POLÍTICA

ENTREVISTA A CAMILO NOGUEIRA

«Cómpre conseguir un entendemento entre as distintas variantes do nacionalismo democrático»

Luis Villamor Texto Fernando de Paz Foto

 

Cando arranca o seu compromiso con Galicia…

Compromiso con Galicia e co mundo. Teño dito moitas veces que eu nacín en novembro, pouco despois do golpe de Estado, e en Lavadores, que entón era un concello, onde floreceron as entidades en contra dos foros e todo iso… Meu pai, por exemplo, fora o encargado en 1932 do monumento aos  mártires de Sobredo, en Salceda de Caselas. A miña familia tiña relación tamén cos movementos en contra dos foros, e o ambiente que había no Calvario era transformador. E durante o franquismo nunca tivemos a tentación falanxista nin soportamos unha posición da Igrexa a favor do réxime. Meu pai fora membro do Partido Galeguista, e eu decateime diso cando o fillo de Bóveda, que morreu hai uns anos, me deu a lista do partido. Pero tampouco fun adoutrinado, pois eran anos de silencio, por así dicilo. Tiven unha certa liberdade de pensamento, e despois no Instituto Santa Irene, o mesmo. Teño un recordo moi bo del.

Pero en familia comentarían eses tempos duros e bretemosos…

Non. O ambiente non era favorable ao réxime de Franco, pero tamén houbo un momento de silencio sobre o que pasara, que eu non ignoraba, mais non había un adoutrinamento directo, e si unha posición contraria ao réxime que tiñamos. Nos anos 60 xorde a época dos movementos opositores a Franco, tanto no ámbito das nacionalidades como no do movemento obreiro, e é aí cando, inmediatamente despois de estudar en Bilbao e Madrid, empeza o meu compromiso político de maneira expresa.

Eran os anos da expulsión en Madrid dos catedráticos Aranguren, García Calvo, Tierno Galván…

Si, si… Eu non tiven un trato directo con eles, pero era ese ambiente, que xa percibira en Santiago e Vigo. É no que me movín cando estaba estudando en Madrid. Despois volvín a Vigo, e xa fundamos a Asociación Cultural. De aí derivou Galicia Socialista, un movemento ignorado polo oficialismo nacionalista pero que fixo máis cousas durante os anos sesenta ca a UPG ou o PSG. Comprometémonos co movemento obreiro, co movemento a prol da lingua…, que se produciu a transición política. Polo tanto, o meu compromiso tiña un pouso familiar, que despois se foi consolidando.

Como foi aquilo da caixa de resistencia de Citroën?

Foi no ano 1972, en que houbo unha folga, que tiña motivación nos despedimentos, pero que no fondo formaba parte do movemento antifranquista. Ese ano mataran os de Ferrol, Amador e Daniel. En Citroën fíxose unha folga xeral para enfrontarse ao que alí estaba pasando, propiciada por xente de Galicia Socialista. Eu sempre conto que cheguei a Vigo en 1964, e escribín como fai todo o mundo cartas para ver se me daban traballo, e non me contestou practicamente ninguén. E en setembro petei na porta de Citroën e dixen que quería falar co director, que era francés, monsieur Moreau, ao que algunha vez vin despois en París. E os conserxes quedaron acojonados polo meu atrevemento e dixéronme que non podía ser, ata que o director lles dixo que quería falar comigo. Eu falaba francés porque aprendera esa lingua nas clases da Alianza Francesa. Puxémonos a falar e ao cabo de media hora chamou ao xefe de fabricación, que despois sería director xeral, e díxolle: aquí está o señor Camilo Nogueira, enxeñeiro industrial, e desde a vindeira semana traballará con vostede. Así foi como entrei en Citroën.

E como foi que saíu da empresa?

Fun o responsable da metade da fábrica durante moitos anos. A min despedíronme en 1972, pero dous anos antes xa tivera un conflito, porque a raíz dunha pequena folga non quixen revelar quen foran os responsables. Preguntáronmo como responsable que era dunha arte fundamental da fabricación, e díxenlles que non o sabía. Quixeron saber despois quen fora o primeiro da cadea que parara a fabricación e díxenlles que non me correspondía a min dicilo, polo que me trasladaron de departamento encargándome do de control de gastos. Por certo, que lles aforrei moitos cartos. Así que cando me despediron eu xa ocupaba outro posto diferente daquel no que me puxeron cando entrei.

