POLÍTICA

Pérez Bouza: «A reforma da Constitución introduce un corsé para as administracións públicas»

Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970) é o cabeza de cartel do BNG pola circunscrición de Ourense nestas eleccións xerais. Foi candidato dos nacionalistas á Alcaldía de Porqueira, sendo portavoz na Deputación provincial e Senador por designación autonómica na última parte da lexislatura. Tempos Dixital tivo a oportunidade de charlar con este enfermeiro de profesión.

O seu nivel de coñecemento e súa valoración mellorou moito nos últimos meses tralas súas aparicións televisivas, sobre todo tralo seu exercicio de sinceridade no programa “Salvados” de la Sexta. Existe aínda moito cinismo na política?

Desgraciadamente cada vez máis, por iso eu procuro sempre nas miñas intervencións públicas, ser moi claro, moi conciso e decir sempre o que penso, aínda que iso algunha vez poida parecer que non é politicamente correcto.

Como senador revelación que foi, ¿que destacaría da súa labor no Senado?

A defensa permanente de Galiza e dos intereses dos galegos: non houbo unha soa intervención do Senado das moitas que fixen, onde non estivera presente dun ou doutro xeito o noso país. E menos mal que estaba eu, por que de non ser así Galiza en catro anos non tería ningunha relevancia nos debates que se deron no Senado. Pero se do que se trata é de citar algunha acción concreta, quédome co feito de que nun momento en que a nosa lingua estaba sendo atacada polo Goberno da Xunta de Galicia, do PP, nun momento no que se estaban pechando portas en Galiza,  o BNG foi quen de abrirlle unha pequena ventana nunha institución central do Estado.

Procuro nas miñas intervencións públicas ser moi claro, moi conciso

Falemos de propostas e de programas. Entende como unha vitoria do BNG o feito de que na axenda política estatal esté enriba da mesa, dentro do que é a racionalización administrativa, a supresións das Deputacións?

Sen dúbida o BNG é a única forza política do conxunto do Estado que xa hai moitos anos que vimos defendendo a necesidade de suprimir as deputacións, por considerar que son institucións absolutamente ineficaces, inoperantes, que se adican a todo menos a colaborar cos pequenos concellos, que consumen inxentes cantidades de diñeiro en funcionamento interno e que o Partido Popular e o PSOE, cando as gobernan, as utilizan unicamente para manter os aparellos políticos destas organizacións.

A reforma da constitución, pactada por PP e PSOE, marcou o peche da lexislatura no Congreso e Senado. En que medida marcará as políticas económica nos vindeiros anos?

A reforma da constitución introduce un corsé para o conxunto das administracións públicas que marcará totalmente as súas políticas económicas, independentemente de quen goberne, por iso ódecimos que no básico, no transcendental, PP e PSOE están perfectamente de acordo. A reforma da Constitución impídelle ao Goberno ter liberdade para facer unha determinada política económica, e sen liberdade para facer política económica, non hai liberdade para facer política social, ou política de xeración de emprego. Por iso o BNG se opuxo a esta reforma, por iso é porque elimina a autonomía financieira das CCAA.

 
Sexamos realistas. As posibilidades de que o BNG acade representación no Congreso pola circunscrición de Ourense son máis ben baixas. No ano 2008 PSOE e PP repartíronse os catros deputados a partes iguais, e agora todo apunta a que será o PP quen leve tres e o PSOE un. 
Que ten que ocurrir para ver a Pérez Bouza na cámara baixa?

Que a cidadanía interiorice que a única posibilidade de que Ourense esté presente no Congreso dos deputados é que o BNG obteña representación. O relevante para Ourense o 20N non é se o PP ou o PSOE sacan máis ou menos representación, o relevante é se o BNG ten un deputado, porque iso sería a garantía de que os intereses dos cidadáns e o do territorio estarían perfectamente defendidos. Se interiorizan isto como importante e somos capaces que a boa valoración social que hai do traballo feito polo BNG no Senado se traduza en apoio electoral, sen ningunha dúbida tería serias posibilidades de obter representación por primeira vez no Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense.

A reforma da Constitución impídelle ao Goberno ter liberdade para facer unha determinada política económica

O obxectivo do BNG, explicitado por moitos dos seus dirixentes, é o de manter a representación en Madrid. Lonxe quedan as aspiracións de Grupo Parlamentar propio. Non é un rontundo fracaso que o BNG se manteña cun PSOE total e absolutamente descalabrado?

