición sexual. E conseguiuno. Ben é certo que se pretendía darlle visibilidade e agradecer o esforzos de todos os homes e mulleres que cada día tratan de rematar cos prexuízos, coas etiquetas, coas imposicións dun tempo que, tampouco no rural, debera volver. Pero o encontro ía máis alá, ía de futuro, do sustentable, da loita pola recuperación das orixes, da terra, dun modo de vida que, pese a vivir forxado na tradición, hoxe tamén é vangarda. Vangarda é apostar polo rural para vivir, sen que iso implique limitación ningunha, vangarda é dedicarse á agricultura sostible, á artesanía, vangarda é saír á rúa defender os dereitos dun prezo do leite digno. De aí a porta de entrada ao recinto na que podía lerse: para entrar, hai que saír. Puro simbolismo.

Desde a Ulloa reivindicouse unha sociedade que coopera, que se fai forte como colectivo e potencia os valores dun rural en loita, pero non só. É un rural que soltou lastre, que non se avergoña da súa procedencia, senón que a emprega como altofaltante para presumir, con orgullo (non só gai), dun modo de vida que lonxe de extinguirse se vén arriba.

A diversidade e a tradición déronse a man na carballeira da Granxa Maruxa ao longo de toda a xornada.  En pouco máis dun ferrado de terra conseguiron recrear, de xeito exacto, o que supón a vida no campo en Galicia no século XXI. Unha paisaxe na que a segadora convive coa exposición de fotografía de Vítor Nieves, na que as vacas remoen coa frauta máxica de Mozart mentres de lonxe se escoita a Davide Salvado: «Preciosa onde me levas, eu xa non teño vontade/Para esquecer os teus ollos/Para quererte a metade».

O movemento agrogay ábrese paso desde A Ulloa como un escaparate que outorga visibilidade a todas as opcións sociais e afectivas, que lles permite aos veciños e veciñas mostrarse tal e como son, aproveitar as sinerxías desde a raíz, defendendo unha forma de vida que reivindica, por riba de todo, a dignidade. Este verán Ses encheuse de dicir por prazas e pobos de media Galicia: “falta identidade que axude a vivir”. Na Ulloa non, na Ulloa expórtase esa identidade que non só axuda a vivir, senón que contribúe a facer un país máis libre e valioso. Se falamos só de saúde é posible que o corazón de Braulio minguara. Agora ben, non teño dúbidas de que no sentido afectivo alcanza a plenitude. Como el mesmo dixo: “longa vida ao movemento agrogay”.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011