OPINIÓN

Vitorias e derrotas

Xesús Veiga

Para medir a singularidade dos resultados dunhas eleccións xerais na Galiza é preciso analizar o comportamento do voto ao BNG e a eventual desviación que experimentan PP e PSOE a respecto das liñas xerais que se observan no conxunto estatal.

Núñez Feijoo ten motivos para pensar que o resultado do 20-N non se viu afectado polo encefalograma plano do seu labor gobernamental dende Abril do 2009.Tampouco recibiu, certamente, ningunha prima especial por aquel sorprendente triunfo sobre o bipartito e a conseguinte contribución á consolidación do liderado de Rajoy no interior da dereita política e mediática española.

O PSdG non acreditou unha resistencia diferencial ao devalo espectacular rexistrado pola marca socialista. A hipotética fortaleza derivada da presenza de Xosé Blanco na candidatura de Lugo ficou arruinada pola operación Campeón e o perfil específico de Francisco Caamaño foi demasiado débil para evitar o tsunami da penalización practicada por unha parte notábel do seu electorado.

O BNG pode presumir dunha circunstancia indiscutíbel:o mantemento da representación nacionalista no Congreso permite seguir falando da existencia dun mapa político propio e asegura a visibilidade das demandas de autogoberno nas principais instancias políticas do Estado. Porén, os resultados obtidos pola organización nacionalista revelan unha preocupante incapacidade para conectar cos numerosos votantes socialistas descontentos e unha perigosa tendencia continuísta na perda de apoios entre o electorado que viña apoiando á organización frontista.

O BNG perdeu unha parte importante do atractivo que tiña, sobre todo nas áreas urbanas e nos segmentos mais novos do corpo social. Para recuperar a capacidade de sedución deberá introducir cambios significativos en varios planos:a selección das mensaxes que emite, o estilo e as formas de relación que se utilizan para conectar con antigos e futuros votantes e as persoas encargadas de facer realidade esa desexada complicidade social.

De vitoria en vitoria ate a derrota final ou de derrota en derrota ate a vitoria final? Velaí dous camiños discursivos e prácticos que se abren diante dos actuais dirixentes do BNG.

Xesús Veiga Buxán

Profesor de Económicas na USC. Membro do Consello Nacional do BNG, foi deputado do Parlamento Galego e asesor económico da Vicepresidencia durante o goberno bipartito.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011