POLÍTICA

Se o diñeiro fose merda…

O fenómeno da corrupción ten moitas caras e diversas interpretacións. Se o analizamos desde unha perspectiva sociolóxica, veremos que se comporta do mesmo xeito que un organismo en descomposición. Apliquemos a metáfora aos recentes casos destapados na cidade de Lugo. 

Se comparamos a economía –ou mellor dito a actividade económica– cun sistema orgánico poderiamos establecer que a actividade produtiva dese órgano ten un final de ciclo que é en forma de excremento. Sabemos que a popularmente chamada merda non goza de boa imaxe nin reputación, a pesar de que é algo vital como función ou parte dun organismo. Ademais, como todo, a merda ten a súa parte negativa –mala imaxe, cheiro, residuo, etc.– pero tamén conta con outra positiva –final feliz dun proceso, fertilizante, enriquecemento da terra–. Así pois, case que se podería dicir que os detritos son –á vez– o principio e o fin dun ciclo orgánico, xa que grazas a eles a terra produce o material necesario para a vida e –tamén– grazas a eles os organismos desfanse dos residuos, é dicir,  sanéanse.

Algo parecido considero que pasa co diñeiro. De feito, pode ter algo que ver que tamén se chamen depósitos –bancarios, financeiros– a estes activos, e aboamentos ás imposicións ou ingresos. Se nos decatamos, os cartos –ou outras formas de pago/intercambio– supoñen o produto final dunha transacción, traballo, empresa, negocio ou actividade económica, é dicir, neste sentido virían a ser o final dun ciclo; mentres que tamén supoñen algo necesario para emprender, saír adiante, en definitiva, frutificar e prosperar. Por tanto, hai algo de paralelismo entre uns depósitos e outros. Se o organismo en cuestión se regula ben será san, incluíndo as súas deposicións; mentres que si se regula mal entón estaremos –tarde ou cedo– ante un corpo enfermo, con malas composicións e disfuncións nos seus excrementos.

Este símil organicista podería aplicarse en xeral ao fenómeno da corrupción, que viría a ser algo así como cando un organismo –neste caso social, coma un país, unha sociedade ou unha determinada poboación– vai mal, está enfermo e un dos síntomas sería, precisamente, o mal uso ou abuso das súas deposicións, que nin estarían servindo para iniciar ou fomentar novos ciclos e, por suposto, estarían podrecendo eses organismos debido á falta de entendemento de que unha acumulación desaxeitada destes residuos envelenan os corpos e acaban con eles. Precisamente, este símil tamén me vale para intentar metaforicamente reflectir o que está a ocorrer cos valores e os modelos sociais imperantes no noso mundo actual, onde os principios activos como son estes pagamentos (…) se afastan do seu papel natural, da súa función autopoiética –como diriamos os sociólogos para referirnos a un sistema retroalimentado–, pasando a ter un valor e papel insán no seu aspecto ou parte acumulativa, na que tanto se empeña o común dos mortais. Deste xeito, o ciclo estaría viciado, parando ou atascando o proceso natural, basicamente debido a ese afán de reter, posuír e acumular riquezas, que no seu descorrer normal nos achegarían os seus nutrientes para logo volver á cadea de xeración de recursos, unha vez satisfeitas as nosas necesidades. O que pasa é que, como en todo, as devanditas necesidades –aplicadas neste caso ao terreo social– veñen a padecer dunha pandemia mórbida, da obesidade máis escandalosa e preocupante, como as que se reflicten ou deducen da actual crise económica, na que podemos sinalar como síntoma preocupante e mais viral os excesos e abusos do capitalismo en xeral, desde os sistemas financeiros ata a actual especulación cos alimentos e terras do planeta.

Pero se este símil ou metáfora me sirve para intentar reflectir a sintomatoloxía organicista do mundo actual –e máis concretamente da súa economía– a uns niveis  xerais, creo que o modelo tamén serve para outros casos ou exemplos máis locais ou a nivel micro. En concreto, estoume referindo ao caso alarmante de Lugo, unha cidade onde a estatística nos di que non é normal que haxa tantos casos de corrupción, apaños e demais impurezas de carácter social ou sociolóxicas. Descoñezo as ratios que nos digan a proporción deste tipo de delitos por número de habitantes, nin tampouco teño comparacións oficiais sobre o tema, pero está claro que para unha poboación como vén sendo esta, comparable á de Santiago de Compostela, parecen incluso exaxeradas as referencias destes casos, así como o eco ou repercusións (…) que se veñen producindo sobre este enclave, ao que os romanos deron tanta importancia. Baixo dita sintomatoloxía cabería preguntarse, está a cidade de Lugo máis enferma ca as demais poboacións ou entes sociais? Imos tentar dar unha resposta a isto.

