POLÍTICA

Francisco Caamaño: «Apostamos por unha Galiza forte que decida en España»

O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño achegouse a Compostela o pasado día 7 para participar nunhas xornadas organizadas polo Movemento Estudantil Universitario cos canditatos ó Congreso do BNG, PSdeG e PP por A Coruña. Tempos Dixital aproveitou a visita do ceense á capital galega para conversar con el.

Caamaño no salón de graos de Ciencias Políticas

Cara que dirección ten que camiñar o PSdeG para reverter nestas xerais os resultados das municipais?

O PSdeG ten que camiñar cara máis socialdemocracia, cara máis Galiza no sentido de máis cercanía e máis proximidade cos cidadáns.

 

A Operación Campeón vai ter moita incidencia no resultado das urnas?

Non, os galegos saben que as investigacións iniciais teñen o seu propio curso. Hai que respetar a presunción de inocencia do Ministro de Fomento e deixemos traballar ós xuíces. Todos saben que nestas etapas electorais sempre se producen sucesos desta natureza e distinguir a responsabilidade política da responsabilidade, no seu caso, xudicial se é que fora haber algunha, neste momento non hai nada.

Se Rajoy gaña, cre que podería haber adianto electoral en Galicia?

É unha decisión ben estraña se o señor Feijóo fai iso porque ten maioría absoluta, polo que non ten ningún tipo de problema para seguir a gobernar Galiza. Sería ben difícil pola súa parte poderlle explicar a todos os galegos que un goberno que xa leva dous anos e once meses e que ten maioría absoluta e ningún problema de estabilidade política convoque eleccións. Non se me acaba de ocorrer ninguna razón nin causa porque iso teña que ser así, polo menos non razóns con fundamento democrático.

Verémolo en breve como candidato á presidencia da Xunta?

Non, eu agardo que me vexades en breve como deputado pola circunscripción da Coruña, facendo o meu traballo aquí na provincia da Coruña e tamén en Madrid onde quero facer esta tarefa de deputado, non só estando en Madrid os días que toque, senón abrindo unha oficina do parlamentario, algo que non existe hoxe na política española para atender ós cidadáns da circunscripción da Coruña.

O ministro á súa chegada a Ciencias Políticas

Segundo a teoría dos vasos comunicantes a perda de votos do PSdeG debería traducirse en votos para o BNG e viceversa, mais as enquisas e os resultados das municipais amosan que isto non vai pasar, como cre que poden estes dous partidos recuperar a confianza do electorado máis progresista e de esquerdas?

O BNG ten a súa estratexia e a súa problemática, a min preocúpanme exclusivamente os socialistas de Galiza e o PSOE en Galiza. Nós temos que facer un gran esforzo por explicarlle á xente primeiro, que moitas das decisión que tomou o goberno de España fixéronse dende a responsabilidade, aínda que foran impopulares; en segundo lugar que ten un proxecto viable para Galiza, que temos un proxecto que defende a identidade de Galiza dentro do proxecto común de España. En terceiro lugar, apostamos por unha Galiza forte que decida en España. Se facemos iso, estou convencido de que a grande maioría dos galegos e das galegas estarán connosco.

¿Indígnase coa política extremadamente conservadora e anti – galega de Feijóo?

Pois bastante, como creo que unha grande maioría dos cidadáns galegos. Primeiro porque para ser presidente da Xunta hai que ter un certo sentimento de Galiza, un certo sentimento do pobo para o que se está exercendo e desempeñando a tarefa de presidente. Con políticas de ataque á lingua, de desmantelamento do audiovisual e da cultura galega non se traballa por Galiza. Iso non ten nada que ver coas dificultades económicas e a crise , o señor Feijóo está facendo políticas neoliberais, é o telonero de Rajoy e de Aznar. So pretexto da crise económica está a desmantelar Galiza en todos os eidos: no cultural, no dos servizos públicos e no do territorio. Non hai máis que ver que onde ía haber un proxecto eólico que ía dar moitos postos de traballo paralizouno, agora non temos nada; onde ía haber unha lei que ía protexer as nosas costas a 500 metros, paralizouna, agora temos intentos de poñer piscifactorías na Rede Natura, e desgraciadamente o paro en Galiza medra o dobre que no resto de España. Aquí non había man de obra vinculada á construcción e ó urbanismo, senón que afecta aos universitarios e isto é un drama, sen que o presidente faga nada por nós.

So pretexto da crise económica Feijóo está a desmantelar Galiza en todos os eidos

Vostede di ser un socialista de esquerdas pero o goberno do PSOE levou a cabo políticas socialistas e de esquerdas nos últimos tempos?

O goberno do PSOE intentou sacar adiante un proxecto de esquerdas e fíxoo en materia de dereitos, de defensa, de igualdade. Pero é certo que se atopou cunha crise económica moi severa, onde os estados teñen cedido grande parte da súa soberanía e tiña que  facer políticas económicas non illadamente, tíñaas que facer dentro das políticas económicas que se levan a cabo en Europa. E recordemos que Europa a día de hoxe, aínda que parece que o escenario vai cambiar, está gobernada case na súa totalidade por gobernos de dereitas e polo tanto por criterios ultraeconómicos ou ultraliberais e España tivo que adoptar tamén por compromiso con Europa políticas que non se poden definir como propiamente socialistas, pero eran as que Europa consideraba que todos os países, incluído España, debían facer.

O PSOE foi da man co PP na reforma da constitución sen convocar un referendo, ¿parécelle correcto mudar a lei suprema sen consultarlle ó pobo?

