OPINIÓN

Galeguismo, ano cero

Xoán Antón Pérez Lema

2012 será un ano fulcral para o futuro do nacionalismo galego e, tendo en conta a absoluta necesidade deste a respecto deste País, para a propia Nación.O País vive nunha situación de extrema intemperie, dirixido polo peor Goberno da historia da autonomía. Un Goberno marcado pola seu desleixo e mesmo xenreira cara á lingua, cultura e demais sinais que nos fan existir de noso no Mundo. Un Goberno marcado pola súa deficiente xestión e gobernanza. Un Goberno da Xunta sinalado pola súa falla de actividade para endereitar a actividade económica e que presidiu a meirande perda de emprego, en termos cuantitativos e cualitativos, que deixou a nosa relativamente puxante industria do 2008 a níveis dos anos 90. A esta situación engadirémoslle a hexemonía popular nos concellos e no propio Estado, nun intre no que as súas bases (fóra de Catalunya, Euskadi e, quizais en parte, Galicia) reclámanlle a Rajoy unha fonda recentralización política que agacha un grave risco para o futuro económico dos territorios en que non sexan quen a reaxir, como semella que están a facer Catalunya e Euskadi (incluída Nafarroa).

E, mentres, a enchente popular en todos os Gobernos e institucións unido á falla de ideas na gobernanza europea pon en risco xa non a nosa supervivencia como pobo, senón quizais a mera supervivencia de milleiros dos nosos paisanos. Porque Galicia enfronta esta vaga en proceso de deconstrución social, institucional, empresarial e mesmo financeira. É dicir, nunha situación obxectiva moi distinta á de vascos ou cataláns.

Crise do PSdeG

O PSdeG presenta sinais dunha crise que mesmo pode ser máis fonda ca a do PSOE a nível xeral. Xa non só polo desgaste evidente do seu referente electoral, Pepe Blanco (o Ministro de Fomento máis investidor neste País na historia da autonomía, investimentos que non lle serveron para evitar a súa queima como líder socialista galego “in pectore”), senón pola necesidade de decidiren o seu modelo cara ao futuro. Aproveitarán o pulo galeguista de Caamaño para voltar construír un discurso con Galicia como cerne? Ou optarán pola liña españolizante que propón o íntimo de Paco Vázquez, José Bono?

No noso País a democracia vai sempre unida ao autogoberno e a socialdemocracia ao seu incremento

Unha reespañolización do discurso socialista (esa que defenden pensadores como Blanco Valdés ou Portero Molina) obrigará a centos de militantes e simpatizantes socialistas polo acerto da súa escolla política. Porque no noso País a democracia vai sempre unida ao autogoberno e a socialdemocracia ao seu incremento. Máis autogoberno conlevou -e conleva- sempre máis liberdade,mellor democracia, máis benestar e máis actividade económica.Os nacionalistas socialdemócratas haberían facer acenos evdientes para poderlle dar eventual acubillo a todo o moito ou pouco galeguismo que hoxe exista no PSdeG.

O BNG no seu labirinto

No eido do nacionalismo político (practicamente monopolizado no eido organizativo polo BNG, malia que milleiros e milleiros de galeguistas e outros potenciais votantes vivan cada vez máis á marxe do seu discurso, das súas estruturas e mesmo do seu particular “planeta”), non se pode agachar unha crise que recoñecen os líderes máis sobranceiros, mesmo Beiras e Guillerme Vázquez. Porque no BNG conviviron sempre forzas plurais, que foron quen a vivir nun proxecto común mentres a forza hexemónica (UPG) non tentou monopolizar a representación institucional (velaí as municipais do 2009) e a Dirección non definiu unha mensaxe baleiramente esquerdizante, que mesmo recupera a linguaxe da loita de clases (velaí o recente artigo de César Mosquera en “Terra e Tempo”) e descoñece a tradición real do BNG: tanto ese interclasismo que foi alicerce do BNG dende, polo menos, 1989 até a socialdemocracia que constituíu o cerne das súas sucesivas propostas electorais dende 1997 até 2009.

Dous proxectos políticos no Nacionalismo

En realidade, da boa acollida aos resultados electorais que amosaron,entre outros, Guillerme Vázquez ou Xabier Pérez Igrexas albíscase a esencial discrepancia entre os dous proxectos políticos que, até de agora, conviven no BNG. Dous proxectos políticos que hoxendía somos quen a enxergalos con toda claridade, baseados na honradez de reflectir os dous cadansúa análise social,institucional e electoral.

