POLÍTICA

A derrota da esquerda e o debate socialista

Os resultados das eleccións do 20 de novembro dan lugar a unha nova paisaxe política tanto en Galicia coma en España, confirmando o forte sinal que enviaran xa as eleccións municipais e autonómicas de maio de 2011. En España o Partido Popular obtén unha amplísima maioría absoluta, superior á de Aznar, o que lle fai concentrar un enorme poder, ao sumarse ao que xa ostenta nas comunidades autónomas e nos concellos.

Gaña cunha estratexia simple pero de enorme eficacia (hai que cambiar, isto non pode seguir así); cun diagnóstico perentorio da situación (o problema é Zapatero) e unha vaga oferta política, que é a solución conservadora de sempre, en todas as situacións (a redución de gasto público é a clave). O voto conservador mantívose en estado de alerta durante todos os anos de oposición, debido a unha dinámica de intensa confrontación, exacerbada pola prensa afín.

En Galicia o Partido Popular supera lixeiramente o seu mellor resultado do ciclo, e sube un 10,6% en relación coa última elección; sitúase por riba do 50% nas catro circunscricións, distancia ao segundo partido en máis de 400.000 votos e á suma dos seus dous competidores con representación parlamentaria en 220.000.

A estratexia do presidente galego é máis hábil do que normalmente se representa

Este magnífico resultado é tamén produto de que a deterioración económica e social cárgase sobre as costas do goberno central, indicando a ineficacia dunha acción opositora que non soubo até o momento explicar o papel de Feijóo no declive relativo de Galicia. A estratexia do presidente galego é máis hábil do que normalmente se representa. Combinando unha posición de involución galeguista no plano simbólico e cultural cun autonomismo de intereses no plano económico, que conecta coa sensación, non sempre real, de sermos maltratados como comunidade. Posición que ten vantaxes tácticas para trasladar ao exterior as responsabilidades, erosionando de paso unha oposición socialdemócrata á defensiva.

O Partido Socialista experimenta unha fenomenal pancada, ao perder case 60 deputados e 4,3 millóns de votos. Que se encamiñan, por orde de importancia, á abstención, a outras formacións políticas progresistas, ao Partido Popular e outras formacións conservadoras, e aos votos brancos e nulos. Non houbo desde principios dos anos 80 un nivel de apoio menor ao partido socialista. O voto da esquerda fragméntase, incrementando a competencia política. A explicación máis sinxela deste resultado apela aos efectos da crise. De Estados Unidos a Grecia, pasando por Irlanda ou Portugal a ineficacia dos gobernantes á hora de construír un futuro mellor pásalles factura nas urnas. Con cinco millóns de parados, os indiferentes ou enfadados coa política son lexión. Hai, ademais, os decepcionados coa condución da política económica ou temerosos dunha política fiscal agresiva.

En España, a intensidade, amplitude e certeza da inevitabilidade da derrota indica a existencia dunha crise de confianza de causas máis fondas. Zapatero representou unha expectativa de avance progresista continuado, até maio de 2010. A ruptura desa burbulla de esperanza, que exemplifica o movemento do 15-M, irritou e desanimou a moitos cidadáns. Unha sensación amplamente difundida de incapacidade para enfrontarse á situación, de impotencia e desconcerto agudiza o desapego.

Os electores non perdoan a viraxe de maio de 2010, a adopción dunha política de axuste que contraviña a liña expansionista previa, a cultura política e o discurso progresista do presidente do goberno. Zapatero conseguiu o privilexio de converterse no único responsable da crise e da perda de empregos a ollos dunha opinión pública necesitada de bodes expiatorios.

A esquerda de Galicia

En Galicia, o Partido Socialista sofre a proxección da derrota española, en primeiro e destacado lugar. O que se traduce na perda de catro deputados, un por provincia sobre os dez existentes, xustamente os que gaña a forza conservadora. Chama a atención en perspectiva longa a enorme variabilidade dos resultados do PSdeG nas eleccións xerais, con milagreiras recuperacións e frenéticas caídas. Este comportamento é distintivo e ningunha das outras dúas grandes forzas o experimenta. A debilidade da inserción social queda así patente.

O máis específico no noso país é o lento declive do BNG, que continúa coa súa tendencia descendente, iniciada en 1999, e sitúase por vez primeira en quince anos por baixo da barreira dos 200.000 votos. Rompeuse o efecto de vasos comunicantes que ligou o BNG e o PSdeG, tanto nun sentido como noutro. A forza nacionalista vese incapaz de atraer votantes desencantados, a diferenza de novo do que sucede noutras latitudes con proxectos políticos de similar fasquía. Este fenómeno indica unha crise específica e persistente no nacionalismo. A experiencia de goberno apagou a aura de opción alternativa; a grisura funcionarial da actual dirección confínao nos estreitos límites dunha opción resistencialista. O voto de protesta diríxese máis a Esquerda Unida, con independencia da súa utilidade ou dos perfís concretos da súa oferta.

Polo tanto, asistimos a unha fragmentación da representación política no seo da esquerda que non é senón unha expresión da fonda crise que padece. Unido á enorme concentración de poder no Partido Popular, as dificultades para configurar unha alternativa de goberno son enormes.

O debate socialista: excesivamente apresurado e sobre persoas

A urxencia da situación económica demanda, canto antes, unha oposición con lexitimidade democrática interna e perfectamente estruturada. Convócase un congreso apenas dous meses e medio despois das eleccións xerais, sen tempo para producir unha reflexión de fondo, demorada e integradora. A discusión, de xeito inevitable, prodúcese en termos persoais máis que sobre proxectos ou concepcións contrastadas. Con este aviso de fondo, tentaremos interpretar que representa cada unha das figuras que protagonizaron esta elección interna.

A elección de Alfredo Pérez Rubalcaba no Congreso de Sevilla foi moi axustada. Confrontáronse dúas ideas básicas. Rubalcaba representou a experiencia e a capacidade explicativa; seguridade, nun momento de máxima incerteza. Esta característica pesou máis que o seu papel na derrota esmagadora, moi recente e a sensación de que se o seu pasado é longo o seu futuro é curto. Proxectando en consecuencia unha sensación de interinidade: o seu cometido sería facer unha oposición útil sen aspirar a volver, persoalmente, ao goberno. Do seu proxecto despréndese que a recuperación dun apoio maioritario dos españois pasa pola abertura do PSOE ás clases medias urbanas, poñendo o acento en políticas transversais; así como por un xiro centralista, que pise a fondo a tecla homoxeneizadora do Estado das autonomías e poña o freo a derivas perigosas.

Consulta o resto do artigo na edición impresa de Tempos Novos, número 177

Avatar of Xaquín Fernández Leiceaga

Noia, 1961. Profesor de Economía Aplicada na USC e concelleiro do PSdeG-PSOE en Santiago. Foi deputado no Parlamento Galego.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011