ACTIVISMO E SOCIEDADE

ENTREVISTA: Xermán Varela, Xuíz de Instrución do Xulgado número 2 de Pontevedra

Texto Luís Villamor

O presidente da avogacía española di que o novo Código Penal se fixo contra os cidadáns. Concorda?

Esta reforma o que fai é seguir a liña das anteriores, nas que, por desgraza, ademais, non se salvan ningún dos partidos que gobernaron, no que fai ao endurecemento sistemático das penas. Especialmente grave na regulación das faltas, que non desaparecen, a maioría se converten en delito. Afóndase ademais na indeterminación. Os termos que se empregan cada vez son máis ambiguos. E despois está o endurecemento brutal das formas de execución de penas. A punta do iceberg é a prisión permanente revisable, a cadea perpetua.

Un exemplo, referido á lei de Seguridade Cidadán: sancionan inxustamente a unha persoa por se manifestar na rúa e se quere recorrer terá que pagar taxas…

Si, ese sería o problema respecto da lei de Seguridade Cidadán. En xeral, o establecemento de taxas xudiciais está impedindo o acceso da cidadanía a un control xudicial das decisións no ámbito administrativo, e a unha posibilidade de acudir a pedir tutela xudicial nos seus diferentes conflitos privados. As taxas xudiciais deben ser un dos grandes inimigos a bater.

Chama a atención a velocidade que se lle imprimiu a todo isto, á chamada lei mordaza e outras…

O anuncio permanente de cambios lexislativos é a forma máis propagandística de dicir que se está facendo algo. E o primeiro que hai que facer é mellorar a organización e aumentar os recursos, tanto para procurar medidas de seguridade cidadán como para outro tipo de respostas. Pero os órganos políticos obteñen un rédito de anunciar reformas e incluso a oposición de pedilas, sen pararse a pensar se o problema está na norma ou noutros sitios. Nos últimos tempos estamos vendo un aceleramento e un desprezo aos trámites lexislativos ordinarios. Un desprezo completo ao debate parlamentario. A forma de aprobación polo Congreso da súa proposta de reforma do Código Penal é vergoñenta. Que nunha mañá se decida e vote unha reforma deste calado, cando na comisión que se discutiu lles dixeron unanimemente que non era un bo proxecto, que tecnicamente era moi malo, e ideoloxicamente preocupante, dito por xente incluso proposta polo Partido Popular, é lamentable.

Porén, xa había precedentes desa celeridade parlamentaria, e refírome á modificación da Constitución nunha fin de semana para incluír un teito de gasto…

Si, efectivamente. Nos últimos anos estamos asistindo a unha degradación do debate parlamentario e das técnicas de procedemento lexislativo, que deberían permitir a plasmación dun debate público sobre os asuntos sobre os que se discute.

Mandar un chío a prol dunha manifestación, se ao final a marcha acaba en liorta, pode poñer en problemas legais ao remitente…

Téndese a informar das propostas de lei do Goberno como se fosen xa lei.  E xeralmente, os artigos teñen menos ámbito de aplicación do que se publicou en prensa, pero xa se provocou un efecto de desalento, de medo, para o exercicio dos dereitos fundamentais. Ademais, a regulación desta materia conta co problema de que necesariamente ten que usar unha linguaxe cun certo grao de abstracción, porque é imposible introducir todas as condutas. Podo comprender a necesidade de regular unha lei de Seguridade Cidadá, e de que esta se adapte a unha realidade que non había cando se redactou o texto vixente, tanto en forma de comunicación, de obtención de imaxes e toda unha serie de supostos, mais paréceme unha irresponsabilidade a forma de facelo. Cun nivel de ambigüidade tal que se cre a sensación de que a cidadanía non pode exercer os seus dereitos.

O  británico, David Cameron, ten formulado mesmo o de prohibir, a propósito da matanza no semanario…

E outro exemplo máis de como residenciamos en supostas reformas lexislativas problemas que teñen máis que ver cos medios de que dispoñen a Policía ou as persoas responsables da protección pública. É evidente que poden existir problemas de terrorismo, o que non o é tanto é que as solucións que nos levan propondo nos últimos anos teñan algunha relación con eses problemas que din que queren solucionar. Teño serias dúbidas de que moitas das medidas de seguridade impostas nos aeroportos teñan sido eficaces para algo, aparte de provocar un negocio a empresas privadas de seguridade. Que ese si é un problema grave.

