POLÍTICA

Verán sen tregua

Summertime, dicía a canción, and the living is easy: a vida é doada, a colleita medra e a troita brinca no río. Esa é unha cantiga de berce, para arrolar bebés. O noso verán trouxo de todo, troitas e serpes, das xornalísticas e das velenosas que se arrastran polo máis escuro.

Conde Roa o pasado 25 de xullo, co traxe de galego


O zulo e a baralla

O día que se entregaban as medallas Castelao, tamén en Compostela, desaparecían o Galicia Hoxe e a súa insubstituíbel Revista das Letras, como despois o Xornal. Os dous continúan en Internet, certo, e non imos dicir que a prensa por Internet requira a mesma dose de ilusión que o sexo por Internet pero os sitios naturais da prensa son as mans da xente e as barras dos bares. Por outra banda, sempre se di que nuns anos van desaparecer todos os medios en papel. Nese caso os galegos estamos en vangarda, o futuro é noso e xa está aquí. A realidade, porén, é que o futuro quere tempo, e sen presente non é nada.

Enténdese que desde a Xunta rexeiten culpas, as empresas teñen que valerse e bla, bla, bla. Por que apoian entón empresas en crise argüíndo que son estratéxicas, incluídas multinacionais e prensa antigalega? Non consideran o campo da información en galego como estratéxico, diredes. Falso, considérano parte da estratexia inimiga. Os “medios-placebo” non entran no catálogo de Feijóo, el é máis de receitar, por seguir coa súa metáfora, a droga dura en si, o xute xenérico de propaganda en vea. Nin dicimos que tivesen que facer máis pero, alguén escoitou que lamentasen a desertización da prensa galega? Celébrana! e teñen unha baralla coma a de Bush en Iraq da que van tachando cabeceiras: Ás de picas, sete de corazóns…

O resultado é que a liberdade de prensa e o dereito a unha información plural figuran no papel pero non existen porque non se exercen, dado o custo de creación e mantemento dun medio. A metade da poboación, que non os vota, vese pública e politicamente anulada e é obrigada a follear o monopolio dos medios da dereita e a rastrexar a información por canles marxinais.

A metade da poboación, que non os vota, vese pública e politicamente anulada e é obrigada a follear o monopolio dos medios da dereita


Ironicamente, o día que morría Galicia Hoxe a Xunta estaba de celebración e, co que se gastou no seu acto solemne: a cinco coches oficiais por galardoado, por non falar da festa do Albariño, órgano máximo entre congresos do PP, os medios aos que se lles deixou morrer terían para informar unha tempada. Ese mesmo día, coincidindo ata na hora coa celebración do PP, a maior manifestación do profesorado que se lembra enchía as rúas da cidade clamando contra o golpe de estado silencioso ao ensino público orquestrado polos medallistas de Bonaval.

Esas medallas, coas que Feijóo luxa unha vez por ano o nome de Castelao, entregábanse no Zulo de Secuestrados Galegos Ilustres, pechado para nós pero aberto para os coches blindados, os gardacostas con pinganillo, as furgonas do cátering, a megafonía, a brillantina e o Sangenjo-la-nuit. É o que pasa cando o patrimonio común goza desa condición para reclamar axudas públicas pero é controlado e regulado por entidades privadas, como ocorre en Meirás coa familia de Franco, ou na Igrexa católica que agora se dedica a matricular todo tipo de bens inmobiliarios como propios sen que ninguén lle pare os pés, sexa a igrexa de Bonaval ou un pavillón de deportes construído polos veciños no extrarradio de Vigo.

Esas medallas, coas que Feijóo luxa unha vez por ano o nome de Castelao, entregábanse no Zulo de Secuestrados Galegos Ilustres

É lóxico que os avogados da Conferencia Episcopal recomenden arramplar co que se poida, é o que fixo a Igrexa sempre e se hai que secuestrar secuéstrase porque así disponse de bazas para pedir rescate. O desacougante no caso de Bonaval é que todos caiamos na síndrome de Estocolmo. Se nos dixesen que as nosas novelas teñen que levar publicidade de contactos en castelán nas páxinas impares, remexeriámonos un segundo no asento e acabariamos por aceptalo.

Vaudeville

Desa confusión entre o patrimonio común e a titularidade privada é filla a desaparición do Códice Calixtino. Escribimos aínda desde a espiral vaudevillesca de rumores, intrigas, sombras nas laxes dos corredores, claustros en penumbra, siluetas nas loggias, tintas velenosas, alcobas concupiscentes, agochos na cripta e chavóns de ferro. De en primeiro pensamos que a catedral decidira festexar os 800 anos cunha xornada de cámaras blindadas abertas, por que non? Unha vez elaborados os facsímiles cuspidiños ao auténtico, a 2000 euros PVP, todo apego ao orixinal sería fetichismo pagán, escravitude material. Cando o deán deu unha rolda de prensa rindo a cousa cambiou, de que ría o ghebo?

Un observador sen todos os datos diría que era unha risa cínica, coma se o roubo non lle doese na alma, ou produto da excitación de tanta cámara e tanto foco, ou ben que no botafumeiro confundiran o incenso con outras herbas. En realidade era a risa de quen dispón de información privilexiada e agarda polo seu momento, non como a policía que, no canto de aplicar a navalla de Ockham, se limitaba a manter abertas todas as hipóteses. A confusión entre o público e o privado levounos a escoitar que a reaparición se produciría baixo segredo de confesión e aí morrería o conto, coma se non existisen responsabilidades penais.

