ACTIVISMO E SOCIEDADE

A privatización ilexítima do Servizo Galego de Saúde

Por Pablo Vaamonde

O goberno de Feijóo aproveita a crise para tentar xustificar a diminución do gasto sanitario público, a base de recortes e copagamentos, mentres o gasto en privatizacións non fai máis que aumentar.

  • Orzamento do SERGAS 2010: 3.633M de euros (Gasto real: 3.866M).
  • Orzamento do SERGAS 2014: 3.326M de euros, 380M de euros menor (-10,5%) que o orzamento de 2010, e 540M de euros menor (-16%) que o gasto real no ano 2010. O orzamento en privatizacións para 2014 ascende a 1.624M de euros (50% do orzamento total) e (a pesar dos copagamentos) o gasto en farmacia e material sanitario ascende a 1.335M de euros. Outros 289 millóns vanse en concertos e empresas públicas de xestión privada. O orzamento en persoal para 2014 é de 1.466M (14% inferior a 2010) En conclusión: queda só o 5% para todo o demais (investimentos, funcionamento)

Feijóo pretende levar a cabo os investimentos comprometidos antes das próximas eleccións e non pode tirar indefinidamente dos salarios dos profesionais e dos petos dos cidadáns, así que cede a xestión do SERGAS a empresas privadas vinculadas (favorecendo aos seus pola porta de atrás, para non xerar alarma social) A poboación descoñece as consecuencias –sanitarias e económicas- destas decisións, e o incremento desbocado dos compromisos de gasto presentes e futuros do goberno galego. A sanidade galega queda hipotecada para varias décadas.

Tras rematar a privatización dos servizos non sanitarios (sen ter en conta a forte relación que existe entre eses labores e a calidade asistencial) o principal obxectivo do goberno de Feijóo, nesta segunda lexislatura, é a privatización da asistencia sanitaria, acudindo á chamada colaboración público privada, a “CPP”.

A CPP, segundo o Consello de Contas, permite realizar investimentos públicos sen que se vexa afectada a débeda pública, trasladando a orzamentos futuros un volume de cartos que pode ser ilimitado, sen control parlamentario, e polo tanto, moi exposto ao fraude. Para paliar este risco aprovouse un RD (BOE 24 de maio de 2010) que obriga á realización previa dun informe sobre as repercusións orzamentarias deste tipo de proxectos. Feijóo licitou o NHV o 10 de maio de 2010, cando xa coñecía a inminencia da publicación deste RD que o proxecto PFI do NHV nunca superaría. As últimas privatizacións teñen nomes rocambolescos: socio tecnolóxico, xestión de espacios…Seguramente para non ter que denominalas como CPP e así evitar o informe preceptivo que avale as privatizacións.

Privatización dos hospitais e dos servizos sanitarios

1. NHV: CAM e Bankia afundíronse e a obra do NHV non pode continuar por falta de liquidez; á UTE encargada da obra faltábanlle 250 millóns (80% do custe) O goberno de Feijóo consíguelle 140M de diñeiro público (30M do ICO e 110M do BEI) e 110M de novas entidades financeiras rescatadas ou moi beneficiadas cos cartos públicos: Caixabank e NGB, BBVA e o Santander. O NHV será financiado, de forma maioritaria, directa ou indirectamente, con diñeiro público, pero a Xunta seguirá pagando, durante 20 anos, 46,5 M/ano pola construcción (930M) e 26,5 M/ano pola xestión dos servicios non sanitarios que xa están externalizados, e que o SERGAS deberá pagar dobremente (530M).

Construír o hospital PFI de Vigo costa 310M de euros pero suporá un custe anual de 175 millóns de euros durante 20 anos, xa que ao canon don novo hospital hai que sumar o custe de Galaria e de POVISA, que se manteñen de forma innecesaria.

Con estes 3.500M de euros poderíase financiar o Novo Hospital público, tal como estaba proxectado e o seu funcionamento durante os 20 anos (107M euros/ano en 2014) ademais de asumir os servicios de referencia de Povisa e gran parte do seu persoal, tendo en conta o maior ratio de persoal/cama dos hospitais públicos. Malia dita asombrosa cifra, que multiplica por máis de dez o custe de construción, a poboación do Área Sur non dispoñerá dun hospital de referencia, o que dificulta moito a avaliación da asistencia e dos resultados en saúde, así como a articulación de programas comunitarios.