Serve para xerar beneficios a terceiros no que fai aos axentes…

Efectivamente. A proposta de Código Penal aprobada polo Congreso cos votos do PP, a tendencia á privatización de determinados ámbitos da seguridade, ao equiparar por exemplo axentes de seguridade privada con axentes de orde pública a efectos de atentado, é gravísima. É unha tendencia privatizadora que non debera ser aceptada pola sociedade.

Á lei de Seguridade hai quen a chama de inseguridade dos dereitos cidadáns… Subscribe?

Definir os espazos dos dereitos da cidadanía é complexo, pero é evidente que a filosofía que están inspirando as últimas leis é a concepción da orde pública como silencio social. Parece que a tendencia nos últimos anos en moitas lexislacións é unha constante restrición dese ámbito de dereitos fundamentais.

Coa matanza no semanario francés parece que todo pasa por intensificar o control das redes sociais… É a solución?

Temos que debater como convivimos con ese novo concepto de realidade, onde cambia o concepto de identidade, porque nós en Internet podemos ter diversas identidades. E ver cales son os espazos de acción de debemos considerar lexítimos. Mais, primeiro problema: a ineficacia da pretensión de cortar a comunicación a través de Internet. Non se poden poñer cancelas ao campo. É un brinde ao sol.

Aínda así, é frecuente ler que China, Corea do Norte e outros países teiman e exercen controis rigorosos en Internet…

Non se vai conseguir o obxectivo mentres Internet sexa Internet, e o único que se vai producir é unha restrición de dereitos nun ámbito, xa non accesorio e de ocio, senón completamente de exercicio de vida da maioría da cidadanía. Por tanto, vexo con moi malos ollos e moi perigosas esas propostas restritivas.

En Galicia a delincuencia en redes é especialmente significativa?

Non. Hai delitos tradicionais que agora evidentemente en vez de producirse por medio de chamadas telefónicas se producen a través da rede. Pero non se ve un fenómeno delincuencial especialmente asociado.

 A cadea perpetua, a lei mordaza e a liberdade de expresión

Coas novas normas, menos seguridade xurídica?

Elixen o camiño dunha excesiva penalización. Ménteselle á sociedade con afirmacións como a de que se unha conduta non é sancionada penalmente iso quere dicir que non merece reproche. Ou que o Estado non pode reprochala doutra maneira. Isto é falso. Non por non sancionala penalmente, deixa de ser respondida como reproche polo Estado. Ademais, sancionando máis penalmente unha conduta, non necesariamente as vítimas van estar máis protexidas. E isto utilízase por parte do Goberno no debate público, pero tamén pola oposición. Abrazan ao final a filosofía de que a maior pena, máis seguridade, maior protección, e iso é unha falacia.

Habería que ir a medidas máis rehabilitadoras? A egrexia penalista Concepción Arenal dicía aquilo de “odia o delito e compadece ao delincuente”…

Eu non diría tanto, porque incluso as medidas rehabilitadoras precisan dun proceso penal, que acredite que o feito foi cometido por unha persoa determinada. O contrario achéganos á lei de vagos e maleantes do franquismo. O dereito penal ten unhas funcións moi específicas, que se refiren a sancionar feitos, non a valorar persoas. E o cambio de perspectiva na política criminal nos últimos anos foi mudar o enfoque. Fronte a afirmar que debemos sancionar determinados feitos, a nova política criminal, que procede de EE. UU. e do peor neoliberalismo, dos neocon, fala de categorías de perigo. Utilizan unha terminoloxía propia das compañías de seguros. É dicir, vou calcular a cantidade de risco que unha persoa representa, e a partir de que a categorizo como elemento de risco, vou aumentando as sancións. É moi grave, pois pasamos a xulgar a unha persoa e non a un feito concreto.

