No TEMPOS NOVOS de decembro definimos o 2018 como “o ano en que Europa perdeu a alma”. Ula Europa solidaria, a que xustificaría unha verdadeira Unión? Unha ampla reportaxe de Ruth Sousa, co drama de migrantes e refuxiados no corazón do xornalismo social.
Outro dos contidos: un especial sobre a pervivencia,como filosofía e política, do pensamento de Karl Marx, no bicentenario do seu nacemento.Unha entrevista en profundidade con Ramón Máiz, catedrático de Teoría política, abre camiños novos de análise.
Unha terceira proposta neste número: entrevistamos a Víctor Sampedro, experto en ciberdemocracia, que aporta un menú defensivo contra as mentiras de Internet e as redes sociais.
Justo Beramendi titula a súa crónica política:” Quo vadis, Pedro”.E o sucedido nas eleccións andaluzas ten no meu comentario mensual unha interpretación non simplificadora: ” O poder de axenda” explicaría,canda outras causas,a sorpresiva emerxencia do parafascismo de Vox.
E aparte das sección de crítica cultural, Carlos Rego asina unha reportaxe dándolles voz ás bandas do novo pop galego,e en galego, que estrean un terceiro traballo baixo o paraugas “Galician Bizarre”.