OPINIÓN

Proceso constituínte

Baixo unha inmensa capa de radical pesimismo, por mor dunha crise que é tanto económica como moral, a corrupción que corroe as entrañas do sistema pon en corentena o réxime que sobreviviu en transición.

O último CIS interpreta as tendencias, todas marcadas a sangue e fogo pola rabia e o desasosego de cantos descobren, contra todo o que fixera do pacto do 78 un piadoso relato con data de caducidade, correntes subterráneas que o alteran e desafían. Podemos non é máis ca un circunstancial porto de abrigo, no que milleiros e milleiros de cidadáns, orfos e náufragos no mar onde os prestiges da corrupción vomitan as súas excrecencias, aspiran a reconstruír con outras varas a armazón constitucional de convivencia e supervivencia. Aquela na que as institucións deixen de estar colonizadas polos partidos, e estes últimos polos tentáculos doutros poderes, unha dependencia que acabou pervertendo a democracia e poñendo fóra de xogo o réxime pactado, baixo chantaxe, vai para corenta anos.

Nese estado novo, que se ha de entender plural e diverso, cabe o chamado dereito a decidir, que deberá ter no proceso constituínte unha canle democrática e legal, facendo porque nada contribúa, en contra do que agora sucede en relación con Catalunya, a que ese dereito se satisfaga necesariamente mediante a secesión. Hai fórmulas que o fan posible. Sempre coa política como medida, negociación e pacto.

Contas temerarias

Non está Galicia para que o goberno de Feijóo perda, un ano máis, a oportunidade que lle dá a lei orzamentaria para afrontar a cara de can o que a mantén tolleita. Os expertos aos que recorreu TN para analizar as contas que vén de presentar para o 2015 non fan senón afianzar a idea de que, lonxe diso, o que van producir é un aumento aínda maior dos alarmantes índices de desigualdade. Teimar en aplicarlle ao corpo enfebrecido do país a medicina neoliberal imposta desde o inicio da crise pola troika malia terse demostrado falida e fracasada, ignorando o que está sendo todo un revulsivo nas cifras de crecemento económico e emprego noutras latitudes atlánticas, é cando menos temerario. E irresponsable.

A diminución en términos reais do gasto público, maiormente gasto social, a reiterada transferencia de importantes recursos ao sector privado –por caso, os destinados por convenio ao complexo hospitalario de Povisa, que mantén intolerables listas de espera, a razón de 90 millóns por ano–, o custo millonario que supoñen os intereses dunha débeda pública que xa triplica a que deixou en herdanza o bipartito, e cunha eurozona no gume da navalla dunha posible terceira recesión, dificilmente estes orzamentos van ser, como propagandean, os da consolidación do crecemento e da recuperación económica. Non por publicitalo seguindo o argumentario marcado polos arriolas do PP español –por certo, en Galicia á custa dos diñeiros millonarios cos que Feijóo negocia e compra con absoluta opacidade un bo trato informativo dos medios de comunicación– se vai producir o milagre.

Os manuais de economía que concitan máis consenso afirman que nunca unha economía en recesión recuperou a senda do crecemento económico e a creación de emprego con políticas de axuste fiscal. E moito menos sen que, como sucede entre nós, quen goberna non se propoña como prioridade unha loita sen cuartel contra as enormes bolsas de fraude fiscal existentes. Sobre todo vendo como a pesar dos brutais axustes e das reformas que deron nuns niveis insostibles de paro e nunha baixada de salarios que o Consello Europeo cualifica agora, non sen certo cinismo, de inxusta e ineficaz, coa conseguinte falta de demanda interna, a débeda pública segue escalando porcentaxes cada vez máis insoportables.

Porque, ademais, tal e como subliñan os expertos/analistas consultados por esta revista, o 91% desa alarmante débeda pública non atende os intereses xerais de Galicia, senón que defende o interese particular dos que teñen por oficio especular, quedando só un 1% dela para financiar os investimentos do exercicio. En definitiva, unha débeda para pagar outra débeda que, malia todo, segue medrando.

Non é de recibo que, tal como se constata nas contas que o PP aprobará en solitario, o goberno de Feijóo utilice os orzamentos públicos para o financiamento de actividades privadas, e ao mesmo tempo invista menos nos servizos públicos. Por esa senda, a desigualdade social cuxo acelerado incremento nos anos da crise evidencia o último informe elaborado e filtrado pola OCDE, seguirá a ter tamén en Galicia porcentaxes inadmisibles. Outro informe de Unicef acaba por poñer a carne de galiña: a taxa de pobreza infantil en España pasou do 28,2% ao 36,3% entre 2008 e 2012. Case tres millóns de nenos e nenas, dos que 80.000 naceron e viven en Galicia.

Inverter esa deriva require vontade política. Xusto o que non se detecta nos orzamentos do 2015.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011