Que xa levaría unha culpabilizadora etiqueta…

A partir de aquí, convértese nun inimigo da sociedade, que debe ser castigado sen piedade e restrinxido en todos os seus dereitos. Isto sucede co termo terrorista. A partir do momento que se asigne unha etiqueta, xa non existe diferenza posible entre unha conduta concreta puntual e unha actividade ao largo dos anos. Isto é facilmente vendible na propaganda á sociedade. E ademais, desgraciadamente, sectores tradicionalmente vinculados a unha perspectiva garantista do dereito penal e dos dereitos da cidadanía están abrazando esta filosofía. E imos aumentando o espazo de sanción e de cualificación da cidadanía. Hai máis exemplos: o emprego do suposto perigo da pederastia como algo estendidísimo, cando a realidade amosa que non é así. Ou a escalada permanente nas sancións das persoas etiquetadas como maltratadores, sen que sexa posible entrar nun debate serio sobre as causas, heteroxeneidade do fenómeno ou posibilidades de aplicación doutras medidas dende o Estado que non sexan a sanción punitiva. Fronte a isto, hai constante demanda de máis sanción, máis extensa, máis intensa.

Por que se vai á cadea perpetua revisable? Albisca algunha demanda social ou é unha decisión simplemente política?

O problema da utilización do dereito penal e dos elementos de sanción do Estado non é algo exclusivo do actual Goberno, aínda que o está elevando ás cotas máis altas que podiamos imaxinar. Estase a producir, como dicía, un cambio de modelo, que provén de EE.UU., a chamada tolerancia cero, a aplicación de criterios económicos na sanción, e outro tipo de fenómenos que se estenden por toda Europa da man do neoliberalismo e da dereita, que analiza o fenómeno criminal dende outra perspectiva, que é a do risco. Velaí resposta que explica esa extremosa decisión.

Ou sexa, que como todos representamos un risco, pois ateñámonos ás consecuencias…

Si, é a perspectiva de que todos implicamos un risco, e a de localización, por tanto, da persoa perigosa. E o problema non é só que estas dúas últimas reformas propoñan isto, é que a maioría das reformas no ámbito penal, incluso a nivel europeo, dos últimos anos están a circular por esas vías perigosas de considerar á cidadanía como un inimigo. Déixase de considerar a quen comete unha infracción como un cidadán. Se non asumimos que este cambio de modelo implica un cambio profundo nos fundamentos do dereito penal, e só nos limitamos a responder a medidas concretas sen facer este razoamento, o que provocamos é que incluso xente moi crítica coa reforma ao mesmo tempo estea caendo inconscientemente nese discurso represivo, só que referido a outras condutas. Por exemplo, Esquerra Republicana aplaudindo e considerando un grande éxito que se sancione a zoofilia. Se alguén cun mínimo de seriedade pode considerar que había un problema coa zoofilia ou que de haber casos de zoofilia a resposta está no dereito penal, é que temos un serio déficit de debate sobre que é o dereito penal e para que debe servir. Ou como cando se reclaman sancións inmediatas penais para quen exprese determinadas opinións que eu non comparto.

Fálase de leis mordaza pero a oposición parlamentaria, non toda, tense mostrado brandiña nalgúns aspectos. Non lle parece?

Creo que o problema témolo nun debate público cada vez máis degradado e sometido á propaganda. Créase unha carreira a ver quen protexe máis un determinado suposto valor. Tras o atentado contra o semanario satírico Charlie Hebdo tivemos un exemplo disto en relación coa liberdade de expresión. Uns días antes solicitábanse sancións para aquelas persoas que dixeran algo que non gustara a quen solicitaba a sanción, xa fose un humorista facendo un sketch ou un bispo dicindo cousas absolutamente improcedentes sobre unha opción sexual determinada. Naquel momento os dous sectores distintos reclamaban inmediatamente unha sanción penal. Prodúcese o atentado, e aparece unha adhesión incuestionada á liberdade de expresión, sen poder pararnos a debater de que falamos cando o facemos sobre os límites de liberdade de expresión. Ou debates máis profundos, como reclamarlle ao Estado que o pluralismo político e social se poida expresar. A liberdade de expresión tamén ten que ver coa propiedade dos medios de comunicación, absolutamente convertida no poder de grandes empresas que tampouco teñen un especial interese nela.

