POLÍTICA

Un paso adiante e dous atrás, Galicia

Dentro do dossier especial de análise dos resultados do 20N publicado no último TN de 2011, incluímos a do sociólogo Fermín Bouza, apoiada nos datos de evolución do voto no Estado desde 1993. Na Galicia a situación merece unha interpretación específica, que pode resumirse no verso de Díaz Castro que da título ao artigo. 

O vello modelo fraguista de relación de forzas volve de novo. (…) A caída do PSOE repenica en Galicia coa caída do PSdeG, e iso non quere dicir outra cousa que somos moi semellantes aos demais habitantes do Reino no que ás crises afecta. Así foi. Temos que nos acostumar a unha paisaxe desta clase, a mesma que nos tivo durante moitos decenios nas últimas prazas do ránking do estado. A caída non é pouca cousa. A Galicia máis centralista e conservadora emerxe do fondo de cidades, vilas e agros para lembrarnos que somos mortais aos que criamos outra cousa. Cos peores datos de xestión na man, Feijóo suma Galicia á caída xeral. Non somos Euskadi nin Cataluña, obviamente. Aínda non, quero dicir. Pero tamén é certo que o PSdeG e o BNG, que tamén perdeu votos, teñen que facerse moito máis atractivos para os electorados e cambiar moito a súa mensaxe, en fondo e forma. As novas clases medias, motor das novas emerxencias políticas de progreso, xa empezan a fallarlle ao ex-bipartito. Hai que recuperalas. O PP, cos peores datos de xestión de Galicia en moito tempo, foi quen de gañar amplamente agora: a crise do reino foi máis forte ca a súa pouca eficiencia local.

 

O Reino logo destas eleccións

(…) O voto aparece hoxe máis diversificado e crébase dalgún xeito o adicional de centralismo dos últimos anos, e porén a excesiva bipolarización, pero isto só se dá de xeito significativo na banda esquerda (PSOE), que é a que máis lles cede voto aos pequenos, a falta de mellores datos nas enquisas poselectorais. O PP recibe a súa maior porcentaxe de voto [desde  que se presentou pro primeira vez a unhas eleccións xerais, en 1993], e o maior número de votos, aínda que non acada os resultados inmediatos (2008) do PSOE, que daquela non daban para unha maioría absoluta. É probábel que o PP tampouco reciba todo o voto propio procedente do 2008, senón que reciba tamén moito voto do PSOE-2008. O resultado, en todo caso, é este: maioría absoluta que agora súmase ao control de autonomías e municipios. Só Euskadi e Cataluña resisten este proceso: o voto nacionalista é unha forte barreira para a expansión dun modelo político e económico únicos. Por esta banda insurxente imos ter problemas na lexislatura que axiña se vai abrir. O mesmo que pola banda das leis cívicas e dos retrocesos sociais.

A maioría absoluta evita outros problemas e concede un grande poder ao seu dono. Pola contra, tende a illar o partido gobernante dos outros partidos e mesmo da realidade (Aznar 2000-2004). Non é doado fuxir destes problemas, e verémolos axiña na gobernanza do PP, un partido que porta na man un modelo de saída da crise que xira arredor dos recortes de gasto (máis caída do emprego) e pouco ou nada sobre as novas entradas de diñeiro (presión fiscal ascendente ás clases máis altas). Con iso só non saímos desta.

¿Consentirá o electorado algún fracaso de Rajoy?  Con Zapatero foi implacábel, sobre todo unha parte do electorado socialista. O electorado da dereita é máis fiel, sofre menos a crise e pasa por todo.

Nestas condicións, o PP tratará de aguantar coas reformas adiante, e o PSOE, o seu rival polo poder do Estado, non terá máis remedio que facer unha oposición rexa e clara. O crecemento de IU e o de UPyD fala de novos populismos á espera de que a esquerda clásica socialdemócrata perda definitivamente o control das maiorías desa banda de electores. Isto sería un desastre completo. Velaí o traballo complexo do PSOE.

