OPINIÓN

O dereito a preguntar

Noemí Fernandez

A intención de someter e manipular aos medios de comunicación non é ningunha novidade no mundo da política. As ditaduras, coñecedoras do perigo de voces discordantes, sempre controlaron e adulteraron a información que…

lle podía chegar aos cidadáns. Ao longo da historia, pasaron verdadeiros xenios en converter o xornalismo en propaganda para dirixir ás masas e crear determinados estados de opinión que silenciaran os contras e enxalzaran os pros dos réximes.

Xa na segunda metade do século XX os norteamericanos recibiron unha dura lección, cando permitiron aos xornalistas moverse con certa soltura por Vietnam e transmitir a inxustiza dos conflitos bélicos e a crueza das súas consecuencias. Por suposto, tomaron boa nota e non repetiron o erro en posteriores conflitos. Pero, actualmente, nas democracias serias os cidadáns gozábamos dun dereito á información e dunha liberdade de prensa.

Os políticos comprometíanse a facer aparicións regulares así como a render contas ante a opinión pública cando sucedían feitos relevantes. Pois sen dúbida, entendíase que a obrigación fundamental dun político debía ser a de informar. De forma que o gobernante aceptaba, como inherente ao cargo, o deber de responder ás dúbidas que unha prensa diversa lle podía expor e utiliza as notas de prensa para comunicar os acontecementos de menor relevancia.

Con todo, os últimos anos asistimos a unha práctica que foi torcendo estas formulacións, día a día comprobamos como se usan os medios de comunicación de xeito totalmente partidista. Os partidos políticos e os representantes das institucións foron substituíndo as roldas de prensa, fundamentalmente en períodos electorais, por conferencias de prensa, tamén denominadas “notas de prensa verbalizadas”, resgardándose así das preguntas incómodas ou discordantes coa versión ofrecida e roubándolle ao administrado o dereito a preguntar.

Agora as hostes do Sr. Rajoy dan un paso máis e transforman a súa relación coa prensa en conceder entrevistas a determinados medios, en determinadas ocasións, e por suposto sobre determinados temas. Así como a dar roldas de prensa sen dereito a pregunta, arrebatándolle aos medios de comunicación, e por extensión ao pobo que o elixe e lle paga, o dereito a coñecer en profundidade, a preguntar, a aclarar, a matizar, a presentar hipóteses e a esperar respostas, o cal non debería sosterse en ningunha democracia.

Curioso que os medios de comunicación e a profesión xornalística traguen con isto… Por qué o consenten? Unha posible resposta, a parte dos intereses que cada grupo editorial poda ter, é que os medios tragan con iso porque nós, os espectadores, tamén tragamos. Lonxe do que poidamos pensar, os cidadáns non estamos exentos de culpa, pois é probable que esteamos recollendo da política o que durante anos sementamos. Durante as épocas de vacas gordas pouco ou nada nos importaban as decisións políticas, era coma se iso non fose con nós, ocupados como estabamos noutras cousas. Pero agora, nas épocas de vacas fracas, a historia cambia e os únicos responsables pasan a ser os políticos.

Por suposto, non vou eximir de responsabilidade nin ás empresas nin aos propios xornalistas, pois eles non só o aceptan se non que tamén lle dan cobertura, chegando a converter unha rolda de prensa nunha noticia e, o que aínda resulta máis curioso, tratándoa de exclusiva.

Así que, xa sexa por acción ou por omisión, todos, ou case todos, temos a nosa cota de responsabilidade.

Avatar of Noemi Fernández

Estudante de dereito. Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Compostela.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011