POLÍTICA

Entrevista: José Antonio Pérez Tapias

JOSE A. PÉREZ TAPIAS

Decano de Filosofía da Universidade de Granada e membro do comité federal do PSOE

Referendo legal en Catalunya e proceso constituinte en España

(Extracto da entrevista publicada no número 247, decembro 2017, da revista TEMPOS NOVOS)

 Texto Luís Villamor

Vostede, ademais de político a contracorrente, é filósofo… Quizais por iso ten comentado que para mito a “unidade indisoluble da nación española”?

Si, son filósofo. E político, como calquera cidadán ou cidadá que asuma un compromiso militante explícito, o que no meu caso supón ser membro do comité federal do PSOE. Só durante oito anos desempeñei cargos públicos. Fun deputado por Granada na oitava e novena lexislaturas das Cortes Españolas. E, certamente, coa bagaxe filosófica participo no debate público. Outros fano dende outras experiencias e claves. Dende esa perspectiva subliñei nun intercambio de opinións nas redes, respondendo a quen me dicía que un referendo pactado para Catalunya era un mito, o que por outra banda teño escrito en diferentes artigos: un mito é a “unidade indisoluble da nación española” da que fala a Constitución. Os nacionalismos son moi proclives a producir mitificacións nas que se condensa a súa ideoloxía. Tales mitificacións, coma outras que se producen por moi diferentes vieiros, son reelaboracións de mitos do pasado, por exemplo, o mito dun “pobo elixido”.

É o mito da nación española eterna…

Na fórmula que mencionei  atopamos, como insostible idealización, a consideración da nación española como esencialmente indivisible e eterna, o cal non se pode afirmar nin dende a historia de España, que é resultado de complexos procesos históricos, nin dende a consideración comparativa do que ten pasado con tantas nacións ao longo do tempo que incluso, tendo afirmacións similares nas constitucións respectivas, se teñen fragmentado, teñen pertencido a estados distintos, etcétera. En definitiva, como mitificación da propia realidade de España, a afirmación da súa indisoluble unidade é unha afirmación dogmática, levada ao texto constitucional en relación coa referencia á soberanía nacional. Este é outro concepto que igualmente carga cunha compoñente forte de mitificación, cunha gran carga criptoteolóxica dentro (…)

O PSOE, a aplicación do 155 e un referendo pactado

En España, no Estado español, prisión para independentistas pola DUI, en Bruxelas, liberdade… É máis garantista o sistema belga?

O sistema xurídico belga enfróntase á demanda da Audiencia Nacional respecto a quen era presidente da Generalitat de Catalunya e catro membros máis do seu goberno, cunha distancia respecto dos feitos que lle permite, e lle esixe, un procedemento xudicial onde caben consideracións e prazos distintos dos que se teñen dado respecto dos outros membros do Govern, que se atopan en prisión preventiva, acusados de graves delitos de sedición e rebelión, máis o que se lles imputa como malversación e desobediencia. Todo parece indicar que a xustiza belga non aprecia, como se ten feito na Audiencia Nacional, o relativo a sedición e rebelión, o cal pode incidir en como se estableza a extradición de Puigdemont e os seus compañeiros. Que haxa esas diferenzas non quere dicir que o sistema xudicial español non sexa suficientemente garantista: iso haberá que valoralo, en todo caso, ao final do proceso iniciado. Si que dá pé a pensar o que xa se puido soster, aínda sen comparanza ningunha co sistema belga: que a xuíza da Audiencia Nacional que estableceu a prisión incondicional sen fianza dos membros do Govern imputados se excedeu con tal medida. Isto quedou tamén de manifesto porque o xuíz do Tribunal Supremo que actuou respecto dos membros da Mesa do Parlament fíxoo con moi distinto criterio, máis consecuente co garantismo respecto dos investigados, que o sistema xurídico español posibilita e esixe.

O PSOE apoiou a aplicación do artigo 155. Foi un erro? Cre que o entenden as bases que recolocaron a Pedro Sánchez á fronte do partido?

Hai que ter en conta que o artigo 155 xa aplicado é un feito. E ese feito tómase como dato da realidade que pasou a ser incuestionable. Sendo a desembocadura, ata agora, do inacabado conflito de Catalunya, supuxo un fracaso político colectivo, con culpas que han de cualificar os tribunais e responsabilidades moi repartidas (…)

O artigo 155 ‘vendeuse’ como algo inevitable…

Persoalmente penso que se debeu facer máis para evitar a aplicación do 155, máis que dubidosa en canto á súa consistencia legal en moitos extremos. Aínda que se viu por moitos como un alivio a convocatoria de eleccións para o 21 de decembro, creo que o rexeitamento en gran parte da sociedade catalá a como se ten operado co 155, e as consecuencias do que foi unha intervención pura e dura das institucións de autogoberno de Catalunya, poden traer consecuencias aínda non percibidas en toda a súa gravidade (…)

En Catalunya, o PSC sácase fotos cos restos da conservadora Unió, cando nun pasado non moi afastado os socialistas catalás estaban no tripartito. Son solubles estas contradicións?