Recorda a literalidade das causas do despedimento?

Despedíronme por participar na folga do 1972, como correspondía. E estiven un ano sen traballar. Despois vin para Santiago, para a Sociedade de Desenvolvemento Industrial de Galicia (Sodiga).

Un activo innovador do nacionalismo cívico

Protagoniza unha etapa extraordinariamente prolífica. É cando participa na fundación de Esquerda Galega e tamén noutras iniciativas políticas…

En 1971, Galicia Socialista fixo unha alianza coa Unión do Povo Galego (UPG). Cando despois se crea a Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), os responsábeis eramos Bautista Álvarez e mais eu. E chegou un momento na Transición, aínda dentro da AN-PG, en que eu fun un dos redactores das Bases Constitucionais da Nación Galega. Era unha época de transición, que non de ruptura, iamos cara a unha nova situación que había que aproveitar. Tiñamos a oportunidade de ser recoñecidos como nacionalidade, e de traballar dalgunha forma, pero houbo xente que non o aceptou. Eu presenteime como BN-PG ás eleccións de 1977, como número un na lista do Senado por Pontevedra. Saquei 30.000 votos. Como houbo esa diferenza de criterio sobre que facer, pois creamos o Partido Obreiro Galego (POG), que despois se transformou en Esquerda Galega. Presentámonos ás eleccións e sacamos un deputado no Parlamento Galego.

Con que queda daquel traballo parlamentario pioneiro?

Dos tres deputados que foran elixidos polo BN-PG, dous eran da UPG e outro do PSG, e como se negaron a aceptar a Constitución formalmente, foron despedidos. O único voto a favor deles foi o meu, que me presentara por Esquerda Galega. E quedei. O traballo que fixo Esquerda Galega, tanto na primeira como na segunda lexislatura, foi excepcional. A visión de Galicia que se difundiu aínda está agora presente.  Presentamos a primeira lei de normalización lingüística, e fomos os que dixemos que había que aprobar como propias a bandeira e o himno de Galicia, cousa que correspondía a unha tradición galeguista que nada tiña que ver coa historia española. O Valedor do Pobo tamén foi unha idea presentada por nós… Eu defendín no Congreso no ano 1992 unha iniciativa para a chegada das autovías. Cando había que transferir a sanidade, defendino con teimosía, porque había xente de esquerda que prefería unha sanidade de esquerdas en Madrid a unha de dereitas en Galicia, e non querían o traspaso.

Pero daquela había un desfase, un gap importante na negociación do traspaso…

Si, pero había xente que se negaba a asumilo. E, se nese momento había un Goberno de dereitas, xa o habería de esquerda! Había xente que dicía que o mellor era engancharse ao tren de Madrid, e falo de xente do PSOE. Madrid e non Galicia era a referencia para facer un auténtico autogoberno. Na segunda lexislatura, entrou Beiras polo BNG, e nós sacamos tres deputados como candidatura do PSG-EG. A previsión na terceira lexislatura era que sacáramos nove e logramos dous. Producírase daquela unha tremenda ofensiva nos medios contra nós. E vencéronnos, por así dicilo. Despois houbo unha paréntese, unha parte do que nós chamabamos Unidade Galega, que era PSG-EG, tiña tendencia a procurar entendemento co BNG. Eu non estaba en contra diso, pero pareceume que, de entrada, non debía incorporarme. Entrou unha parte e outra non. E por fin, pedíronme que me apuntara ao BNG e aceptei. Na seguinte lexislatura fun de terceiro na lista e obtivemos o mellor resultado: primeiro Beiras, segundo Pilar García Negro e terceiro eu, que en realidade era Paco Rodríguez, pero entraba no Congreso, e fun eu aí. E foi un resultado excepcional, porque a xente recoñeceu que había unha certa unidade entre o significado do PSG-EG e o BNG.

E despois veu o do Parlamento europeo…

Iso foi na metade da lexislatura. Pedíronme que me presentase e sacamos un resultado equivalente ao das eleccións autonómicas. Daquela, para o Parlamento europeo, 350.000 votos. Agora cando se sacan 1.200 votos xa se pensa que é un bo resultado. Iso revela ata que punto se perderon oportunidades en todo este tempo transcorrido. Naquel momento tiñamos mellores resultados nós aquí, por separado, ca Convergencia e Unió e Esquerra Republicana. Houbo moitas torpezas. Eu mesmo presenteime a candidato a presidente da Xunta e fun derrotado, e aínda así saquei o 23% dos votos.

