OPINIÓN

A UE, a poucos metros do abismo

En pouco máis dun ano, a crise levouse por diante oito gobernos da UE, seis deles a través das urnas e dous -Italia e Grecia- substituídos por executivos tecnócratas. En síntese, a vitoria dos mercados sobre a política, e o que a medio prazo podería acabar tendo como consecuencia a quebra da Unión. Sesenta anos despois do Tratado de Roma, Europa non sabe que historia quere protagonizar e contar.

Só hai dúas alternativas. Ou ben Europa sae desta crise reforzada e capaz de afrontar a nova xeopolítica da economía mundial, opoñéndolles aos mercados un interese xeral baseado nunhas estratexias cooperativas entre os estados europeos, ou ben queda empantanada nos seus egoísmos nacionais, acabando convertida en cinzas. Para que non suceda o irremediable, é absolutamente necesario atallar de inmediato a contrarrevolución social thatchero/reaganiana. A cuestión central estará, pois, en saber se a vai seguir utilizando o directorio europeo -o Merkozy, ou a simbiose entre a alemá Merkel e o francés Sarkozy- para salvagardar os seus propios intereses electorais, non os que son comúns a todos e cada un dos estados membros. Tamén en ver se a gregos, italianos, portugueses, irlandeses e españois, os periféricos nos que ese dúo envorca tódolos tóxicos, lles interesa continuar o plan de austeridade imposto polo FMI e por Bruxelas, ou optan por volver a seren donos da súa política monetaria.

…e coa eurozona ameazada

Aproveitando a probada debilidade dos gobernos europeos para definir unha estratexia progresista e común fronte á crise, os investidores privados viñeron aumentando a súa vantaxe para atacar os máis febles. Ata poñer o euro en estado catatónico. Non ofrecendo outra alternativa o directorio que a de impoñer novos criterios de estabilidade que, segundo os expertos, comportarían a fragmentación da eurozona en países de primeira e de segunda categoría. Como se os liderados políticos da zona euro non tiveran nada que ver na xestación da crise que padece. Todo o que sucede está ligado tanto aos déficits democráticos que arrastra a UE, e a canto pon ao descuberto a súa ranqueante estrutura política, como as erráticas decisións que tomaron para controlala. O que obriga a sermos moi mal pensados, desconfiando de se é precisamente iso o que buscan algúns. Porque é o estado no que liderados fortes como o da alemá Ángela Merkel acaban xustificando na práctica que son eles e non as institucións os únicos que poden afrontar con éxito a gobernanza de Europa. Lexitimándose ao tempo para impoñerlles aos demais as regras que máis e mellor vaian cos intereses de Alemaña. Aínda que iso comporte desvalorizar a autoridade da Comisión e do Consello Europeo.

Por esa e outras razóns, entre as que está a lóxica desconfianza que todo isto está a provocar na cidadanía, é fundamental establecer liñas vermellas en relación co alcance que o dúo Merkel/Sarkozy lle quere dar á anunciada refundación da UE. Non sexa que, co pretexto de salvar a crise e rescatar o euro, e despois de teren forzado que a recesión económica e os recortes orzamentarios empobreceran os cidadáns, a reforma dos tratados que auspician derive na fragmentación da eurozona. O prólogo máis seguro para a desaparición da UE.

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011