OPINIÓN

Portada para un asasino

Iolanda Veloso Ríos

Recentemente saíu publicada na portada dun xornal galego unha escandalosa noticia sobre un home condeado por asasinar a súa muller e o seu fillo que estaba cobrando a pensión de viudez. Denunciaba este medio de comunicación a falla de coordinación entre as administracións que permitía que esta persoa cobrase 670 euros brutos ao mes sen que se lle aplicase a Lei Integral de Violencia de Xénero que impide que homicidas e asasinos cobren estas pensións, lei aprobada aínda en 2004, por certo. Insisten na noticia na falta de coordinación e información entre as distintas administracións implicadas e falan dos ministerios de traballo e facenda, da seguridade social, da delegación do goberno, institucións penitenciarias… que só comezaron a preocuparse polo asunto, a pesares de existir unha comunicación deste feito en facenda desde 2010, no momento en que a noticia foi portada deste periódico. Por suposto, como empresa que son, durante varios días ocupan boa parte das súas páxinas en subliñar a repercusión social e noutros medios de comunicación que tivo esta “exclusiva”, levándoa a portada en distintas ocasións.

Xa que logo, temos diante de nós un claro exemplo do poder dos medios de comunicación para condicionar a relevancia social dunha noticia e tamén vemos como os propios medios, neste caso un xornal escrito, é plenamente consciente do seu poder. Supoño que por iso levaron á súa influínte portada un tema que eles mesmos cualifican de “sorpresa, indignación y vergüenza”.

Completamente de acordo. Porén, non puiden evitar pensar que a orixe deste escándalo estaba no asasinato dunha muller a mans da súa parella, unha máis desas mortes que, por numerosas, xa non son unha sorpresa pero si unha vergonza para a nosa sociedade que, a pesares de todo, non parece amosarse demasiado indignada co asunto. Quizais por iso os medios de comunicación non lles dedican portadas. Este medio en concreto tampouco o fixo. Se nos tomamos a molestia de buscar nas hemerotecas o exemplar deste mesmo periódico no que se dá a noticia do asasinato desta muller de Laguna de Duero, o 26 de marzo de 1998, non imos atopala na portada, temos que ir á sección de sucesos e alí aparece, na páxina 54 (páxina par), como noticia secundaria a dúas columnas na que se centran nos detalles máis escabrosos e reproducen os comentarios típicos, aínda hoxe, deste tipo de noticias: “problemas conyugales desde hace varios meses” “residía en el mismo inmueble pero la convivencia era nula” e “esta situación se remontaba a las diferencias de criterios existentes sobre la forma de educar a los hijos”. Claro, explicacións lóxicas do asasinato a tiros da túa muller e o teu fillo. Nada que ver co terrorismo machista. E nada que ver, por suposto, coa “sorpresa, indignación y vergüenza” de que agora o asasino estea cobrando unha pensión de viudez.

Igual a preocupación por evitar ese escándalo é directamente proporcional á preocupación por evitar a violencia machista cando esta só pode eliminarse indo directamente á orixe do problema que non é a loucura transitoria dalgúns homes ou a psicopatía doutros senón as fondas desigualdades entre homes e mulleres que seguen existindo na nosa sociedade e que tan exemplarmente reproducen os medios de comunicación.

Iolanda Veloso Ríos

Iolanda Veloso é concelleira do grupo municipal do BNG en Vigo. Na anterior lexislatura foi concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Mocidade. É tradutora.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011