Por que está hoxe Camilo Nogueira no BNG? Quen mudou máis, o Bloque ou vostede?

Eu pouco. Cando nos integramos no BNG, dalgunha forma foi entendido como unha fusión do que significaban EG e o BNG. Eu sempre defendín a mesma idea:  un partido que quere o autogoberno nacional galego ten que dirixirse ao conxunto da sociedade e non só aos votantes do BNG. Sempre defendín que a idea da autodeterminación de Galicia haina que facer no marco da Unión Europea. E escribino nun texto que foi aprobado, diferenciando o proxecto histórico da UE dalgunhas políticas que se podían practicar. E non se atreveron a poñer en causa estas ideas, simplemente foron por outras vías diferentes.

A súa visión de Galicia: unha nación no mundo

Ao pouco de chegar Fraga a Galicia, e xa como presidente, vostede participou con el nun polémico almorzo…

Polémico porque o fixera eu. Porque despois houbo outra persoa que incluso comeu con el e todo iso. Polémico porque Cuiña me dixo que a Fraga lle gustaría falar comigo. E díxenlle que si. Simplemente iso. Pero non fixen absolutamente ningunha concesión.

Pero como se desenvolveu o encontro?

El dixo o que pensaba e eu dixen o que pensaba. Non houbo nada de particular. O novo fora que faláramos dúas persoas contrarias. Cando Fraga gañou as eleccións, a maior oposición fíxolla Esquerda Galega, representada por min, Aneiros ou Randulfe. Non foron outros, que ao mellor escandalizaron un pouco, e Fraga sabíao ben. E o primeiro que fixo foi pedir que lle deran as intervencións miñas no Parlamento galego, centos delas.

De que falaron exactamente?

Eu falei con toda normalidade da situación da sociedade galega. Cando eu falaba no Parlamento de Citroën ou Inditex, do valor que tiñan para Galicia, era un escándalo que dixera iso, pero son ideas que están aí. Vencemos a idea de que Galicia era un país pobre, tocado pola discriminación por parte do Estado español, pero con capacidades inmensas. Hoxe mesmo algúns queren negar esa realidade. De como entramos na UE, sen querer o Estado español defender os nosos intereses. Houbo un cambio no mundo rural, que puido ser totalmente diferente, de máis produción e en beneficio do conxunto da economía, pero hoxe en día hai só un 7% de poboación que traballa no agro, non o 45% como antes. E Galicia non é en absoluto un país rural, pero si que ten un rural marabilloso. É un país industrializado, coa eiva tremenda da demografía, que vén de lonxe. Empezou en 1900 e continuou despois. Pero en 1800, Galicia tiña o dobre de poboación que Cataluña e catro ou cinco veces máis que Madrid como rexión. E foi a marxinación a que ocasionou a caída demográfica, que aínda non superamos.

A sangría, a epopea migratoria…

Si, pero tamén a tardanza. O feito de que a liña de ferrocarril Vigo-Coruña tardara 30 anos, de que se inaugurara en 1943, é tremendo. Chegou cun desfase enorme. E, outra cousa, e dígoo sempre para chamar a atención, estamos tan lonxe de Inglaterra como de Tarifa.

De cando en vez reábrese o debate de quen dá máis a quen: se o Estado a Galicia ou viceversa. É viable unha Facenda propia galega?

Pero por que non… Nós, vistos desde África, somos un país rico como Alemaña. A maioría dos novos estados da UE teñen menos renda per cápita. Pero por que non imos poder ter nós unha Facenda propia: temos o noventa e pico por cento da renda media europea por habitante, aínda que agora baixou algo pola crise. E temos que ser solidarios con todo o mundo, pero os demais connosco tamén.

Por que Galicia aparece sempre como nacionalidade subsidiada? É un problema de autogoberno deses recursos?