As análises dos resultados electorais hai que facelos unha vez que pasan as eleccións e valorando todas as variables que para ben e para mal puideron influir nos mesmos. En calquera caso eu estou convencido que o BNG vai a mellorar a porcentaxe de apoios a respecto das anteriores eleccións xerais, e xa se verá para o que da iso, se da para repetir o número de deputados ou para incrementalo. Nós de partida non nos pomos ningún límite, serán os cidadáns galegos os que decidan que representación terá o BNG nas Cortes Xerais.

 Por que o Bloque non é quen de ilusionar aos votantes do PSOE?

Os votantes e a base social do PSOE está profundamente defraudada coas políticas levadas a cabo desde o Goberno español, e polo tanto o único que ten claro unha parte importante, entorno ao 40%, é que ao PSOE non lle van a volver votar.  O que non está claro é que porcentaxe destes votantes van votar ao PP, cantos votarán polo BNG e cantos se quedarán na abstención ou no voto en bRanco.

Todo apunta nestas eleccións do 20 de novembro a unha maioría absoluta sen paliativos do Partido Popular. Temen que volvan os peores anos do aznarismo?

E indubidable que se o PP consegue unha maioría absoluta, a concentración de poder político, mediatico e económico que vai ter ao seu servizo vai ser abafante. Por iso eu pídolle a todos os que non queiran vivir baixo ese poder totalitario e absolutista, que miren cara o BNG, como a única alternativa útil en Galiza para parar ao PP.

Logo do cese definitivo da violencia por parte de ETA, ¿cal debe ser a política penitenciaria do próximo executivo?

Cumprir a lei, que di que todos os presos, todos sen distinción, deben estar en cárceres que estén o máis cerca posible dos seus territorios de orixe.

Moitos analistas coinciden en que viviremos un período de recentralización política e de desmantelamento do Estado do Benestar. Cal cre que é o que o PSOE cualificou como “axenda oculta” do PP nese ámbito?

O PP non ten ningunha axenda oculta, o PP defende abertamente a recentralización do Estado, todo o contrario que defende o BNG, que fronte a ese estado centralista e carca que defende o PP e algúns sectores do PSOE, nós defendemos máis autogoberno, máxima capacidade política e máxima capacidade económica e fiscal.

Os diversos inquéritos publicados ata o de agora mostran que Guillerme Vázquez é un dos líderes peor valorados e con menos coñecemento, sendo esta cuestión moi relevante á hora de que os cidadáns e as cidadáns depositen a confianza no Bloque. A que pode ser debido?

Non é novo. Ao BNG cústalle moito proxectar un novo líder e que este sexa coñecido por unha porcentaxe importante da poboación. Pasounos con Beiras e pasounos con Quintana, que ate que tiveron un nivel de coñecemento aceptable pasaron varios anos. Guillerme Vázquez é o lider que escollemos nunha Asemblea do BNG, e para min é o meu líder ata cando chegue a próxima Asemblea Nacional do BNG. Alí será o momento de discutir, que camiño debe coller o BNG, cal debe ser a liña ideolóxica, cal o modelo organizativo, cal o discurso político, que persoas deben dirixir o proxecto e quen debe ser o líder. Eu teño moi claro que BNG me gustaría que saíra da próxima asemblea, pero iso direino no seu momento, cando toque, hoxe non toca.

Eu teño moi claro que BNG me gustaría que saíra da próxima asemblea

A quen ve de candidato a Presidente da Xunta de Galicia polo BNG?

Hai varios compañeiros e compañeiras que poderían encabezar a candidatura do BNG as vindeiras eleccións autonómicas con total garantía de éxito, pero neste momento ese debate no toca.

Un adianto electoral nas eleccións galegas collerá a BNG e PSOE cos deberes sen facer. Teme a un tsunami de Feijóo no vindeiro ano?

O BNG ten que seguir coa súa folla de ruta, e celebrar a Asemblea, haxa ou non adianto electoral. Se todos pomos o suficiente sentido común e facemos as cousas ben, non temos que temer ao PP. Un BNG unido, forte e cun discurso e unha práctica política, que lle de resposta as demandas e as necesidade da sociedade galega actual, non ten nada que termerlle nin ao PP, nin a  o PSOE.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011