OPINIÓN

Rubalcaba, si. E Rajoy, tamén.

Foto: BNG

Carlos Aymerich

“Rubalcaba, si”. Tal semella ser, xunto co combativo “loita polo que queres”, o lema principal dunha campaña na que o PSOE propón reducir o gasto militar, revisar as políticas de austeridade e estabelecer novos impostos para a banca e as grandes fortunas. Toda unha impostura vindo de quen, como Rubalcaba…participou en todas e cada unha das medidas do goberno de Zapatero. Vexamos, apoiou Rubalcaba a reforma constitucional pactada co PP de imposición do défice cero? Si, Rubalcaba si. Facía parte Rubalcaba do goberno que promoveu o recorte das pensións, abaratou o despedimento, eliminou os limites á contratación temporal, privatizou as caixas e entregou á banca privada 126.000 millóns de euros? Si, si. Rubalcaba, si. Quizais só haxa un xeito de dar credibilidade ás promesas electorais do PSOE: que este próximo venres o goberno as aprobe por Decreto-Lei. Mais non habendo nada que llo impida non semella, porén, que tal vaia suceder.

Rubalcaba si. E Rajoy tamén. Porque tras do seus silencios albíscase a elocuencia do goberno de Feijoo na Galiza e das propostas da CEOE. Se Galiza é o trinque das políticas que o PP quer aplicar no conxunto do Estado faremos ben en lembrar en que quedaron as promesas de resolver a crise en 45 días, de lle pagar aos dependentes en 120 ou de non gastar o que non se ten: máis de 250.000 desempregados, 60.000 dependentes sen prestación e unha débeda superior aos 7.000 millóns de euros. Un país, o noso, no que novos impostos como o canon da auga compensan as rebaixas fiscais para os compradores de segundas e terceiras residencias e no que os PSR, persoas sen recursos, só poden acceder a asistencia sanitaria en caso de urgencias: nin médico de cabeceira, nin especialista, nin medicamentos. “Súmate ao cambio”. Ao cambio para pior.

Así as cousas non chama a atención que este luns pasado, apesar dos esforzos dos medios de comunicación duns e doutros, non houbese debate. Porque non pode haber debate se non hai confrontación de ideas, se non hai desputa entre propostas antagónicas. E non houbo tal. Neste ponto leva razón Rubalcaba cando, xa contra o final do programa, recoñeceu que cambiar de goberno non quer dicer que vaian cambiar as cousas. El sabe ben do que fala. Se Rato mantivo as políticas de Solbes, se este volveu despois continuar as de Rato como hoxe fai a ministra Salgado coas deles os dous pouco máis hai que falar. Está ben clariño.

Daquela non extraña que de cada vez máis xente estexa a procurar no nacionalismo a alternativa que non encontran nin no PP nin no PSOE. Unha alternativa clara, galega e de esquerda, para recuperar o verdadeiro sentido da democracia: o goberno do pobo, a primacía dos intereses das persoas sobre a ditadura dos mercados. O 20-N, BNG!

Avatar of Carlos Aymerich

Nace en Vigo en 1967. Profesor de dereito administrativo na UDC e portavoz do BNG no Parlamento Galego.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011