Aparece pola estrutura que hai no Estado español, pero non porque Galicia non teña recursos dabondo para actuar. Hai dez sectores económicos que son os mellores do Estado español. Téxtil, automóbil, granito, madeira, peixe e tamén o naval ata que o escarallaron… Temos en Vigo o principal porto, practicamente, do mundo… Máis alá dos cálculos que se fagan, isto é unha evidencia. A República Checa é moito máis pobre que Galicia. Non se recoñece que Galicia con Portugal é a franxa atlántica máis importante de Europa: 14 millóns de habitantes, máis que os que hai de Cataluña a Tarifa. E consideran o Estado español un Estado mediterráneo! É toda unha concepción do mundo que está vista por un españolismo negador. A sociedade galega foi marxinada, pero os galegos gobernaron en Madrid. Cantos primeiros ministros non houbo en Madrid? Din que Franco era galego… Home, si… E Casares Quiroga tamén, e Portela Valladares…

Os políticos galegos mandaron moito en Madrid pero, en xeral, ao país non se lle notou por iso un pulo especial… A que o atribúe?

Así como Cataluña viviu dalgunha forma apartada, con excepcións, os dirixentes de Galicia estiveron comprometidos niso, mentres a sociedade galega era marxinada. Unha sociedade negada por un Estado gobernado por galegos. Galicia ten ese problema. Unha cousa semellante ao de Escocia. Os escoceses foron marxinados, pero os escoceses foron os que gobernaron en Londres, e podemos facer unha lista deles, terminando por Blair. E non se sabe ler este problema.

Por non falar da espantada da nobreza galega…

Claro, claro… Gobernaba en Madrid pero conservaba aquí os foros e todo. No tempo dos Reis Católicos, chegou un momento en que lle negaron á Igrexa galega o ser gobernada por galegos, con rarísimas excepcións. E esta igrexa, a da metrópole compostelá, mandaba ata Ávila. Ata 1851, cando co concordato coa Santa Sede quedou todo separado da metrópole de Santiago agás Astorga. Así que daquela tanto Zamora como Salamanca, Badaxoz e Ávila dependían de Santiago. Era unha potencia extraordinaria, pero en mans de alleos.

Momento de gran penetración do castelán…

Así como a Igrexa galega estaba gobernada polos de fóra, en cambio en Cataluña, que estaba un pouco negada pero respectada, cando o Borbón Felipe V quixo impoñer o castelán en mil setecentos e pico, os cregos dixéronlle que non. É que Galicia foi negada desde 1500 e para os cataláns a Igrexa ceibouse en mil setecentos e pico. Pero isto que pasou non está aínda difundido na sociedade galega, e nós sempre o fixemos, moitas veces combatendo cos propios compañeiros de loita política.

A historia non sempre ou case nunca é o que parece?

Hai que ter unha certa autoestima. Un punto de vista de Galicia como nación no mundo e non como unha parte de España, sen poñer en causa que relacións podemos ter co resto do Estado español. Ese é outro tema. Galicia podería ter seis millóns de habitantes nestes momentos se non chega a ser pola marxinación. A América marcharon dous millóns, entre 1860 e 1920. E hai que ter conciencia disto. O noso ámbito no mundo pasa por pertencer á UE.

Reagrupar o nacionalismo desde a esquerda

Acaba de haber eleccións: que diagnose fai?

Neste momento, Feijóo gañou as eleccións, pero en número de votos a esquerda e a dereita sacaron o mesmo. Porén, moita xente bótalle as culpas dos resultados a Galicia. Hai xente, que, parece mentira… Xente que di que Galicia non ten remedio porque está mandada polos caciques. Pero, imos ver… Que caciques fan que se vote á dereita en Coruña e Vigo? É outra cousa e non se pon de manifesto. Que a dereita teña tanto como a esquerda, e ao revés, é unha cousa normal en toda Europa, pasa en todos os países. O que acontece é que aquí non se construíu unha alternativa nacional galega, ás veces chámolle partido nacional galego, e iso fai que se perda toda potencialidade, ou parte, e que haxa unha certa dispersión.

Por que segue gobernando a dereita co que ten chovido estes anos?

Porque sacou máis escanos, pero, como lle dicía, hai un certo empate a votos. E sae favorecida polo sistema electoral, pero en Galicia vota unha parte da poboación á dereita e outra á esquerda.

Hai vasos comunicantes pola esquerda e o nacionalismo, e como resultado, unha alternativa insuficiente…

Ben, hai unha crise evidente do PSOE, que está aí, e despois no nacionalismo galego houbo unha escisión e unha certa dependencia da novidade de Podemos en Madrid, unido a todo iso a deriva de problemas dentro do propio nacionalismo.