O goberno da Xunta está a realizar unha xestión irracional e absurda da sanidade pública, xa que por unha banda impón as chamadas “Áreas de Xestión Integrada” e pola outra fabrica “reinos de taifas” –coa imposición das Áreas de Xestión Clínica- o que está detrás da actual “subasta” de pacientes. Unha mostra desta irracionalidade e o “vía crucis” na asistencia sanitaria de moitos pacientes galegos, que teñen que acudir ata a 9 centros sanitarios diferentes para tratarse de patoloxías comúns.

2. Persistencia da xestión privada da asistencia sanitaria de Galaria S.A. que seguirá facturando millóns de euros de fondos públicos, a pesar de que, segundo o Consello de Contas de Galicia, a súa actividade está sobredimensionada e as súas contas son pouco claras, furtando ao NHV de servizos tan relevantes como a Hemodinamia e Cirurxía Cardíaca, a Radioterapia e Medicina Nuclear e a Resonancia Magnética.

3.  A Xunta e a súa consellería de Sanidade acaban de renovar o concerto co hospital POVISA (do Grupo Nosa Terra) por outra década, fronte ás recomendacións do valedor do pobo e do Consello de Contas. A cápita aprobada para o novo concerto con POVISA é de 540 euros, 108 euros menos que a media (Táboa I) pero non se inclúe nesta cifra (como se fai nos hospitais públicos) o diñeiro que POVISA recibe polos servizos nos que é referencia. Ademais POVISA non atende aos pacientes desprazados e carece de moitos servizos relevantes que ten que asumir o CHUVI, sen que represente ningunha merma no canon do hospital privado, como Cirurxía Torácica, Psiquiatría, Obstetricia, Tuberculose e outras patoloxías respiratorias, Coidados Paliativos e a Hospitalización a Domicilio dos pacientes do Morrazo.

Por outra parte, a lista de espera (LE) cirúrxica de POVISA e de 180 días, o dobre que a do CHUVI e 5 veces maior que a do CHOP. A renovación do concerto pódese cualificar de temeraria, xa que, segundo a nova Lei de Garantías, a máxima demora é de 45 días para unha consulta e 60 días para unha IQ, que POVISA non poderá cumprir de ningunha maneira.

Por outra banda, é difícil explicar a LE de POVISA tendo en conta a súa alta taxa de cirurxía, con 109 IQ/1000 habitantes (58% máis alta que a media do SERGAS) e da enorme afluencia ás súas consultas, 31% maior (sen Obstetricia nin Psiquiatría que suman de media un 15% do total das consultas dos hospitais) Cómpre lembrar que POVISA compatibiliza a atención dos pacientes do SERGAS coa atención a pacientes privados co mesmo persoal sanitario. A falta de transparencia do Grupo non permite coñecer os resultados desagregados das distintas memorias asistenciais e económicas. Non se pode, polo tanto, ter a certeza de que o diñeiro público se empregue só para financiar aos pacientes do Sergas.

TÁBOA I

Hospital Área OrzamentoAE 2014 (miles euros) Cápita (euros)
CHUVI 438.181 291.187 665
POVISA 139.000 75.070 540
CHOP+Salnés 300.068 183.530 611
CHUAC 557.000 357.564 642
CHUS 460.000 326.043 708
H Marcide Ferrol 193.000 118.744 615
CHOU 331.849 236.369 712
HULA 355.000 247.311 696
                                                  Cápita Media 648 euros

 

4. A ampliación do hospital do Salnés por 8M de euros adxudicada á multinacional francesa Cofely-Suez, socia de La Caixa/Adeslas (Hisusa Holding).

5. A Xunta licitou, por tres veces, ata que as condicións foron do agrado das empresas concesionarias, a ampliación e xestión privada do CHOU ata o ano 2029. A primeira fase (41 M/223) foi adxudicada a ACS/ Indra /La Caixa.

6. Centros de saúde móbiles de xestión privada para o rural para substituír aos fixos, pois afirma o goberno que temos demasiados en Galicia. Aínda non foron adxudicados pero xa hai 17 empresas privadas interesadas, segundo Feijóo, que confesa así a súa intención de privatizar a Atención Primaria.