Iceta, como primeiro secretario xeral do PSC e candidato, propiciou unha lista “transversal” como sinal ao electorado dunha determinada vontade de diálogo (…) De todos os xeitos, para propiciar un diálogo político en serio penso que son necesarias outras medidas, como clarificar as propostas (…) se se propuxese negociar un referendo legal e pactado para desbloquear a situación (…)

Como sería ese referendo?

A cuestión do referendo require de aclaracións máis que pertinentes. Falamos dun consulta legal sobre a relación entre Catalunya e o Estado, previa a un proceso de reforma da Constitución. E iso para que dito proceso conte coa lexitimidade necesaria(…) Polo demais, á vista está que consideracións como estas quedan lonxe de ser compartidas pola maioría da militancia socialista, que se mantén apegada ás decisións da Executiva, polo consabido motivo de non restar apoio ao secretario xeral (…)

O alcalde de Terrassa rachou o carné do partido. Outros dirixentes socialistas cataláns tamén teñen dimitido. Ve vostede posible que o PSOE gañe eleccións xerais sen o apoio do PSC?

É unha consolidada constatación sociolóxica, de demoscopia electoral, que sen un determinado apoio de votantes ao PSC, non chega ao PSOE a maioría necesaria no conxunto de España para poder formar goberno. Ou incluso para estar en boa disposición cara a formar alianzas parlamentarias para iso. Polo tanto, se por presións do PSOE resulta que o PSC non lle ofrece ao electorado catalán unha mensaxe clara e crible de Estado federal plurinacional, no que Catalunya teña recoñecida a súa condición de nación política, o campo socialista resentirase como consecuencia. Para nacionalismo españolista xa están PP e Cs.

 

A prol dunha moción de censura e dunha federación plurinacional

Equivócase Pedro Sánchez con Catalunya? A reforma constitucional que propón o PSOE resulta nestes momentos incerta. Hai quen cre que pode ser unha xogada lampedusiana, para que nada cambie…

Sobre como e quen acertará sobre a solución, non só do conflito de Catalunya, senón para a grave crise do Estado español, dirao o futuro. Podo estar trabucado na miña apreciación e proposta, pero son dos que pensa que a crise é de tal calibre, que todo serán parches se non se vai cara a un proceso constituínte, que dea paso a un novo pacto constitucional, como pacto federal efectivo.

Vostede é federalista, republicano, e defende un Estado plurinacional. Cre que Catalunya, Euskadi e Galicia poderían ter un encaixe confederal?

Falar de confederación supón determinados elementos que habería que sopesar con detemento. Ten que saberse que a mesma Confederación Helvética, na que pode pensarse, é de feito un Estado federal máis que estritamente confederal (…) Con todo o que de positivo tivo, o Estado das Autonomías, desenvolvido no marco da Constitución do 78, está esgotado.

Puigdemont está gañando moitos enteiros en internacionalizar o conflito catalán ou esa estratexia de “exilio” era quizais para outro escenario?

Ninguén dubida de que o independentismo tivo éxito no xeito de como trasladou á opinión pública internacional a crise de Catalunya. E máis por contraste con actuacións policiais do 1 de outubro (…) Sobre a súa presenza en Bruxelas, son dos que pensan que falar neste caso de “exilio” é excesivo, por non ter nada que ver con quen en verdade tiveron que se exiliar tras a Guerra Civil e durante a ditadura franquista. Por outra banda, saír fóra de España para manter un goberno no exterior como lexítimo non se compadece coas declaracións dos mesmos independentistas respecto do que era unha evidencia: nin había estruturas de Estado nin se contaba co apoio democrático suficiente da cidadanía (…) As actuacións de Puigdemont confirman o mesianismo co que se ten revestido e a improvisación coa que, en xeral, se ten actuado.

As expectativas de aproximación PSOE-Podemos están irreversiblemente tocadas?

Desexaría pensar que a colaboración no futuro entre PSOE e Podemos segue sendo algo factible, mais a realidade indica agora mesmo que está de novo difícil. As formulacións respecto de Catalunya e a crise do Estado están moi distantes. Habería que dar novos pasos por ambas partes: (…)

Despois das eleccións catalás habería que convocar unhas xerais?

Convocar eleccións xerais anticipadas é algo que está na man do presidente Rajoy e farao cando vexa que as circunstancias políticas lle sexan favorables, o cal non está lonxe de ocorrer. O caso é que, sendo o presidente do Goberno que, á vez, o é do partido que está sentado no banco por unha escandalosa corrupción sistémica, e sendo o caso que segue a ser indigno ostentar a presidencia do Goberno polos mesmos feitos e eludir a responsabilidade política, o que procedería é facer a moción de censura tan esperada como aprazada.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011