O Papa puxo no mesmo plano a sátira de Charlie Hebdo a Mahoma e o alcume a unha nai, e dixo que neste último caso sería entendible unha puñada…

Esas declaracións creo que non calcularon as posibles interpretacións. Cando a mensaxe ten que ser curta, porque ten que caber nun chío, a utilización da linguaxe vai dar lugar a unha variedade tal de interpretacións, que vai dificultar moito manter un debate sobre o que se está dicindo. Sobre a liberdade de expresión habería que debater moito, diferenciando claramente do que falamos. Estes días escoitei dicir: o límite só no Código Penal. Eu creo que o Código Penal ten que ser o último remedio.

O límite debería de ser non mercar a publicación?

A liberdade de expresión, entendida como non ser sancionado polas opinións vertidas, debe ter unha marxe amplísima e está pensada, como repetiron Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e Tribunal Supremo Americano, para aquelas ideas que nos resulten ofensivas. Para as que non, non necesitamos establecer a liberdade de expresión. A partir de aí, xorde outro debate: afecta a liberdade de expresión a prohibir que nas bibliotecas públicas existan determinados libros negacionistas do holocausto? É discutible. Eu creo que hai espazos onde non deberían estar. O Papa non estivo acertado polas posibles interpretacións do que dicía, sobre todo despois dun atentado coma o de París.

O novo Código Penal, os casos mediáticos e a corrupción

Non só o presidente da avogacía criticou o Código Penal. Catedráticos penalistas din que a súa reforma atenta contra a dignidade humana…

Crea moitos problemas interpretativos, aumenta as sancións e o seu rigor. É un erro terrible, que ademais segue a estela cada vez máis represiva dende se aprobara o Código Penal no ano 1995. O número de reformas sufridas dende entón carece de xustificación dende ningún punto de vista. Este é un problema que cada vez temos máis dende a esquerda e a dereita. Igual que está abandonado o debate sobre a independencia xudicial. Está sometido aos criterios de loita partidista, de trincheiras, no que determinados principios están desaparecendo. Exemplo: a da xa aludida reclamación da extensión da liberdade de expresión cando estou de acordo co que dixo a persoa sometida a xuízo, ou a reclamación da inmediata represión cando non. Isto co aplauso da prisión provisional, segundo quen sexa o sometido a ela.

Está a falar dos casos de Bárcenas e Blesa?

A reacción ante a posta en liberdade do señor Bárcenas ou ante o ingreso en prisión do señor Blesa demostra a escasa cultura democrática no ámbito do dereito penal, non só dos gobernantes senón tamén da oposición. Incluso grupos que propugnan un gran cambio demostran pouca conciencia democrática e un discurso moi pouco elaborado.

Xuíces coas características de Elpidio Silva ou Garzón están out, foron sancionados, inhabilitados… Que marxe de liberdade de expresión pode ter un xuíz?

As dúas persoas que menciona non foron sancionadas por exercitar a súa liberdade de expresión, senón por feitos cometidos no exercicio dos seus cargos que constituían, de acordo con cada un dos tribunais, un delito.

Pero o caso das escoitas de Garzón non é moi discutible? Houbo escoitas no caso de Marta del Castillo e non pasou nada… Ou cre que Garzón se pasou de freada?

Hai unha sentenza do Tribunal Supremo que establece como feito probado que a forma de realizar as escoitas constituía delito, por non ser discutible. Que algo sexa discutido non quere dicir que sexa discutible. O contrario sería dicir que os xuíces podemos realizar calquera tipo de acción en canto nós discutimos a concreta interpretación.

E por que ás veces a escoita é legal e outras non?

A gravación das conversas entre unha persoa imputada e o seu letrado sempre é ilegal, agás nos casos do terrorismo. Pero falamos da liberdade de expresión dos xuíces… Eu creo que os da xudicatura temos dereito á liberdade de expresión, a participar no debate público. O que debemos ter é criterios de autocontención. E nunca, baixo ningún concepto, falar de asuntos dos que tivemos coñecemento no exercicio do noso cargo. Cando coñezo un asunto concreto, estou exercendo un poder que me outorga a Constitución, e que me permite entrar en ámbitos da intimidade da cidadanía dunha forma moi invasiva.  Por tanto, que eu despois realice comentarios, análises ou escriba libros sobre o que coñezo, non me parece nin ético nin aceptable.

