POLÍTICA

Cara de cemento

Xurxo Borrazás

O cemento obtense da mestura de cal, sílices, aluminio e óxido de ferro, aos que en ocasións se lles engaden outros materiais, como a bauxita ou a area fina. O resultado é un po que ao ser mesturado coa auga se converte nunha pasta gris, pegañenta e maleábel que ao secar se volve dura e resistente coma unha pedra. Deste conglomerado final, feo e impenetrábel, é de onde vén a imaxe “ter unha cara de cemento”. Se o complementamos con pedregullo e ferralla obteriamos o formigón armado. Teriamos entón unha cara coma o formigón armado. Esa é a cara de Alberto Núñez Feijóo.

O cemento non é un material nobre, pero é rendíbel. En termos de dureza e inflexibilidade a cara de cemento é o estadio superior á “cara de pau”, e permítelle a quen a ten afirmar que a noite é día ou que o lume non queima sen pestanexar e sen que lle tire un tendón facial. Se un gobernante quere lucila sen que lle chamen feo e insensíbel non pode facelo en solitario, debe aplicarlle unha capa uniforme ao seu equipo de conselleiros e portavoces: debe recebarlles de gris as súas cariñas de conselleiros para que poidan pasar á acción.

Et voilà. Preséntase unha enquisa sobre o uso da lingua galega na que se reflicte que nunha década o número de falantes que teñen o galego como lingua habitual descende en case quince puntos, por primeira vez en mil anos baixa do 50% da poboación. Que fai o goberno da Xunta? Analiza a situación en busca das posíbeis causas? O decreto de plurilingüismo, o peche de escolas rurais, a desaparición dos orzamentos para normalización, a minusvalorización legal da lingua propia, a ritualización, o ocultamento da cultura viva…? Toleastes ou que?

     Os datos da enquisa son magníficos e amosan a vitalidade da lingua e a cultura propias! Somos a envexa das linguas minorizadas! Dío o cara de cemento e a súa corte de recebados nun canto a si mesmos e non hai quen lles torza o xesto. Non lles entra un tic como a Rajoy porque o cemento é ríxido, é o que ten. A consecuencia de negar a realidade e o obxectivo polo que se fai é desprazar os marcos de referencia. Así, hoxe  non nos escandaliza que unha campaña para fomentar a reciclaxe a faga un cómico español en castelán. Ou que o concello de Mos, en tempos de crise, organice e sufrague unha viaxe para adolescentes ao parque Warner de Madrid, co motivo do Halloween. Cara aí vai a nosa cultura: do local ao universal. Corrixo, acabo de consultar a páxina do concello de Mos e vexo que a viaxe é para criaturas de 18 a 35 anos: anxeliños!, que diría Vidal Bolaño.

Cariño, isto non é o que parece

As caras de formigón armado poden proclamar con solemnidade que van ser contundentes coa corrupción, contundentes coma o cemento, caia quen caia, tolerancia cero. Esa contundencia estivo a piques de sufrila o ex-alcalde de Santiago, o último, non o penúltimo, que tamén foi corrupto, nin o actual, que chegou así mesmo á Xunta a cabalo de negocios turbios. Ao tal defenestrado, alcalde corrupto nun grupo municipal podre de corrupción, que segue a facer que fai de concelleiro, salvouno a presión popular e o escándalo público de ser condenado a presidir a delegación galega de Tragsa, substituíndo a outro que tal baila, o igualmente ex-alcalde de Viveiro César Aja, que atopara refuxio nese niño de transparencia e agora marcha para unha embaixada en Bulgaria. “O que a fai, págaa” dixera o cara de cemento, cando debera dicir: “o que a fai, cóbraa”.

     O cara de cemento airea o pendón da transparencia ao tempo que agocha os documentos oficiais que lle solicita o Parlamento: por citar algún, os contratos con PEMEX ou con Marcial Dorado. Coma se amosalos ou non fose unha prerrogativa e non unha obriga. E cando o cazan untándose bronceador con ese narcotraficante nun iate baixo a luz melosa do atardecer nas rías di que o que vemos nas fotos non é o que parece. El, que como sabemos “está casado con Galiza”, sobre todo desde que lle morreu a cadela de Monte Pío, dille a Galiza: “Cariño, esas fotos non son o que parecen, podo explicarcho todo, de verdade, esas fotos teñen filtro. E o de Andorra… eran os Picos de Europa. Que che parece? Tiven eu algunha vez segredos contigo? Claro que non: transparencia absoluta”. E sen tensar un músculo, sen chorar nin ladrar entre babas, como faría Fraga Iribarne: cara de cemento.

