POLÍTICA

Xosé Manuel Beiras: «As acusacións contra min xa non me afectan»

Coincidindo coa multitudinaria e emotiva Homenaxe Nacional que se lle rendiu o pasado 17 de decembro, a revista TEMPOS Novos  publicará, no seu número deste mes, unha entrevista co lider irmandiño realizada por Marcos Pérez Pena. Durante a  longa conversa que mantiveron na súa vivenda, na Reboraina de Aguiar (Brión), Beiras analizou os resultados das eleccións xerais e a situación actual do BNG, o contexto actual mundial e o papel que nel ha de xogar o movemento dos indignados. Publicamos  aquí un pequeno adianto.

Como valoras o resultado do Bloque [nas eleccións do 20N]?

O BNG unicamente tivo a fortuna de que nun sector da poboación existe unha fidelidade ao proxecto de defensa de Galicia e da súa identidade nacional, que fixo que a pesar de que moitos dos votantes estaban enormemente desgustados coa traxectoria do Bloque, lle deron o voto de todas maneiras, para non contribuír a unha maior vitoria do PP e co obxectivo de que Galicia non ficase sen representación. Foi un voto ‘a pesar de’ en moitos casos.

(…)

O BNG ten un problema programático ou de relación coa sociedade?

Son as dúas cousas. Aínda que na política práctica ti non poidas aplicar completamente o teu proxecto, tes que ter un proxecto estratéxico como referencia. O BNG comezou a fracasar cando gobernou ou cogobernou en cinco das sete cidades; eu sei moi ben os debates que houbo dentro: quen parecía máis nacionalista e máis marxista-leninista era quen ía máis ao pragmatismo. Despois instalouse a dinámica de que calquera discrepancia interna era un perigo, mesmo se emprende a guerra contra o Sindicato Labrego porque non se quere domesticar e poñerse ao servizo dunha consellaría. Eses elementos van cortando as canles de comunicación coa sociedade máis activa. O BNG foi mantendo o voto máis obediente ou o voto máis leal a pesar de todo iso, pero o resto da xente foise afastando.

Cal é a proposta do Encontro Irmandiño para a Asemblea de xaneiro? En que se cifra a ‘refundación’?

Refundación e rexeneración. Galiza cambiou moito, non se trata de volver ao Bloque de 1982, trátase de recuperar as trabes mestras do que se fixo daquela, que se adiantou vinte anos aos deseños dos movementos altermundistas. Estamos nunha fase histórica de fin de ciclo a todos os niveis: a nivel global, porque estamos nun final dun ciclo de hexemonía, aínda que os Estados Unidos sigan tendo o poder militar e financeiro; a nivel europeo, porque o deseño da Unión Europea está kaput, foi deturpado; e a nivel do Estado vivimos unha fase de fin de ciclo da Transición, unha crise da segunda restauración borbónica. Nesta situación o BNG non pode estar obsesionado con ter un deputado máis ou un deputado menos, senón que ten que traballar para que as forzas sociais teñan canles de propulsión. A propia inercia ou a ausencia de alternativas pode levar a que este sistema e os seus partidos duren aínda algúns anos, pero ti estás enganchado a algo que se vai acabar. A cidadanía activa é quen debe construír a alternativa e o BNG é hoxe en día un atranco para ese proceso.

(…)

Pensas que a posición do EI pode ser entendida en certos sectores como unha deslealdade ao proxecto?

Non, porque nós avisamos mil millóns de veces, fomos absolutamente transparentes. E algunhas cousas conseguíronse, por exemplo que a asemblea volva ser de militantes, que todos os militantes volvan ter voz e voto. Se entre os miles de militantes do BNG hai un número amplo de persoas que coinciden coa nosa diagnose e que antes se limitaban a cotizar e agora participan, haberá un cambio. Pero se o aparato actual consegue controlar a asemblea -porque teñen moitas máis posibilidades de chegar á militancia- ou se a militancia non vota, entón non haberá un cambio. Aí entra tamén a responsabilidade dos militantes do BNG de exerceren de cidadáns e non de súbditos da organización.

(…)

Tes medo de ser acusado de debilitar o proxecto ou mesmo de acabar con el?

Non, iso xa non, iso xa o vencín. Iso de que ‘se fago tal cousa prexudico ao BNG’, que pesou moito sobre min entre o 2002 e o 2005 e incluso algo despois, xa non me afecta. Como xa fun acusado de tantas cousas, non me pode preocupar moito do que me acusen o día de mañá. Porque xa padecín acusacións falsas e moi graves, difamacións por parte de xente que se dicían os meus compañeiros, xuízos sumarísimos contra min nos anos de dirección do BNG, cousas que polo de agora non penso contar. Iso non determina as decisións, pero si que condiciona a velocidade do proceso de toma de decisións.

(…)

A progresiva proletarización das clases medias, a constatación de que o PP non vai resolver unha crise que é sistémica, de que non era un problema de mala xestión, senón que era máis profundo pode provocar unha decantación de certos sectores sociais que hoxe son máis reformistas?

Si, pode pasar iso, pero tamén son consciente dos riscos de chegar a unha situación de totalitarismo, esas situacións nas que as persoas de poidan ver tan indefensas, tan desconectadas, que cada un busque a súa salvación individual. Eu son un optimista da vontade e creo na coraxe do ser humano, na súa capacidade de rebeldía, en que nalgún momento vai irradiar iso, pero en realidade non hai garantías de que iso vaia suceder. E iso para a xente da miña xeración é o máis estarrecedor, porque pensamos ‘que carallo fixemos nós?’. Son consciente de que eu formo parte dunha xeración derrotada. Non no sentido de que fose inútil o que fixemos, pero si no sentido de que naquilo polo que loitamos fomos derrotados completamente.

A entrevista íntegra foi publicada no número de Decembro de TN.

Avatar of Marcos Pérez Pena

Márcos Pérez Pena é xornalista. Desde outubro de 2010 coordina a sección Redes Cívicas de Tempos Novos.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011