OPINIÓN

Cando apreta a coroa

Fran M. Hidalgo

A monarquía e a democracia non son sistemas políticos compatibles. Por moito que nos empeñásemos en constitucionalizar a súa situación, non podemos perder de vista que a súa lexitimidade ten raíces completamente diferentes. Por unha banda, a monarquía reside en que uns poucos (a nobreza) aceptan a lexitimidade de un (El-rei) para gobernalos a todos. Un todos, ao tempo, estratificado en castes monolíticas de privilexios e dereitos exclusivos que só El-rei pode variar: non é o mesmo ser nobre, que fidalgo ou vasalo, claro está. Por outra banda, a democracia fulmina toda estrutura xerárquica, concedendo a toda a cidadanía o mesmo poder, un voto, co que decidir qué maioría os vai a gobernar a todos, e qué outras minorías sociais merecen expresarse e representarse en sé parlamentaria.

As monarquías tradicionais europeas pretenderon sobrevivir modernizándose. Coa chegada da democracia buscaron encaixar a circunferencia no triángulo, e buscaron normalizar o seu estatus a través deste réxime sui generis que é a monarquía parlamentaria. Un sistema de lexitimidades mutuas recoñecidas, onde as Casas Reais actúan como se seguisen representando o mesmo rol ca antano –reducido agora practicamente a un formalismo con síntomas de ritual, e os sistemas políticos democráticos parecen buscar un referendo Real que na práctica non necesitan –construíndo formalismos baleiros de contido nos que a lexitimidade das Casas Reais poda seguir manifestándose aparentando utilidade.

No caso español, as tres décadas escasas de experiencia democrática deron para demostrar abondas veces a alta fosilización destes rituais. Por exemplo, todos os textos normativos precisan da sinatura Real, pero tampouco El-rei se pode negar a asinalos. Tras cada nova elección xeral, El-rei debe consultar aos partidos e designar un responsable para formar goberno, cando nunca ese candidato foi distinto do proposto pola forza maioritaria no Congreso dos Deputados entrante. El-rei pode manter unha actividade exterior de contactos e representación, pero endexamais esta actividade pode ser allea ou entrar en conflito co establecido polo Ministerio de Asuntos Exteriores e o goberno de España.

A Casa Real forma parte, segundo a Constitución Española de 1978, da articulación institucional do estado democrático. Por iso a Casa Real está obrigada a estas suxeccións, e por iso ten que haber unha coordinación entre o executivo e a Casa de El-rei –simbolicamente representada por exemplo nos despachos de presidente e monarca no palacio balear de Marivent. De aí que El-rei non poda expresar ideas políticas propias, non poda disentir na sinatura de normas, etc. A súa é, xa que logo, unha fonte supletoria de lexitimidade sociopolítica desprovista de facto de funcións políticas. Tal como no seu día deseñara o xeneral Francisco Franco, e aceptara o príncipe Juan Carlos cando foi designado sucesor, El-rei contribúe á unidade de España sen interferir no seu goberno, non meténdose en política.

Se isto é así, e a experiencia democrática así nolo parece confirmar, a seguinte pregunta parece lóxica: se a monarquía nada fai… ¿para qué serve?

A lealdade á Casa Real borbónica asentouse, na etapa democrática contemporánea, sobre os ombreiros de Juan Carlos I e, en especial, no seu papel de mediador durante as etapas de transición e consolidación democrática. Sen embargo, consolidadas as bases e superados os perigos, a lexitimidade da Casa Real se foi evaporando cara a un ritualismo social, por desgraza, máis asentado na simpatía da súa figura pública ca no seu significado institucional. O paso do tempo disolveu a relevancia de El-rei noutros membros da súa familia, adquirindo unha notoriedade máis propia do papel couché ca da súa labor pública. A monarquía ía reducindo o seu rol, pouco a pouco, á función exclusiva de ofrecer unha versión deluxe da frívola vida social española.

Ante a pasividade de Juan Carlos I, a monarquía española ía transformándose nunha exclusiva axencia de noticias sociais: matrimonios rocambolescos, supostas familias perfectas, vodas de copete, historias de amor-de-conto… Dende 1983 e ata o ano 2011, tamén é certo, nunca se lle esixira outra cousa ca iso. Pero en 2008 as cousas cambiaron. A crise económica trouxo a España unha inédita sensibilidade coas institucións públicas: a honradez na xestión dos cartos públicos, a transparencia nas contas, a presentación dos salarios e as declaracións de bens, o rendemento de contas con resultados concretos… E, de repente, chegou Iñaki Urdangarín.

