OPINIÓN

Cifras para a reflexión e a participación cidadá

Isabel Lema

Os resultados electorais do pasado 20N supuxeron a agónica fin dun goberno que ao longo dos últimos meses perdera xa toda a súa credibilidade e que obriga á militancia socialista a un proceso de reflexión interna no que deberían analizar con frialdade o expresado nas urnas pola cidadanía… e asumir cada quen a responsabilidade que lle corresponda. Ben farían os dirixentes do PSOE en evitar culpabilizar á crise económica e aos mercados coma a principal causa da espectacular debacle electoral, pois eran xa algúns os indicios que dende hai máis dun ano viñan apuntando á perda de confianza do seu electorado.

Pouco queda xa na memoria colectiva daquel primeiro goberno de Zapatero que prometeu e, con suma dilixencia, soubo retirar as tropas do Iraq; que se comprometeu a promover a igualdade de dereitos e oportunidades e aprobou a Lei de igualdade, a modificación do Código Civil que permitiu o matrimonio homosexual, a Lei contra a violencia de xénero, a Lei da dependencia… Pouco queda porque os méritos daquel goberno foron escurecidos pola mala xestión dunha crise non prognosticada, mais tamén por certas decisións políticas que lle custaron ao presidente Zapatero a súa boa imaxe.

O xiro na política económica do PSOE significou unha deslealdade que non será facilmente esquecida polo electorado de esquerdas.

Refírome por exemplo á denostada Lei Sinde (moi contestada na Rede), á frivolidade coa que se constituíron os diferentes equipos de Goberno ou á reforma laboral contra a que se mobilizaron as forzas sindicais que lle apoiaran ata o momento. Mais foi a aprobación da reforma constitucional pola porta de atrás o que confirmou ao electorado de esquerdas que o Partido Socialista perdera xa por completo aquel famoso “talante”. O PSOE foi claramente derrotado nas urnas, pero o xiro dado na súa política económica significou unha deslealdade que non será facilmente esquecida polo electorado de esquerdas.

Cos resultados definitivos sobre a mesa, hai algunhas cifras que non deben pasar desapercibidas. En primeiro lugar, cabe sinalar que o PP, a pesares da mala xestión do Goberno e dos cinco millóns de parados, tan só logrou superar en 600.000 votos os resultados de hai catro anos. En todo caso, resulta obvio que é o partido máis votado e que ten un electorado fiel, pois case once millóns de votos non son fáciles de obter.

En segundo lugar, obsérvase un ascenso da abstención. Así, o 28,3% da cidadanía quedou o pasado domingo nas súas casas: 9,7 millóns de persoas aos que ningún partido foi quen de convencer para que acudisen ás urnas e aos que hai que sumar os case 318.000 votos nulos e os 333.000 votos en branco.

A continuación figura o Partido Socialista que, con 6,9 millóns de votos, conseguiu perder o apoio de catro millóns de votantes respecto das eleccións pasadas. Pero estes catro millóns, obviamente, non foron parar ao partido gañador, polo que a lectura é sinxela: os socialistas perderon as eleccións porque non souberon gañarse ao seu propio electorado.

Ante este escenario político, son algunhas as voces que declararon o comezo do “monopartidismo” mentres outros falan de “balcanización” do Parlamento. Sen embargo, hoxe o Parlamento Español parece un pouco máis plural. Unha maior representación dos valores, ideais e visións presentes no Estado sempre é positivo e non se comprenden certas voces alarmistas, sobre todo cando o gañador non precisa de apoio ningún.

Así, a pesares das esixencias establecidas para poder concorrer ao proceso electoral e ao inxusto reparto proporcional que establece a Lei D’hont, subiu o número de votos aos partidos minoritarios ou de nova creación, o que permitiu a forzas coma IU, UPyD, Compromís, FAC, e a todos os partidos nacionalistas, poder facer grupo propio ou ter voz na Cámara Baixa. Sen esquecer a Equo que, cun escaso ano de vida política, obtivo máis de 215.000 votos, ou o PACMA (con máis de cen mil votos), que non obtiveron representación.

É evidente que coa maioría absoluta indiscutible alcanzada polo PP, pouca capacidade de influenza terán estas novas organizacións, pero o importante é a tendencia, a capacidade de facer propostas e de transmitirlles ás súas señorías as diferentes sensibilidades da rúa, especialmente aquelas reivindicacións dos movementos sociais coma o 15 M ou o “Non lles Votes”, que semella ser escoitado só pola esquerda.

Este proceso electoral, e os meses que o precederon, non foron en balde para a democracia española. Goberno e oposición son responsables da absoluta perda de confianza na política coma instrumento de solución aos problemas comúns, pasando a converterse, segundo a percepción da cidadanía, nun problema en si mesmo.

Os partidos políticos acadaron o dubidoso mérito de ser a institución na que menos confía a xente

Tanto é así que a poboación identifica aos políticos coma o terceiro problema de España, despois do paro e da crise económica (CIS Nº 2964, outubro 2011). Os partidos políticos acadaron o dubidoso mérito de ser a institución na que menos confía a xente e a que produce máis desconfianza, e os populares teñen tamén un alto grado de responsabilidade nestas valoracións (ás recentes enquisas do CIS me remito).

Este é un dato realmente preocupante, porque no fondo da cuestión atópase a propia confianza nas institucións democráticas, é dicir, no Estado de Dereito. A modo de exemplo, existen varios movementos que a través das redes sociais teñen solicitado a eliminación de certas institucións coma as deputacións, o Senado, o Valedor do Pobo… A perda de confianza no poder político non é cuestión banal, sobre todo cando parecen poñerse de moda os gobernos tecnócratas que dunha maneira moi perigosa ostentan carta branca para tomar decisións sen ter que responder ante a cidadanía.

Corresponde pois aos partidos políticos, e tamén ao partido gañador das eleccións, facer unha profunda reflexión sobre a onde nos levará esta situación, pois hai xa tímidos indicios de impaciencia na opinión pública, especialmente na xente menor de corenta anos, nacidos practicamente en democracia, pero que consideran que os partidos tradicionais non lles representan.

Para inverter esta tendencia, os políticos elixidos nas urnas deberán escoitar e dar resposta adoitada ás demandas cidadáns, comezando coa loita contra a corrupción, a apertura das institucións democráticas ás iniciativas cidadáns ou a reformulación do proceso de Iniciativa Lexislativa Popular.

Trataríase, en definitiva, de gobernar para o pobo, pero tamén co pobo, establecemento mecanismos de participación na toma das grandes decisións, aquelas que se votan no Hemiciclo, pero tamén nos plans e proxectos de menor envergadura pero nos que a cidadanía ten capacidade de opinar e propor alternativas. En resumo, o que en tempos da vella Grecia se coñecía coma Política.

Isabel Lema

Isabel Lema traballa como consultora, especializada en comunicación, participación e educación ambiental.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011