POLÍTICA

O PP e a rexeneración da democracia

Justo Beramendi

A necesidade de “rexenerar” a democracia española está de actualidade, e máis despois do susto que levaron todos coa irrupción de Podemos. E o PP, por non ser menos, en xullo acudiu lixeiro á opera querendo ser primeiro tenor cun plan supostamente contundente que contén dúas medidas “estrela”: que haxa máis “transparencia” (?) nas administracións e nos partidos e o seu vello mantra de que sexan alcaldes os cabezas das candidaturas máis votadas (aínda que esa candidatura non acade a maioría da corporación). Desta vez non dixo que esa mesma regra debería aplicarse en todas as instancias representativas, pero todos sabemos que iso é o que lle pide o corpo.

          Estamos perante unha auténtica vontade de rexeneración, perante unha operación de imaxe máis ou simplemente é un intento á desesperada de cambiar as regras do xogo para mandar en máis concellos á custa dos demais? A oposición denuncia que este último é o verdadeiro motivo, e a vontade manifestada polo PP a finais de agosto de que fará a reforma aínda sen consenso para que se aplique nas vindeiras eleccións municipais parece darlles a razón.  En todo caso, para analizar o asunto coa maior dose posible de argumentos racionais e a menor posible de bile e partidismo, debemos examinar antes os padecementos do doente e comprobar despois se a apócema receitada é acaída para curalos ou alivialos.

Corrupción, fraude fiscal e políticas antisociais

    Entre os males principais da actual democracia española están, na miña opinión, os seguintes. En primeiro lugar, unha corrupción multiforme e moi estendida (por non dicir sistémica) que se alimenta de varias fontes: clientelismo, contratación viciada de obras e servizos públicos, tráfico de influencias, facilidades para a malversación por parte de cargos públicos e a sutil corrupción en diferido das famosas “portas xiratorias” que comunican a alta política coas grandes empresas. Unha causa maior do síndrome de “desafección” da cidadanía é a procesión interminable de escándalos e procesos por enriquecemento ilícito, subornos, fraude fiscal, enchufismo e abusos de poder que afectan a partidos e sindicatos a todos os niveis, dende modestos concelleiros de vila á familia real pasando por alcaldes, deputacións, gobernos autónomos e goberno estatal, co agravante de que tan noxento espectáculo coincide con durísimas carencias económicas en gran parte da sociedade.

          Acabar con esa corrupción non é doado pero si posible. Abondaría con que as formacións políticas que tocan poder tivesen verdadeira vontade de facelo, acordando cambios drásticos na normativa de adxudicación e seguimento das contratas públicas, sometendo as decisións urbanísticas dos concellos a controis supramunicipais previos, establecendo a capacidade de veto suspensivo dos interventores, agravando as penas de prisión e de inhabilitación para quen rouba á cidadanía, endurecendo ao máximo a incompatibilidade do exercicio da representación cos negocios privados durante e despois dos mandatos, e por suposto establecendo un Ministerio Fiscal totalmente independente do poder executivo.

    En segundo lugar, está a tolerancia coa fraude fiscal e a súa  relación coa deterioración en cantidade e calidade das funcións socioeconómicas do Estado moderno: sanidade, educación, atención á dependencia e á exclusión social, pensións, cobertura do desemprego, investigación, etc. A combinación das políticas antisociais, que aumentan a pobreza (mesmo a desnutrición infantil) e a desigualdade, coa discriminación de facto á hora de cumprir as obrigas fiscais, é percibida polos prexudicados como un agravio intolerable que, ao persistir no tempo, pon en cuestión a xustiza e a utilidade social desta democracia. O lema “Facenda somos todos” resulta un escarnio contraproducente nun país en que a renda media declarada de empresarios e profesionais se sitúa permanentemente por baixo da dos asalariados. Os procedementos para levar esa fraude masiva a cotas aceptables son factibles e ben coñecidos. Só falta querer aplicalos.

