ACTIVISMO E SOCIEDADE

Casares: «Non concibo unha suba de taxas sen unha suba de bolsas»

As primeiras reaccións galegas ante os ataques ao ensino xa se fixeron ver ó longo destes días. Por unha banda un nutrido grupo de alumnos pechábase na Biblioteca da Facultade de CC. Económicas e Empresariais da USC. Facíano para denunciar, segundo din representantes da Liga Estudantil Galega »os desmesurados e inxustificables recortes en educación que por parte do Goberno Central se están a levar a cabo». Unhas rebaixas orzamentarias que van influír »na calidade do ensino ou tamén provocar unha elitización no sistema educativo». Polo outro lado tanto o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, como o da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luis Armesto, manifestáronse contrarios a tal suba a través dos seus consellos de goberno.

O último golpe tócalle ó ensino superior. A noticia producíase hai unha semana cando o Ministerio de Educación publicaba as novas medidas de recortes para paliar a crise. A sorpresa era desta vez o incremento de entre o 50 ate o 66% das taxas universitarias mediante un Real Decreto. E este non é o primeiro ataque do goberno ao ensino. Os 3.000 millóns de euros menos nos orzamentos, a redución do 12% dos recursos para as bolsas, ou mesmo, a transformación do modelo universitario a través de medidas como a Normativa de Permanencia ou a Estratexia Universidade 2015 (o último paso do Plan Boloña, que camiña cara a un maior peso do capital privado na Universidade) son motivo suficientes para xustificar o peche. Por outra parte, o día 10 de maio terá lugar a manifestación na que está previsto que participen os Comités e as xuventudes do BNG, Galiza Nova, a Liga Estudantil galega e está previsto que se sumen máis e na que intentarán paralizar o ensino como resposta as medidas adoptadas polo Goberno.

 

Galicia di non á suba

'Cremos na Universidade Pública e Gratuíta' di un cartel da Liga

Os desequilibrios orzamentarios da USC son unha eiva que o ente público leva arrastrando varios anos e a súa débeda ascende a 71,5 millóns de euros entre préstamos e anticipos reembolsables. As reducións das partidas do plan de financiación da Xunta non contribuíron a mellorar esta situación. Un dos membros da Liga Estudantil Universitaria, Xabier Villares, explica que «a universidade pública debe financiarse dignamente, a Xunta non pode reducir o orzamento xa baixo que ronda o 0.7%, debería estar en torno a 1,5% que é a media dos países en Europa». Ó fío disto o reitor da USC, Casares Long afirma que a suba de taxas non sería suficiente para que as universidades españolas sexan competitivas, senón que é preciso «dotarse dunha estrutura organizativa e poñer uns recursos, unha financiación que faga posible o que sen todo isto será un desideratum«. Para o reitor, tal dotación ten que provir do estado porque «a financiación das universidades provén das administracións publicas, a maior parte, e outra fonte son as achegas privadas a partir das taxas de matrícula, nun grao moito menor». Casares resumiu que non é coherente levar a cabo unha suba de taxas á par que unha redución da financiación pública.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo deicidiu pasarlle a pelota do financiamento ós reitores e declarou que deixaba nas súas mans se debían subir as taxas ou non. Para Casares son unhas declaracións que «non se van corresponder coa realidade» porque «é unha decisión do goberno central que a nós non nos compete en nada».

A USC decidiu plantarse ante unha medida que «senta precedentes moi perigosos» en palabras de Villares. Así, aprobou por unanimidade no seu Consello de Goberno. Tamén na UDC e na Universidade de Vigo, Armesto e Mato, decidían que a suba das taxas non é a solución ós problemas de orzamento da universidade. «Non terán ningunha repercusión práctica» zanxaba Armesto. Mato pola súa banda afirmou que tampouco subirá as taxas agás que se vexa «obrigado». Ó mesmo tempo Long afirmou que mantería unha reunión cos reitores de Vigo e A Coruña ó longo da pasada fin de semana para tratar este tema.

Os recortes en educación debe ser o último que se pode facer, cando temos poucos cartos hai que priorizalos

No caso da Universidade de Santiago de Compostela (USC) os retos semellan difíciles de abordar. Para o reitor, Casares Long, o desafío consiste en alcanzar a «sostibilidade». «A universidade, axustándose ós tempos difíciles que toda a sociedade española e tamén a galega están a sufrir, ten que seguir medrando porque todo o mundo está de acordo con que a solución á crise actual pasa pola universidade» afirmou o reitor.

 

»Que estuden sempre que poidan»

Que «estuden sempre que poidan, porque senón as matrículas vanlles ser máis caras». Estas eran as verbas do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, logo dun Consello de Goberno no que lle pasaba responsabilidades sobre o financiamento aos Reitores das tres universidades galegas. A opinión de Casares é diametralmente oposta á da política de axuste educativo «os recortes en educación debe ser o último que se pode facer porque somos conscientes da crise, pero cando temos poucos cartos hai que priorizalos». A educación superior nunca foi quen de ocupar as primeiras páxinas dos periódicos e dos medios de comunicación e por iso é unha mensaxe difícil de transmitir á poboación, pero está claro que o progreso social que vén dado por unha mellor calidade de vida refírese á saúde pero tamén á educación». O reitor ó fío disto engade que «foi a universidade quen conseguiu crear esa clase media que deu moitísima estabilidade ó país.

Membros da Liga no peche na Facultade de CC. Ecómicas e Empresariais

Canto ós estudantes que permanecían pechados en económicas deron por finalizado o seu encerro ó producirse o que querían: a repulsa ó «decretazo» da suba das taxas. A escolla dunha biblioteca para pecharse obedeceu a unha causa dupla: «é unha dobre reivindicación porque por un lado as declaracións do presidente da Xunta, parecéronnos bastante ofensivas, que nos puxéramos a estudar, entón poñémonos a estudar aquí 24 horas e ademais evidenciamos outra eiva histórica da USC nos últimos tempos que é que non hai ningunha biblioteca aberta 24 horas nin sequera en época de exames» explicaba Villares. Malia que deron por levantado o peche tanto den a Liga Estutantil Universitaria, como dende Comités, PAS ou a PUDUP anuncian próximas medidas e manifestacións contra unhas medidas e uns recortes que, coinciden en aprezar, precarizan e elitizan a calidade do ensino.

 

Últimas reaccións

O descontento amosado e a negativa á suba das taxas dende os tres reitorados galegos a este Real Decreto fixo que o titular de Educación, Jesús Vázquez, manterá hoxe (mércores, 2 de maio) unha reunión con Mato, Armesto e Casares para expoñer ós reitores as vontades, segundo o PP, da suba das taxas que no caso galego sería «a menor posible» tal como vén de declarar o xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo.

Para saber máis, podedes escoitar aos entrevistados facendo click sobre cada nome.

Anxo Teixeiro, membro da Liga Estudantil Galega

Ana Castro, membro da Liga Estudantil Galega

Xabier Villares, membro da Liga Estudantil Galega

Raquel Vázquez, membro da Liga Estudantil Galega

Juan Casares Long, reitor da Universidade de Compostela

 

Avatar of Sara Torreiro

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011