7. Privatización da Alta Tecnoloxía (AT) por 88 millóns de euros coa figura chamada “socio tecnolóxico” de modo que as mesmas empresas que fabrican os equipos (General electric, Siemens e Philips) son as que deciden que equipos comprar e en que hospitais,

públicos ou privados, deben situarse (non a RT do HULA nin do NHV e si a dos centros privados, Centro Oncolóxico de Galicia –COG- e Galaria)

A privatización da AT supón unha grave perda para a Sanidade Pública e os seus profesionais e un grave prexuízo para os pacientes. Segundo moitas publicacións, a xestión mercantilista está detrás da utilización inadecuada e da radiación innecesaria. Un informe de aseguradoras alemanas constata que no ano 2011 operáronse 2 millóns de persoas máis que en 2005 e advirten que este feito está relacionado coa xestión dos centros sanitarios mediante a CPP, que operan en moitos casos só para obter maiores ingresos.

Ademáis de provocar iatroxenia tamén aumenta o gasto. Segundo o Consello de Contas, Galaria fai o dobre de RM que o CHUAC para un Área similar, e moitas son repeticións no mesmo paciente e segundo un estudio da FADSP con datos do MSPSI, as CCAA con máis de 60% de RM de xestión privada teñen unha taxa 75% superior de exploracións que a media das restantes CCAA. En Galicia o 70% dos equipos de RM e o 62% dos equipos de RT son de xestión privada. A nosa taxa de RM supera nun 50% a media estatal (táboa II)

TÁBOA II

  Estudios RM/1000 habitantes
España

43

Galicia

65

Increm. taxa Galicia

+51%

 

É inexplicable que o goberno galego deixe a xestión da alta tecnoloxía en mans das empresas fabricantes, que mostran nos pregos a súa interese por instalar en Galicia tecnoloxías moi avanzadas “que permitirán diagnosticar lesións case invisibles ao ollo humano” como o TAC de 128 cortes e os Mamógrafos con Tomosíntese, que non só emiten máis radiación ionizante senón que poden prexudicar gravemente a saúde. Unha revisión publicada polo Centro Nórdico Cochrane en xuño de 2012 conclúe que por cada muller diagnosticada precozmente de cancro de mama en 2000 mamografías realizadas, outras 10 mulleres serán diagnosticadas e tratadas con cirurxía e/o RT e QT por un cancro de mama inexistente.

A inversión de 88M en AT e de todo punto esaxerada. En primeiro lugar porque non hai que incrementar a dotación, que xa é elevada (táboa III) senón substituír os equipos vellos ou simplemente cambiar o software, unha solución moi axeitada, máis sustentable e tres veces máis barata. Ademais os equipos actualizados ou novos requiren moito menos tempo por paciente, incrementando moito a eficiencia da sala. Publicacións recentes apostan por controlar a utilización das tecnoloxías e comezan a rebaixar o número de sesións de RT para o cancro, no convencemento de que en medicina moitas veces “menos é máis”. Xa consideran suficientes 3 semanas en vez de 5 semanas para RT de cancro de mama, o que reduce un 40% a utilización dos equipos para esta patoloxía frecuente. Por outra parte os equipos públicos non están utilizados ao 100% (para deixar espazo no mercado á xestión privada).

TÁBOA III

Datos 2009 MSPSI Equipos RM Equipos TAC
España 8,8/millón hab 14,6/millón hab
Galicia 11,7/millón hab (33 equipos) 17,5/millón hab
SERGAS+Galaria 15 equipos RM (10+5) 33 equipos TAC
Privado 18 equipos RM 16 equipos TAC

8. Os  servizos de Protección Radiolóxica seguen en mans de Galaria e General Electric a pesar de que os seus equipos de TAC e de mamografía foron denunciados polos radiólogos estadounidenses debido á radiación excesiva.

9. Privatización da hemodiálise. 25,5 millóns de gasto para o SERGAS pola derivación de pacientes a centros privados, a pesar de dispoñer de 14 centros hospitalarios públicos de Galicia. Só o “superdotado” Hospital Xeral de Galicia (CHUS) gasta 10M de euros en concertos para hemodiálise con pequenos centros privados vinculados.

10. O SERGAS tamén privatiza a esterilización da súa instrumental (que actualmente ocupa a 167 profesionais públicos) durante 12 anos por 160 millóns de euros. En xaneiro publicou no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) o anuncio dun concurso para privatizar esta actividade en todos os hospitais de Galicia. A xestión mercantilista deste servizo esencial pode supoñer graves riscos para a saúde.

