POLÍTICA

20-N: quince anos despois

Salvo que aconteza algo extraordinario, quince anos despois, doutra volta, o Partido Popular gañará unhas eleccións xerais, desta vez semella que por amplísima maioría, levando, logo de tres intentos, a Mariano Rajoy á Moncloa. E é que o vindeiro 20 de novembro, pase o que pase, porase fin ao ciclo de José Luis Rodríguez Zapatero como presidente do Goberno de España, coa celebración dunhas eleccións catro meses antes da data límite para agotar a lexislatura, constituíndo o sétimo adianto dende a restauración da democracia. Cun goberno socialista descabezado e cunha acción política e parlamentaria deslabazada, tendo a inxente crise e as súas consecuencias, principalmente o emprego, hexemonizando a axenda, a decisión de convocar oficialmente comicios do todavía presidente semellaba a únida saída para un executivo que agonizaba.

Fin do curso político

A decisión de convocar oficialmente comicios semelleba a única saída para un executivo que agonizaba

Dende logo, foi a reforma constitucional pactada por ambos partidos o que marcou o peche da lexislatura. Realizado nun periodo estival que imposibilitou máis contestación partidaria e cidadá, significa bastante máis do que se nos quere facer crer: significa a introdución dun dogma neoliberal nun texto xurídico, asumindo, de facto, a política económica que promove a dereita dende as máis diversas instancias e ignorando que unha constitución ten que ser un marco flexible onde poidan desenvolver as súas propostas tanto uns coma outros.

Acábase de impoñer, xa que logo, o déficit cero, as políticas fiscais restritivas (aumento dos impostos sobre o consumo e redución dos impostos sobre a produción e a renda), a desregulación, a privatización e a diminución do gasto público por lei. Isto é: unha parte importante dos que se autocualifican de esquerdas ou progresistas acaban de perder definitivamente a batalla das ideas. Un auténtico suicidio para os socialistas que, en consecuencia, están a optar por unha campaña que lles permita recuperar a credibilidade perdida.

Unha parte importante dos que se autocualifican de esquerdas ou progresistas acaban de perder definitivamente a batalla das ideas

Mensaxes

Neste tesitura da reforma constitucional imposta, o PSOE é consciente da súa limitada capacidade de manobra e da súa manifesta incongruencia entre teoría e práctica, logo de botar por terra o programa co que concorreu ás anteriores eleccións e coas cifras de paro na man. Nun intento por facer pedagoxía política, o lema escollido en precampaña “Escuchar, hacer, explicar” pretende ensalzar a capacidade comunicativa de Rubalcaba como o seu mellor valor electoral, contrapoñéndoo a un Mariano Rajoy que destaca máis como xestor que como comunicador. Nese intento por recuperar a esa parte do electorado mais ideoloxicamente consciente, isto é, nun intento por desempolvar o discurso socialdemócrata conxugado co da austeridade e cos dereitos sociais, os paquetes de medidas, de xeito encapsulado, que en precampaña están a lanzar os socialistas son principalmente tres: lei de morte digna; reforma das deputacións provinciais e demais administracións e impostos directos, como a explicación do recentemente aprobado Imposto de Patrimonio os as propostas de imposto ás bancas e ás grandes fortunas. E isto acompañado do recentemente presentado lema de campaña, «Pelea por lo que quieres», que cun carácter combativo, pretende mobilizar ao electorado socialista.

O programa do Partido Popular, pola contra, semella moito máis difuso. Se ben o discurso está perfectamente centrado e medido no ámbito económico (para lograr a recuperación é preciso “certidume e estabilidade que só pode ofrecer Rajoy”) e mesmo no social (“a mellor política social é a creación de emprego”), no resto non deixa de ser unha repetición de clixés electorais: “Rajoy es sentido común, es cambio, es futuro, es España” ou «Súmate al cambio». As críticas dende as filas socialistas radican principalmente na ausencia de programa artellado, por medo, din, “a que a cidadanía vexa cal é o proxecto político dos populares”. A necesidade de recuperar a percepción da cidadanía do PP como un partido dialogante perdida na última lexislatura de Aznar e mais nas sucesivas votacións no Congreso onde os conservadores eran incapaces de chegar a acordos con ninguén, levou a Mariano Rajoy a iniciar unha serie de conversas encamiñadas a dous obxectivos. Por unha banda, pechar acordos de coalición en diversos territorios, como pode ser en Navarra con UPN e en Aragón co PAR; pola outra, tratar de desbloquear unha situación de nula confianza con partidos co que os populares poden chegar a entendemento no que se refire á política económica: CiU e PNV. No caso catalán todo pasará pola reforma fiscal; no caso vasco pola política penitenciaria.

O resto de actores

En Galiza, o Bloque Nacionalista Galego, baixo o previble lema “Por Galiza”, xógase algo máis que a súa representación en Madrid: xógase a propia supervivencia como organización. Se ben os inquéritos mostran a continuidade de Franciso Jorquera e de Olaia Fernández Davila no Congreso coa figura de Xosé Manuel Pérez Bouza á alza, a experiencia nas últimas eleccións galegas e municipais demóstranos que os nacionalistas sempre obteñen uns resultados inferiores aos que apuntan os diversos estudos demoscópicos.

