POLÍTICA

ENTREVISTA: Fernando González Laxe

(Extracto da entrevista publicada na revista TEMPOS NOVOS  nº 214, marzo de 2015, aínda dispoñible en kioscos)   Luís Villamor Texto Fernando de Paz Foto

«As políticas de Núñez Feijóo nin xeran emprego, nin aumentan o valor engadido dos nosos produtos»

Estamos no século XIX dende o punto de vista económico?

Non. As pautas son distintas. A sociedade é moi diferente porque estamos máis integrados política, comercial e tecnoloxicamente, e porque os valores que reclama a sociedade son totalmente distintos.

Dígollo pola precariedade laboral, número de parados, ultraliberalismo…

Non. Galicia no século XIX era o 12% da poboación española, e representaba moito no PIB porque tiñamos recursos naturais, que eran abondosos, e un mercado rexional moi potente. Ata o punto de que no século XIX a banca galega xogaba un rol básico. Por que deixa de ser unha gran potencia económica e demográfica e hoxe acada xusto o 5%? Porque non soubemos integrarnos internacionalmente. Todas as propostas foron canalizadas cara ao mercado interior, e a nosa burguesía, o capitalismo primitivo galego, non foi quen de espallarse internacionalmente. Incluso hoxe segue adoecendo deste tipo de cousas.

(…)

A experiencia como expresidente experto en pesca

Rexorde con polémica o papel dos ex presidentes. Zapatero estase prodigando ultimamente na acción exterior. Feijóo dixo que os ía utilizar como embaixadores. Vostede recibiu nestes anos algunha encomenda do presidente da Xunta?

Non. Nós temos unha experiencia importante, sabemos estar en momentos difíciles adoptando decisións e, en momento fáciles, deseñando alternativas. Sempre estamos dispostos a acudir á chamada de quen nese momento ostente a presidencia da Xunta. Acudimos á de Feijóo, quedamos en que el mesmo ía manter, de maneira periódica, esa xuntanza, e que abría as portas das consellerías e da presidencia para eses traballos que nos encomendaran. E non, non recibimos ningunha encomenda, nin ningún conselleiro chamou para solicitar o noso apoio. O que non quita que nós, que seguimos recibindo invitacións, sempre acudamos con prudencia e exquisitez, non dando información pública do que facemos pero, na medida que coincidimos co presidente da Xunta, contándolle un resumo.

(…)

Pero a súa especialidade é a pesca…

Eu entrei nesa materia porque na Facultade de Económicas había que levar a cabo un tipo de pescuda. Naquel momento o catedrático dixo que non me dedicase ao agro, que xa había dabondo, e sinaloume o camiño da pesca, e as informacións facilitadas por Valentín Paz Andrade, en concepto de pesca industrial, e Domingo Quiroga, no concepto de pesca costeira, servíronme para facer a miña tese de doutoramento, logo ser director xeral de Pesca, e presidente da Comisión de Pesca da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa. Na etapa miña na Dirección Xeral de Pesca hai que lembrar dous acontecementos importantes: a negociación da entrada de España nas Comunidades Europeas, e a aprobación da lei de Acuicultura, en 1985.

(…)

Sobre a España actual, Europa e o Tratado Atlántico

No coeficiente de Gini, que marca a desigualdade interna, a diferenza entre ricos e pobres anchéanse. España aparece xa como país de referencia da desigualdade e a corrupción en Europa… Como se resolve?

Metendo conceptos. A política de igualdade, de solidariedade e prestación social é un dereito ou non? Para nós é un dereito. Foi unha conquista e unha vez feita, convértese en dereito. E todas as frontes sociais están incluídas. E agora chega un Goberno e di que iso xa non é un dereito, que está a nivel de custo e hai que medir os investimentos… Pois non, isto non é cuestión de rendibilidade. É moi difícil, por exemplo, que na escolarización dos rapaces pequenos teñamos que medir a rendibilidade. Nun sanatorio de enfermidades raras non teremos que medir a rendibilidade, loxicamente non van subir os números. Isto é un dereito. Si que habería que facer números noutro tipo de investimentos, por exemplo de infraestruturas, onde ten que haber unha análise custo/beneficio, e hai que ver se son necesarias ou non. Aquí si.

Pasa tamén na educación, na sanidade…

(…)

Dicía un colega seu hai unhas semanas a esta revista que xa hai dous millóns de persoas que están fóra de España e non contan para nada nas estatísticas… Serían 7,5 millóns de parados…

Estamos nun mundo de gran incerteza, ambiguo, sen visión de futuro. A moita xente interésalle xogar neste mundo, e se esas pautas son as que predominan, evidentemente nós non sabemos manexarnos, construír un mundo mellor. E se a iso unimos que tampouco hai grandes líderes, acontece que esa integración mundial comporta cada vez máis desequilibrios. Que non somos capaces de atar.

