POLÍTICA

A Xunta gasta 400.000 euros en pedirlles “austeridade” aos galegos

“É necesario mirar cada euro”. «O Goberno ten que investir o mellor posible e ser austero no gasto». «Os cidadáns deben ser solidarios nas contribucións e así dispor de recursos para o sostemento dos servizos e infraestruturas que temos». Son algunhas das mensaxes que, dende hai unhas poucas semanas, os galegos reciben nun vídeo difundido a través da televisión e Internet. Trátase dunha campaña publicitaria da Xunta na que as elocuentes mensaxes van acompañadas de imaxes que non o son menos: unha aula escolar na que nacen ordenadores, un hospital ao que lle crece un novo edificio ou un viaduto ao que se lle incorpora un novo treito. «Cada euro, conta», remacha o locutor ao final do vídeo, idea que se repite tamén nas versións radiofónica e impresa da acción propagandística.

Quen siga de preto as declaracións dos máximos responsables do Goberno galego, especialmente do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, verán nesta campaña unha síntese do que é o centro da súa mensaxe política desde antes de gañar as eleccións en 2009: a «austeridade», «facer máis con menos», «non gastar máis do que se ten». Con todo, esas proclamas, nas que o líder dos conservadores galegos foi pioneiro e que se foron estendendo ao conxunto das institucións do Estado nos últimos dous anos, contrastan co custo da propia campaña de publicidade: un total de 381.355,93 euros «IVE excluído», é dicir, máis de 400.000 euros, unha vez aplicado o 18% correspondente. É o importe que cobrará a axencia viguesa Verve Audiovisual, gañadora do concurso convocado pola Consellería de Facenda da Xunta o pasado mes de maio por un importe de licitación -cantidade que a Administración está disposta a gastar como máximo- de 381.355,93 euros, que unha vez engadido o IVE chegaban aos 450.000.

«Solidariedade» mentres se aproban os Orzamentos

Ao iniciar o proceso de contratación o Executivo de Feijóo informaba aos posibles contratistas de que terían que desenvolver unha campaña publicitaria centrada na «solidariedade na contribución para o mantemento dos servizos públicos na comunidade autónoma de Galicia». O seu prazo de execución sería de «dous meses» e «en ningún caso» podería «exceder do 20 de decembro de 2011″.

Así as cousas, mentres o Parlamento de Galicia avanza no proceso de aprobación dos Orzamentos de 2012 que, segundo a oposición, traen consigo a enésima «tesoirada social», a Xunta tenta convencer os cidadáns de que os servizos públicos custan cartos, gastando para iso case medio millón de euros a través dun contrato formalizado o pasado 25 de novembro. Por se a difusión a través dos medios de comunicación non fose dabondo, os galegos verán reforzada tamén a idea de que «cada euro conta» a través dun «mínimo de 150 valos publicitarios» de 24 metros cadrados «durante un mes en boas localizacións e cun mínimo do 70% no sete maiores cidades de Galicia».

Avatar of David Lombao

Xornalista nacido en Lugo. Traballou en Xornal de Galicia, Radio Voz e en Radio Galicia-Cadena Sar. Como pon no seu twitter @davidlombao ten "gañas de contar" o que sucede.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011