Para a liña política vencedora na Asemblea do 2009 e que arestora dirixe o BNG o mantemento dos dous deputados en Madrid e dunha cota de votos do 11,5% supón o suceso dunha estratexia moi baseada na maioría de control da que desfrutan no BNG, na Mesa pola Normalización Lingüística ou noutras organizacións sociais que compoñen unha constelación da que a UPG é o cerebro pensante. E compre recoñecerlles toda a razón (dende a súa lóxica) para se amosar satisfeitos destes resultados. Que unha organización refractaria aos pactos e ao diálogo coa sociedade, convencida da súa lóxica da conversión, da presenza e do traballo organizativo e con saudades evidentes, en moitos dos seus seareiros, dos movementos de liberación nacional terceiromundistas e dalgúns posicionamentos antisistema acade estes resultados, superando aos do PCP, Bloco de Esquerdas e “Die Linke” nos länder occidentais, non é cotián na Europa. O futuro para eles non é negativo en modo ningún, xa que case monopolizan a representación institucional do BNG e os cadros partidarios e sindicais, ademais de basearse nun sector social moi homoxéneo, composto en grande medida por funcionarios públicos e cadros políticos e sindicais.

Mais que esta liña política esquerdizante da homoxeneidade, da conversión ou do esencialismo sexa honrada e viábel ( que mesmo siga a ser útil á cidadanía galega, naturalmente na modesta dimensión na que eles propios queren operar) non quere dicir que se teña que impor de xeito indefinido aos nacionalistas que aspiran a construír unha alternativa de goberno, plural e transversal, dotada dunha capacidade de convicción democrática que mesmo sexa competitiva para moitos dos que votan o PP. Construír este espazo político é un imperativo categórico para os seareiros deste sector e mesmo para a maioría do electorado tradicional do BNG, hoxe en parcial desafección.

A refundación galeguista

A cultura da conversión, da conxelación estratéxica e programática, da prevalencia da organización sobre a acción política ha deixar paso a unha cultura democrática

O problema non é só de discurso político. Porque nesta transversalidade teñen que coller dende elementos no centro político (social-liberais e socialcristiáns) até o amplo centro-esquerda non dogmático da socialdemocracia e da esquerda ecoloxista. Por riba de todo, ten que coller esa maioría social á que se dirixe o nacionalismo. Mais dende un estilo e actitude aberta, de se fundir coa sociedade para aprender dela e ser quen a dirixir e animar a súa evolución. Tamén será esencial ofrecer unha proposta moderna á nosa Galicia urbana que se basee na grande potencialidade dun medio rural hoxe en día suicidamente esquecido.

E será tamén esencial mudar de cultura política. A cultura da conversión, da conxelación estratéxica e programática, da prevalencia da organización sobre a acción política ha deixar paso a unha cultura democrática, baseada na acción institucional, no diálogo e na cooperación social e na competitividade electoral. E unha organización menos burocrática e máis simple, operativa e participativa, na que collan as listas abertas e as primarias con participación da cidadanía.

Un discurso de seu a respecto da unidade europea, que defenda unha Europa política, federal, cunha Facenda, Exército e diplomacia de seu, baseada na cidadanía e nas súas pequenas nacións e pobos, será esencial na conformación deste proxecto. O mesmo ca unha actitude aberta e positiva cara España que, de paseniño, faga depender Galicia cada vez menos das decisións, valores e mentalidades imperantes nun Estado cada vez menos influínte e potencialmente útil para os intereses deste País.

É evidente que a primeira oportunidade para botar a andar este novo proxecto será a vindeira Asemblea do BNG. Semella que, nunha Asemblea aberta a toda a militancia, moitos deles van puxar por unha fonda remuda. De calquera xeito o proxecto é preciso de todos os xeitos, mesmo no suposto dunha hipotética derrota congresual. Só que, neste suposto, a súa xénese podería ser máis complexa, perdéndose deste xeito un tempo que este País e a súa sociedade non teñen.

Concordia nacionalista

Definir, canto antes, os dous camiños do nacionalismo é esencial para a boa sáude futura deste e mesmo para que sexan quen de colaborar en moitas das tarefas que pode deparar o difícil futuro. Mesmo para pular por unha modificación do marco estatutario como defensa ante o proceso de recentralización. Neste senso, non se deberían pechar as portas para posíbeis colaboracións no futuro, mesmo inmediato. E, de ser posíbel, para convivir na mesma Casa común. Para artellar esta futura convivencia, semella que, con dous proxectos tan sólidos e definidos coma estes, só unha estrutura flexíbel, de alianza ou coalición, pode ser quen a sumar sen que uns lle resten aos outros ou os outros lle resten aos uns.

Velaí o que pode ser o futuro dun novo BNG. A decisión está, arestora, nas mans dos seus milleiros de militantes.Ogallá escoiten escoitemos aos centos de milleiros de votantes. A toda esa maré cidadá que, como dixo Anxo Quintana no 2008, mesmo sen se definir nacionalistas poñen a Galicia no centro da súa vida e da súa visión do mundo.

Xoán Antón Pérez Lema

Avogado de profesión. Foi secretario xeral de Relacións Institucionais durante o goberno bipartito, baixo a dirección de Anxo Quintana.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011