Pois é que non era obligatorio ter que solicitar o referendo, polo tanto cumpliuse perfectamente a lei. É certo que algunhas persoas pediron que se prantexase ese referendo, pero non houbo número de senadores nin de deputados ,é dicir de representantes dos cidadáns necesarios, segundo a constitución, para convocar referendo. Tratábase de poñer na Constitución algo que xa está na lei, é curioso que agora se plantexe este debate cando, no tempo de modificar o artigo 13, que foi a anterior reforma e a única que ata agora había, o tema era moito máis complicado porque afectaba a un dereito fundamental e sen embargo pasou moito máis desapercibido

Caamaño e Lage Tuñas logo da charla

Se Rajoy gaña será, en parte, porque o electorado cre que vai sacar a España da crise, logo de todas as veces que repetiu que tiña a solución, está asustado por se o seu compatriota ten unha variña ou receita máxica para amañar a situación?

O PP non ten unha variña máxica, non a ten ninguén neste momento. O que ten o PP é unha sorte de trastorno bipolar profundo, é un partido que cando está na oposición desquicia aos cidadáns, crispa absolutamente á cidadanía, oponse a todo de xeito radical e só temos que recordar estes oito anos pasados co tema do debate territorial, coas políticas de igualdade, co terrorismo, con todo, sempre está a crispar. A imposibilidade de renovar con normalidade as institucións democráticas: Tribunal Constitucional, Defensor do pobo, con tal de derivar un goberno válelle todo. Agora preséntase neste ataque de dignidade electoral como un partido que pretende ser moderado, centrado e con receitas para todo. Pois ben, xa sabemos que ten unha axenda oculta. Ademais os galegos coñecémola ben, pois esa axenda é o que fai Feijóo e é o que o PP vai levar a cabo na práctica tan pronto poida. Esa axenda pasa, como eles mesmo recoñecen  nalgún punto, por baixar os impostos aos máis ricos, por abaratar os despidos, por cargarse a negociación colectiva e deixar ao traballador individual fronte ao poder do empresario e polo tanto, cambiar as regras de garantía das relación laborais en favor do mercado e de que o máis forte dispoña de todo e os máis débiles se queden prácticamente sen nada, esa é a varita máxica do PP, a mesma que Thatcher ou Reagan usaron no seu día en EEUU ou Reino Unido e así lles foi.

A variña máxica do PP é a mesma que Thatcher ou Reagan usaron no seu día en EEUU ou Reino Unido

O PP levou a cabo unha oposición responsable e coherente durante este tempo?

O PP dedicouse a facer gamberrismo político e institucional. Unha cousa é facer oposición e ser enérxico e crítico con quen goberne e outra cousa é utilizar todo a calquera prezo e custe con tal de chegar o antes posible á Moncloa, e o PP fíxoo. Non hai tema no que o PP non fose extremo e radical na defensa das súas posición, nin lle importaban as institucións nin lle importaba chegar a acordos co goberno, poñendo os intereses do partido por enriba do interés xeral e iso é un erro que os cidadáns saben, e non deben esquecer que o PP anda a vestir o camuflaxe de campaña.

Rajoy leva no programa que non negociará co terrorismo ¿teme que, de ser presidente non saiba manexar a cuestión de ETA?

Eu agardo que o PP faga, alomenos Rajoy porque aquí tamén hai divisións interpretativas dentro do PP, pero que Rajoy faga o que dixo de manter a unidade dos demócratas, se o fai contará, como sempre ocorreu co apoio do PSOE para axudarlle a xestionar ese novo escenario que ogallá pouco a pouco se consolide no noso país. Pero que saiba que iso require diálogo, capacidade de comprensión, require escoitar ás víctimas, si, pero tamén atender á realidade política e social do país vasco.

 

Caamaño e a decana Nieves Lagares

 

Como Ministro de Xusticia, cal é a política que se lle debe aplicar con este novo escenario de deposición das armas aos presos da banda armada?

Aos que xa están presos só cabe aplicar a lei e o estado de dereito, non hai máis e quen cometa un delito no futuro, novamente código penal e o cumplimento das sentencias dos xuíces. Se chegamos a esta situación foi porque os demócratas mantivémonos firmes coa lei e o estado de dereito, non debemos renunciar nunca a iso.

Dixo que para a modificación da Constitución non era preciso o referendo, opina que era irresponsable a decisión de Papandréu de convocalo en Grecia?

A política grega é moi complexa. Eu entendo que un presidente dun país  se ten que someter a ese país a un plan de austeridade forte é difícil que non queira consultar aos seus cidadáns a través dun referendo, pero non é menos certo que Grecia forma parte de Europa e que xa había unhas negociacións previas levadas a cabo con Europa e se ía tomar esa decisión tiña que telo comunicado antes, creo que o correcto está a acontecer agora, que é buscar unha solución inmediata e de concentración.

Foi a falta de intervencionismo estatal e a deriva neoliberal europea o que provocou a situación económica que vivimos?

Por suposto, gran parte da situación que vivimos hoxe en día é a falta de regulación dos mercados, a liberalización plena dos movementos de capital e a capacidade, polo tanto, de facer especulación económica a escala globla, ese é sen dúbida o fondo principal e o motor principal desta crise.

Para decidir en democracia hai que ter sempre máis democracia

A democracia europea está sucumbindo á tiranía dos mercados?

A democracia europea ten que adoptar medidas e reforzarse inmediatamente para non sucumbir a esta forma dos mercados, polo tanto, canto antes teñamos eurobonos, unha política de consolidación e harmonización fiscal en toda Europa e sobre todo un plan europeo de reactivización, de reactivar a economía a escala europea mellor, porque europa ten que competir a escala global e cada día é máis difícil se non aparece como unha potencia unida, forte e con capacidade de decisión e para decidir, en democracia hai que ter sempre máis democracia.

 

Avatar of Sara Torreiro

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011