11. Os Institutos Biomédicos de investigación do SERGAS, principalmente financiados polo SERGAS (7,6M de euros para 2014) están participados pola Industria Farmacéutica (IF) O Instituto Biomédico de Vigo está coxestionado pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson & Johnson) e o Instituto Biomédico de Santiago participa do Campus Vida, mediante un convenio entre a Universidade, o SERGAS, a Banca e a Industria Sanitaria privada que, a cambio de pequenas colaboracións, controla a investigación e a docencia en materia de saúde, dificultando calquera investigación non acorde os seus intereses.

12. O Centro Oncolóxico de Galicia (COG) de xestión privada, está presidido polo empresario vinculado á multinacional francesa do aluminio Pechiney durante 50 anos. Con todo, accede ao rexistro de cancro da poboación, ademais de xestionar ensaios clínicos co obxectivo de probar novos medicamentos para o cancro en pacientes galegos. Este tipo de ensaios tamén se levan a cabo no Hospital San Rafael de A Coruña, vinculado á IF.

13. O golpe definitivo ao I+D+i do Servizo Galego de Saúde é a nova Lei de Racionalización do sector público, que permitirá non só legalizar o patrocinio privado de todos os Servizos do SERGAS, incluíndo os máis sensibles, senón que pretende que sexa a fonte principal de financiamento das actividades e instalacións de dous novos organismos estratéxicos: “A Axencia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios” e a “Axencia Galega de Sangue e Tecidos” furtando definitivamente aos profesionais do SERGAS a docencia e a avaliación das tecnoloxías. Desta forma tamén influirán nas Guías de Práctica Clínica e na información sobre fármacos e tecnoloxías, é dicir, sobre a “evidencia científica”, ademais de ceder servizos tan sensibles como as doazóns de sangue, coordinación de transplantes de órganos e o almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas.

14. Para rematar o desmantelamento do SERGAS Feijóo e Mosquera están organizando a privatización da xestión dos procesos asistenciais e dos profesionais. Para iso, a Xunta pretende converter (coa imposición das Áreas de Xestión Clínica)  os Centros de Saúde e os servizos clínicos hospitalarios en empresas con autonomía de xestión, que poderán competir entre si, e aos que a Consellería asignará un orzamento pechado anual que deberán xestionar os propios profesionais, que poderán beneficiarse dos aforros obtidos en persoal, material ou actividade asistencial. Os servizos poderán adquirir personalidade xurídica propia, abrindo o camiño á súa xestión privada e á laboralización dos empregados públicos; para ese proceso xa existe respaldo legal, pola modificación do Estatuto Marco realizada pola ministra Mato.

 

E máis privatizacións

15. O Servizo de ambulancias, adxudicado por 236M de euros por un período de 4 anos á UTE “Ambulevante” a mesma UTE Levantina á que adxudica Fabra o transporte de ambulancias na Comunidade Valenciana, denunciada pola súa vinculación ao PP.

16. A oxixenoterapia segue xestionada por Oximesa (Praxair) a cambio de 10M de euros/ano, a pesar de defraudar a Facenda 146M de euros, segundo recoñece a propia empresa.

17. A Historia Clínica Electrónica (IANUS) e Receita Electrónica, adxudicáronllas a Indra (empresa pública privatizada por Aznar e Rato). A decisión da Xunta de estender a HC electrónica a todos os centros sanitarios privados, vinculados a aseguradoras, supón a desprotección de datos moi sensibles da poboación.

18. As telecomunicacións do SERGAS: Adxudicadas por 3 anos e 28M de euros a Telefónica, a empresa que recentemente ficha a altos dirixentes do PP e a Rato (200.000 euros) malia a súa imputación no caso Bankia. Actualmente está gobernada por Bankia, La Caixa e BBVA.

19. A a teleasistencia nos fogares para “R” Comunicacións, empresa galega vendida por NGB a CVC-Capio, fondo de investimento imputado no fiasco da privatización da sanidade madrileña.

20. A empresa que custodiaba as Historias Clínicas do CHOP cando se queimaron, “Severiano Servizo Móbil” foi contratada para a loxística e suministro de material sanitario, que antes se realizaba con 200 traballadores propios que tiveron que recolocar, mentres a empresa privada contrata a dedo a outros 156 traballadores, que o SERGAS tamén costeará a través do canon acordado de 88 millóns de euros.

21. Ibérica de Mantemento SA: Empresa zaragozana contratada para realizar o mantemento de equipos sanitarios, que se realizaba con persoal propio, coa conseguinte perda de postos de traballo no SERGAS.

