OPINIÓN

Ideas e persoas

Xesús Veiga Buxán

Xosé Luis Armesto ven de obter unha maioría de apoios suficientes para acceder á Reitoría da Universidade da Coruña. Hai uns meses, Salustiano Mato acadaba tamén a vitoria nas eleccións ao Reitorado da Universidade de Vigo e Lourenzo Fernández Prieto competía con Casares Long na segunda volta decisoria pola Reitoría da Universidade compostelán. Hai unha característica común nos tres casos:as persoas citadas son acreditados militantes nacionalistas dende hai anos e posúen un contrastado prestixio académico. Certamente, as eleccións universitarias non operan coas mesmas lóxicas que se rexistran nos comicios xerais, autonómicos ou municipais. Calquera pretensión mimética ficaría no universo das especulacións interesadas carentes do mínimo rigor analítico. Nestes casos, as comparacións serían odiosas e ridículas. Porén, no seo das tres Universidades galegas sabíase que Xosé Luis, Salustiano e Lourenzo eran –e son- persoas comprometidas cunha visión do País inscrita nos vectores propios do nacionalismo político das últimas décadas. Coñecendo esa importante circunstancia, o corpo electoral universitario outorgou unha notábel confianza ás equipas encabezadas por estes profesores, entendendo que posuían unha adecuada síntese de vontade e capacidade para mudar as dinámicas universitarias e conectalas coas necesidades maioritarias da sociedade galega.

O paradoxo está servido. Mentres destacados afiliados nacionalistas son quen de promover candidaturas universitarias merecentes dun amplo crédito entre o corpo electoral dos campus galegos, o BNG percorre unha traxectoria descendente nos seus apoios electorais e non é capaz de construír un relato explicativo común das causas de semellante devalo. Unha parte importante da organización considera que é necesario regresar a unha retórica política e ideolóxica semellante á que se formulaba hai 35 anos. Para ese sector, o radicalismo verbal é mais determinante que as características das persoas que encabecen o proxecto político nacionalista. As eleccións realizadas nas Universidades galegas, salvadas todas as distancias que median entre o mundo académico e o territorio da política, demostran xustamente o contrario:as ideas son importantes pero as persoas resultan decisivas para dotar de credibilidade ás ofertas programáticas. Para ser convincentes, as propostas necesitan estar encarnadas nos nomes e apelidos adecuados.

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011