Supoño que a un señor como Elpidio Silva que manda ao señor Blesa dúas veces a prisión moito agarimo non lle terán algúns poderes fácticos…

Máis alá do caso concreto de Elpidio, creo que sería interesante facer unha reflexión seria sobre cal é o papel do xuíz instrutor. A función xurisdicional defínese por ser o xuíz un terceiro entre dúas partes. Os xuíces non debemos perseguir o criminal, senón que ante unha petición de condena procede ou non aplicar unha sanción se se dá por probado un feito. Non obstante, a figura do xuíz instrutor non responde a ese mecanismo, senón que está nunha fase previa ao xuízo, e o que fai é investigar e decidir se hai elementos suficientes para poder acusar. Esta figura só existe no Estado español e non no resto de Europa, e moitos cremos que é problemática, que debería derivar nunha reforma que atribúa a instrución ao ministerio fiscal.

Agora o poder do instrutor é de primeira magnitude…

O poder do xuíz instrutor é enorme, e debe estar sometido a unha serie de criterios e controis. Cando eses controis fallan, entramos no espazo no que o único que xustificaría ese poder é o propio carisma da persoa que o exercita. E as fontes de lexitimación no carisma son de carácter pouco democrático, por non falar con palabras máis fortes. Na función xudicial debemos atender só o caso que temos diante. Isto comporta unhas formas de traballo, uns tempos e limitacións. Fronte a esta visión existe a do expeditivo, a da testosterona. A do xuíz que ten un suposto valor chamado valentía, que ademais se enfronta supostamente a grandes perigos e témome que non é máis que a redución da nosa función a un escenario normalmente infantil, de heroes e viláns, onde volvemos heroe a aquel que toma a decisión que identificamos como próxima á que nos gusta a nós.

Da que se deriva sen dúbida un forte impacto mediático…

Isto comporta, si, máis impacto mediático e maior sensación de resposta inmediata. Pero demostra unha escasa cultura democrática, e estar alentando a figura do xuíz con testosterona, do xuíz sheriff da película do oeste, que fóra das limitacións da lei é capaz de impartir a verdadeira xustiza. Esa verdadeira xustiza que supostamente se pon en perigo polas garantías, polos procedementos, non é a verdadeira xustiza: é a fundamentación carismática e personalista dunha actuación, por riba do sistema democrático de garantías e valores. E o problema é que esta exaltación dun modelo de xuíz con testosterona, ás veces machista, de golpe na mesa, está tan estendida na esquerda coma na dereita.

Imputados a ducias, a centos, por corrupción… Dilación legal do proceso, delitos prescritos… Está desbordada a xustiza para resolver isto?

Para atacar isto hai que esperar que non se produzan os feitos, e para iso debemos analizalos. Hai que instaurar institucións de control na Administración, romper determinados mitos. No Estado español, a corrupción é sistémica nun sentido e non o é noutro. Aparece sobre todo vinculada á construción. É sistémica porque responde a unha situación socioeconómica determinada. Existen políticos corruptos en tanto existen persoas con capacidade económica para pagar esa corrupción. Ademais de con factores culturais, tamén ten relación con situacións de desigualdade económica e de maior concentración do poder económico en menos mans, e cunha maior desregulación do mercado. É dicir, as consecuencias de políticas neoliberais dende os anos setenta provocan concentración económica, desregulación de mercados. Todo isto trae consigo unha situación de corrupción.

E hai unha imbricación deses poderes tocante á corrupción?