A explanada

Este verán fomos testemuñas das andanzas dun espécime único, Conde Roa, que prohibía a romaría de Causa Galiza en Belvís porque as previsións indicaban que o aire ía soprar cara as autoridades no Obradoiro e o mesmo día solicitaba a organización da copa Davis no Gaiás. Que pasa? Non organizaban os romanos batallas navais no Coliseo? E a xente aplaudía, non aforricaba o gasto! A estes eunucos puritanos había que botalos aos leóns.

O proxecto torceuse por unha conspiración mesetaria pero á fin descubrimos para que serve o Gaiás. Non podía ser que se gastasen 500 millóns de euros para as mesiñas redondas dos escritorciños, esas partidas de tute móntanse igual nun bar. De feito a Davis fallou pero en agosto montáronse ducias de espectáculos de circo nun día. Non se levaron a ducias de vilas e cidades, non, iso sería o fácil. Montáronse alí todos xuntos, con dous collóns, e para iso non hai coma o noso Gaiás.

Propoñemos que na Cidade da Cultura se instale un cartaz de récord Guinness, visíbel desde o espazo e onde se lea “Ofrécese explanada con pendellos de deseño anexos, prezo a convir”. Para animar o mercado deberían irse programando espectáculos ecuestres, exhibicións caninas, acrobacias de motocross… Que o cartel se vexa desde o espazo é esencial porque como pista de aterraxe extraterrestre tamén dá de si e desde o aire é desde onde loce, por iso ao comité da Davis o pasearon nun helicóptero apagalumes. A propia Xunta sabe que alí vende fume e iso vese no nome dos ciclos que monta: A Cidade imaxinaria, Ruído de fondo… Non vos riades, que o conto é triste.

Ofrécese explanada con pendellos de deseño anexos, prezo a convir


Modelitos da Patria

O 25 de xullo o heroe da Davis, investido alcalde pola graza de dez adiantados rebeldes que pasaron de ir votar nas municipais, agasallounos coa fotografía máis comentada do estío: a súa aparición nos actos oficiais do Obradoiro a carón de Feijóo e as autoridades con frac vestido de… gaiteiro sen gaita?? Nos medios dixeron “co traxe tradicional galego”, “co traxe rexional” ou “vestido de gallego”. Nunca tal se vira.

Imaxinamos a Conde Roa cambiándose no despacho, armándose de caxato e arengándose fronte ao espello: “Vounos papar vivos a todos!” E abofé que o fixo. Arrecunchou as reclamacións do nacionalismo, calou a polémica das prohibicións e a actuación policial restritiva da liberdade de expresión, mesmo eclipsou outro discurso histórico que o redactor de Feijóo ambicionaba que se convertese nunha nova Oración fúnebre de Pericles, unha xoia oratoria orlada con nomes inmortais coma os de Fernández Albor, Fraga Iribarne ou Ramón Piñeiro, faros do seu galeguismo, e todo para nada. A do alcalde foi a xogada de xadrez que nos fai preguntarnos se o contrincante non ten puta idea ou quere distraer a nosa atención. Máis ben o segundo, aínda sen el sabelo.

De en primeiro, o traxe de galego lembrounos a mantilla española coa que Cospedal se rodeara de curas días antes en Toledo (velaquí as miñas credenciais) e pensamos: “a este dámoslle mate en tres xogadas”, pero por se acaso estudamos o taboleiro e comezáronnos a entrar as dúbidas. O nacionalismo e a esquerda rían de cara pero sen gañas, no propio PP rían por atrás burlentos e os xornalistas descolocados dicían que o tipo era un filón de titulares.

O xesto foi unha declaración política en toda a regra. A saber, o galeguismo do PP é tradición ou lecer, pasado e decoración. Reivindicalo para a vida real, na actividade económica ou na xestión dos asuntos públicos é pervertelo, politizalo. O único lustre que se lle cede á clase traballadora é o que lle dá un limpabotas, o que se conforma con limparlles os pés aos ricos: Insuperábel.

O galeguismo consiste en comer polbo á feira, castrapear nas festas, facer a queimada, veranear nas Rías Baixas, axeonllarse na catedral e bailar a muiñeira. Resumindo, en vestirse de galego. Conde Roa tivo a transparencia de facelo para avisar de que “a galego non hai quen lle gañe”. A galego ben entendido, porque o traxe rexional marca o límite da síntese posíbel entre o galeguismo cultureta e o españolismo castañeteiro, teocrático e reaccionario, unha cuña de fraguismo na era feijoniana, xa un non sabe o que será peor.

Ou si. O peor é o da concelleira de cultura da Coruña. Se non falásemos dunha cidade cunha primavera perpetua, diriamos que a muller foi vítima dun golpe de calor. Desbotado o shock térmico, pensamos que a traizoou o subconsciente: cando dixo que “todo era demasiado gallego” quixo dicir que “todo lo gallego es demasiado”, que pode parecer peor pero, ben pronunciado e co acento da Coruña xa parece outra cousa. U no?

 

Este artigo foi publicado na versión impresa de Tempos Novos de setembro de 2011.


			



			
Avatar of Xurxo Borrazás

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011