Eses desequilibrios poden consolidarse co Tratado Transatlántico Estados Unidos-Unión Europea, que está sendo elaborado cun elevado índice de secretismo?

 (…)

No plano europeo, o señor Draghi compra bonos pero está facéndoo en clave inflación. Obama traballou con esta ferramenta, pero en clave de emprego. Non cre que Europa está errando o tiro, tendo en conta que a demanda non é consistente…

É máis fácil gobernar Estados Unidos (EE.UU.) que Europa. Os mecanismos americanos son máis doados que os europeos. EE.UU. é un estado, composto, pero un estado. En Europa temos aínda unha pelexa por se debe dirixila o intergobernamentalismo ou a Comisión Europea. Ou sexa, deciden os xefes de Estado ou a Comisión. Barroso foi un desastre neste sentido. Asistimos a un proceso de ampliación constante, 28 países, e non está pechada a porta. Non é nada fácil. Moitas das decisións están na Constitución dos países, noutros casos, non. En cada paso económico debe haber unha aprobación por parte dos tribunais económicos alemáns e, por outro lado, están indo os británicos…

(…)

Suspende a xestión e as políticas de Núñez Feijóo

Pronúnciese sobre a política económica do goberno de Núñez Feijóo…

Dou por suposto que todos os gobernos fan xestión e se esforzan en facelo o mellor posible. Agora ben, os resultados acadados nestes anos, logo da crise económica, presentan un camiño de bifurcación. A dinámica económica galega estase afastando moitísimo da dinámica económica española. Agora que hai unha certa recuperación da economía española non se produce a da economía galega. E as bases do modelo instaurado en Galicia, a través das súas políticas económicas, nin xeran emprego nin aumentan o valor engadido dos nosos produtos, nin reposicionan Galicia no novo escenario internacional. E isto é para min preocupante. Porque nos vai situar dentro do conxunto das rexións [europeas] nunha situación máis vulnerable. Non temos unha solidez grande para poder afrontar eses desafíos.

(…)

Falaba antes de certa recuperación, pero en todo caso sería pírrica, hai milleiros de parados e o número de vítimas son lexión…

A pena é que nós non xeramos emprego porque as políticas que se están consolidando polos recortes levan a que cada vez teñamos menos empresas. E que cada vez sexan máis pequenas, e ao ser máis pequenas, non poden acudir á incorporación tecnolóxica, por tanto, nunca serán máis produtivas. A unha tenda, por exemplo, que venda periódicos, con dous empregados, a incorporación tecnolóxica non lle permite mellorar máis a produtividade. E estamos enchendo o país con microempresas, con un ou dous empregados, e iso é moi difícil. De maneira que temos o problema demográfico –a baixada á metade da nosa porcentaxe de poboación en España, nos anos sesenta– e o tamaño das nosas empresas. Tendo en cambio unha preparación da nosa xuventude moi grande, a través dos centros de ensino superiores e a redución dos niveis de analfabetismo, pero claro,  coa aparición da fuga de cerebros.

Pídolle un chequeo aos sectores estratéxicos galegos… Pesqueiro, agrario, naval… Hai moito barquiño de papel?

(…)

No tema do leite hai técnicas de imposición de prezos case medievais?

Temos unha relación horrorosa co prezo pagado aos gandeiros e seguimos sen utilizar toda a marxe de mercado, onde se saca maior valor engadido. Vendemos o leite como materia prima e hai outros que o converten en queixo, manteiga, etcétera. Por exemplo, hai un iogur que costa 0,70 euros e se lle metes bífidus e non sei que máis, pois pode chegar a 1,30 euros. Temos que ir a esa marxe, que é a que xera emprego.

E en materia de pesca?

(…)

 A situación pola que pasa o PSOE e o papel de Podemos

 (…)

Foi vostede o primeiro socialista nun goberno galego, despois veu unha longa etapa do PP con Fraga, o bipartito máis tarde… Cre que, dada a magnitude da crise, os galegos votarán cambio en Galicia?

Se miro a secuencia histórica, si. Porque son gobernos de stop and go. É dicir, correspóndelle un longo tempo de stop ao PP e logo tócalles un go, de avance, aos gobernos socialistas. E se sigo a secuencia matemática, tamén. Porque o meu goberno durou dous anos e medio, o de Touriño, catro anos, e imos subindo. Se sigo a secuencia, por tanto, tocaría un presidente socialista.

(…) Pode ler a entrevista completa na revista TEMPOS NOVOS do mes de marzo, aínda á venda en kioscos e librarías. Pode solicitar o seu exemplar por correo electrónico a xerencia@temposnovos.net

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011