Sorpréndeme como se centrou exclusivamente a corrupción nas redes políticas. Hai que facelo, si, pero tamén é preciso mirar cara aos poderes económicos. Sabemos que se recibían sobres, pero aínda non sabemos quen metía cartos neses sobres, ou se o sabemos, o reproche que se visualiza mediaticamente é moito menor. Quizais porque algúns dos que metían cartos neses sobres son propietarios dos medios de comunicación que teñen que informar sobre o tema. Isto lévanos a outra reflexión. Pois están conseguindo que digamos que é corrupta a política os mesmos que pagaron esa corrupción, e que nos veñen a dicir que o público non funciona e hai que ir ao privado. Non, mentira, o público corrompeuno vostede, e o corrompeuno porque se lle permitiu. Neste sentido, entendo que a corrupción é un problema sistémico, agora, noutro sentido teño que negalo. No Estado español non existe unha corrupción equiparable á que agromou nalgúns países latinoamericanos ou africanos, porque a estrutura do estado funcionariado non está corrupta. Non hai corrupción por recibir servizos públicos, non hai que pagar diñeiro negro para ir ao médico, para ir á escola… Esta corrupción non existe. A botella está a medias. Habería que multiplicar por dez o investimento en inspectores de Facenda, en interventores do Estado. Iso é o primeiro.

A administración de xustiza en Galicia:déficits e necesidades

Bota en falta nos xulgados galegos un aggiornamento?

Nos xulgados seguimos cunha lexislación do século XIX. Seguimos pegados ao papel. Temos que dar o gran salto. Continuamos dependendo dos pasos propios do mundo analóxico. Temos que informatizar os xulgados, organizalos a partir do mundo informático. E xa non falo de Internet, senón do aproveitamento da tecnoloxía informática como instrumento de traballo. Permanecemos aínda nunha Administración propia do século XIX.

Hai uns días, en Betanzos, ducias e ducias de expedientes e documentación xudicial ateigaban uns lavabos asolagados…

Temos un problema grave de falta de medios nos xulgados e de organización, e isto depende da Xunta de Galicia. É necesario que se afronte esta cuestión en serio: a organización dos medios humanos e materiais.

Faltan xuíces en Galicia nestes intres?

Non me atrevería a dicir que faltan xuíces en Galicia. O que si falta é organización. Unha vez que organicemos mellor o sistema, poderemos verificar se ademais necesitamos maior número de persoas na carreira xudicial. Pero primeiro habería que organizar os medios e sistemas alternativos á propia Administración de Xustiza, para a resolución de conflitos: mediación, arbitraxe e medidas que permitan que determinados tipos de conflitos non necesiten chegar aos xulgados. O que non pode ser é o que se fixo: impedir a entrada mediante un criterio económico, discriminador, coas taxas xudiciais.

As taxas xudiciais cóbranllas ata as vítimas de accidentes de tráfico…

Efectivamente, no ámbito civil.

Soa inxusto…

Por iso advertimos, cando a aprobación da lei de taxas, que o problema non é de canto se cobra senón do feito en si de que se cobre. É a percepción neoliberal de que todo son prestacións e debemos aplicar os criterios de xestión privada, porque supostamente é mellor que a pública, esquecendo que todos os grandes avances da humanidade foron nun proxecto común, nun proxecto público.

Se na sanidade deixamos de ser enfermos para ser clientes, a efectos xudiciais en que se está a converter agora aos cidadáns?

Este é un dos problemas. Enténdese a función do poder xudicial como unha prestación de servizos máis, e pódese chegar a afirmar que hai que pagar por ela, cando moitos dos problemas de atasco teñen máis que ver cos de organización do propio Estado ou falta de busca de medidas alternativas, como mediación ou arbitraxe. Ou ausencia de lexislación clara. Porque hai conflitos que dan lugar a que haxa que acudir ao xulgado para que determine cal é a interpretación correcta.

Habería que aumentar os xuízos rápidos?

Teñen aspectos beneficiosos para instrucións moi sinxelas, pero en xeral o proceso xudicial, sobre todo o penal, necesita os seus tempos. Eu non elevaría aos altares nada que sexa celeridade por riba da garantía. Probablemente, o que precisamos é reformular a utilización permanente do dereito penal, para solucionar calquera conflito, que o único que provoca é unha sobresaturación de condutas sancionadas. Agora, co que están propoñendo, producirase ademais unha indeterminación tal, que creará espazos de inseguridade xurídica e aumento finalmente da poboación penada.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011