POLÍTICA

Xosé Manuel Beiras, unha vida ao servizo de Galiza

Xosé Manuel Beiras, unha das personalidades máis sobranceiras do País,  será homenaxeada este sábado día 17 de decembro no Auditorio de Galicia. O acto, de entrada libre, comezará ás 12.30 na Sala Ángel Brage, con posterior xantar con aforo limitado. Nel intervirán algúns membros da Comisión Xestora que organiza o evento: Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño e Miguel Anxo Fernán Vello. Tamén haberá interpretacións musicais a cargo de Diego García e Luis Soto, ademais da actuación de Javier Vázquez ao piano, que tocará «Variacións Beiras», de Paulino Pereiro (1999). Ademais, presentarase o libro “Á beira de Beiras. Ensaio e apuntamentos”, tendo como colofón o discurso do homenaxeado.

Beiras e co zapato no ParlamentoXosé Manuel Beiras é, sen lugar a ningún xénero de dúbidas, a historia viva do nacionalismo  galego e de Galiza. A súa estravagante e mesmo por veces excéntrica personalidade marcou a moitas xeracións de galegos e galegas, xa sexa a través da docencia universitaria, pola súa obra  académica e literaria ou polo liderado que  exerceu durante moitos anos do nacionalismo  político. Naceu en Abril do ano 1936 coa  “Fronte Popular” (tal e como lle gustaba lembrar nun dos seus libros de conversas, obra de Fernán Vello e Pillado) no seo dunha familia da vella clase media compostelana. O carácter dos seus pais, Herminia Torrado, pianista, e sobre todo de Manuel Beiras, militante do Partido Galeguista dende a súa fundación, marcarán a súa traxectoria. Este último influíría dun xeito enorme en Xosé Manuel, “máis por ósmose que por adoutrinamento”.

Xosé Manuel Beiras é a historia vida do nacionalismo galego e de Galiza

En resumo, unha mestura de nacionalismo por parte de pai e de música clásica por parte de nai que derivou nun home do que emanaba unha melodía política que moitos milleiros de galegos e galegas souberon interpretar.

O seu incipiente galeguismo xa se deixou ver nunha primeira intervención pública nun acto político que se remonta aos anos da súa adolescencia, aló polo 1951, nunha excursión organizada polos galeguistas de entón ao abeiro do Patronato Rosalía de Castro. Un ano máis tarde, co seu ingreso na universidade no outono do 52, onde segundo Beiras “as aulas eran ermos alleos á realidade”, tomaría consciencia do país, da “pobreza do entorno, do carácter desértico do medio” e comezaría a súa formación intelectual, cunha participación activa en xuntanzas de estudantes antifranquistas e galeguistas.

De Beiras poderiamos destacar moitas e moi diversas cualidades e obras

Como toda persoa, este home, de clara vocación artística e que gusta nas súas conversas de tratar temas literarios ou musicias, tivo en Francia un dos seus grandes puntos de inflexión ideolóxica e de concepción económica, do que derivaría parte da súa obra posterior. O seu liberal progresismo, como el o cualificaba, mutou cara plantexamentos da esquerda marxista, cunha nova visión do pluralismo político, baseado na Economía como Ciencia Social. No 1963, ano no que participou na fundación do PSG, entraría a traballar na Revista de Economía de Galicia, vencellada ao Grupo Galaxia, incorporándose un ano máis tarde como docente á Facultade de Dereito de Compostela. No ano 1971 asume o cargo de Secretario Xeral do PSG, publicando, en 1972, unha das súas obras máis importantes, “O atraso económico de Galicia”.

Logo de acceder a principios do ano 80 á Cátedra de Estrutura Económica na Universidade de Santiago de Compostela, dous anos máis tarde participaría da constitución do BNG, sendo o seu principal referente e conseguindo que o nacionalismo político tivera nos 90 cotas de representación e apoio popular sen precedentes. 

De Xosé Manuel Beiras poderíamos destacar moitas e moi diversas cualidades e obras. Faltaríanos espazo no Tempos Dixital para contalo.

No ámbito académico, de como aplicou o modelo de colonialismo interior de Robert Lafont ao caso galego; ou de como formulou a concepción cívica de nación, onde “o esencial para que exista unha nación é que haxa, cando menos en xermolo, unha consciencia nacional”. No ámbito de acción, basta con ver as sucesivas marcas do BNG nas diferentes eleccións, ou o seu exemplo de compromiso co movemento altermundista en distintos foros.

A homenaxe que un grupo de persoas promoven para este sábado non deixa de ser un cativo recoñecemento con motivo do seu 75 aniversario a un Xosé Manuel Beiras que de seguro merecería actos así todos os días do ano. É un Castelao en vida. Unha das mentes máis lúcidas que deu a historia contemporánea deste País.

Presentación do acto de homenaxe a Beiras ( Vídeo de Xurxo Salgado para Galicia Confidencial)

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011