Soubo o BNG ler ben ese partido nestes tempos excepcionais?

Para responder a iso hai que facer unha reflexión que non afecta só a Galicia nin ao Estado español, senón á compresión do mundo. Hai xente que razoa en termos da Guerra Fría e non da Unión Europea, por así dicilo. Con todas as críticas que se fagan, pénsese que foi o BNG, xunto cos cataláns, o que promoveu o grupo de nacións sen Estado no Parlamento europeo. Iso non se pode esquecer. Coido que aínda hai visións do mundo, para min erradas, que impiden ese crecemento, e facerse querer pola sociedade galega.

Con todo, a candidata Pontón levantou o que era un tétrico prognóstico…

Non quero entrar niso, porque tería que entrar en detalles. Eu alégrome de que o Bloque quedara relativamente ben, aínda que nun momento determinado xa tivéramos 18. Creo que hai que buscar un entendemento entre as distintas variantes do nacionalismo democrático de esquerdas en Galicia.

Que algunhas están en En Marea…

Si. Hai que ver que se pode facer para que o futuro sexa distinto. Eu prefiro situarme na idea, máis alá das miñas militancias, de que é posible traballar para un futuro distinto. E ese é o traballo que temos por diante. A campaña foi diversa. Creo que a das Mareas non foi intelixente, e ao Bloque foille mellor do que se dicía que pasaría, pero quedou moi lonxe do que tivo noutro momento.

O PP tensionou ao máximo e fixo unha campaña eficaz. É mérito só dos populares ou demérito da esquerda?

Dende a esquerda, hai que traballar doutra forma. Pero o propio PP fixo unha campaña que procurou distinguirse de Rajoy. E iso creo que o favoreceu. Pero non hai que traballar coa idea de que o PP secuestra o voto dos galegos. Os galegos que votaron ao PP, votaron ao PP e máis nada. Hai lugares de Galicia nos que hai elementos de caciquismo, pero o que hai é unha parte da cidadanía galega que vota a unha formación de dereitas. E cunha visión diferente do que Galicia é, como nación no mundo, dende a esquerda hai que traballar por unha alternativa diferente.

Non comparte entón o chío do deputado de En Marea, Fernán Vello, a propósito dos supostos votos reféns que lle deron o triunfo ao PP?

Non entro niso. Pero eu non comparto en absoluto as posicións acusadoras da sociedade galega. A realidade da sociedade galega hai que tratala con fundamentos máis próximos aos de Castelao ou a autoestima extraordinaria de Rosalía de Castro ou Bóveda. Una visión positiva da sociedade galega, e unha explicación das cousas negativas, derivada da marxinación do Estado ao que pertencemos. Nunca caerei na tentación dunha lectura españolista.

Agora hai un partido español, Podemos, que recoñece o dereito a decidir, ou o dereito de autodeterminación… é un avance?

Pero deféndeno para dicir que non.

Hai noticia: non hai moitos que ata agora se pronunciaran así…

Estou de acordo con iso.

Modificouse a Constitución para atender a débeda en plena fase de recortes e demais… Daquelas augas, seguen correndo estes lodos electorais para o PSOE?

O do artigo 135 foi un exceso. É que a UE non dixo que había que poñelo na Constitución, senón crear unha norma que atendera a pagar a débeda. Iso de poñelo na Constitución foi unha trapallada, porque o outro podíase cambiar dun día para outro.

Que lle pareceu a campaña do seu candidato, Leiceaga?

Ben, foi compañeiro meu no BNG.

Todos os candidatos alternativos a Feijoo viñan do BNG…

É a mostra da forza do nacionalismo. Iso quere dicir que non se difundiu o españolismo masivamente. Somos coñecidos, tratámonos ben, e creo que foi acertado poñelo como candidato.

De ter sido Beiras no cartel de En Marea, os resultados serían outros?

Non quero meterme niso. Eu tendo a non facer rupturas e mantereime sempre nesta posición.

Habería que refundar o BNG?

O que hai que facer é buscar entendementos sobre como se concibe Galicia no mundo. E aquí entran elementos económicos, culturais, estratéxicos… Sen resolvelos, é difícil.

En Marea ten risco de esgazarse pola lea de Podemos?