Deturpacións que atenazan a representación democrática

    En terceiro lugar, temos un conxunto de deturpacións interrelacionadas que afectan a cerna mesma da nosa modalidade de democracia: a representación. A primeira é a nula interacción electores-elixidos entre votación e votación, baleiro que adoita ser aproveitado polos segundos para defraudar os primeiros sempre que o consideren conveniente, sobre todo polos partidos maioritarios. É certo que o asemblearismo puro ou “democracia directa”, que en teoría asegura un máximo de participación e control, resulta inviable nas sociedades e democracias modernas, e precisamente por iso cando se intenta adoita derivar nunha ou noutra forma de ditadura máis ou menos populista. Igualmente certo é que o sistema electoral maioritario de circunscricións uninominais, aínda favorecendo unha comunicación máis continua entre o deputado e os seus votantes, resulta menos democrático por canto deixa, ou pode deixar, sen representación a partes considerables da cidadanía. Pero o sistema actual, semiproporcional en grandes circunscricións plurinominais, con listas pechadas e bloqueadas, reducen a participación do electorado para elixir cada catro anos entre as opcións precociñadas polos partidos, condenándoo a permanecer na nada política entre elección e elección.

        Porén, son factibles termos medios que, sen chegar a unha perfección imposible, melloren claramente esta cuestión crucial para o enraizamento social da democracia. Para empezar, podería ser obrigatorio que os deputados tivesen aberta unha oficina na súa circunscrición, na que atendesen os cidadáns os días que non estean no Congreso. E algo similar cabería facer cos concelleiros. A introdución dalgún tipo de listas abertas con sistema proporcional non só lles daría máis opcións aos cidadáns, senón que estimularía os representantes a cumprir mellor coa súa función e os partidos a afinar máis na selección dos candidatos. Efectos parecidos terían procedementos de revogación de mandato e substitución polo seguinte en número de votos (cousa posible coas listas abertas), en caso de grave incumprimento das súas funcións como representante.

    A segunda deturpación ten que ver co abuso da delegación de poder recibida dos cidadáns por parte de cámaras e gobernos. Por suposto é impensable volver aos tempos do mandato imperativo. A complexidade dos asuntos para tratar e a axilidade esixible na toma de decisións fan necesaria a autonomía de acción que concede a representación incondicionada, propia das democracias modernas. Pero até certo punto. Non é xustificable en absoluto que un partido gañe unhas eleccións cun programa e goberne despois aplicando medidas totalmente diferentes e en cuestións moi importantes. Isto é fraude maiúscula, non autonomía. E fraudes destas levamos unhas cantas na historia recente de España, tanto a escala estatal como nos niveis subestatais. Cando un goberno se vexa “obrigado” a facer xusto o contrario do que prometeu no seu programa electoral, debería sometelo a referendo vinculante, e se o perde, que convoque novas eleccións para que a cidadanía, que para algo é teoricamente a soberana, poida decidir.

          Por certo, unha boa profilaxe contra estes delitos de lesa democracia sería a previsión constitucional de referendo vinculante, obrigatorio para un conxunto preestablecido de cuestións de especial transcendencia para o Estado e para a vida dos cidadáns. E non estamos pedindo nada estrambótico, senón algo que, nunha ou noutra medida, existe xa en países aos que dende logo non podemos dar leccións de democracia, nin agora nin moito menos no pasado.

A terceira deturpación corroe nos partidos

    A terceira deturpación refírese aos partidos políticos, entidades imprescindibles na democracia representativa para transformar a diversidade de posturas existentes na cidadanía nunha vontade maioritaria e nun goberno. Imprescindibles, si, pero non infalibles nin automaticamente acaídos á súa función no sistema. Segundo as épocas, os países ou mesmo cada caso concreto, os partidos poden actuar mellor ou peor, poden producir efectos mois bos ou efectos moi malos. No noso caso, o feito de que a ditadura de Franco demonizase os partidos, xunto co afán na Transición de garantir a estabilidade da nacente democracia, levou a un consenso hiperprotector que os blindou máis do debido. O balance dos primeiros lustros foi seguramente positivo no que atinxe á construción e consolidación do novo sistema.

         Pero aquí estamos a falar do presente. E agora, polo menos na percepción da maioría, os partidos e as súas direccións ocupan un lugar destacado na nómina dos culpables da dexeneración da democracia: grave déficit de democracia interna, loitas intestinas polo poder, afastamento dos problemas da xente para centrarse cada vez máis nas súas liortas internas, illamento crecente respecto da sociedade, selección negativa de cargos e candidatos, contribución notoria á corrupción e ao clientelismo, sometemento aos poderes económicos en canto están no poder, dispendio, burocracia ás veces demasiado ben pagada, prácticas ilícitas na captación de recursos, administración turbia das súas economías, etc. Non todos os partidos adoecen destes vicios, nin todos na mesma medida, pero a resultante do conxunto é unha realidade e unha imaxe que parece urxente cambiar de raíz.