22. Privatización dos servizos non sanitarios que xestionaba Galaria como: os plans de eficiencia enerxética (o do CHUS adxudicado a CLECE e Gas natural por 50M de euros para 8 anos) e a Cita Previa “saúde en Liña” cedida por Feijóo ao fondo de investimento Netaccede e NGB.

23. Residencias para maiores Geriatros, vendidas por NGB ao fondo de investimento Magnum e a o Grupo Eulen, que ten como apoderada á irmá de Feijóo.

24. Limpeza e enerxía: Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria en quebra Martinsa-Fadesa (cunha débeda enorme, que foi unha das causas principais do crack de NGB) Ferrovial (que está imputada no caso Palau e recentemente condenada pola ínfima calidade das súas construcións) e Clece/ACS de Florentino Pérez, vinculada a Indra, nomeada nos papeis de Bárcenas.

25- Catering: Empresa Mediterranea-Arturo, do fondo de investimento Portobello (do Santander, BBVA, CAM e Bankia) e de Arturo Fernández, vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia e acusado de defraudar a Facenda e pagar aos seus traballadores con diñeiro negro.

 

Os conflitos de interese

*Núñez Feijóo e o máximo responsable do desmantelamento do SERGAS e da selección de empresas insolventes e incumpridoras, como a UTE do NHV, ademais de ceder a xestión de servizos públicos a unha empresa coa que ten vínculos familiares de primeiro grao.

*Rocio Mosquera, Conselleira de Sanidade, blinda o concerto singular de POVISA por outra década. Foi, durante moitos anos, directiva do Grupo Nosa Terra antes de chegar á Xunta. A súa filla traballa en PWC, empresa multinacional de consultaría que asesora (mediante un informe desaparecido, que costou a Xunta 220.000 euros) a elección da UTE insolvente do NHV. O seu marido foi elixido xefe de servizo de Cirurxía do CHUS sendo Mosquera a Xerente do SERGAS; él quedou recentemente sen xefatura por “desviación de poder” segundo unha sentencia do TSXG.

*A empresa seleccionada pola Xunta para asesorar a implantación da xestión clínica en Galicia é EFQM, axencia europea que preside en España responsable de PWC (IBM) a empresa que almacena o maior número de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.

*Agustín Hernández, conselleiro de Infraestructuras é asiduo das portas xiratorias, pasando da empresa constructora do NHV a postos de responsabilidade en obras públicas en múltiples ocasións.

*José Manuel Romay Beccaría, exconselleiro de sanidade é actual presidente do Consello de Estado, cargo que compatibiliza coa pertenza ao consello de Administración da Fundación renal Alvarez de Toledo (FRIAT) segundo a súa páxina web; esta empresa está moi vinculada ao PP é ten concertos para realizar hemodiálise co SERGAS.

*Enrique Castellón: ex director xeral do SERGAS co PP é actualmente vicepresidente da FRIAT.

*A farmacéutica galega Zeltia está vinculada ao PP (Ana Palacio e a irmán de Dolores Cospedal son directivas de Zeltia). Zeltia comercializa o Yondelis en Europa e está asociada a CF Johnson & Johnson (Janssen en España) que comercializa o Yondelis en EEUU (desconsellado para o cancro de ovario pola FDA por 14 votos contra 1).

*Janssen coxestiona os institutos biomédicos, onde recaba información e inflúe sobre as prioridades da investigación.

*CVC-Capio, fondo de capital risco vinculado ao PP e imputado no fiasco da privatización madrileña. NGB vende a Capio a empresa galega de telecomunicacións “R” beneficiada coa privatización do SERGAS.

*Galaria SA: empresa pública de xestión privada e opaca, presidida por unha exdirectiva de Deloitte e NGB, é utilizada como paso intermedio para ceder os servicios sanitarios ás empresas privadas vinculadas, como “Saúde en Liña”, Xestión Enerxética, Control de Calidade e Alta Tecnoloxía.

*O presidente do organismo público de crédito ICO, que aprobou o préstamo de 30M de euros para que Acciona, con problemas de solvencia, puidese seguir participando no financiamento “privado” do NHV, provén do BBVA, banco que tamén participa na “nova” UTE adxudicataria de dito hospital.