     En España funciónalle. Nos medios da dereita labrouse a imaxe de voz firme e sen contemplacións cos abusos dos correlixionarios. Funciónalle porque non somos España, como se ve cando os medios de Madrid ignoran a trama de crime organizado nos cursos de formación de parados da Coruña, cun espolio superior ao das tarxetas black de Bankia e no que o PP de Galiza anda enmerdado ata as cachas. Segundo o principal procesado, o tal Pachi Lucas era non só o conseguidor senón “o mellor amigo de Feijóo, e durmía en Monte Pío”, unlla e carne, “e nin sequera foi chamado a declarar”. Pero en España nin caso. Temos contratos irmáns dos da operación Púnica pero non somos Parla nin Valdemoro. Non somos España e a Feijóo funciónalle, dálle a vida.

     En España funciona calquera cousa, mesmo que caian vicepresidentes do goberno, secretarios xerais, ministros, tesoureiros, presidentes de comunidade, de deputacións ou de parlamentos rexionais, alcaldes e alcaldesas de capitais… e o PP diga que ese pozo negro rebentado non ten nada que ver co partido, son comportamentos individuais de catrocentos mangantes. “Isto non é o que parece, cariño”, e soluciónase poñendo cara de cemento e tirando para adiante. Se acaso pídese perdón e punto: “Síntoo, equivoqueime, e moito me temo que volverá a ocorrer”. C’est la vie.

A ferralla do sistema

O noso cara de cemento pasa en Madrid por eficiente, por capitanear unha xestión rigorosa e saber cadrar as contas públicas. O certo é que non executa os orzamentos e a débeda, máis que cadrala, elevouna ao cadrado. Estas mentiras disolveríanse con oposición firme e información veraz. Por desgraza o PSOE  está igual de podre e salva o cu propio lexitimando o PP, mentres os medios maioritarios optaron pola publicidade institucional e a subvención aberta e encuberta, renunciando a controlar e destapar os abusos mafiosos do poder chamándolle ás cousas polo seu nome… En troques, con primeiras páxinas que reproducen verbatim o argumentario e a axenda de gabinetes e think tanks, os medios actúan como a ferralla sen a cal o edificio da propaganda esboroaría. A cuberto das rachas de xornais, faladoiros e telexornais, os caras de cemento véñense arriba e saen a campo aberto a combater e saquear cada palmo de terreo do espazo público.

     Véxase senón ao chisgarabís do conselleiro de educación: cal vivo, aluminio tóxico e sílice en estado puro. El pecha unitarias e aulas, elimina persoal de apoio, suprime liñas de transporte escolar, escatima axudas para comedor ou libros, reduce bolsas universitarias… e aos cinco segundos proclama que non hai recortes, en absoluto. De onde sacan esa inxuria? Esa é unha insidia politizada. E de paso, como boa cara de cemento, aproveita para agradecer o traballo e a colaboración do profesorado, exemplo de profesionalidade e peza clave na formación dos máis novos. Este fenómeno de home, debaixo do traxe, ten que ser cemento da calva ás frieiras. Coidado se lle chocades a man porque seguramente queima, coma o cal vivo.

     Pola súa banda Feijoo ponse diante dun atril e non lle treme o pulso nin se lle eleva unha décima a temperatura das fazulas ao afirmar que o hospital que se constrúe en Vigo é un hospital público. Non lle frouxean os xeonllos cando vai a Ferrol a dicir que agora si, que agora vai vir un pedido en serio para Navantia e que todo vai volver ser coma nos vellos tempos, ou mellor, que grazas ás súas xestións os estaleiros non van dar feito. Non lle dá a risa nin tatexa cando asegura que vai atallar o problema demográfico con máis campañas de propaganda nos medios, campañas que matan dous paxaros dun tiro, ou tres, pero ningún deles é o de frear o descenso de nacementos, o avellentamento da poboación ou a emigración da xuventude. Aos que se van, iso si, as campañas dinlles que van polo bo camiño.

     Porén o cemento, se a un se lle vai a man na proporción de cal, tende a gretarse. A Feijoo a chulería vénlle dunha cómoda maioría absoluta conseguida con menos da metade dos votos. Agora que as enquisas volven poñerlla en cuestión, comezan a observarse físgoas coma lóstregos na súa cara recebada. Solución? Idear unha reforma electoral que agrande aínda máis a diverxencia entre a cifra que o reconto dos votos expresa e a súa tradución en escanos no Parlamento de Compostela. As físgoas ábrenselle a Feijóo como as da arxila seca cando Rajoy recúa cunha reforma semellante para concellos e deputacións e el esíxelle caña cos ollos inxectados en sangue.

     Acabo de ler en Boyhood, relato autobiográfico do xenial J.M. Coetzee, como o partido no poder na Suráfrica colonial do apartheid, deseña un novo mapa das circunscricións electorais nas zonas rurais que lle permita manterse no poder. O neno-narrador pregúntalle ao pai que sentido ten que se celebren eleccións se o partido gobernante pode cambiar as normas cando lle peta: “é coma se o bateador puidese decidir quen lle lanza as bólas”. Enriba, tanto Rajoy coma Feijóo declararan en público  recentemente que xamais cambiarían as leis electorais sen o debido consenso. O dito: caras de cemento.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011