POLÍTICA

Chorén: «É tempo de pechar feridas e mirar ao futuro»

Xosé Chorén (Lugo,1967), funcionario de Correos, é na actualidade o director da Oficina Principal en Lugo. Foi, entre outras cousas, concelleiro na cidade lucense polo BNG antes da súa marcha, e trala VI Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista foi elixido Secretario Nacional, relevando no cargo a Alberte Xullo Rodríguez Feixóo. Este sábado tomará a palabra no acto de «despedida» de Esquerda Nacionalista, xunto con Xosé Manuel Beiras, Xoán Bascuas e o propio Rodríguez Feixóo, o que Chorén cualifica coma un exercicio de reconciliación: »É tempo de xenerosidade e compromiso, é tempo de pechar feridas e mirar ao futuro».

Esquerda Nacionalista celebrará este sábado día 14 os seus 20 anos cunha «despedida». É este máis un acto de fusión con Máis Galiza que un acto de disolución ou despedida?

En realidade non é que Esquerda Nacionalista se vaia disolver ou fusionar con Máis Galiza, o que xa de facto está pasando é que a nosa xente fai política en Máis Galiza e participa nos órganos de dirección deste partido. Dende a dirección de EN trasladamos a toda a militancia a importancia de sumar neste proxecto, e o resultado é que unha parte moi importante da nosa xente así o fixo. Certo tamén que outros e outras militantes manteñen a súa independencia neste proceso.
En segundo lugar o que si temos claro é que chegou o momento da simplificación de siglas e da confluencia nun proxecto político (Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Acción Galega…) críbel, sustentábel e unívoco, que poida chegar ao conxunto da cidadanía.Neste senso consideramos que o correcto é deixar que fale unha voz organizada e que actúen as persoas sen outro compromiso que a lealdade ao País e ao proxecto conxunto de futuro.

O sábado falan vostede,  Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, Xoán Bascuas e Xosé Manuel Beiras. É este un exercicio de reconciliación?

Efectivamente o que subxace na configuración do acto é, sen ningún lugar a dúbidas, a filosofía que queremos trasladar ao conxunto dos nacionalistas: é tempo de xenerosidade e compromiso, é tempo de pechar feridas e mirar ó futuro. Beiras e Bascuas foron parte do percorrido de EN, negalo sería faltar a verdade, obvialo sería faltar a nosa forma de ver a política, recoñecer as nosas diferencias e buscar unha fórmula de ensamblar a nosa historia e simplemente: coherencia.

Chegou o momento da simplificación de siglas e da confluencia nun proxecto político

Recolle Máis Galiza nidiamente os plantexamos políticos e ideolóxicos de Esquerda Nacionalista? Síntense plenamente representados e representadas?

Máis Galiza móvese nun espazo ideolóxico no que confluímos, no plano organizativo formamos parte da súa historia, eu mesmo son un dos 13 asinantes da primeira constitución legal e formei parte do equipo de organización inicial, con Teresa Táboas, Luis Barcia, Iago Tabarés… Neste momento compañeiras e compañeiros de EN forman parte da dirección de Máis Galiza, iso reforza o noso sentimento de pertenza.

Miremos todo con perspectiva. Din que vinte anos non son nada. Cal foi o papel que Esquerda Nacionalista xogou neste tempo, sempre como partido dentro do BNG?

Esquerda Nacionalista naceu no seo do BNG para convertirse en alternativa ideolóxica á UPG, para ponderar o seu discurso e para facer que o corolario ideolóxico do BNG estivese representado nos órganos de dirección da Frente. En definitiva sempre quixemos facer posible o noso lema “Unha fiestra aberta” cara a sociedade. Non andaban lonxe os obxectivos marcados por EN, naqueles tempos, dos que hoxe en día se marcaron o Encontro Irmandiño e Máis Galiza. O percorrido foi moi complexo, primeiro pola vinculación a Beiras que era o Portavoz Nacional, iso facía que a nosa capacidade de manobra fose limitada e logo xa que, en ocasións, atopámonos demasiadas pedras no camiño que non tiñan moito motivo de ser, sempre tiveron máis de cainitas que outra cousa.

Xosé Chorén

Sen lugar a dúbidas na nosa historia hai dous momentos terriblemente dolorosos, a Asemblea do BNG da Coruña no 2002 na que unha parte de membros fundacionais de EN se marchan e a rutura do ano 2008 que supuxo a saída de parte dos relevos naturais e tamén da estructura organizada da mocidade. Con todo, e co que choveu, fixemos o posible por manter o partido e facer o que o seu traballo fose útil para o BNG e para a cidadanía, participamos activamente nos procesos internos e nos procesos electorais, dando pasiños até chegar aquí: as orixes. Se mo permites, uns e outros facemos o camiño de Adrián Solovio.

Esquerda Nacionalista naceu no seo do BNG para converterse en alternativa ideolóxica á UPG

O BNG nos 90, cun PSdG-PSOE descalabrado, foi o dos ascensos electorais, o que chegou aos 18 deputados no Parlamento Galego, o que gobernaba nas cidades, o que tiña unha forte presenza nos Concellos. ¿Que queda dese Bloque?

Coido que aquel BNG capitaneado por Beiras era críbel, próximo e moi apegado á realidade social. Seguramente no proceso electoral de 1997 foi onde a confluencia entre credibilidade social e programa foi máis palmaria e así foi recoñecido pola cidadanía galega. Hoxe en día pouco ou nada queda, no seo do BNG, daquela forma de facer política.

