ACTIVISMO E SOCIEDADE

A Xunta manterá a proba do talón

A Xunta de Galicia deu marcha atrás e manterá as características da proba do talón. Galicia aplicará unha análise de 29 patoloxías no diagnóstico a recén nacidos, anunciou o Sergas, despois da polémica aberta cando asociacións de pacientes e pediatras denunciaron a súa intención de reducilas a unha ducia. A decisión do Sergas responde ás suxestións dos profesionais para o «deseño do programa de cribado de metabolopatías» e prevé «manter as patoloxías que viñan cribando até agora, incluídas sete indicadas polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade», segundo un comunicado da Consellería de Sanidade. A pediatra Marian Rodríguez Blanco explicou en declaracións a Radiofusión que «é unha cuestión de filosofía: se temos un sistema que funciona con 40 enfermidades, como se teñen que ser 50, moito mellor». Lembra que Galicia é unha comunidade pioneira nos programas de cribado nenonatal dende 1978 e que conta co CHUS como centro de referencia estatal. O problema de reducir as análises que permiten localizar de xeito precoz nos meniños as doenzas menos frecuentes «é a dificultade de diagnóstico, polo que eses pacientes terán secuelas que lles quedarán de por vida». «A familia á que lle tocan esas enfermidades ten dereito ao diagnóstico máis precoz posible», e por iso Rodríguez Blanco critica que en materia de sanidade pública «os nosos políticos teñen unha visión curtopracista».

A nota indica que incluirá outras vinte e dúas patoloxías e afirma que «a Consellería de Sanidade cumpre desta maneira co obxectivo de manter e mellorar o programa de cribado de metabolopatías neonatales para dar a mellor asistencia sanitaria aos seus pacientes, en traballo conxunto cos seus profesionais».

O pasado 24 de marzo tamén o sindicato CIG-Saúde denunciou que das corenta patoloxías incluidas en Galicia a nenos e nenas na denominada proba do talón, o Sergas pretendía rebaixar a menos dun terzo eses diagnósticos.

O sindicato subliñou que ademais das «sete de obrigado cumprimento» establecidas polo Ministerio, o Sergas pretendía limitar a «cinco máis» ese tipo de diagnósticos, e denunciou que na Consellería «prevalecen» os «criterios economicistas, que van en contra dos obxectivos irrenunciables dunha sanidade pública de calidade».

Dous días despois, o 26 de marzo, tras o Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo e altos cargos do Sergas, aseguraron que as doenzas incluidas na citada proba se reducían para evitar un sobrediagnóstico. Negaron que a decisión tivera que ver con criterios económicos de aforro.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011