Para empezar, hai que ter en conta a característica esencial de Lugo, como cidade que centraliza (…) unha provincia que vén sendo dende hai moito tempo esencialmente agropecuaria.  E si esta é a súa pegada, haberá que ter en conta o ancestral, natural e san concepto e emprego que aínda fan dos excrementos, o esterco e, en definitiva, da merda no noso agro lucense. (…) Tanto na súa produción e aplicación nótase case que toda unha cultura lucense relacionada con esta parte do ciclo vital: dende a súa feitura ou mestura cos toxos, xestas, fentos ou palla, ata a súa aplicación á tan arraigada terra, para oxixenala e alimentala, recollendo despois os froitos en forma de produtos para o consumo humano ou animal. Non vou explicar aquí a especial vinculación dos habitantes do medio rural lucense coa natureza e os seus ciclos, pero parece ser que –como pasa noutros ámbitos da vida social da capital, que se afasta e incluso renega da súa orixe e vinculación aldeás, disfrazándose dun elitismo que non é máis ca un provincianismo nos seus estilos de vida, negocios, institucións, etc.– o que vén ocorrendo nesta cidade –con casos coñecidos que van desde Niñé, Pandora, Muralla, Carioca, Campeón, etc. , e outros moitos non publicados que inclúen o dereito de pernada en pleno século XX ata a refinada enxeñería fraudulenta dos negocios con homes de palla– pode ser outra mostra máis de como esa cultura antropolóxica do lucense sofre do refrito capitalino e trabuca, unha vez máis, o bo uso ou función natural e orgánica dunha parte do sistema, para convertela en abusos e malas prácticas. Con tal de renegar do campo, parece que en Lugo se esquece que é e para que sirve o esterco e depósitos, pasando a querer posuílos e acumulalos cal síndrome de Dióxenes, neste caso aplicado ao diñeiro e a mal chamada ou considerada riqueza (que por suposto non está nos cartos).  De feito, a capital lucense, xunto coa ourensá, sempre destacaron polas súas taxas de aforros ou depósitos bancarios; mentres que ambas as provincias presentan os índices de adecuación (créditos/depósitos) máis baixos.

Que no campo lucense facía e fai falta formación é evidente, xa que o costume de iniciar sexualmente os rapaces en puticlubs non é precisamente un signo de sociedade avanzada. Así, temos a chamada milla roxa, na estrada de Lugo a Baralla, na que –segundo algún diario– había unha das maiores concentracións destes tugurios; sendo que, precisamente, a nosa capital sempre se caracterizou por este tipo de servizos (…). Noutra orde de cousas, o fenómeno do ladrillazo tamén se contaxiou rapidamente á provincia, coa capital de foco contaminante, precedente e referente. Ademais, que chineses e outros inmigrantes viñesen ex profeso a Lugo sacar o carné de conducir márcanos significativamente neste papel ou contexto de corruptela social: está claro que somos un referente neste terreo, e eu prefería que seguise sendo polos nabos de sementar que polos outros.

Corrompido é sinónimo de podremia. A sociedade lucense sufriu tanto o devandito proceso de corrupción que ata chegou a darlle formato institucional (“ponme un Cacharro Pardo”, e servíanche un ron Cacique con Coca-Cola) e interiorizalo como algo natural, de aí os excesos e exemplos que desde políticos ata empresarios foron sementando por todas as partes, converténdose case nun modus operandi normal, cando sabemos que –tamén na nosa metáfora– a corruptela é unha cagada, por non ser máis escatolóxicos e falar directamente de descomposición, neste caso social. (…)

A poboación lucense tamén ten outros arraigos, capacidades e valores que poden facela rexurdir –saír da merda– recuperando a sabedoría ancestral e popular, na parte da súa grande experiencia co seu contorno e do funcionamento normal e natural de calquera organismo, sexa este natural, institucional ou social. Pero para iso fai falta unha identidade e conciencia sociais que, non só en Lugo senón en Galicia en xeral, máis dun se empeña en cargarse, renegando das nosas orixes e da nosa bagaxe antropolóxico-cultural. Así nos vai.

Este artigo foi publicado na súa versión íntegra no número 174 de TN, de novembro de 2011.

Avatar of Gabriel Vázquez

Gabriel Vázquez é doutor en socioloxía.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011