*Rodrigo Rato: ex ministro en distintos gobernos do PP. Privatizou a empresa Indra, da sociedade estatal SEPI, cando era ministro de Aznar. Posteriormente Rato (Bankia) pasa a ser o seu principal accionista. Tralo crack de Bankia, Indra tamén é saneada con diñeiro público, pero segue en posesión da xestión privada, millonaria, da Historia Clínica Electrónica e da Receita electrónica no SERGAS e controla os datos sanitarios dos galegos.

*As Caixas de Aforros, rescatadas con más de 50.000M de euros de diñeiro público. NGB, La Caixa, a CAM e Bankia (Ribera Salud) son as principais beneficiarias da privatización galega. Coxestionan o NHV, o Grupo Nosa Terra, as ampliacións dos hospitais CHOU e Salnés, Saúde en Liña, Cátering, Telecomunicacións e Geriatros.

*O Consello de Administración do Fondo de Investimento Aforro 2000, onde están incluídas as empresas do Grupo Nosa Terra (POVISA) está formado por representantes de NGB, La Caixa, a CAM e Bankia, é dicir as entidades financeiras que forman a UTE do NHV son á súa vez copropietarias do Grupo Nosa Terra, e poderán xestionar o reparto da sanidade pública viguesa como mellor lles conveña, coa colaboración de “Saúde en Liña” e da concesionaria das ambulancias “Ambulevante”.

As consultoras como colaboradoras necesarias

En Galicia, malia que poucos as coñecen e ninguén as votou, estas consultoras están detrás do crack bancario e do seu rescate financiado con recortes e privatizacións. Da consultora PWC provén o ministro de economía Luís de Guindos, o presidente do FROB, e o secretario de Estado do Ministerio de Facenda (responsable da amnistía fiscal) PWC publica tódolos anos un informe sobre “os dez temas candentes da sanidade española” coas recomendacións privatizadoras que Feijóo e Rajoy cumpren ao cento por cento. PWC tamén seleccionou a UTE insolvente do NHV. PWC (EFQM) asesora a implantación da xestión clínica en Galicia. Tamén asesora e otorga as acreditacións de calidade nos hospitais do SERGAS e nas Universidades Públicas.

Deloitte e PWC asesoraron a fraudulenta fusión das Caixas galegas para formar NGB, que supuxo a perda de 9.000 millóns de euros públicos e a cesión dos servizos públicos que xestionaban a empresas privadas vinculadas. Deloitte non veu ningún problema en Caja Madrid, na saída a bolsa de Bankia nin nas contas de Bancaja nin do Banco de Valencia, ocultando buracos multimillonarios. Deloitte asesora a creación de Criteria, o banco da Caixa que é copropietario de Adeslas. O presidente de Netaccede (Cita Previa) é o exdirectivo de Deloitte Marcelino Otero, ata fai pouco presidente do Club Financeiro de Vigo (tamén auditado por Deloitte) co amparo de Silveira, presidente de POVISA. A empresa auditora de Geriatros é Deloitte e Galaria está presidida por unha directiva que provén de Deloitte. As contas de POVISA ata o ano 2011 eran auditadas por Deloitte e actualmente por BDO, a mesma consultora imputada polo xuíz por falsear as contas de Pescanova, polo que non é descartable que a Xunta ceda a atención hospitalaria de parte da poboación do área de Vigo a unha empresa insolvente ou cun futuro pouco claro, para ser de novo rescatada con fondos públicos tras blindar a súa posición estratéxica no futuro sanitario vigués, como xa pasou coas Caixas de Aforro galegas.

A privatización do SERGAS é antidemocrática, xa que foi decidida unilateralmente polo goberno de Feijóo en contra das recomendacións dos organismos de control e da poboación, e ademáis está plagada de conflitos de interese. As empresas favorecidas son caixas de aforro rescatadas con diñeiro público, fondos de investimento, constructoras insolventes e grandes empresas sanitarias, tecnolóxicas e de comunicacións vinculadas ao PP, e nas que moitos dos seus directivos están imputados pola xustiza.

A oposición política, as organizacións comunitarias, sindicais e profesionais, os medios de comunicación e a poboación de Galicia saberán conseguir no Parlamento, na rúa e nos Tribunais de Xustiza, a paralización deste desmantelamento ilexítimo e probablemente ilegal do noso Servizo Galego de Saúde.

 

(Este artigo pubícase de xeito simultáneo nos medios de comunicación integrantes da Asociación de Medios en Galego, que agradecen a colaboración desinteresada do autor, Pablo Vaamonde)

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011