    Condición necesaria, pero non suficiente, dese cambio é unha nova lei de partidos que, ademais de vixiar a adecuación dos seus estatutos á Constitución (preocupación fundamental até agora), de combater a oligarquización interna e de impoñer o respecto ás minorías discrepantes, contribúa eficazmente a pechar as vías da corrupción e a abrir as dunha honrada frugalidade. En España o financiamento legal dos partidos é maioritariamente público (e debe seguir séndoo). Pero, sorprendentemente, a súa administración é privada e con controis moi deficientes. Isto explica que algúns poidan pagar legalmente aos seus líderes, co diñeiro de todos nós, soldos e sobresoldos de escándalo que duplican ou triplican a remuneración de, por exemplo, o presidente do goberno (rebember os 21.000 € ¡mensuais! da “indemnización en diferido” do Sr. Bárcenas). Isto non pode ser.

        A nova lei tería que establecer para os empregados e dirixentes dos partidos unhas táboas salariais máximas equiparables ás das administracións públicas, posto que públicos son case todos os seus ingresos confesables. E por outra parte, deixando a un lado as cotas dos afiliados que non dan para moito, deberían limitarse ao máximo os donativos individuais, obrigar a publicalos todos periodicamente, prohibir os tratos de favor dos bancos e someter as contas todas a unha inspección anual rápida e rigorosa.

    Pero falta a condición suficiente e esta, unha vez máis, non é outra que a vontade dos propios partidos de autolimparse e abrirse á sociedade. Algúns pensan que coa elección dos líderes directamente polos militantes dan un gran paso. É un paso, pero non tan grande. Outros cren atopar a panacea coas primarias abertas aos non afiliados, para min un contrasentido e un viveiro de trapalladas no país da picaresca. Quen queira influír na marcha ou nas eleccións dun partido que se afilie, e cando non estea de acordo, que marche. A solución non son as dietas-milagre, senón máis honestidade e máis compromiso en todos.

    Naturalmente, estes cambios e outros máis que seguro esquecín esixirían nalgúns casos unha reforma constitucional, que por outra parte xa tarda en relación con outros problemas como o nacional ou o tipo de réxime. Pois que se faga dunha vez se de verdade queremos afrontar en serio as eivas da nosa democracia.

A polémica elección directa de alcaldes

    Pero, volvendo ao noso, contribuirían as medidas (vaporosas) sobre transparencia que anuncia o PP a corrixir esas eivas? Apenas. E que ten que ver o novo procedemento de elección de alcaldes coa rexeneración da democracia? Absolutamente nada. Todos os vicios que acabamos de enumerar poden darse tanto co sistema actual como con alcaldes de elección directa, e aí temos, como unha proba entre moitas posibles, o acontecido na alcaldía de París durante moitos anos.

    Por outra parte a obsesión e as presas do PP con este asunto desvalorizan a complexidade dun cambio que pode ser positivo de facerse ben, pero tamén pode ser letal para a gobernabilidade dos concellos de facerse mal. Debe descartarse de entrada a simple adxudicación da alcaldía á cabeza da lista máis votada sen maioría absoluta, tanto por ser radicalmente antidemocrático –podería valer máis, por exemplo, o 35% dos votos que o 65% restante–, como porque daría lugar a un concello ingobernable cun alcalde impotente fronte a unha oposición maioritaria. A opción –non moi democrática, pero existente nalgúns países– de conceder unha prima de representación á lista máis votada sempre que esta obteña un 40% e unha diferenza máis que mínima respecto da segunda, garantiría no pleno unha maioría absoluta afín ao alcalde, pero sería inaplicable a casos de maior fragmentación política, que poden ser moi numerosos en España en 2015. A variante máis democrática e que dá máis forza política ao alcalde é a da súa elección directa a dúas voltas, en caso de que ningún candidato consiga maioría absoluta na primeira elección. É un sistema presidencialista a escala municipal. Pero para que funcione, hai que cambiar tamén a distribución de competencias entre o alcalde e o pleno municipal, e prever mecanismos de control e revogación diferentes aos actuais.

       Como pode verse, a cousa é complicada e esixe reescribir de cabo a rabo toda a normativa de goberno municipal, non só a elección de alcalde. De non pensalo ben, o remedio pode ser moito peor que a enfermidade. Ten razón a oposición: hai que negocialo e pensalo con calma de cara ás municipais de 2019. Aplicará o PP a apisoadora da súa maioría absoluta nas Cortes e fará unha chapuza da que despois arrepentirse? Moito temo que si. Máis combustible para Podemos. Todo sexa pola “rexeneración”.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011