Está claro que preferiría que non houbera ese condicionamento dende Podemos, dentro das Mareas, pero non quero facer unha polémica disto. Hai que buscar un entendemento en busca da maioría, dende a esquerda e o nacionalismo democrático. As alianzas hai que procuralas en Galicia. Podemos bastante ten con estar en Madrid.

Modificar a lei electoral, si ou non?

Eu son partidario de Galicia como única circunscrición. Posiblemente o sistema alemá sexa un exemplo, unha parte que se reparte dende o punto de vista do Estado e outra, nas circunscricións. O que creo é que as nacionalidades deberían ter dereito a facer un sistema de votación propio, recoñecido como tal, para presentarse ás eleccións estatais e tamén ás europeas.

A saúde do galego?

Ten máis saúde do que a xente cre, e moito menos da que debe ter. Pero dicir que en Galicia desapareceu, como di algunha xente…! Paréceme que nunca andaron pola rúa ou foron a un mercado ou a un hospital e escoitaron á xente que está alí…Outra cousa é que Galicia ten que ter a súa lingua propia e non depender para nada de imposicións de Madrid, respecto de como temos que falar.

Hai un certo galeguismo inserido no PP?

Imos ver. Ao principio desta entrevista dixen que algunhas das ideas que nós defendemos sempre están difundidas pola sociedade galega, a pesar de que non se vote ao nacionalismo galego. Incluso os de dereitas non poden separarse de que se construíu unha idea de Galicia totalmente diferente á anterior. E iso é mérito noso: dos nacionalistas democráticos. Claro que é así. Pouco a pouco estanse dando conta de que Galicia ten a súa personalidade.

Estar no mundo a través dunha Europa democrática

A malla fraguiana chegou a ceder e case ata recoñecer, polo menos de palabra, un Estado federal. O PP hoxe refuga do concepto… unha involución?

É un tema moi delicado, non me atrevo a entrar en profundidade, pero a idea que hai en Galicia sobre o que é Galicia, a súa cultura, etcétera, está enchoupada das cousas que defendemos os nacionalistas democráticos. E isto afecta a todos os partidos.

Un 80% das leis dos estados son simple transposición das da UE. Como se compadece co autogoberno?

Estamos no mundo da globalización, nun mundo diferente, e precisamos unha entidade europea para non ser satélites de ninguén. E no Parlamento europeo decídese por maioría, e quen deciden son os deputados elixidos por cada un dos Estados. Co Tratado de Lisboa, e cos cambios recentes, as leis teñen que ser aprobadas polo Parlamento. O Consello Europeo sería o Senado. Antes deste Tratado, se non había entendemento, primaba o que dicían os estados. Agora non. Se o Parlamento non di que si, non se aproba. No caso do TTIP, a xente xa o dá por feito. E non se pode dar por feito. Agora ben, é discutible que a UE deba existir? Posiblemente, pero é a primeira potencia económica mundial. E se eu fose ata Helsinki en coche, ninguén me pediría pasaporte. Hai quen di que o Parlamento europeo non pinta nada… Destácase polos xenófobos… Pero se son vinte e tantos deputados!

Perde credibilidade polo lobbismo a UE?

Tamén existe en EUA. Alí tamén hai lobbies, outra cousa é que se lles faga caso. Non se pode dicir: EUA non é unha democracia porque hai lobbies. Home, será por outros motivos!

Pero Bruxelas está cercada, mesmo fisicamente, por eles…

É que saben de sobra o poder que ten a UE. O que non quere dicir que haxa que facerlles caso. E quen en definitiva decide son os deputados elixidos democraticamente. Sería mellor que os 28 estados foran independentes? Creo que perderiamos unha oportunidade de estar no mundo. O mundo de hoxe non é o de hai 70 anos. Que unha parte das competencias da UE puidesen ser exercidas polos estados democraticamente? Ben, posiblemente podería ser unha solución, pero recordemos por exemplo que a UE é o único lugar do mundo que ten prohibida a pena de morte. Son valores… O feminismo no mundo non se entendería sen Europa. Onde se creou a democracia? E moitas veces algúns razoan, insisto, como se estivesemos na Guerra fría, que cren que as virtudes están en China ou Rusia: os máis capitalistas de todos. Son capitalistas de Estado.

Por que será que moitas veces lle chaman a vostede optimista?

A min hónrame que me digan iso, porque dende o pesimismo non se pode facer nada.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011