O que realmente pode salvar os mobles na fronte, máis que por méritos propios, será o efecto de “vasos comunicantes” entre PSdG e BNG, se ben non con tanta contundencia como hai uns anos, que se traduce no seguinte: unha baixada do PSdG significa a subida do BNG, e viceversa. Que o BNG perda a presenza nas cortes abrirá a porta a un escenario moi belixerante e estremadamente conflitivo para a seguinte Asemblea Nacional, que se celebrará a finais de xaneiro. Aí o BNG deberá resolver unha crise de liderado e unha liña política cada vez máis afastada da súa base social e electoral. En caso contrario todos os escenarios serán posibles.

O que realmente pode salvar os mobles na fronte será o efecto de «vasos comunicantes»

En Catalunya, CiU, con Durán i Lleida á cabeza, a pesares da súa dura política de recurtes, está en condicións de ser a primeira forza nunhas xerais en detrimento do PSC, co discurso centrado nun pacto fiscal que establecéra como prioritario en toda negociación que se realize. En Euskadi, semella que a irrupción de Amaiur (coalición de Bildu e Aralar) con varios diputados volverá a levar a voz da esquerda abertxale ao Congreso, desta vez cunha postura moito máis pragmática que pivotará en dúas patas: defensa do Estado do Benestar e do dereito a decidir do pobo vasco. Pola súa banda o PNV está en condicións de repetir grupo parlamentario, para o que precisará non moito máis que o 1,2% dos votos que xa posúe. Nun xiro estratéxico, que pode ter como obxectivo a recuperación a curto prazo do goberno vasco, Urkullu non chega a descartar un pacto de gobernabilidade co PP a cambio dun ministerio coas competencias de “política penitenciaria”, para tamén erixirse como interlocutor preferencial na desaparición de ETA.

Noutro territorio co seu sistema de partidos propio, Navarra, trala descomposición de Na-Bai, e tralo pacto entre PP e UPN, fica un escenario aberto para obter representación entre Geroa Bai (encabezado por Uxue Barkos e co apoio do PNV) e Amaiur.

Pola súa banda, no conxunto do Estado, semella máis que probable un repunte de Izquierda Unida, encabezada polo comunista Cayo Lara e con Gaspar Llamarazes refuxiado en Asturias ao abeiro da súa corrente renovadora. Concorrendo con diversas formacións, como ICV, a coalición insiste, entroncando coas demandas do movemento 15-M, na democracia participativa, “na hora de rebelión dos de abaixo fronte aos de arriba”, nun discurso cunha retórica anticapitalista se ben adubiado cunha política máis realista coa defensa da educación e sanidade públicas. En último termo, a autodenominada transversal UPyD con Rosa Díez á cabeza, segue teimando na rexeneración da política e mantén a súa liña discursiva xacobina: recentralización das competencias co obxectivo de deter o “desmantelamento de España”

As claves electorais

Crise económica

Estamos a vivir a peor crise económica mundial logo do crack do 29, orixinada no sector privado e pola excesiva desregulación dos mercados financeiros que ten consecuencias políticas e, sobre todo, consecuencias sociais. A resposta cidadá principalmente é o da chamada indignación, que se ben poderá ter efectos cuantitativamente perceptibles, non vai modificar sustancialmente o sistema de partidos español nestas eleccións xerais, mantendo o seu carácter bipartidista.

Voto oculto para o PSOE

No ano 1996, pasou algo moi semellante ao que está a acontecer nestas eleccións de 2011. Cunhas condicións obxectivas análogas no ámbito do desemprego, se ben non cunha crise tan acuciante, os inquéritos autorgábanlle case que maioría absoluta ao PP de Aznar e un desplome aos socialistas de Felipe González. Non obstante, a distancia, finalmente, foi de algo máis dun punto e quince deputados a favor dos populares. Polo tanto, todo indica a que non periga a vitoria popular, mais non é para nada descartable que o PSOE aguante o tipo debido á existencia de voto oculto. Aínda que Rubalcaba non é González.

Novos actores

A conxuntura que se está a vivir coa crise económica provoucou a eclosión dunha miríada de movemento cidadás que tiveron no 15-M a súa máxima expresión. Isto provocou, sobreo todo no seo da esquerda, dúas conscuencias: por unha banda, axudado por un PSOE á baixa, teñen posibilidade de entrar na cámara novas organizacións, como Equo; pola outra, a introdución na axenda pública de diversos temas que foron asumidos polos partidos nos seus programas, como foi o caso de IU, demostrado na súa «Convocatoria Social».

ETA fóra da axenda

Por primeira vez na historia da democracia española ETA non xoga un papel central nesta cita logo do xiro estratéxico da esquerda abertxale e do anuncio do abandono definitivo da violencia por parte da banda.

ENQUISAS

Enquisas 9 de outubro. La Razón. PP 182-184/ PSOE 114-116/ CIU 14-15/ IU 11-12/ PNV 5-6/ Amaiur 5/ CC 3-4/ UPyD 2-3/ BNG 2-3/ FAC 1-2 Outros / 4. 13 outubro.

Sigma Dos para El Mundo. PP 193/ PSOE 121/ CIU 13/ IU 6/ PNV 6/ UPyd 3/ ERC 2/ Amaiur 2/ CC 2/ BNG 2.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011