Os populismos que se queren chamar de esquerda, en xeral ideoloxías moi erráticas, defínense á esquerda das socialdemocracias e poñen no sistema político un factor de inestabilidade permanente pero sen moito contido. Con iso terá tamén que lidar o  PSOE, a quen lle medran os ananos a cada caída que ten. Unha esquerda esnaquizada e de imaxe populista é unha “pera en doce” para o PP, que tratará, como en Estremadura, de abrir ocos arredor do PSOE.

A vitoria de Amaiur deixa constancia da forza do nacionalismo de esquerda cando non mata, cousa ben necesaria para que todo vaia en paz. Os fluxos de voto, á espera dos poselectorais, semella que din que os votos de Amaiur andaban no PSE, cousa non rara coñecendo a inmensa distancia que poñen os abertzales co PNV. Euskadi é moi especial. Acadada a normalidade, os votos volven ao seu fol. É outro problema para Rajoy, logo de tódolos berros que deron os seus contra a legalización destas xentes. Non é doado falar de democracia sen que poida presentarse ás eleccións o partido máis votado. Esperemos que manteñan esa liña de normalidade e confirmen a boa fe dos que pularon pola súa legalización.

Agárdanos, pois, unha lexislatura chea de problemas e incógnitas, cun desemprego aínda crecente durante un tempo e unha longa situación de debilidade económica. Todo é posíbel nesas condicións, e cando digo todo quero dicir todo.

 

Galicia e o baile que nos leva para atrás

Dende que gañou Feijóo as autonómicas, Galicia existe moi pouco, ou non existe, no Madrid no que eu vivo, que é así dende sempre. En Madrid só ten carta de natureza o que sae respondón, e aí comeza a posibilidade de falar con ben cos habitantes tan cualificados do centro xeográfico, económico e político do Estado. Madrid é unha forza económica moi grande que succiona os capitais do resto do estado para os investir alí, a meca do negocio e a rendibilidade. Ese é o principal problema económico de tódalas periferias deste reino complexo: o capital tende a reproducirse onde máis rendíbel é. Isto é tan obvio economicamente coma nefasto politicamente. Crea desequilibrios permanentes e agravios constantes, e é unha das bases de certa desafección periférica.

E Feijóo volveu gañar.  En 2004 e en 2008 a suma de votos da esquerda con escano é superior á porcentaxe do PP, pero en 2011 volve a vantaxe a ese partido conservador que baixo diversos nomes manda en Galicia dende sempre. E aí andamos. O electorado votou dende a mirada central, non galega, e fixo o esperábel: castigar o PSOE e, en moita menor medida, o BNG. O cambio de catro deputados do PSdeG para o PP fala dun flanco feble do PSdeG, moi preto do PP o tal flanco, e ao que os socialistas deben coidar mellor e con maior eficiencia. O PSdeG non é un partido co carisma do PSC, poño por caso, pero o PSC tamén pagou os pratos rotos. A situación é de tal orde que dá igual que o fagas ben ou mal: perdes sempre coa crise se te pilla no goberno, e o PSOE estaba no goberno.

Agora a cuestión son as eleccións autonómicas do 2013 que o PSdeG e o BNG deberían gañar si ou si, como se di agora do inevitábel. Están en condicións? O BNG, unha organización que puido ser atractiva para moita xente, en particular para as novas clases urbanas emerxentes, foi caendo en certo populismo xa citado e nunha simpleza política que non é digna da historia do nacionalismo galego máis moderno, mesmo do propio BNG. Conserva o seu voto básico, pero con iso só imos a ningures, que non é bo sitio. Din que teñen que ser así porque senón perden o voto. Entón ten que ser o PSdeG o que dea o salto adiante das porcentaxes, e iso de momento é complicado. Se se fixesen as cousas que hai que facer uns e outros terían que subir e gañar espazo, tendo en conta ademais que a lexislatura de Feijóo vai sendo nefasta dende tódalas perspectivas. Diso imos falando paseniño.

O artigo completo foi consultarse no número 175 de TEMPOS Novos, de Decembro de 2011.

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011