Unha das vosas aportacións ao debate político foi o de intentar cambiar, ou cando menos, modelar a visión negativa que historicamente tivo o nacionalismo galega sobre a UE, de aí o seu posicionamento en forma de SI crítico, aló por 2004, sobre o referendo da Constitución europea. Está Europa gravamente enferma?

O custe que tivemos que pagar por ter confrontado os plantexamentos con outros sectores do BNG, neste senso foi moi alto, os ataques non foron só políticos, tamén foron persoais. O tempo deunos a razón, a posición defendida por nós e tamén polo eurodiputado Camilo Nogueira era o camiño a seguir: o futuro pasa por Europa e non polo Estado Español.

Dígame, Como ve o País? Como calificaría a acción de goberno de Núñez Feijóo?

A dereita sempre actúa do mesmo xeito, engatusa á cidadanía coa leria do aforro, pero en realidade parten dunha posición ideolóxica na que o principio básico e a descapitalización do estado, da súa capacidade para incidir na vida dos cidadáns e das cidadáns, entregándose logo ó capital e ós mercados e claro, así nos vai.

Entre a Galiza real e a que deseñou Feijóo na campaña hai centos de miles de parados de diferencia, hai miles de empresas pechadas nos últimos anos e os servizos básicos na UVI. A posición que ven mantendo o goberno galego e a que acaba de anunciar o goberno do Estado converxen no peor dos escenarios para a cidadanía e o País, a morte do estado do benestar.

Entre a Galiza real e a que deseñou Feijóo na campaña hai centros de miltes de parados de diferencia

Falemos de futuro. Os diversos estudos din que hai un 28,2% de nacionalistas en Galiza, e o BNG recibe o 12,2% dos votos. Existen, pois, posibilidade dunha nova forza nacionalista e galeguista no Parlamento Galego?

Sen ningunha dúbida, quen arredou aos votantes foi a propia inercia do BNG, a sociedade demanda unha forza política galega transversal socialmente e comprometida coa realidade económica, que priorize as persoas diante dos discursos ideoloxizados. A nosa xente quere unha ferramenta ao seu servizo, que defenda os intereses colectivos e que non se converta nun fin en sí mesmo.

É posible o acordo entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e o chamado proceso Acción Galega de Teresa Táboas para concorrer ás eleccións?

Non só é posible senón que é imprescindibel, nós queremos poñer o noso grao de area o sábado neste senso. Menos siglas, máis persoas e un proxecto que se fundamente na xenerosidade e no compromiso co País. Nese camiño tamén estarán o PNG e os Ecogaleguistas. Existen moitas fórmulas válidas, entre todos e todas escollamos a mellor e poñámola ó servizo da cidadanía.

Estes días fálanse de moitas fórmulas, desbotada a partidaria por falta de tempo, para intentar chegar a unhas eleccións que semella poderían ser a finais deste ano: coalición, agrupación de electores….Unha vez que pasen eses comicios, ¿que fórmula organizativa debería ter esa nova forza nacionalista? ¿Como é posible harmonizar visións tan diversas do nacionalismo?

Concordo na falla de tempo para encarar o proceso das eleccións autonómicas, pero pasadas estas é vital para o nacionalismo buscar unha fórmula partidaria que se rixa por principios ideolóxicos e orgánicos estables, que peche a medio ou longo prazo os debates de posición. Deste modo farase socialmente críbel e permitirá que non vivamos en permanente asemblea, aproveitando esas enerxías para desenvolver traballo social. Esa nova formación deberá acompasar o que nos une, con aquelas diferencias salvables que permitan o normal funcionamento dos seus órganos de goberno.

En que parámetros electorais debería pivotar? ¿ Debería entrar en caladoiros de PP e PSOE ou en primeira instancia debería só centrarse en hexemonixar os espazos nidiamente nacionalistas?

Chorén, con Portas e Bragado

Esa nova forza debe moverse no espazo do centro esquerda, tratando de acaparar un amplo espectro ideolóxico (recordemos a campana de Gaus). Dificilmente se pode plantexar un proxecto político que non entre no centro social, nese corpo social maioritario que representa o 60% ou o 70% do conxunto da sociedade. A cuestión non é entrar nos “caladoiros” doutras forzas políticas e mostrarnos a sociedade como un proxecto real, do País, comprometido, o resto xa virá rodado.

Cales son as mensaxes que se deben mandar á sociedade?

A principal é que somos persoas comúns, normaliñas, con moitas inquedanzas e con ganas de mellorar o estado das cousas. Tamén é moi importante a proximidade, que nos visualicen con naturalidade non en esceas forzadas.
Recordo unha anécdota dun compañeiro do BNG que nun acto en Mesía durante o conflicto do enterramento de animais mortos, comezou o acto dicindo “Aristóteles xa afirmaba que o home é un animal político…”. Como comprenderás, a xente miraban uns para os outros sen entender nada de nada.

Esa nova forza debe moverse no espazo do centro esquerda, tratando de acaparar un amplo espectro ideolóxico

Ocórrenselle algúns nomes para a Candidatura á Presidencia da Xunta e cabezas de lista polas catro circunscricións?

Por suposto que se me ocorren, pero entenda que a prudencia impídeme dicilos polo de agora.

E vostede, a título individual. Que papel lle gustaría xogar nesta nova forza?

Eu como, case sempre na miña vida política, estou para o que me demanden a organización e tamén aquelas persoas as que alén da querencia política lle profeso un profundo respecto e amizade.

Paulo Carlos López

Xornalista, politólogo e investigador. Doutorando en comunicación política.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011