Na actualidade pouco se sabe agás filtracións interesadas e pouco claras. Pero o asunto si serviu para deixar claro que, nesta nova España que parece agromar, máis madura e esixente política e democraticamente, a Casa Real non vai ser unha excepción. No Palacio da Zarzuela tamén pareceron darse conta, pero a través de reaccións erráticas con consecuencias imprevisibles. Nun primeiro momento, a intención parecía ser apartar ao xenro da familia real –co inmenso favor que lle fixeron no Museo de Cera; despois liberouse a axenda de presenzas incómodas –aínda que se colasen nas invitacións natalicias; e agora apareceron as filtracións que apuntan a un coñecemento das actividades de Nóos dende 2006 –e que poderían ser constitutivas de delito segundo o art. 451.2 do Código Penal. A cousa non ten moi boa pinta.

Falabamos de compromiso ético e, tamén aquí, houbo mensaxes claras dende a Casa Real. Nun acto público, o príncipe Felipe defendeu o traballo “honesto e transparente” da Fundación Príncipe de Asturias. Rafael Spottorno, xefe da Casa Real, manda globos onda sobre posibles medidas adicionais de transparencia, detallando contas e partidas de gasto. Mentres os grupos políticos, sensibles a eses globos onda, vistos como unha oportunidade de acentuar a súa honestidade nun momento de hostilidade entre a opinión pública, aproveitan o mínimo resquicio para levantar a voz ou presentar iniciativas demandándolle á Coroa iso mesmo: honradez e honestidade. O cambio de pé da monarquía, normalizando a súa situación como institución pública, parece a estas alturas inevitable.

Así as cousas, a monarquía española enfróntase ao seu momento máis decisivo dende a transición. As decisións deben ser rápidas e a aposta forte por unha adaptación aos novos tempos, capaz de retomar o seu papel institucional de compromiso coa normalidade democrática. Non en van, este compromiso lévao eludindo dende hai tres décadas e, por moito que lle doia a unha institución acostumada a manter incólumes as súas anquilosadas tradicións, non se pode esperar máis para incorporalo plenamente nas súas funcións e no seu papel. O favoritismo mediático, o escurantismo na xestión dos seus recursos, a pouca transparencia nas actividades privadas dos seus membros… deben rematar da mellor forma posible, inmediatamente, e a iniciativa da propia Casa Real.

O tempo presente derrubou o deseño franquista dunha monarquía politicamente lexítima pero irrelevante. A ambigüidade daquel sistema caeu pola presión dunha sociedade española que demanda, daqueles que viven grazas á lexitimidade que ela lles concede, un compromiso claro e inequívoco cunhas estritas regras de comportamento e decoro democrático; que inclúen eficacia, honestidade e honradez. Tras esta demanda está, evidentemente, a definitiva desacralización e banalización da monarquía. Os tempos de frivolidade consentida parecen cousa do pasado.

Pero, ¿é posible, así e todo, democratizar a institución monárquica sen deteriorar ou acabar coa súa base de lexitimidade, baleirándoa por completo de sentido? ¿Estamos nun lento pero inexorable camiño cara a un modelo republicano onde a cidadanía tome finalmente todo o control do sistema político? Resulta aventurado lanzar unha resposta. Pero o simple feito de que se podan botar ao aire estas preguntas e concederlles un mínimo de credibilidade, xa é síntoma abondo de que algo está a cambiar en España na relación sociopolítica coa Casa Real. Hoxe máis ca nunca, a Juan Carlos I lle aperta a coroa á chencha. Todo apunta que, no futuro, irá séndolles aos seus sucesores cada vez máis esixente o mantela. Non sabemos se seguiremos ou non coa monarquía. O que si sabemos é que nunca volverá ser como ata o de agora. E iso en si xa é moi positivo.

Avatar of Francisco M. Hidalgo

Licenciado en Filoloxía galega e Ciencias políticas. Profesor asociado na USC e especialista no campo da Comunicación Política. O seu twitter é @frmartinezh
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011